miércoles, 21 de abril de 2021

reseñas.20. Los cuentos de los hermanos Grimm tal como nunca te fueron contados.

                  


                     Jacob Grimm (1785 – 1863) Willhem Grimm (1786 – 1859)

 


 

Los cuentos de los hermanos Grimm

tal como nunca te fueron contados.

 

Tradución e edición de Helena Cortés Gabaudan.

 Editorial La Oficina, 2019.

 

                       

 

Biografía

    Os irmáns Grimm é o termo utilizado para referirse aos escritores Jacob e Wilhelm Grimm soados polos seus contos para nenos e tamén polo seu Deutsches Wörterbuch (dicionario alemán en 33 tomos con etimoloxías e exemplos de uso do léxico alemán), polas súas Lendas alemás, a Gramática alemá, a Mitoloxía alemá e Contos de Grimm, o que lles valeu ser recoñecidos como fundadores da filoloxía alemá.

Nacidos en Hanau, Hesse, Alemaña, foron fillos do avogado e secretario do concello de Hanau Phillip Wilhelm Grimm e de Dorothea Zimmer de cuxa unión naceron cinco fillos máis dos cales destacariamos ao pintor, debuxante, gravador e profesor de arte Ludwig Emil Grimm (1790 -1863) cuxo traballo, pouco recoñecido, case esquecido, resultaría clave na popularización dos contos recompilados.  Tras o falecemento do seu pai no ano 1796, Jacob e Wilhelm estudan en Kassel e posteriormente na Universidade de Marburg onde se intruyeron en Dereito e Literatura Medieval. Xa licenciados, traballan, como bibliotecarios e profesores de universidade. Sendo profesores da Universidade de Gotinga, despedíronos en 1837 por protestar contra o rei Ernesto Augusto I de Hannover sendo convidados por Federico Guillermo IV de Prusia a instalarse en Berlín, onde exerceron como profesores na Universidade Humboldt.

 O labor dos irmáns Grimm non se limitou a recompilar historias, senón que se estendeu tamén á docencia e a investigación da linguaxe. Os seus estudos da lingua alemá son peza importante do posterior desenvolvemento do estudo lingüístico (como a Lei de Grimm), aínda que as súas teorías sobre a orixe divina da linguaxe non son amplamente apoiadas na actualidade. En 1803 coñeceron en Hesse aos románticos Clemens Brentano e Achim von Arnim, quen espertou neles o interese polos contos tradicionais. Os irmáns Grimm empezaron a recompilar e elaborar os contos da tradición oral na contorna burguesa de Kassel, marcado polo carácter dos hugonotes e recolleron algúns contos franceses grazas a Dorothea Viehmann e ás familias Hassenflug e Wild (unha filla dos Wild converteríase despois na esposa de Wilhelm). En 1812, editaron o primeiro tomo de “Contos para a infancia e o fogar”, no cal publicaban a súa recompilación de contos, ao que seguiu en 1814 o seu segundo tomo. Unha terceira edición apareceu en 1837 e a última edición supervisada por eles, en 1857.

 

Biografía da editora:

 Helena Cortés Gabaudan é filóloga, tradutora e profesora de Filoloxía Alemá na Universidade de Vigo, onde tamén participa no Programa Universitario de Maiores impartindo cursos de mitoloxía e épica xermanas. Alén da súa tarefa docente e investigadora, durante unha década entre 2005 e 2015 dirixiu diversos centros do Instituto Cervantes en Alemaña. Probablemente a súa máis prezada e fonda vocación é a da tradución literaria, na que acredita unha longa e prestixiosa traxectoria. Ten traducido a Martin Heidegger e Johann Wolfgang von Goethe, entre outros, máis destaca a súa adicación á Friedrich Hölderlin, tanto na súa obra poética como de correspondencia amorosa, culminando coa escrita de La vida en verso: Biografía poética de Friedrich Hölderlin (2014). É membro electo da Academia Alemana da Lingua e a Literatura (a cuarta española en acadar parella honra), extraordinario mérito para unha carrera profesional desenvolvida lonxe de Alemania.  Dende hai uns anos amosa tamén a súa pasión bibliográfica na tarefa editorial en La Oficina de Arte y Ediciones.

 


  

  

          Por Araceli González Crespán.

 

Esta primeira edición dos moi coñecidos e espallados contos dos irmáns Grimm ven precedida dun informado limiar coa pretensión de despexar algúns dos mitos arredor destes relatos que forman parte da tradición europea: non son contos orais, non son populares, non son para a nenez e non son alemáns. Este primeiro embate é unha perfecta porta ás sorpresas que a tradución dos relatos achegará a tódalas persoas que cremos coñecelos porque forman parte da nosa tradición e estamos familiarizadas con eles dende a temperá idade da nenez: ese intre cando os contos cóntannolos. E cóntannolos, se cadra, xusto antes de durmir, no máxico tempo de iniciación: a primeira fiestra ao mundo das historias -lidas ou ouvidas- que compoñen á tradición, a entrega de xeración en xeración do que conforma a base da nosa cultura e que compartimos como colectivo. Grazas a Helena Cortés Gabaudan, temos acceso aquí á primeira de tódalas que chegaron ao prelo, no ano 1812, froito do interese dos irmáns Grimm polo folklore, a etnografía e o romántico afán de vertebrar a idea da nación xermana a través dunhas historias supuestamente transmitidas de boca en boca que amosaban a alma distintiva do pobo e xustificaban así o patriotismo.

