viernes, 4 de octubre de 2019

reseñas.10. Calibán e a bruxa: mulleres, corpo e acumulación orixinaria.


Silvia Federici

Calibán y  la bruja:  mujeres,


cuerpo y  acumulación  originaria.
Traficantes de sueños, 2010.
[Caliban and the Witch: Women,

the Body and Primitive.

Accumulation, 2004]



Biografía.


        Silvia Federici é unha filósofa, profesora, investigadora e activista italo-estadounidense. Tamén é unha historiadora marxista e feminista  que exerceu a docencia en varias universidades norteamericanas e na Universidade de Port Harcourt en Nixeria.
Profesora emérita da Hofstra University (Long Island, Nova York), comezou o seu activismo político feminista nos grupos feministas autónomos nos anos setenta. A campaña Internacional de “Salarios polas tarefas domésticas” (Wage for the Home Labor) xurdiu do Colectivo Feminista Internacional en Italia en 1972 con personalidades comoMariarosa Dalla Costa, Selma James,Maria MiesVandana Shiva. Nos anos oitenta foi cofundadora dunha organización dedicada a apoiar as loitas de estudantes e de profesorado en África contra os axustes estruturais das economías de África e os sistemas educativos (Committee for Academic Freedom in Africa). Pertence tamén á asociaciónMidnight Notes Collective.
 Mantívose na liña do activismo político ata os nosos días.Wal Street, un movemento a prol das persoas refuxiadas e en contra de Trump, lanzou unha campaña para apoiar a memoria das mulleres asasinadas en bruxaría en outubro de 2017 ao meter presión por unha reescritura feminista da memoria de bruxas.
Nos seus traballos ilústranos sobre  otraballo reprodutivoe os coidados que fan de balde as mulleres como base sustentadora docapitalismo. Entre as súas obras máis coñecidas están Caliban and the Witch: Women, the Body and Primitive Accumulation (2004), Revolution at Point Zero: Housework, Reproduction, and Feminist Struggle (2012) ou El patriarcado del salario. Críticas feministas al Marxismo (2018).






Por Ana María Bande Bande 

 * A autora da recensión elaborou un blogue dedicado
 a Silvia Federici e ao tratamento da muller e a bruxería.

    
    Con Calibán e a bruxa, Silvia Federici fixo moito máis ca un libro. Estamos ante un texto academicamente impecable, isto é indubidable para toda persoa que saiba recoñecer, e por suposto, valorar o uso do método científico no ámbito humanístico. Cómpre comezar por aquí, xa que é precisamente na academia onde se sospeita de investigacións, que polo seu radicalismo (o feminismo sempre o é), pola súa novidade ou polas súas propostas novas, son susceptibles de prexuízos ou de excesivo receo na súa recepción., isto non parece ocorrer nos estudos de ámbitos científicos convencionalmente coñecidos como ciencias “duras”. Nestes casos ocorre á inversa: tende a valorarse moito máis o novo e o que sorprende por inaudito, é dicir todo o que se pode etiquetar como un “novo descubrimiento”. Pois ben, Calibán e a bruxa vén ser este texto excepcional ao que podemos aplicar o rótulo de revolucionario de “descubrimento”.

Se tivese que ofrecer unha soa razón para recomendar a súa lectura sería a de que  por vez primeira, se fai unha lectura dun fenómeno histórico tan (mal) coñecido como a caza de bruxas en clave de xenocidio, ou de feminicidio, para ser máis exactos.

Gustav Henningsen
Nos meus anos de universidade, o fenómeno da caza de bruxas estaba a ser revisado ,por primeira vez desde o ámbito académico, cunha rigorosidade máis que aceptable, como demostra a rápida tradución da obra de Gustav Henningsen, O avogado das bruxas, obrigada para a miña promoción. Henningsen nos anos oitenta levaba xa dúas décadas estudando este fenómeno en Europa. Viñera mesmo nos anos sesenta a Galicia a estudar a bruxaría no noso territorio. De modo que como historiadora, ao ler a Federici a miña referencia era Henningsen. Sorprendeume a inexistencia de citas á súa obra, xa que o investigador é unha das máximas autoridades no tema, de modo que me asomei de novo ás páxinas de O avogado das bruxas. O resultado foi a constatación do que supuxo o cambio de paradigma coa introdución da perspectiva de xénero na interpretación das fontes.


