martes, 20 de octubre de 2020

Programación proxecto reseñas 2020-2021.



A comunidade universitaria nútrese e precisa dunha gran variedade de produtos informativos para a adquisición de coñecemento, os labores docentes e de investigación.

Un ano máis, a Biblioteca de Torrecedeira continúa a publicitar e estimular o bo uso e manexo dos recursos, fontes de información e servicios que ofrece a Biblioteca Universitaria da Universidade de Vigo.

O proxecto reseñas segue este ano coa súa programación de reseñas 2020/21 presentando bimensualmente a crítica ou descripción de seis libros de interese para á Comunidade Universitaria e á ciudadanía dos que podan xurdir novas lecturas e documentos complementarios que fomenten a reflexión e a formación continua daquelas personas que nos acompañen.

 Dada a actual situación sanitaria, polo momento, non faremos instalacións e/ou seleccións expositivas de libros de xeito físico nas salas da nosa biblioteca como viñámos facendo. A visibilidade das reseñas será a traves dos canles ofertados pola Universidade nos paneis das Escolas e Facultades dos seus Campus así como no Diario da Universidade (DUVI) e a súa páxina web mediante os oportunos Avisos á Comunidade e/ou Información Cultural.

Cada “reseña” será acompañada dun cartel de presentación sinalando tanto o contido como as datas de inicio e finalización da actividade e un código QR onde mostraremos como atopar información de cada reseña.  A información será incluida nos paneis dixitais das Escolas e Facultades da Universidade.

Para, posibilitar a lectura das reseñas e a información relativa a cada unha delas aumentaremos a presencia nas redes sociais da propia Biblioteca de Torrecedeira coas publicacións precisas en Instagram, Twitter e no propio Blogue do proxecto onde quedarán arquivadas as antigas  e incorporadas as novas reseñas.

Na presente programación de reseñas 2020/2021 que agora vos presentamos abordamos temas como a Historia e Economía Mundial, os adelantos científicos, a Epixenética, os clásicos da literatura, a filosofía ou a pedagoxía.  Temos a ledicia de poder contar coas achegas desinteresadas de personas como o profesor de grego Oscar Soto Fernández, a bibliotecaria de Filoloxía e Tradución Ana María Bande Bande ,o alumno da Escola de Maiores Carlos Lloréns Fernández e mesmo do profesorado da Universidade de Vigo. Así, neste espacio de encontró ofrecemos a posibilidade de disfrutar coas observacións das preparacións histolóxicas ao microscopio “Pareidoilas” das profesoras Rosa Álvarez Otero, Mª Jesús Iglesias Briones, Encarnación de Miguel Villegas  do Departamento de Bioloxía funcional e ciencias da saúde, as análises da profesora Araceli González Crespán do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá, ou as apreciacións do profesor Andrés Sanjuan López do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía. Grupo IN1 Inmunoloxía, CINBIO.

A todas estas persoas queremos agradecer as súas achegas e o seu esforzo de colaboración.

Vigo, 20 de Outubro de 2020.

                           Aser Ángel Fernández Rey

                 Técnico Especialista Biblioteca Torrecedeira     


lunes, 12 de octubre de 2020

reseñas.16. Loxandra.

María Iordanidu. Constantinopla, 1897- Atenas,1985
María Iordanidu. Constantinopla, 1897- Atenas, 1985

                                                                     Loxandra.

 Acantilado, 2018.

  OUTUBRO - NOVEMBRO de DOUS  MIL VINTE


Biografía

   María Iordanidu naceu en Constantinopla en 1897, de nai constantinopolitana, Eufrosini Mangu, e pai orixinario da illa de Hidra, Nicolás Kriesís. Viviu no Pireo gran parte da súa infancia. Ao regresar a Constantinopla ingresou coma interna no Colexio Americano. No verán de 1914, cando aínda lle faltaban dous anos para se graduar, foi invitada a pasar as vacacións polo seu tío, estabelecido en Batumi, Rusia. Entre tanto, porén, estalou a Primeira Guerra Mundial e viuse obrigada a permanecer alí durante cinco anos.