Clemens Brentano.
 Retrato de Emile Linder (ca.1837)
 
   
Nesta misión inspirada polo romanticismo imperante, Jacob e Whilelm Grimm, animados polo seu amigo e profesor Clemens Brentano, recollen unha serie de relatos de informantes do seu círculo de coñecidos, na meirande parte. Case todas eran mulleres novas, burguesas, educadas, cultas e refinadas, xa que logo de similar posición social á dos Grimm.

Estas fontes desmenten a confusión creada pola portada dunha edición posterior, representando a unha muller maior e con atavío máis ben tradicional que parecía subliñar a orixe popular, rural, seica oral dos relatos; confusión, por certo, nunca desmentida polos autores e que acae ese obxectivo romántico de exaltación do vernáculo, de fonda raizame do espírito popular alemán. O antedito grabado representa a Dorothea Viehman, unha das narradoras, da que se fala no prólogo aínda que non se lle atribúe ningún conto escolmado. Ademáis, engádese o erro de atribuír á “vella Marie” a función de informante que, en realidade, corresponde a unha moito máis nova Marie Hassenpflug.


Portada dunha edición de
“Contos para a infancia e o fogar”
Dorothea Viehmann
                                                        

                


Retrato anónimo de Marie Hassenpflug en 1812.

En xeral, cando se fala de literatura “popular”, referímonos a un concepto herdado do século XIX que asocia a idea romántica de pobo coa “alma nacional”, concepto, doutra banda, que se estende ás almas dos poetas e ás súas narracións, cantares, romances ou baladas como reflexo do alma do pobo correspondente (“Literatura Popular. Conceptos, Argumentos y Temas” 4)Os contos de Grimm, lonxe de ser xermánicos e representar así o espírito nacional, son parte dunha tradición europea (e se cadra de Oriente Próximo) como atestigua a sinxela comparación con moitas outras escolmas similares. Unha breve ollada ao índice, nos remite á repetición de relatos como “A madriña morte” ou “O xastre valente”, por citar só dous recollidos de catro antoloxías de narrativa galega oral e da revista Nós en Contos de ida e volta (Xil Xardón et al.)

Contos de Ida e volta.
Difusora de Letras, Artes e Ideas. 2008.

A primeira publicación de 1812 responde á tarefa de recopilación que os Grimm acometen na procura de informantes que lles permitan rexistrar contos populares orais… máis será só o comenzo dun traballo que se vai estender moitas décadas. De feito, moitas das informantes teñen raíces hugonotas e será a través desta procedencia francesa como se produza a transmisión dos relatos.  Daquela, tampouco son alemáns!.

Portada do primeiro volume
de Kinder-und Hausmärchen
 (1819), 2ª edición.

Dos dous irmáns, Jacob ten un interese máis filolóxico e etnográfico así que será Wilhelm quen traballe de cotío durante o resto da súa vida non só na selección de contos (engadindo e suprimindo) senón na escrita. Así puirá, revisará e reescribirá os relatos para publicar ao longo dos anos en numerosas edicións; edicións que temperan, suavizan e moderan esta primeira entrega axeitadamente calificada como “contos crús”(Savater). As modificacións afectan ao estilo, que se dulcifica e adquire maior elaboración literaria e á algúns elementos do contido de xeito que as historias poidan ser máis congruentes coa moral burguesa. É importante sinalar que esta reescrita corrixe repeticións, evitándoas, e elimina algunhas lagoas ou vacíos propios da oralidade. A consecuencia deste proceso do relato oral á páxina escrita é a perda de espontaneidade e tosquedade da primeira edición, lóxicamente a menos elaborada pero sí pasada xa polo filtro dos irmáns Grimm. De feito, estas transformacións  poden explicar o éxito das posteriores edicións dos contos que tiveron un espallamento sen precedentes e contribuiron á creación do chamado “xénero Grimm”: un xeito distintivo de unificar as diferencias entre distintas versión e informantes baixo un estilo propio, nun punto medio entre o literario e o popular (Grimm et al. 34).

A tipoloxía dos contos escolmados corresponde á tripla clasificación do conto popular en contos marabillosos e mitolóxicos, contos de animais e contos relixiosos e burlóns (Camarena 30–33). Os primeiros invocan a herdanza cultural dun pasado remoto, os de animais se asocian coa caza e a agricultura, o pastoreo e os oficios inspiran ao terceiro grupo e son máis próximos a nós. En calquera caso, son contos sorprendentes porque rachan coas expectativas dun xénero coñecido; aínda que son marabillosos e cheos de fantasía, non son axeitados para nenas e nenos porque non cumpren a función educativa recollida nunha moral ou nos estereotipos do rol social para as mulleres. Temos aquí exemplos de nenas que non obedecen, non son boas e sumisas e non son pasivas.

