viernes, 16 de septiembre de 2022

reseñas 29. Roba como un artista: las 10 cosas que nadie te ha dicho acerca de ser creativo.

 


Austin Kleon (Ohio, 1983)


Biografía

Austin Kleon é escritor e artista. É autor da colección de poesía Newspaper Blackout. O seu traballo presentouse na edición matutina da National Public Radio, en NewsHour da PBS, The Wall Street Journal e varias páxinas web como 20x200.com. Vive en Austin, Texas e o resto da súa vida pásao en www.austinkleon.com









Por Juli Molares Cardoso.

Profesora axudante doutora do Departamento de Comunicación audiovisual e publicidade da Universidade de Vigo.

Directora da Área de imaxe da Universidade de Vigo.

Comunicadora, deseñadora e personal Brander.



    O verbo roubar e o termo creativo dentro do un mesmo título poden xerar certa confusión. Máis confusión da que xa de seu xera a expresión “ser creativo”, moitas veces asociada unicamente con artistas ou publicistas atormentados, ególatras que durante moito tempo xactáronse de posuír unha habilidade case divina que só uns poucos podían ter. A síndrome do impostor sobrevoaba as mentes daqueles que tentaban pensar fora do espazo acoutado ou do previsible e esperado para eles.


Este libro é unha reflexión breve pero concisa sobre como a creatividade se pode desenvolver, traballar e potenciar en calquera ámbito. Trátase de profundar na túa propia visión e as túas posibilidades creativas, cambiar a forma en como ves e interpretas a túa contorna. A creatividade é vincular cousas de forma diferente, baséase na interpretación, o coñecemento e a experiencia e, por iso é para todos independentemente do campo ou a profesión.

 Sexas quen sexas e fagas o que fagas deberías ser creativo. Este libro ofrece un camiño fácil de seguir sen medos nin inseguridades. Para ser máis creativo necesitas traballar de forma constante e a lume lento os seguintes ingredientes.



Selección de palabras preferidas, 1984.
Colección Nick Cave, the Arts Centre, Melbourne

O primeiro recóllese no propio título, convídache a roubar como un artista, ofréceche unha visión
tranquilizadora sobre que nada é completamente orixinal, as ideas
son o resultado dunha mestura dunha ou máis dunha. Hai que estar atento a aquilo que nos rodea e anotar os pensamentos ou observacións dignos de roubar e conservar, é necesario construír os teus propio arquivos de roubos. Recompilación que che permitirá recuperalos cando necesites buscar inspiración.

    Por iso, é máis que aconsellable ler todo o tempo, visitar bibliotecas, non se trata tanto do libro co que empezas senón o libro ao que chegas. Hai que ser curioso, hai que buscar referentes, ir cada vez máis lonxe e deixar entrar novas ideas e pensamentos nas nosas vida. Es o resultado daquilo que deixas entrar na túa vida e canto mellores sexan as cousas das que che rodeas, canto mellores sexan as ideas, o ámbito de influencia será maior.

    O segundo ingrediente fai referencia á espera do momento adecuado. Non, non hai que esperar a saber quen es para poñer as cousas en marcha. Crear e facer cousas axúdache a atoparche, por iso debes copiar, aprendes copiando. Aprendes a escribir copiando o abecedario, aprendes a tocar practicando cancións xa escritas... Ninguén nace con voz ou estilo propio, hai que traballalo.

Ademais isto non debe supoñer un problema xa que o ser humano é incapaz de facer copias perfectas, o que si debes saber é a quen queres copiar. Se copias a un referente seguramente te convertas no seu sucesor pero, se roubas por centos de referentes atoparás a túa diferenciación e evolucionarás. Ao buscar referencias a seguir, o bo ladrón honra, estuda, observa múltiples alternativas de roubo, transforma e mestura. Tenta focalizar os teus esforzos naquilo que che gusta, potencia iso, investiga... escribe ti o libro que che gustaría ler.

 O seguinte punto telo integrado no teu corpo, son as túas mans, úsaas!. A falta de conexión directa entre o teu cerebro e as túas mans está a matar o teu traballo. O computador é moi útil para editar ou preparar as ideas antes de publicalas pero non serve para xeralas. É necesario sentir que fas algo co teu corpo, non só coa túa cabeza e moitas veces empezas a editar ideas antes de xeralas e iso é un erro. Por iso se é posible, é moi sano ter dous espazos de traballo separados, un analóxico e outro dixital, un espazo para a creación e outro para a edición.

    Ademais debes poñer en práctica a procrastinación produtiva, os proxectos e os hobbies persoais son importantes. E se che gustan varias cousas, queda con todo, deixa que interactúen e flúan para que xurdan cousas novas, non te preocupes en absoluto por non atopar unha visión completa e unificada. Aí reside a maxia, nesas cousas que fas para pasar o intre e que che gustan e gozas. É necesario sentar, recrearse, perderse e chegar a sitios onde nunca chegarías se estás ocupado. O estar ocupado todo o día potencia a estupidez humana.

  

Imaxe urbana  en Porto.
     Non teñas medo a compartir o teu traballo. Cando o fas aprendes moito do teu público e, se tes algún tipo de temor podes presentar unicamente os puntos de conexión. Tenta contemplar cousas que ninguén máis ve. O mundo é líquido, xa non tes que vivir nun determinado sitio para poder coñecer ou conectar con determinadas persoas, o factor xeográfico xa non manda. É mellor construír o teu propio mundo, o teu propio espazo para pensar, traballar e establecer conexións. Iso si, viaxa, coñece sitios, xa que o teu cerebro entra en zona de confort cando se afai á contorna e non ve nada novo. E coñece xente, moita xente, non só do teu campo, senón persoas que acheguen, xente que che alimente creativa e socialmente.