En Rusia estudou no Liceu ruso.

            María Iordanidu viuse obrigada a loitar pola súa supervivencia, porque ao final da Primeira Guerra Mundial a situación económica da súa familia era desastrosa. As tres linguas estranxeiras que coñecía axudárona eficazmente na súa carreira profesional ata os sesenta anos. Comezou a traballar en Constantinopla. Máis tarde pasou a Alexandría e finalmente a Atenas, onde se estabeleceu definitivamente co seu home a partir de 1923.Tivo dous fillos.

            O seu primeiro libro, Loxandra, escribiuno aos sesenta e seis anos, é dicir en 1963. En 1965 escribiu Vacacións no Cáucaso, en 1978 Coma paxariños loucos, en 1979 Nas voltas do círculo e finalmente o 14 de decembro de 1981 publicouse O noso patio.

            Pola súa obra e especialmente por Loxandra foi galardoada coa Cruz de Ouro e co Título de Dama do Trono Ecuménico de Constantinopla.

            María Iordanidu morreu en Atenas en novembro de 1985.

           (Tradución da  nota biográfica da edicición grega da novela)   


           

 

            Por  Oscar Soto Fernández  *

  


Finais do século XIX. Constantinopla – nunca escoitaredes un grego dicir Istambul- é un formigueiro de xentes de todas partes: turcos, armenios, tártaros, albaneses, xudeos, rusos, ingleses, franceses, eslavos, kurdos, levantinos, etc., e gregos, os habitantes máis antigos da cidade desde que no séc. VII a.C. fundaran unha colonia nun lugar estratéxico á entrada do Bósforo, en fronte de Calcedonia, outra colonia grega, o cal significaba que o comercio co mar Negro quedaba controlado por eles dende eses dous “xibraltares”, un en Asia, outro en Europa. Despois viñeron os romanos, os gregos bizantinos, os francos, os turcos, e a cidade mudou de nome e chamouse Istambul. Mais sempre quedaron os gregos, e moitos miles, polo menos ata comezos do século XX. E que ironía lingüística! Os turcos déronlle á cidade un nome grego, ignoro se consciente ou insconcientemente: Istambul procede da frase grega istimboli, que non significa outra cousa máis que “á Cidade” ou “na Cidade”. Non era fácil eliminar o substrato heleno de case tres mil anos por moito que as guerras de conquista mudaran países, mandatarios e topónimos. Na novela a paisaxe física e humana aínda é a de Asia menor (a Mikrá Asía grega) e Turquía non existe; estamos nos derradeiros anos do outrora inmenso Imperio turco otomano.

Iordanidu coa súa avoa Loxandra.

     Pois aí estaba Constantinopla ou simplemente Cidade, con maiúsculas, nome que segue a ser o  que lle dan aínda hoxe os gregos: a Cidade (i Poli), coma se non houbese outra. Este é o marco físico e emocional da novela que desde aquí vos invito a ler. Eu non sei se esta é una gran novela –deixo iso para os críticos-, o que si podo asegurar é que estamos perante unha vida de novela dunha protagonista fenomenal: Loxandra, a avoa da autora.

Unha serie na década dos 80 de trinta capítulos, producida pola ERT, varias adaptacións teatrais e traducións ao inglés, francés, italiano, catalán ou castelán, en fermosa tradución de Selma Ancira, ou discos inspirados na novela, falan do éxito da obra, unha saga familiar na que moitos, os que tivemos a sorte de vivir unha infancia nunha familia extensa, podemos vernos reflectidos, polo menos en parte: avós, tíos, curmáns, pais, irmáns, parentes achegados ou distantes, xente que vai e vén, mais que toda xira ao redor coma planetas dun astro central, a figura case omnipotente da avoa e xérmolo desa extensa saga, na que é fácil perderse, porque son moitos os personaxes e con nomes de sonoridade moi distinta á que estamos afeitos. Por riba deles, coma un novo Coloso de Rodas, cunha perna a cada lado, emerxe a figura da protagonista para manter unida a familia cando xurden as desavinzas, para axudar os que teñen problemas económicos, para asistir aos partos e curar as enfermedades coa auga milagreira da fonte da Virxe de Baluklí, e os feitizos do mal de ollo, e para lles dar a todos, un día após outro, de comer, porque o salón do trono de Loxandra é a cociña, a casa, o seu reino.