  Brancaneves. David Hand. Disney, 1937.

  Si pensamos nos contos cunha ollada contemporánea, automáticamente imaxinamos á infancia como o público máis axustado, pero isto non sempre foi así, como demostra este libro que temos nas mans. A atrocidade das historias, a extraordinaria crueldade dalgúns personaxes ou a barbaridade das situacións que experimentan incumplen -co noso foco actual- os requisitos necesarios para contarllos a unha nenez á que hai que protexer do salvaxe, o cruel, o brutal. 

Máis aínda cando a cultura audiovisual capitaneada e animada por Disney leva xa desde 1937, co lanzamento de Brancaneves copando un mercado con produtos cada vez máis simplificados e edulcorados que, lonxe de dotar aos nenos de ferramentas ante a vida máis ben crean unhas expectativas irreais e deformadas da realidade que pouco axudan a crecer e enfrontarse ás dificultades. O fin didáctico e formativo que puidesen ter os contos nalgún momento desaparece para convertelos nun obxecto de consumo puro, transformando á infancia en grandes prescriptores e mero público obxectivo desde o punto de vista do márketing. Malia todo, será moi interesante botar unha ollada a algunhas das versións actuáis en calquera formato e contrastalas con relatos recolleitos nesta escolma para comprobar o abismo que os separa. Por exemplo, a nai de Brancaneves, que aínda non é madrastra, exerce o canibalismo ao comer con fruición os pulmóns e o fígado de quen cre é a súa filla; o príncipe ten tal obsesión necrófila que, vaia onde vaia, ha de ter á vista o sarcófago da súa namorada morta (para enfado e fartura dos sirvientes que a teñen que cargar e mover incesantemente) e na voda final, a nai é obrigada a poñerse unas zapatillas de hierro incandescente e bailar ata a morte. 

 Charles Perrault (1628-1703)
 Retrato feito por Charles Le Brun
.

 Carapuchiña Vermella, con todo, está más suavizado que a anterior versión de Perrault onde a alusión á sexualidade das rapazas é moito máis clara e onde ninguén as salva do estómago do lobo, como sí sucede aquí. 

A edición anotada e comparada proporciona abundante información sobre os cambios e engadidos noutras versións, o que aporta aínda máis valor filolóxico ao libro. Hai moitas razóns para ler estes contos e gozar das versións iniciais, máis toscas e directas. Entreguémonos a un momento incomparable de goce, escoitando as voces que nos chegan de moi lonxe, aínda non tan matizadas pola pluma dos Grimm e de todos aqueles que as mutilaron para quitarlles o bravío pasándoas polo filtro dás convencións. Lede os contos de Grimm dun xeito distinto, tal e como nunca che foron contados.

Carapuchiña Vermella. Ilustración de Gustav Doré (1832 - 1883)

   

OBRAS CITADAS

Camarena, Julio. “El Cuento Popular.” Anthropos. Revista de Documentación Científica de La Cultura, vol. 166/167, 1995, pp. 30–33.

Grimm, Jacob, et al. Los cuentos de los hermanos Grimm tal como nunca te fueron contados: Primera edición de 1812. La versión de los cuentos antes de su reelaboración literaria y moralizante. La Oficina, 2019.

“Literatura Popular. Conceptos, Argumentos y Temas.” Anthropos. Revista de Documentación Científica de La Cultura, vol. 166/167, 1995.

Savater, Fernando. “Cuentos Crudos.” Babelia, El País, 14 Dec. 2019.

Xil Xardón, Xabier, et al. Contos de ida e volta. Difusora de Letras, Artes e Ideas; Vicerreitoríade Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, 2008.

 

     


reseñas.19. A epixenética. Como a contorna modifica os nosos xenes.

 

Carlos Romá Mateo

Raúl Delgado Morales

 


                                                            A epixenética. 

    Como a contorna modifica os nosos xenes.

RBA, 2019.

  

ABRIL - MAIO de DOUS MIL VINTE E UN


Biografías.

CARLOS ROMA MATEO é bioquímico e doutor en Bioloxía Molecular e Xenética, e especialista en enfermidades raras. Foi profesor da Universidade Europea de Valencia e da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universitat de València.

RAUL DELGADO-MORAIS é doutor en Neurociencia, adxunto á Dirección Científica do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge ( IDIBELL) e profesor asociado da Universitat Internacional de Catalunya. Así mesmo, é membro do comité organizador do encontro Science+, para estudantes e profesionais da ciencia; divulgador en diversos blogues científicos ( Mapping Ignorance, Divulcat e Investigación e Ciencia), e vogal de comunicación da Sociedade Catalá de Bioloxía. Foi fundador e primeiro presidente da Sociedade CERFA, asociación sen ánimo de lucro que reúne investigadores españois residentes en Alemaña.



 








Por Andrés Sanjuan López.



Achegándonos á Epixenética. Por Andrés Sanjuan.

Adianto visual da recensión reseñas.19.




    Deseño: Soulbande / MVG

Instalación: 

Organización: Biblioteca de Torrecedeira.