    Debes ser amable, é moito máis intelixente facer amigos que buscar inimigos. E os amigos fanse dicindo cousas boas deles, sendo amable. Non te enfades, canaliza esa enerxía negativa e produce, ponte a traballar, sácalle rendemento. Xúntate con xente boa, persoas con talento ás que admires, lembra que es tan bo como a xente que che rodea. Se curioso, enérxico, disposto e amable. Casa ben, non só coa túa parella senón tamén cos teus amigos e a xente que che acompaña nos negocios.

    Afástate da idea do xenio creativo consumidor de substancias, cóidate!. Desenvolver e potenciar a túa creatividade necesita moita enerxía, aliméntache e descansa correctamente. Coida tamén o teu peto, aprende canto antes todo o que necesites saber sobre o diñeiro para tentar afastarche do estrés financeiro. Móvete, a inercia mata a creatividade, non te deteñas e planifica. Crea un calendario con metas específicas e anota eses detalles do día a día que che axudarán a lembrar cousas importantes.

    Por último non te esquezas que ser creativo é aprender a restar, é aprender a seleccionar as opcións importantes. Nada limita máis o teu pensamento creativo que as posibilidades infinitas e ilimitadas, iso supón unha invitación ao bloqueo creativo.

 

    E agora que? Agora sal aí fora e empeza a roubar!. Palabra de creativo.

 





reseñas 28. Una vida en nuestro planeta: mi testimonio y una visión para el futuro.

 

David Attenborough (1926 - )












Biografía.

David F. Attemborough (Isleworth, 1926) é un home doutra época. Nado no Holoceno, foi testemuña do comezo do Antropoceno, nome proposto para a Era do Home por algúns xeólogos, aínda que a partires das rutinas científicas dese campo de coñecemento non está de todo claro que finalmente vaia ser unha categoría axeitada (Soriano, 2020). En todo caso, o nome vai a quedar entre nós como unha expresión vivida do alarmante proceso de cambio o que nos enfrontamos na actualidade, e que ten sido desencadeado pola actividade humana. De feito, se nalgún momento se aceptase como tal, o período xeolóxico do Antropoceno remataría coa extinción irreversible da civilización humana... e podería ser o período mais breve de toda a escala xeolóxica. Polo camiño actual seremos nos os que decidamos como será o Antropoceno; e xa que non se trata de salvar o planeta, senón de salvarnos a nos mesmos, a toma de decisións non debería de ser moi complexa.

David Attemborough interesouse dende neno pola historia natural, e ten traballado no audiovisual científico durante case sete décadas, xa sexa coma escritor, presentador ou narrador. Estudou xeoloxía e zooloxía no Clare College de Cambridge, onde se graduou en Ciencias Naturais en 1947. Tras dous anos de servizo na Royal Navy, en 1952 fixo prácticas de produción na BBC, comezou a traballar no programa Zoo Quest (1954-1964) e fixo as súas primeiras expedicións a zonas remotas, tentando capturar imaxes da natureza e da vida salvaxe. Pronto pasou a ser responsable de labores directivas: dende 1965 a 1968 foi o primeiro director do novo canal BBC2, pioneiro na emisión da televisión en color, e mais tarde (1969-1972) director de programación da BBC. Pero, ao ano seguinte decidiu abandonar as labores administrativas para centrarse na realización de documentais. Así converteuse no meirande creador de programas focalizados na historia natural, incluíndo xoias da televisión e da produción audiovisual coma Live on Earth (1979), Living Planet (1984), The Trials of Life (1990), The Private Life of Plants (1995), Bird’s Life (1998), Blue Planet (2001), Mamifer’s Life (2002), Earth Planet (2006) ou Cold Blood’s Life (2008).

A súa presenza afable, sempre nunha marxe da acción principal e como apoio ao espectador, converteuno nunha referencia do audiovisual e nunha das maiores iconas culturais británicas, aínda que o seu éxito é universal. Posúe numerosas mencións e recoñecementos, entre eles a presidencia da Royal Society for Nature Conservation (1991-1996), Cabaleiro do Imperio Británico (1983), a Orde do Mérito (2005) e o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais (2009). Ademais, mais de 20 novas especies e xéneros teñen sido nomeados na súa honra.

Nun mundo contemporáneo no que se confunde a calidade co éxito medido en descargas e likes, onde lexións de comunicadores irrelevantes presumen case a diario de estar facendo historia viva do audiovisual, o exemplo de David Attenborough recordaranos sempre que se a mensaxe merece a pena o mais importante é o divulgado, non o divulgador. Seguramente por iso non fixo unha autobiografía..., senón algo moito mais conmovedor.

                                                                                                Castor Muñoz Sobrino.






   


     Por Castor Muñoz Sobrino.

    Profesor da Universidade de Vigo. Área de Botánica. Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo.



     Moitas persoas aseguran que a de Chernóbil foi a maior catástrofe medioambiental da historia. Pero non é verdade. David Attenborough, ao longo dos seus mais de 90 anos de vida, foi testemuña de como o mundo natural se foi diluíndo na Grande Aceleración do noso sistema produtivo. E neste libro, escrito xa con 94 anos, fai un derradeiro esforzo por axudar a evitar a destrución da nosa civilización. Parte da premisa de que canto maior sexa a biodiversidade, tanto mais seguro estará o conxunto da vida no noso planeta, incluída a da nosa especie. A súa testemuña é un relato dos grandes fracasos colectivos que nos teñen levado ata a situación actual, sendo o noso maior erro a eliminación da vida salvaxe. Pero lonxe de ser un texto apocalíptico ao estilo doutros éxitos literarios recentes (ex. Wallace-Wells, 2019), o ensaio de Attenborough remata cunha visión optimista dun futuro posible, onde enumera revisa e xustifica unha serie de alternativas viables a unha economía meramente baseada no crecemento que, sempre que se adopten coa rapidez necesaria, poderían contribuír a endereitar o noso rumbo.