Selma Ancira
Mais –acho eu- xa non hai Loxandras nin existe o seu mundo. Un mundo prendido dun anaco de tea vella dun vestido de súa nai que lle serve para coser un babeiro para un meniño acabado de nacer na familia. Unha metáfora da continuidade, porque  a sensación que transmite a lectura é a dun mundo inmutable e idéntico dende hai séculos, por moito que se decore      máis que de espírito, de olores e sabores intraducíbeis que aínda se poden percibir hoxe nunha viaxe atenta polas tabernas tradicionais do Pireo e da vella Atenas, a que rodea a Acrópole. Mais tamén espreitamos o final dese mundo nas batallas que se están librando nos confíns do territorio: a guerra de Crimea, o levantamento de Creta, a guerra Ruso-Turca. Todo segue a ser igual, mais nada é igual. E diso decátase Loxandra cando se trasladan de Makrojori para se instalar no barrio de Pera: a casa nova xa non ten sitio para que durman os convidados, nin patio, nin pozo nin cisterna onda poida vivir Güi-güitzís, o xenio da casa. Agora hai ata gregos que non van ao hamam: báñanse nunha tina na casa e coa mesma auga lavan a cara e o traseiro. Os europeos son uns porcos!, -afirma Loxandra. Porque os gregos de Constantinopla dentro do seu ser eran Asia, e moitos miles habitaban en Constantinopla cuxos barrios percorremos coa protagonista e cos numerosos personaxes da novela.

L'ILLUSTRATION.1903.
         Museo xenocidio armenio. Ereván
.

      E van pasando os anos e Loxandra vai envellecendo, mais o único que percibimos é aceptación. Acepta a vida no novo barrio, acepta a morte do seu home, acepta o seu destino sen buscar a felicidade, porque a felicidade preséntase de repente cando xunta a familia toda ao redor dunha mesa chea de comida ou cunha promesa de matrimonio, mais as últimas convulsións do Imperio otomano traerán a infelicidade ata a porta da súa casa: comezaba o exterminio armenio o día máis grande da Ortodoxia, o 15 de agosto. Bulgaria, Rumanía e Montenegro declaráranse independentes, Grecia anexionara Tesalia e Epiro: A Cuestión Oriental é o decorado de fondo de toda a novela, e o telón que puña fin ao helenismo de Asia menor comezaba a baixar para finalizar unha obra que duraba case tres milenios.

            E nese mundo que esmorece, poboado por todas as razas e relixións, unha longa galería de personaxes, pinceladas dun cadro impresionista, que o lector-observador debe combinar na súa pupila para ver a forma completa. Como unha muller se pode chamar Camille? Intuimos os apuros da pobre francesa de nome tan elegante en Francia, mais completamente ridículo en grego. Temos que imaxinar o mal que o pasa cada vez que visita a súa familia política, para quen o seu nome soa igual que camela, si, o animal. E o proceso mental das turcas musulmás que, ás agachadas, lle envían a Loxandra unha esmola para que lla leve á Virxe de Baluklí ou a San Tharapis porque teñen o neno malo? E o terror do criado armenio agachado debaixo da cama de Loxandra? Pouco ou nada se conta. E así decenas de situacións son simplemente mencionadas de paso, anacos dun complexo reparto de roles humanos actuando ao mesmo tempo e no mesmo lugar.

    E unha nova guerra no horizonte, a provocada pola Megali Idea, a gran idea dos gregos de reconquistar Constantinopla agora que o Imperio otomano se desfacía en pedazos. Outro atranco na familia e un erro histórico que levará á expulsión de Turquía dun millón de gregos en 1922 (Catástrofe de Asia menor).