Pero volvamos á idea principal. Falabamos de xenocidio. Federici fala, desde o inicio do texto, dunha deliberada estratexia de eliminación da forza reprodutiva como elemento estrutural do fenómeno de acumulación primitiva que orixinou o capitalismo. Noutras palabras, a autora logra que vexamos o fenómeno da caza de bruxas, desde unha óptica totalmente diferente á que impera aínda de forma unánime nos nosos días. A persecución das bruxas, as delacións masivas de mulleres sospeitosas de tratos co diaño e de asasinatos de criaturas e de malas colleitas, e a súa posterior execución na fogueira como castigo exemplar para coadxuvar ná política de terror (A doutrina do shock, que tan ben estudou Naomi Klein, tería aquí un dos seus puntos fortes) foron un elemento fundamental, imprescindible para o arranque do novo modo de produción capitalista.

Calibán e a bruxa, como crítica feminista do marxismo, constitúe unha demostración da vixencia da dialéctica marxista da loita de clases na análise histórica da evolución económica. Non se trata, como algúns críticos pretenden, dunha deficiente interpretación de Marx. A desconfianza que poida suscitar o texto de Federici será, sen dúbida, pola súa contundencia e claridade, non por un deficiente uso da metodoloxía na súa análise. Calibán e a bruxa, neste sentido, é un tratado económico, no que o fenómeno da caza de bruxas é un factor máis dun modo de produción.  Neste sentido, Federici apunta a que o exterminio de mulleres que se produciu en Europa  nos séculos XVI e XVII, foi unha operación de expropiación máis dentro do contexto de cercamento de terras necesario no momento de transición ao capitalismo.

 A expulsión dos campesiños das súas terras, para dirixilos a unha economía do salario só foi posible coa supresión dos terreos comunais que facía posible a vida das clases máis desfavorecidas. A rebelión do campesiñado manifestouse de moitas maneiras, e desde logo a proliferación de modos alternativos de vida, enseguida criminalizadas como herexías e seitas que había que exterminar, son sobradamente coñecidas. As mulleres neste contexto representaban un inimigo a combater tamén, posto que detentaban o control da reprodución da forza de traballo.                Desde o ámbito da relixión e da política traballouse conxuntamente para apontoar o tránsito a un modo de produción no que non representaba ningunha vantaxe a existencia de mulleres con coñecemento e con capacidade para intervir na natalidade e, por tanto, na forza de traballo. Non esquezamos que a gran maioría das perseguidas por bruxaría eran acusadas de matar criaturas, e as comadroas eran particularmente as máis perseguidas. Como ocorre en tantas outras ocasións, o relato sobre a caza de bruxas que nos chegou está infestado de inexactitudes debido en gran parte ao exterminio das voces das vítimas. Os arquivos presentan enormes lagoas e os estudos que se realizaron ata hoxe, na súa maioría, non están baseados en datos rigorosamente analizados senón nunha transmisión interesada sempre remisa a incluír calquera perspectiva de xénero na cuestión. Pero afortunadamente, Calibán e a bruxa chegou nun momento en que xa temos reflexións e investigacións sobre a violencia institucional como a de Foucault, e desde logo xa contamos tamén con investigacións rigorosas que desde numerosos ámbitos de coñecemento ampliaron o horizonte interpretativo dos datos.(1)

       Desconfiar de textos como Calibán e a bruxa pola súa declarada intención de reivindicar o papel das mulleres como elemento determinante na conformación do capitalismo sería como desconfiar do Capital por ter unha visión sesgada debido ao interese de Marx en rescatar a importancia da clase traballadora.
Que xa poidamos representar o fenómeno da caza de bruxas como un auténtico xenocidio non o fai menos grave, pero quizais nos permita observar o pasado e o contexto actual desde unha perspectiva nova. Unha perspectiva na que o fanatismo se descobre como o auténtico perigo e o camiño máis próximo e chairo para a produción de morte e da violencia. 
  