    A primeira parte, A miña testemuña, e un relato abraiante dos cambios persoais, sociais e medioambientais que ten vivido dende a segunda metade do século vinte. O fío do relato e unha vida dedicada a explorar e filmar os espazos abertos mais salvaxes do planeta e as criaturas que o habitan, e que divide nunha serie de capítulos referidos a anos concretos na súa vida. Cada un deles aparece encabezado por tres datos numéricos que amosan unha sucesión preocupante: a poboación mundial (crecente); as partes por millón de carbono na atmosfera (crecentes); e a proporción de terras aínda salvaxes (minguantes) en cada data.

  

Aventuras dun mozo naturalista

 En 1937, en plena infancia, David non acababa de compartir as inquietudes artísticas do seu irmán Richard, que logo se convertería nun prestixioso actor (The Great Scape, 1963; Jurassic Park, 1992), director (A Bridge Too Far, 1977; Gandhi, 1982) e produtor (Cry Freedom, 1987; Grey Owl, 1999); e prefería as excursións naturalistas ás canteiras calcarias preto de Leicester, onde abundan os fósiles mariños. En 1954, tras estudar ciencias naturais, servir na Royal Navy, casar, editar libros de ciencias para nenos e ser rexeitado pola radio da BBC, David comezou a traballar no recén creado departamento televisivo da propia BBC.

    Tras coñecer a Jack Lester, coidador de réptiles do zoo de Londres, xuntos fixeron unha primeira viaxe a Serra Leona e crearon o formato televisivo Zoo Quest. Pero, tralo primeiro programa Jack Lester enfermou e morreu, o que propiciou o debut inesperado de Attenborough ante as cámaras, xa que ata ese momento permanecera refuxiado na sala de control da BBC. En 1960 os estudos de Bernhard Grzimek (director do zoolóxico de Frankfurt) desvelaron a complexa ecoloxía das pradarías do Serengueti e foron plasmados en filmes pioneiros, que inspiraron a David no convencemento de que a natureza distaba moito de ser ilimitada, e de que o mundo salvaxe tamén precisaba de protección.

    

Clare College. Cambridge

Ao ir pasando tempo durante as súas viaxes con xentes das partes mais remotas do mundo, David tamén comezou a interesarse polas súas moi diferentes formas de ver a existencia. Por iso, comezou cos estudos de antropoloxía na Escola de Economía de Londres, que abandonou en 1965, cando pasou a traballar a tempo completo na posta en marcha dunha nova canle pioneira na emisión en cor, a BBC2.

    En 1968, as primeiras imaxes da Terra obtidas polo Apolo 8 deixaron claro a centos de millóns de espectadores que o planeta era finito e que a súa existencia tiña un límite. Attenborough acadou algunhas dispensas periódicas para deixar o seu despacho e continuar coas súas viaxes a zonas remotas. Laurie Braggie, un funcionario australiano en Nova Guinea, permitiulle acompañalo cun equipo da BBC ata as zoas mais inaccesibles da illa, onde atopou pequenos grupos humanos vivindo unha existencia sostible, en equilibrio coa contorna, na que os recursos dos que dependían renovábanse sós e apenas se xeraban refugallos.

 En 1978 a BBC2 foi a primeira canle de televisión que apostou por un formato documental pioneiro, inaugurado cunha serie sobre a historia da arte creada por Sir Kenneth Clark. Desexando poder replicar o mesmo concepto para narrar a historia da vida, David abandonou a BBC para producir a serie Life on Earth, convencido de que a televisión era un medio acaído para concienciar a poboación sobre a necesidade de coidar o mundo natural, xa que de seguir a explotación de recursos do mesmo xeito non tardarían en desaparecer hábitats enteiros. En 1989 viaxou a Malaisia para rodar The Trials of Life e percibiu, de primeira man, as primeiras sinais dos perigos asociados a deforestación do bosque tropical para substituílo por monocultivos de palma aceiteira.

    O certo e que o mundo conta hoxe en día con tres billóns menos de árbores que ao inicio da civilización humana, aínda que algúns autores tamén sospeitan que ao final da última glaciación as culturas paleolíticas contribuíron á extinción dos grandes herbívoros, e que a súa desaparición tamén favoreceu que boa parte das antigas praderías do Hemisferio Norte rematasen convertidas en bosques pechados (Flannery, 2021). Pero o que ten ocorrido na nosa era é só o último capítulo dun proceso que leva miles de anos perpetrándose.

  

BBC. Blue Planet II.

 O paso o das culturas cazadoras-recolectoras ás agrícolas no Neolítico propiciou o comezo dun intenso proceso de deforestación. Durante a segunda metade do século vinte teñen desaparecido o 50% das selvas húmidas do planeta. E non hai un só hábitat, por grande que sexa, que se encontre a salvo (Crowther et al., 2015). En 1997 a BBC produciu unha serie sobre os océanos, Blue Planet, que veñen sendo o meirande dos ecosistemas da Terra. En realidade debémolo todo ao mar, xa que todos descendemos dun feixe de criaturas mariñas. Pero se repasamos os datos numéricos relativos as capturas logradas ao longo do tempo, e fácil constatar que os caladoiros oceánicos teñen sido arrasados, un tras doutro. Ademais, se a temperatura do aire aínda non tiña cambiado na década dos 90 era só polo efecto amortecedor do mar. Con todo, o branqueamento dos corais foi o primeiro indicador de que o equilibrio global da Terra estaba a cambiar.