        Na terceira e derradeira parte da novela entramos no século XX. Constantinopla xa non é un lugar seguro para os gregos. A Grecia libre do poder otomano, Atenas, o porto do Pireo son a solución: emigrar, deixar todo e comezar unha nova vida entre gregos de Europa onde difícilmente encaixa unha grega de Asia. E a nostalxia polo paraíso perdido. E a volta a Constantinopla, desta vez a un apartamento pequeno. Resulta significativo que o tamaño das casas sucesivamente habitadas por Loxandra vai decrecendo ao mesmo tempo que a súa vida se vai acabando. E o protagonismo de Loxandra vai recuando para deixar paso a Ana, a propia autora, protagonista das novelas posteriores que seguirán escarvando nas lembranzas ata chegar a O noso patio, a derradeira novela da anciá Ana-María Iordanidu. E o comezo da Primeira Guerra Mundial. E o final dunha vida novelada ou dunha novela da vida. Unha busca do tempo perdido escrita nun estilo sinxelo e cheo de graza.

De María Iordanidu non sei máis que o que conta a nota biográfica que acompaña, idéntica, cada unha das súas obras na fermosas edicións da casa editorial grega Hestía. Nunca me interesaron as vidas dos escritores, quizás porque nas clases do instituto sempre tiña que memorizar a vida e obras de cada un.

Constantino Kavafis. 1863 -1933.

 Dos escritores interésame ou non a obra, por iso non podo discernir –nin o considero importante- o que hai de verdade e de fantasía na construcción literaria deste potente personaxe que é Loxandra. Ignoro tamén a profundidade intelectual da autora mais descubro dous detalles no texto que me fan pensar que na súa vida, camino longo, cheo de aventuras e experiencias -tomo prestado un verso da Ítaca de Cavafis- houbo tempo paralecturas atentas e das boas: os cans falan, isto é Ana Karenina de Tolstoi; noutro lugar hai un excurso sobre os kurdos, isto é Heródoto de Halicarnaso, o pai da historia, que tamén gustaba de se desviar do tema principal para darnos información preciosa sobre os exipcios ou os escitas. A iso engádese un coñecemento perfecto da antiga tradición mitolóxica do seu pobo, porque son moitas as alusións espalladas pola obra a feitos e personaxes que abrollan coma unha fonte común da que todos bebemos.

A novela logo se le porque o estilo é ameno e áxil, unha sucesión de cadros domésticos e cotiás presididos pola amor da autora pola súa avoa. Unha muller expecional, elo dunha cadea invisíbel composta por infindas matriarcas desde a orixe dos tempos. Avoas e nais que sustentaron durante séculos as familias, que aceptaron a vida tal e como lles viña dada, que se desviviron por todos, familiares ou non, e que foron felices porque non esperaban nada da vida. Un día solleiro, unha paisaxe amena, o recendo do mar e do peixe fresco, a felicidade de ver a familia xunta bastaron para debuxar nos seus rostros un sorriso eterno. E se algo se torcía, alí estaba a Virxe e os santos todos para axudar. Gústame especialmente un episodio no que Loxandra, ao non poder concebir fillos, fai un trato coa Virxe da icona familiar e entrégalle todas as xoias que posúe, e de alí a pouco consegue ser nai. Non podía ser doutro xeito.

* Profesor de grego.

Deseño: Soulbande / MVG

        Instalación: Por motivos Covid 19, non haber instalación.

        Organización: Biblioteca de Torrecedeira.

    

lunes, 5 de octubre de 2020

reseñas.15. El Turista desnudo.


Lawrence Osborne. 1958.

                                                          El turista desnudo.

    Gatapardo ediciones, 2017.

                                                         AGOSTO - SETEMBRO de DOUS  MIL VINTE


 Biografía

  Lawrence Osborne (1958) naceu en Inglaterra. Educado en Fitzwilliam College, Cambridge, e Harvard, estudou Linguas Modernas e desde entón levou unha vida nómada. Administrou unha granxa colectiva na Polonia comunista, preto da fronteira rusa, percorreu e viviu en Francia, Italia, Marrocos, Nova York, México, Istambul e finalmente Bangkok, cidade onde reside na actualidade desde hai xa unha década.

Xornalista de viaxes do New York Times durante máis de vinte anos, converteuse no columnista de viños da revista Vogue.

