Mostrando entradas con la etiqueta Deseño gráfico. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Deseño gráfico. Mostrar todas las entradas

viernes, 16 de septiembre de 2022

reseñas 29. Roba como un artista: las 10 cosas que nadie te ha dicho acerca de ser creativo.

 


Austin Kleon (Ohio, 1983)


Biografía

Austin Kleon é escritor e artista. É autor da colección de poesía Newspaper Blackout. O seu traballo presentouse na edición matutina da National Public Radio, en NewsHour da PBS, The Wall Street Journal e varias páxinas web como 20x200.com. Vive en Austin, Texas e o resto da súa vida pásao en www.austinkleon.com









Por Juli Molares Cardoso.

Profesora axudante doutora do Departamento de Comunicación audiovisual e publicidade da Universidade de Vigo.

Directora da Área de imaxe da Universidade de Vigo.

Comunicadora, deseñadora e personal Brander.



    O verbo roubar e o termo creativo dentro do un mesmo título poden xerar certa confusión. Máis confusión da que xa de seu xera a expresión “ser creativo”, moitas veces asociada unicamente con artistas ou publicistas atormentados, ególatras que durante moito tempo xactáronse de posuír unha habilidade case divina que só uns poucos podían ter. A síndrome do impostor sobrevoaba as mentes daqueles que tentaban pensar fora do espazo acoutado ou do previsible e esperado para eles.


Este libro é unha reflexión breve pero concisa sobre como a creatividade se pode desenvolver, traballar e potenciar en calquera ámbito. Trátase de profundar na túa propia visión e as túas posibilidades creativas, cambiar a forma en como ves e interpretas a túa contorna. A creatividade é vincular cousas de forma diferente, baséase na interpretación, o coñecemento e a experiencia e, por iso é para todos independentemente do campo ou a profesión.

 Sexas quen sexas e fagas o que fagas deberías ser creativo. Este libro ofrece un camiño fácil de seguir sen medos nin inseguridades. Para ser máis creativo necesitas traballar de forma constante e a lume lento os seguintes ingredientes.



Selección de palabras preferidas, 1984.
Colección Nick Cave, the Arts Centre, Melbourne

O primeiro recóllese no propio título, convídache a roubar como un artista, ofréceche unha visión
tranquilizadora sobre que nada é completamente orixinal, as ideas
son o resultado dunha mestura dunha ou máis dunha. Hai que estar atento a aquilo que nos rodea e anotar os pensamentos ou observacións dignos de roubar e conservar, é necesario construír os teus propio arquivos de roubos. Recompilación que che permitirá recuperalos cando necesites buscar inspiración.

    Por iso, é máis que aconsellable ler todo o tempo, visitar bibliotecas, non se trata tanto do libro co que empezas senón o libro ao que chegas. Hai que ser curioso, hai que buscar referentes, ir cada vez máis lonxe e deixar entrar novas ideas e pensamentos nas nosas vida. Es o resultado daquilo que deixas entrar na túa vida e canto mellores sexan as cousas das que che rodeas, canto mellores sexan as ideas, o ámbito de influencia será maior.

    O segundo ingrediente fai referencia á espera do momento adecuado. Non, non hai que esperar a saber quen es para poñer as cousas en marcha. Crear e facer cousas axúdache a atoparche, por iso debes copiar, aprendes copiando. Aprendes a escribir copiando o abecedario, aprendes a tocar practicando cancións xa escritas... Ninguén nace con voz ou estilo propio, hai que traballalo.

Ademais isto non debe supoñer un problema xa que o ser humano é incapaz de facer copias perfectas, o que si debes saber é a quen queres copiar. Se copias a un referente seguramente te convertas no seu sucesor pero, se roubas por centos de referentes atoparás a túa diferenciación e evolucionarás. Ao buscar referencias a seguir, o bo ladrón honra, estuda, observa múltiples alternativas de roubo, transforma e mestura. Tenta focalizar os teus esforzos naquilo que che gusta, potencia iso, investiga... escribe ti o libro que che gustaría ler.

 O seguinte punto telo integrado no teu corpo, son as túas mans, úsaas!. A falta de conexión directa entre o teu cerebro e as túas mans está a matar o teu traballo. O computador é moi útil para editar ou preparar as ideas antes de publicalas pero non serve para xeralas. É necesario sentir que fas algo co teu corpo, non só coa túa cabeza e moitas veces empezas a editar ideas antes de xeralas e iso é un erro. Por iso se é posible, é moi sano ter dous espazos de traballo separados, un analóxico e outro dixital, un espazo para a creación e outro para a edición.

    Ademais debes poñer en práctica a procrastinación produtiva, os proxectos e os hobbies persoais son importantes. E se che gustan varias cousas, queda con todo, deixa que interactúen e flúan para que xurdan cousas novas, non te preocupes en absoluto por non atopar unha visión completa e unificada. Aí reside a maxia, nesas cousas que fas para pasar o intre e que che gustan e gozas. É necesario sentar, recrearse, perderse e chegar a sitios onde nunca chegarías se estás ocupado. O estar ocupado todo o día potencia a estupidez humana.

  

Imaxe urbana  en Porto.
     Non teñas medo a compartir o teu traballo. Cando o fas aprendes moito do teu público e, se tes algún tipo de temor podes presentar unicamente os puntos de conexión. Tenta contemplar cousas que ninguén máis ve. O mundo é líquido, xa non tes que vivir nun determinado sitio para poder coñecer ou conectar con determinadas persoas, o factor xeográfico xa non manda. É mellor construír o teu propio mundo, o teu propio espazo para pensar, traballar e establecer conexións. Iso si, viaxa, coñece sitios, xa que o teu cerebro entra en zona de confort cando se afai á contorna e non ve nada novo. E coñece xente, moita xente, non só do teu campo, senón persoas que acheguen, xente que che alimente creativa e socialmente.

    Debes ser amable, é moito máis intelixente facer amigos que buscar inimigos. E os amigos fanse dicindo cousas boas deles, sendo amable. Non te enfades, canaliza esa enerxía negativa e produce, ponte a traballar, sácalle rendemento. Xúntate con xente boa, persoas con talento ás que admires, lembra que es tan bo como a xente que che rodea. Se curioso, enérxico, disposto e amable. Casa ben, non só coa túa parella senón tamén cos teus amigos e a xente que che acompaña nos negocios.

    Afástate da idea do xenio creativo consumidor de substancias, cóidate!. Desenvolver e potenciar a túa creatividade necesita moita enerxía, aliméntache e descansa correctamente. Coida tamén o teu peto, aprende canto antes todo o que necesites saber sobre o diñeiro para tentar afastarche do estrés financeiro. Móvete, a inercia mata a creatividade, non te deteñas e planifica. Crea un calendario con metas específicas e anota eses detalles do día a día que che axudarán a lembrar cousas importantes.

    Por último non te esquezas que ser creativo é aprender a restar, é aprender a seleccionar as opcións importantes. Nada limita máis o teu pensamento creativo que as posibilidades infinitas e ilimitadas, iso supón unha invitación ao bloqueo creativo.

 

    E agora que? Agora sal aí fora e empeza a roubar!. Palabra de creativo.