Cando lle encargaron a Elie Wiesel que elaborase un discurso conmemorativo dos xuízos das bruxas de Salem, unha vez máis na súa vida, o sobrevivente do holocausto tivo que reflexionar sobre a orixe, as causas desta maldade extrema. A súa conclusión era claramente estremecedora. O fanatismo é o mal, porque é demasiado fácil ser fanático, é demasiado fácil crer a un neno que di ver o diaño ou unha bruxa, é demasiado fácil crer a un xuíz que di actuar no nome do ben e da xustiza. O fanatismo, desde o seu punto de vista sería o auténtico demo. 

Peter Hayes, no seu recente libro sobre o holocausto, advírtenos de que mostrarnos incapaces de concibir un horror de tal magnitude como o holocausto –válido para o fenómeno da caza de bruxas, se somos capaces de concibilo como tal- é unha actitude coa que tentamos facer fincapé na propia inocencia, coma se nos quixésemos desmarcar del. Pero isto non é posible, senón todo o contrario, estas actitudes bloquéannos e incapacítannos para extraer consecuencias útiles, polo que para comprender intelectualmente este xenocidio debemos enfrontarnos á información de maneira valente e rigorosa. Esta é precisamente a sensación que teño despois de ler a Federici: creo que entendo mellor tanta morte e tanta violencia porque a autora manexou a inxente bibliografía sobre o tema desde unha óptica nova na que se analiza o contexto cultural de Occidente dunha maneira global; ademáis incorporou factores relixiosos e sociais, pero tamén e sobre todo de natureza económica, porque é precisamente o modelo de distribución da riqueza o que determina en ocasións o regulamento moral das comunidades.
No caso da caza de bruxas, o primeiro que debemos de facer é devolverlle a dignidade a tanta vítima inocente desposuíndo o tema do elemento folclórico e festivo que aínda o deforma, banaliza e esconde para a súa correcta interpretación.
A lectura de Calibán e a bruxa antóllasenos como un acto de reparación e de xustiza.





(1) A modo de exemplo tivemos ocasión de consultar no Arquivo do Reino de Galicia algúns documentos de interese.
       Expediente (777/71) A.R.G  Real Audiencia de Galicia.
      María Álvarez, mujer de Gaspar Fernández. Doña María de Toledo, condesa de Ribadavia, y Juan de Barreda Valcarcel, su alcalde mayor, sobre destierro. 1587
María Álvarez, mujer de Gaspar Fernández, fue acusada de poner en los ciernos de una cabra un paño con agujeros, en el corral de Alonso de Afrexo. En el proceso se dice que la causa de esta acción era para que, cuando la cabra subiera al monte, dejara los llantos allí de los niños y se quedaran callados.
El proceso fue visto en la audiencia de la condesa de Ribadabia, en Valdeorras, por su alcalde mayor y la detenida, tras el testimonio de los testigos, fue condenada a la pérdida de la mitad de sus bienes y un año de destierro.
Ella alega la enemistad existente entre el denunciante, y dueño de las cabras, Alonso de Afrexo y su marido, así como que los otros testigos eran la mujer del denunciante y sus criadas.
      Causa 24667/29. ARG. Real Audiencia de Galicia.
    Catalina Carneira, viuda, María Rega, Inés do Gando con el juez de Pazos de Arenteiro e Juan García, promotor fiscal, sobre delitos de brujas y hechiceras. 1639.








Deseño: Soulbande / MVG


Instalación: AAFR

Organización: Biblioteca de Torrecedeira.