 Como novelista é autor da novela Ania Malina (1989); un libro sobre París, Paris Dreambook;  a colección de ensaios O abrazo envelenado ; un libro controvertido sobre o autismo chamado American Normal: The Hidden World of Asperger Syndrome (2002); e tres libros de viaxes posteriores publicados entre 2004 e 2009: un libro sobre viño, The Accidental Connoisseur ;  O turista espido (2006) ; e Bangkok Days (2009). Os seus contos apareceron en moitas revistas estadounidenses. A súa historia "Volcano foi seleccionada para a súa inclusión en The Best American Short Stories 2012 . A súa novela The Forgiven foi publicada en 2012 con gran éxito.  No seu caderno de viaxe The Wet and the Dry (2013) , achégase á relación entre Islam e o alcol para continuar a súa carreira con The Ballad of a Small Player (2014), Cazadores na escuridade (2015), Fermosos animais (2017) e Only to Sleep (2018), O reino do vidro (2020) e No camiño de Xava .

Comparado por algúns críticos con Grahan Greene e considerado por outros como o herdeiro literario de Raymond Chandler, Obsborne é un descubrimento tardío.

 



Por  Aser Ángel  Fernández Rey

 

 

 Elegante, cosmopolita, e teatral, tras moitos anos de “vivir a vida” cun amplo sorriso Osborne é capaz tanto de enfundarse nun luxoso traxe de cor claro como achegarse ás culturas máis remotas espido ou cunha simple camiseta. Práctico e directo, mostranos comportamentos de persoas que viaxan crendo ter unha experiencia única, de non responder o prototipo de turista en terra estraña. É xente supostamente libre, carente de prexuízos, nun mundo cada vez máis homoxéneo; cumpridores de ritos exóticos, como a inxesta de insectos, inmersos no vórtice obseesivo e neurótica que supón a procura do pracer e calquera anaco de felicidade do mundo occidental en torno ao traballo sexual ou á constatación permanente do poder do diñeiro.

Osborne describe a artificial metrópole de Oriente Próximo que é Dubái (un dos destinos máis contaminados da Terra, transformada polos xeques nun inmenso parque temático), a Calcuta postcolonial, as esquecidas e semiderrubadas Illas Andamán, ata recalar na enorme cidade da saúde e do fitness que é a “Hedanóplis tailandesa” de Bangkok, onde o turista ávido de experiencias estravagantes, encontros sexuais ou a posibilidade luxosa de completar unha rápida viaxe de turismo médico pode, por un módico prezo, facerse unha liposucción, un retoque nasal, un implante molar ou un cambio de sexo parcial ou completo antes de volver a casa a súa monótona existencia.


 Palm Jumeirah. Illa artificial en Dubai.


Reflexo da cultura frívola dominante, o libro arrinca cunha diatriba contra a industria do turismo moderno e a síndrome vacacional como resposta á tensión física ou emocional contínua onde nada importa se somos capaces de abandonar por unhas horas ou días nosa aburrida vida para gozar, como potentados sen remorsos, do custo económico, ecolóxico ou ético que supoñen as viaxes exprés.

 Baleira de aventura, monotorizada a experiencia nun mundo global, o menos importante é a procura da esencia ou da diversidade étnica e cultural, da sorpresa e o encontro da persoa consigo mesma ou con outras persoas. Sen intención de afondar no que facemos, sen pensalo, tratamos de alcanzar a felicidade pero quizais ao que realmente chegamos é a raiar a estupidez e a vacuidade.

Como quixotes trotamundos á aventura, provistos das orientacións lidas nas guías turísticas máis actuais  fuxímos cunha sensación satisfactoria ata encher o pasaporte e as maletas de selos e adhesivos que nos semellen ao consumado Willy Fog. Desposuídos das nosas propias Itacas e incapaces de saír da perigosa roda na que nos instalamos, estamos tan afeitos ás infraestruturas masificadas e ás comodidades, que en canto saímos deste sistema experimentamos de inmediato unha forte sensación de paranoia.