  


 En 2011 emitiuse a súa seguinte gran serie televisiva Frozen Planet, unha evidencia gráfica alarmante de que a extensión do xeo nos casquetes polares encollera un 30% nos últimos 30 anos. No ano 2020, no momento da publicación inglesa do seu libro, o conxunto de mamíferos salvaxes xa apenas representaba o 4% da masa de mamíferos da Terra. A masa humana xa constituía a terceira parte do total, e os mamíferos domésticos o outro 60% restante. A conclusión desta primeira parte do libro de Attenborough e tan simple como inquietante: temos substituído ao salvaxe polo domesticado.

    A segunda parte: O que nos reserva o porvir, é unha explicación pormenorizada das repercusións que poden ter nas xeracións vindeiras o acontecido ao longo da vida de D. Attenborough. A partires dos anos 50 a nosa especie entrou nunha Grande Aceleración que pode cuantificarse en termos de concentracións de dióxido de carbono, óxido nitroso e metano, cambios na temperatura da Terra, acidificación dos océanos, perdidas nas poboacións de peixes, desaparición de bosques tropicais, etc. Todas estas evidencias poderían representarse nunha serie de gráficas cunha forma similar, o famoso pao de hokey.

    Incuestionablemente, a Grande Aceleración tamén é un retrato do progreso en termos de esperanza de vida, xustiza social, dereitos humanos, avances en transportes e comunicacións... Pero, é evidente que non podemos continuar así, gabeando por riba dos nove límites planetarios que se teñen descrito en termos de polución atmosférica, destrución da capa de ozono, cambio climático, acidificación dos océanos, polución química, uso de fertilizantes, explotación de acuíferos, transformación dos solos e perda de biodiversidade (Rockström & Klum, 2015). Xa temos comezado a vivir lonxe das marxes de seguridade operativa do planeta, o que dende o punto de vista de Attenborough nos conduce cara a un Grande Declive do que adianta unha cronoloxía bastante precisa.

  

 O cráter de Batagaika no leste de Siberia.
alberga restos orgánicos de follas,herba e animais
que  faleceron fai miles de anos.
Do artigo de agosto de 2019da revista
 National Geographic
"Arctic permafrost is thawing fast. That affects us all".

 Na década 2030 podería chegar a extinción forestal paulatina e a perda de servizos ambientais asociados, con veráns completamente libres de xeo no Ártico e menor cantidade de radiación solar reflectida. Nesta configuración o Ártico podería perder a súa capacidade chave de arrefriar o planeta. Na seguinte década, 2040, comezará a derreterse o permafrost das zoas boreais, que se estima que contén catro veces mais carbono do que ten emitido a humanidade nos últimos douscentos anos. Na década de 2050 o exceso de carbono será incorporado ás augas oceánicas, de modo que o dióxido vaise a transformar en ácido carbónico: primeiro nas augas superficiais, logo nas profundas e finalmente en toda a columna de auga. Isto terá consecuencias calamitosas nos corais, nos bivalvos e noutros organismos con esqueletos ou cunchas de carbonato cálcico, incluídos moitos compoñentes do fitoplancto que son a base da cadea trófica.

    Una xeración mais tarde, na década de 2080, podería desencadearse unha crise da produción de alimentos en terra firme por teren sido sobreexplotados os solos, que quedarían agostados e ermos; e as perdas de colleitas en zonas chave, impulsadas polo cambio climático, e os fenómenos climáticos extremos tamén aumentarán as perdas de solo. Ademais, o uso indiscriminado de pesticidas terá afectado de forma definitiva aos polinizadores.

    A fragmentación dos hábitats oculta outro problema letal: estímase que 1,7 millóns de virus potencialmente perigosos para especie humana son hóspedes de mamíferos e aves salvaxes, de modo que hai altas probabilidades de que estalen outras pandemias. A crise humanitaria podería ter un alcance global na década de 2100, cun aumento de 0,9 m do nivel global do mar e de mais de 4° C da temperatura media do planeta. En moitas rexións estes cambios desencadearán crises migratorias e xeopolíticas. Dado que a estabilidade da Terra está intimamente ligada á biodiversidade, que é a que garante a súa capacidade de revitalizar e renovar o subministro de alimentos, absorber e reutilizar os refugallos, reducir danos e proporcionar equilibrio, a receita de Atterborough é devolver ao mundo á súa condición salvaxe.

    Na terceira parte do libro: Unha visión para o futuro: como recuperar a vida salvaxe do planeta, Attenborough admite que a domesticación da natureza tennos dado vantaxes, pero tamén recoñece que a Grande Aceleración está a facernos perder o equilibrio; polo que temos que tentar volver a ser outra parte máis da natureza, cunha existencia sostible, aínda que necesariamente diferente á dos antigos cazadores-recolectores.

    A receita é conter a emisión de gases invernadoiro, reducir o máximo o uso de fertilizantes e reverter a transformación de espazos naturais en terras de cultivo. Ademais hai que vixiar a capa de ozono, o consumo de auga potable, a contaminación química e atmosférica, a acidificación dos océanos... Isto require dunha responsabilidade compartida e equilibrada, porque é un feito que só o 16% da poboación máis rica do planeta é responsable do 50% do impacto humano que fai o noso modo de vida insostible.

    Hai unha serie de medidas urxentes que poderían levarnos a reconducir esta situación, respectando os requisitos mínimos do benestar humano en termos de vivenda digna, acceso á medicina, auga potable, alimentos seguros e saudables, enerxía, educación, ingresos suficientes, representación política e xustiza.

    


En primeiro lugar, é necesario superar a doutrina do crecemento: todos os sistemas poden medrar durante un certo período antes de alcanzar o estado de madurez, o estado de equilibro que os fai sostibles e no que poden prosperar sen continuar medrando. A economía ambiental é unha economía sostible baseada nas tres pes: profits (beneficios), people (persoas), planet (planeta) e que se traduce no crecemento verde, unha forma de progreso que minimiza os impactos negativos sobre o medio ambiente, no contexto da sexta ola da innovación: a revolución da sostenibilidade. Outro paso decisivo e cambiar a enerxía limpa. Actualmente, a enerxía que extraemos do sol, o vento, as olas, as mareas e a xeotermia apenas representa un 4% da enerxía consumida. O resto procede dos combustibles fósiles (85%), da hidráulica (7%) e da tecnoloxía nuclear (4%). Consorte as proxeccións actuais, apenas temos unha década para pasar á enerxía limpa e avanzar nos mecanismos de almacenamento enerxético. Pero afortunadamente a capacidade de capturar carbono e a diversidade dun ecosistema están directamente relacionadas, de modo que o simple feito de devolver o mundo ao seu estado salvaxe non só aumentará a biodiversidade, senón que tamén servirá para capturar cantidades enormes de carbono. En paralelo coa redución das emisións isto constitúe unha solución baseada na natureza.

    Tamén habería que devolver os mares ao seu estado salvaxe: o océano ocupa dous terzos do planeta e en conxunto é o hábitat que aínda temos mellor conservado. Así que debe ocupar un papel primordial nos procesos da captura de carbono, aumento da biodiversidade e obtención de alimento. Para iso é necesario unha nova industria pesqueira que evite a sobrepesca e os descartes, así como vedar a pesca en certas zoas de refuxio para permitir a renovación das poboacións (Areas Mariñas Protexidas), xa que a capacidade reprodutiva da maioría dos peixes increméntase co tamaño e lonxevidade dos exemplares.

    

Criadeiros de algas en Fujian (China).
National Geographic. España
.

Outras accións complementarias poderían ser a implementación de redes de pesca intelixentes (selectivas co tamaño da captura) a prohibición das artes mais destrutivas, como o barrido e dragado dos fondos, a mellora da trazabilidade do pescado que consumimos como un xeito de apoiar ás empresas que opten por sistemas sostibles.... Ademais, a acuicultura e as granxas de peixes veñen incrementándose dende o anos 90, aínda que este enfoque industrial tamén inclúe moitas prácticas pouco sustentables (destrución de mangleiros e pradarías mariñas, uso de antibióticos e desinfectantes, sistemas de alimentación e cebado das especies cultivadas, vertidos de efluentes e outros restos, introdución accidental de especies exóticas nocivas...). Pero existen alternativas viables, como a cría en mar aberto, as vacinas para reducir o uso de antibióticos, o uso de pensos mais sostibles na alimentación, o cultivo en estratos, de modo que unhas especies alimentaríanse dos residuos xerados por outras ou a silvicultura mariña de algas comestibles, que fixa grandes cantidades de carbono.

  

Agricultura vertical.
Photo credit Adam Gassom
.

 Tamén seria útil tentar ocupar menos espazo nos sistemas produtivos terrestres, por exemplo reducindo o malgasto de comida. Pero o maior desafío é o de producir moita mais comida nas vindeiras décadas ocupando menos terreo. Podería facerse a través de granxas innovadoras sostibles, a través do uso da agricultura rexenerativa para a recuperación de solos esgotados, o uso de rotacións múltiples, incluíndo os cultivos de cobertura para protexer o solo, o desenvolvemento de cultivos mixtos e a potenciación da agricultura de proximidade, da agricultura urbana e da agricultura vertical, que multiplica ata 20 veces o rendemento por hectárea. E, resultaría útil promover o uso de proteínas alternativas para moderar o consumo de carne (que ocupa grandes cantidades de terreo para a súa cría e para o cultivo de pensos e forraxes), así como a transición ás carnes limpas, obtidas mediante cultivo de tecidos animais in vitro.

  


 En definitiva, trátase de devolver ao mundo a súa condición salvaxe, o a lo menos a partes significativas do mesmo. A transición forestal, o dobre proceso de deforestación e posterior reforestación, e un indicador típico dos países mais desenvolvidos, xa que cando o alcanzan tenden a importar produtos agrícolas e madeiras doutros países aínda en vías de desenvolvemento. Non é sorprendente polo tanto que boa parte dos trópicos sigan enleados na fase de deforestación activa. A solución pasa por modificar o significado do valor das cousas e compensar de forma adecuada aos países que preserven as súas masas forestais, vitais para o porvir de todo o planeta. Isto pode facerse a través de iniciativas que xa existen, coma o Programa REDD+ (Reducing Emisions from Deforestation and Forest Degradation), mediante cortas sostibles que garantan a preservación da biodiversidade e fomenten o ecoturismo, ou potenciando dietas baseadas nas plantas e nas que a poboación consume menos carne, aínda que de maior calidade, producida en sistemas silvopastoriles máis respectuosas co medio ambiente. Finalmente, a creación de territorios silvestres ao longo e ancho da Terra devolveranos boa parte da biodiversidade perdida, biodiversidade que a medio e longo prazo será quen de estabilizalo planeta.