Osborne ponse como obxectivo localizar o lugar máis inaccesible da terra, alí onde os turoperadores non teñen oficinas de atención ao cliente, e chegar a el á vella usanza, é dicir, dándose tempo. O destino elexido é unha inmensa illa entre ceos verdes, ríos arroibados e volcáns en erupción onde Osborne atoparase espido e feliz: Papúa Nova Guinea.

Un dos grandes momentos da historia da humanidade probablemente foi a sedentarización - un punto de inflexión na evolución da cultura e sociedade humana- con todo, o termo “sedentario” é hoxe sinónimo de enfermidade, de anquilosamiento e atrofia. Algo que produce medo e angustia ao home contemporáneo e que, polo tanto, debe evitar física e  mentalmente.

 

Alexander von Humboldt. 
 Desde a antigüidade, a procura de territorios polo incremento da poboación ou por necesidades económicas, permitiron ou propiciaron guerras, viaxes e a adquisición de coñecementos sobre novas terras e xentes doutros lugares. Alén das fronteiras, figuras como Alexandro Magno, Heródoto, Adriano, Marco Polo, Zheng Hei, Cristobal Colón, Cook, Alí Bey, Malaspina, Humboldt, Hasekura Tsunenaga, Scott, Amundsen, etc; procuraron unha maior apertura de miras e tentaron dar resposta á curiosidade infantil que toda persoa leva dentro.

A finais do século XVIII e principios do XIX, o “Grand Tour” iniciático xuvenil, homes, aristócratas e ricos, era un rito previo á idade adulta, ao matrimonio, ou á consecución dun cargo público. Impulsada polo pensamento empirista que propugnaba que a orixe do coñecemento era a experiencia, contemplábase como unha viaxe pedagóxica e formativa meticulosamente planificada. Foi Richard Lassels quen acuñou o termo “Grand Tour” para referirse a esta peregrinaxe intelectual que pouco tiña que ver, en principio, cunha viaxe pracenteira aínda que os iniciados debían participar da axitada vida social das grandes capitais culturais facendose necesaria a presenza dun titor que velase e controlase as súas actividades e inevitables diversións.

Estas viaxes afectaron á arte en todas as súas facetas, ao gusto, ás formas sociais e, por suposto, á economía. A miúdo cristalizaban en obras literarias, como as de Sterne, Mary e Percy Shelley, Byron ou o mesmo Goethe, ou a grandes músicos como a familia Mozart que iniciou a súa particular xira para gañar diñeiro.

A Revolución industrial e o nacemento da burguesía propiciaron o desexo de emular á aristocracia. As viaxes do XIX foron perdendo a finalidade formativa e a viaxe ilustrada deixou paso ao viaxeiro romántico, ao divertimento como obxectivo e, finalmente, á chegada do turismo moderno.

Peirao de Venecia perto de San Marcos. Canaletto.

            Por primeira vez as mulleres tiñan acceso a estas experiencias aínda que de forma minoritaria. A miúdo esquecidas, moitas foron as que rompendo moldes sociais emprenderon as súas propias aventuras. Os nomes agochados de Exeria, a peregrina intrépida do século IV, Mary Wortley Montagu, May French Sheldon, a xornalista Nellie Bly, Amelia Earhart,a arqueóloga Mary Leakey ou a astronauta Eileen Collins, foron quen de loitar contra a máxima de que “unha muller non debe viaxar soa”.


Favorecido polos avances na comunicación terrestre, marítima e aérea, os custos das viaxes reducíronse  e fixéronse máis seguros acortandose tempos e espazos. Non faltaba moito para as viaxes masivas do século XX e o turismo de computador vixente no século XXI. Un turismo de comunicación en liña onde as webs corporativas rastrexan aos seus potenciais consumidores competindo pola actualización constante e o incremento na accesibilidade en multitude de formatos (móbiles, Ipods, Psp, etc.) coa intención de captar facilmente a atención da persoa consumidora en tempo real. Unha industria onde as novas tecnoloxías, internet das cousas e o big data, son capaces de anticipar e personalizar as experiencias, onde traballan incansables os filtros burbulla dos que fala Eli Pariser.