Na actualidade consumimos anualmente 1,7 veces os recursos que o planeta e capaz de rexenerar nun só ano, así que outra variable do problema debe de ser planificar o pico de poboación humana. Os ritmos de crecemento actuais, en 2100 haberá entre 9 400 e 12 700 millóns de persoas na Terra, polo que sería desexable que a poboación total poida estabilizarse en torno á capacidade de sustentación do sistema, con períodos de crecemento moderado alternados con outros de mingua leve.

      


En esencia, isto ven sendo un sucedáneo do equilibro natural. A Transición demográfica ten tipicamente catro fases: 1) crecemento demográfico explosivo (nacementos >>> mortes), 2) estabilización (nacementos
~mortes), 3) receso (baixan nacementos e pasan a ser menores que as mortes totais) e 4) una nova estabilización con nacementos e mortes moi baixos, que manteñen unha poboación case constante. Case todas as nacións desenvolvidas están entrando actualmente na fase 4 (pico de poboación humana), pero o mundo en conxunto aínda se aproxima ao final da fase 3. Así que, por primeira vez dende o sedentarismo acadado no Neolítico, a poboación humana non tenderá a crecer a medio e longo prazo.

    As receitas mais aplaudidas para axudar aos países en desenvolvemento a acelerar a súa transición demográfica son o fomento da atracción de inversións e, por suposto, o empoderamento das mulleres, que xa amosou en todos os países desenvolvidos a súa capacidade para controlar a natalidade. E isto pasa inevitablemente polo acceso universal á educación. Pero nalgúns países desenvolvidos comeza a aparecer unha fase 5) de declive, na que unha parte minguante de poboación nova ten que soster a unha maioría de anciáns.

Esta situación abrirá novos debates, sobre todo no caso de persistirmos en manter unha economía totalmente dependente do crecemento, como son o retraso das xubilacións, as migracións para cubrir os postos de traballo vacantes, o uso intelixente da robótica...

    En definitiva, conseguir unha vida mais equilibrada, un futuro próspero e sostible, baséase en grande medida nas plantas e no uso de alternativas mais saudables ás carnes industriais, incluíndo o uso de enerxías limpas, e a capacidade dos consumidores para poder elixir as opcións mais respectuosas dentro dunha oferta razoable, á valorización das cousas e á economía circular (a reciclaxe, o desterro definitivo da cultura do usar e tirar, a limitación da creación de residuos e unha mellor xestión dos mesmos). En definitiva, un modelo ecolóxico de produción no que as materias primas se conciban coma os nutrientes que volven ao solo ao final do proceso. Dar o que poidas para tomar o que precises, o que ben sendo a esencia de todo bo equilibro. A nosa maior oportunidade.


Referencias

Crowther et al., 2015. Mapping tree density at a global scale. Nature, 525: 201-205. http://www.nature.com/doifinder/10.1038/nature14967

Flannery, T., 2021. Europa: una historia natural. Malpaso Editorial. 416 pp.

Rockström, J.; Klum, K., 2015. Big World, Small Planet: Abundance within Planetary Boundaries. Yale University Press. 208 pp.

Soriano, C., 2020. On the Anthropocene formalization and the proposal by the Anthropocene Working Group. Geologica Acta, 18.6, 1-10. DOI: 10.1344/GeologicaActa2020.18.6

Wallace-Wells, D., 2019. El planeta inhóspito. La vida después del calentamiento. Ed. Debate. 349 pp.

lunes, 5 de septiembre de 2022

reseñas 27. La muerte del artista: como los creadores luchan por sobrevivir en la era de los billonarios y la tecnología.

 

William Deresiewicz

Biografía

    Ensaísta e crítico galardoado, orador frecuente en universidades, escolas secundarias e outros lugares, e autor do éxito de vendas O rabaño excelente. Como superar as carencias da educación universitaria de elite

    Deresiewicz publicou máis de douscentos ensaios e recensións. Gañou o Premio Hiett en Humanidades, a Mención Balakian á Excelencia na Crítica e un Premio Sydney; tamén foi nomeado en tres ocasiones ao Premio Nacional de Revistas. O seu traballo, que apareceu en The New York Times, The Atlantic, Harper’s Magazine, The American Scholar e moitas outras publicacións, foi traducido a máis de quince idiomas e incluído en máis de trinta manuais universitarios e escolares. Ensinou Inglés en Yale e Columbia antes de dedicarse á escritura a tempo completo en 2008. Deu conferencias en máis de cento trinta institucións educativas e ocupou postos de visitante nas universidades de Bard, Scripps e Claremont McKenna, así como na Universidade de San Diego. 

    Deresiewicz é membro da Xunta Directiva de Tivnu: Building Justice, un espazo de xustiza social xudía en Portland (Oregón) e do Consello Asesor de Project Wayfinder, que dirixe programas de orientación en escolas de todo Estados Unidos e máis aló.

                                                                                       Tomado de:  Capitan Swing




          







 Por Jorge Perianes

                Artista e docente.


            Galería Max Estrella (Madrid)    https://maxestrella.com/es/artist/jorge-perianes/

            Galería Fernando Santos (Porto) https://galeriafernandosantos.com/artist/jorge-perianes/

             AFundación    https://www.afundacion.org/es/coleccion/autor/perianes_jorge


Estamos ante un libro que moitos dos meus compañeiros/as de profesión non queren ler, o motivo?, describe moi pormenorizadamente a realidade (artística), e a realidade é aquilo ao que moitos prefiren non enfrontarse (quizais hoxe máis que nunca).