Con todo, de xeito insaciable, o turismo virtual posibilitounos a visión do mundo detallado en 360º pero xa non era suficiente. O mundo empequenecido no que o Everest atáscase cuha morea de pseudoescaladores (todos podemos e queremos escalar), as cidades, como Cancún, nacen pensadas como destinos turísticos mundiais e prantexámonos xa a posibilidade de viaxar ao espazo exterior, nun turismo interespacial que máis que futuro semella unha cercana realidade.

No titulo do libro, Osborne utiliza o termo “turista” a diferenza da “persoa viaxiera”. Ambos os termos non teñen por que identificarse ou parecerse pois interactuar e  integrarse require de tempo para sentir e o turista carece del en orixe.

A voráxine consumista resultaba imparable ata que o COVID -19 paralizou toda a engranaxe económica e mental que o sustentaba. Cunhas cifras demoledoras, miles de empresas e millóns de empregos colapsados ou perdidos, as fronteiras rexurdindo, as incertezas e interrogantes sustituíron no aire aos avións.  Cara a onde ir?, que camiño tomar? Cómo viaxar a partir de agora? Como interactuar e actuar?.

Quizais aínda hoxe non nos demos conta da situación ou non queramos facelo para continuar proxectando un soño de normalidade perdida. Tony Weeler, cofundador de Lonely Planet, di confiar en que o turismo volverá menos masificado e máis sustentable. Agardamos que así sexa pero, ata que punto non segue falando das viaxes como negocio?.

 O certo é que hai alternativas. Talvez debamos ser máis eco-visionarios otorgandolle máis importancia ao equilibrio entre a actividade humana, o turismo e a salvagarda da natureza, as paisaxes, os costumes ou as tradicións. Posiblemente os humanos debamos ser mais humildes, cambiar a nosa forma de pensar e actuar na procura dunha nova realidade. 

 

En Utopía: historia dunha idea, Gregory Claeys móstranos como o home ten perseguido moitas e variadas utopías. Desde a prehistoria tivo unha necesidade de viaxar, de conectar co pasado ou co futuro para darlle sentido ao seu presente. As viaxes xeográficas e interiores resultaban vitais e as pinturas de Altamira ou os psicotrópicos dos anos hippies respostan a esa busca constructiva que non debemos perder.

Vargas Llosa narra  en “O paraíso na outra esquina” os avatares de Paul Gauguin e a vida da súa bisavoa a escritora feminista Flora Tristan. Cando este atravesou os mares ata chegar a Taítí fíxoo na procura do primitivismo e fuxindo da sociedade europea colonial. Outro Paul, Cezanne, decide nesas datas percorrer o seu propio camiño interior sen necesidade de moverse da súa Francia natal (tampouco Proust precisou saír da súa habitación para viaxar e a imaxinación de H.G.Wells permitiulle transitar no tempo mediante viaxes científicas co que engaiolar aos seus lectores e lectoras). A arte e a literatura son froito en si mesmas  de autenticos  viaxes. Alicia e país das marabillas, As mil e unha noites, a sátira de Gulliver e a psiquiatríca epopeia de Robinson Crusoe son só algúns exemplos.

Para Osborne o problema do viaxeiro actual é que xa non lle quedan destinos. O mundo é unha xigantesca instalación simulada onde atopar “algo exótico” e recuperar a sensación infantil das aventuras resulta xa imposible. É certo que existe crítica ao consumismo e interese antropolóxico en Osborne pero no fondo o libro tamén reflicte outra realidade, algo que persoalmente non me gusta, e é que escribe de homes para homes. Lembro neste intre a obra de Foster Walace centrada na denuncia do consumismo e o malgasto pre-Covid, promovendo incluso as gargalladas do esperpento mentras destíla misoxinia.

Se o voso interese vos leva cara á visión antropolóxica como viaxe a outras culturas, recoméndomosvos encarecidamente a lectura de O antropólogo inocente e Non é un deporte de risco de Niguel Barley.

 

  Deseño: Soulbande / MVG

Instalación: Por motivos Covid 19, non haberá instalación.

Organización: Biblioteca de Torrecedeira.