     Ante todo un detalle: este ensaio analiza o sistema da arte americano, a súa situación, e este é ao que nós imitamos ilusionados desde hai décadas e décadas; restemos pois ao que nos di un coeficiente x moi elevado (para situarnos aquí) e aprendamos sinxelamente a valorar máis o logrado por algúns países europeos e o legado dos seus vastos pensadores humanistas (George Steiner, por poñer un exemplo).

    Dividido en seis partes concretas o libro analiza de forma metódica e concienzuda o panorama artístico actual nas diferentes ramas que existen: música, escritura, arte visual, cinema e televisión. Os artistas entrevistados responden de forma directa e comprometida ás duras preguntas expostas, algúns contestan baixo pseudónimo o cal nos demostra o grao de autenticidade das mesmas. Un exemplo: pódese mentir sen máis, xa que os artistas non falan de diñeiro, pero isto é quizais porque non lles convén; pais, cónxuxes, privilexios financeiros, etc., son o verdadeiro sostén de infinidade de artistas (algúns insospeitados, de primeira linea). Achámonos ante un mundo no que se manexa diñeiro pero está oculto.

    No Renacemento, cando os artistas eran considerados artesáns, as obras taxábanse nos encargos e especificábase todo: tamaño, tema, pigmentos empregados, tempos de entrega e enmarcados. Coa modernidade, coa arte en maiúsculas, arte e comercio exclúense, pasando a herdar o papel da a fé e a relixión (s. XVIII e XIX, Ilustración); vaise asociando paulativamente á espiritualidade, a transcendencia, a pureza e a orientación, e a Deus e ao diñeiro non se lle poden servir ao mesmo tempo.

Enterro do Conde de Orgaz.
 Doménikos Theotokópoulo
s
 

  
                Contrato dos traballos do retablo da capela maior. El Greco.
Hospital de Nuestra Señora de la Caridad. - Foto: A. Hco. Provincial



Seguindo a Hyde Lewis, Deresiewicz sinala como “A arte e os artistas deben estar no mercado, pero non pertencer a el”. Existe un desexo de ocultación no sistema artístico, quérese vindicar o xenio pero non os respaldos e cotenadas que se tiveron que dar para estar aí.

       


         A parte I, II e IV interesáronme excesivamente xa que analizan o panorama xeral en todos os seus aspectos (espazos, alugueiros, estudos, contexto, medios, diñeiro, etc.) e en que se está convertendo a arte hoxe en día, o que o autor chama “a cuarto paradigma”. Desenvolve, ata chegar ata el, unha rápida análise histórica dos tres sistemas de apoio económico que se estableceron na arte en todas as súas anteriores etapas temporais.

 Matrimonio Arnolfini. Van Eyck. 1434.

Isabel Clara Eugenia. A.Sánchez Coello. Ca. 1570

O primeiro paradigma correspondería ao do artista como artesán, propio dos inicios e asociado sempre ao poder relixioso e da corte (traballando para eles); o segundo paradigma é o que vai aparecendo no século XVIII cando o artista vaise convertendo aos poucos nun “bohemio” ou xenio, heroe, rebelde, profeta, pobre e famento, que traballa en solitario no seu estudo e que aínda desde na súa aparente negación xestual do mercado vive especificamente del a través da demanda da incipiente e poderosa burguesía (esta concepción do artista perdura curiosamente nos nosos días mesmo entre parte do profesorado universitario).

Sátiras del suicidio romántico.
Leonardo Alenza y Nieto.1839
.
O terceiro paradigma correspondería á arte institucional do século XX onde o artista pasa xa a converterse nun profesional e consecuentemente nun produto de mercado da florecente industria cultural nada despois da segunda guerra mundial (época do chamado “boom” cultural), aparece a universidade, os estudos especializados, o c.v., os premios, as bolsas, etc., en resumo: as credenciais; desenvólvese así unha sorte de carreira artística profesional que dará estabilidade ao creador, establecendo unha especie de compromiso a medio camiño entre unha misión sacra (vocación) e un traballo. A universidade pois terminaría coa figura do bohemio de barba rala, etc. (aínda que xa apuntamos que non en todos os casos).  


Emmy Hennings. A raíña Dadá.
               Interior do Cabaret de l'Enfern.París.
Wikipedia


É importante resaltar que cada un destes sistemas implica unha forma de formación, un tipo de público, modos de exposición, publicación e actuación, e que tamén se superpuxeron en numerosas ocasións as diferentes paradigmas.

Finalmente acaba Deresiewicz chegando ao meollo do libro: a cuarto paradigma, o actual, que analiza de forma lúcida e minuciosa. Na cuarto paradigma xa non hai nada sen mercado (os artistas están nel de cheo), as institucións xa non ofrecen protección, xa non existe a bohemia (debido á necesidade de afrontar alugueiros moi caros e débedas altas), o creador convértese nunha especie de home orquestra (administrador dun mini negocio) cunha personalidade de mercado, comercial, co deber de ser xenial, alegre e sempre próximo, que manexa unha carteira de clientes aos que debe alagar e que sempre levan razón. Outras características serían a velocidade que impregna todo, marcada polo ritmo acelerado da internet (instantáneo e viral), é o “agora ou nunca” onde gaña o breve, o brillante, o ruidoso, o fácil de entender (decaen a destreza e a complexidade), entrando así nun sistema de valores diferente que busca a impresión, a arte visceral e para un día, o entretemento. Todo debe competir, marca e márketing, nun proxecto netamente comercial onde está ben visto pensar no diñeiro. É por tanto obrigatorio construírse un personaxe e unha narrativa e atopar o teu “nicho”, a túa marca, que posibilite a comprensión e o seguimento do “fan” (de indiscutible poder nos nosos días) coa súa ascendencia directa mediante a súa “like” nas redes.

                  

A persistencia da memoria. Dalí, 1931.
 

Balloon Dog (Magenta) 1994. Jeff Koon. 

 Guggenheim Bilbao Museoa, Foto de Erika Barahona Ede


Asistimos desta forma a un declive dos expertos (críticos especializados) e ao auxe das alternativas populistas (moi conservadoras) que, como os rabaños, tenden a camiñar en círculos. A arte despunta como unha actividade creativa empresarial onde o artista pasa a ser un “emprendedor creativo” que emprega un idioma comercial propio do milenio (lembremos o influente libro de Richard Florida, “A clase creativa: A transformación da cultura do traballo e o lecer no século XXI”).

Silvio Lorusso
 

        A arte alíñase así ao deseño e ao entretemento, e son creativas agora as ciencias, a enxeñería, a informática, as matemáticas, a educación e as artes. A creatividade é pois necesaria para triunfar nun mundo empresarial que ten como modelo a seguir a Steve Jobs (o executivo artista).

     O artista Silvio Lorusso a acuñado un curioso termo para definir a situación: “emprecariado” (suma de emprendedor máis precariado); e por iso moitos autores prefiren pasar a autodenominarse “traballadores”, pero observamos que esta é unha definición que queda curta xa que tamén son capitalistas.

     Para alixeirar a carga foméntase en numerosas ocasións unha arte como traballo social, comprometido e útil, que apoie dalgunha forma concreta á comunidade (os exemplos neste sentido chegan a ser mesmo disparatados, por incoherentes e confusos, aínda que non deixen de ter un rumbo altruísta). Terminouse coa figura do artista xenio e solitario creando no seu taller angosto, agora trasládase fóra do mesmo para prestar un servizo á sociedade e á colectividade; convértese nun “producer” (produtor) en tanto que útil (un vocábulo de mercado).

     

Blanca Muñoz. Artista.
Académica Belas Artes San Fernándo.

Elvira Dyangani Ose.
 Directora MACBA. Barcelona

 Este é a cuarto paradigma, producir para un mercado ligando un proxecto tras outro (á espera deles), expostos e sen protección aos caprichos do sistema. Vivir de cheque en cheque e traballar sempre por encargos. Desta forma debemos pensar seriamente a posibilidade de estudar arte, variaron os estudos artísticos?, preparan para esta novo paradigma?; sobre isto reflexiona Deresiewicz, no primeiro apartado da Parte V, entrevistando a profesores e alumnos chegando a conclusións paradigmáticas. Poucos estudantes de agora sorprenden aos seus profesores con algunha idea ou acción rompedora, moitos académicos confésanllo, os alumnos son menos raros, son máis conservadores ou medorentos, optan sempre pola practicidade e adoitan elixir a vía profesional do deseño (en calquera das súas vertentes). Tamén é verdade que algúns profesores non son de moita axuda, “moitos non consideran que as perspectivas profesionais dos seus estudantes sexa algo do que teñan que preocuparse” ), e outros continúan co mito romántico do artista xenial, puro e solitario, e andan á súa busca.


  
Proxecto NFT Bored Ape

 
Outros detalles importantes: as webs, blogues, etc., Internet (a final de contas) prometeu a desintermediación, o acceso directo a clientes, pero en realidade converteuse nunha “reintermediación” onde o traballo do artista está peor pago e demándase sempre un máis e máis rápido (engadindo unha carita feliz no proceso). É o gran “trust”, pero debemos ter en conta que a gran riqueza non pertence a elas, ás tecnolóxicas, senón ás empresas de capital de risco, os grandes voitres. Spotify, Uber, Amazon, etc., puideron perder miles e funcionar a perdas durante anos grazas a elas , e desta forma desmantelar toda competencia e asegurar monopolios. As tecnolóxicas explotan e empobrecen aos produtores individuais, o contido gratuíto é incriblemente lucrativo, “desmonetizouse o contido, pero só no punto de venda. Para os que contan clics é unha mina de ouro”.

  
Lucy Bellwood.
Debuxante de aventuras profesional.
 Finalmente Deresiewicz esboza no final da Parte V unha sorte de conclusión que é, para o meu gusto, o máis frouxo do ensaio, quizais por precipitado ou simplista nalgunha dos seus partes, pero que contén un xerme potente: “non te lamentes, organízate”, xa que as respostas concisas tamén importan, suman e inflúen. Con todo enumera diversas ideas e propostas destacables: poñer coto aos monopolios (plataformas), maior respaldo institucional (porcentaxe de PIB maior), que o público teña voto maioritario (evitando así a corrupción das institucións), destacar e poñer en valor aos expertos (non a burócratas guiando o consumo), respectar o correcto funcionamento do mercado (aplicar normativas), sanear o ecosistema artístico (apoio ás clases medias para facelas coleccionistas) e asegurar contratos sólidos (que non fose necesario triunfar para non fracasar).

    De fondo non debemos esquecer que a devastación da economía da arte provén, do mesmo xeito que a gran parte do resto de desastres que afectan o século, de algo tan concreto como a desigualdade (crecente e sistemática). Nas nosas mans, na colectividade, e en todos os pequenos (ás veces mesmo grandes) proxectos comunitarios, está o poder parala.