miércoles, 1 de abril de 2020

reseñas.13. Cambiemos el mundo. #HUELGAPORELCLIMA.

   
    Greta Thunberg. 2003. Estocolmo.

                                 
                                                ABRIL- MAIO  DE DOUS MIL VINTE.


Biografía

     A maior das dúas fillas de Malena Ernman, cantante de ópera, e de Svante Thunberg, actor. Estudou piano, ballet e teatro. Diagnosticóuselle síndrome de Asperxer; trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH); trastorno obsesivo-compulsivo (TOC) e mutismo selectivo.
     Tras as ondas de calor e os incendios forestais no seu país, en agosto de 2018, acababa de comezar o noveno grao cando decidiu non asistir á escola ata  as eleccións xerais en Suecia en setembro dese ano.
    Admiradora de Rosa Parks,  inspirouse para a súa idea da folga estudiantil nos alumnos do instituto de Parkland, en Florida, onde morreron 17 persoas en febreiro de 2018 debido a un tiroteo. Sentou fóra do Riksdag todos os días durante as horas escolares co lema Skolstrejk för klimatet (folga escolar polo clima) esixindo que o goberno sueco reducise as emisións de carbono segundo o Acordo de París.  En decembro, máis de 20.000 estudantes realizaran folgas en polo menos en 270 cidades. Despois da conferencia COP24 nese mesmo ano, António Guterres, secretario xeral da ONU, deu o seu apoio a estas folgas escolares. 
      Thunberg dirixiuse ao cume das Nacións Unidas sobre o cambio climático da COP24, e tamén falou ante a asemblea plenaria. Participou nunha charla xunto con representantes da We Don' t Have Time Foundation e en xaneiro de 2019, chegou convidada polo Foro de Davos (Suíza) para continuar coa súa campaña climática. 

     En febreiro de 2019, participou nunha conferencia do Comité Económico e Social Europeo e falou co xefe da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, ao que esixiu que a UE cumprise os obxectivos climáticos reducindo as súas emisións de CO 2 nun 80%.
     Galardoada coa bolsa Fryshuset do Modelo Novo do Ano, a revista Time nomeouna como una dos 25 adolescentes máis influintes do mundo en 2018.
    Con gallo do Día Internacional da Muller foi proclamada a muller máis importante do ano en Suecia en 2019 e recibiu o premio á Protección Climática Especial Goldene Kamera de Alemaña así como o Prix Liberté de Normadie, Francia, e o  Premio Fritt Ords de Noruega compartido coa Organización Natur og Undon.
     Nomeada candidata ao Premio Nobel da Paz, triste e enfadada, Greta recriminou con furia aos líderes mundiais na sede de Nacións Unidas, pola súa inacción para reverter a crise climática e para dicirlles que os mozos ían actuar. Inmediatamente despois da súa intervención, xunto a outros quince nenos e nenas, mozos e mozas de distintos países, presentou unha queixa oficial ante o Comité de Nacións Unidas para os Dereitos do Neno.
       A revista Time incluíuna como unha das 100 persoas máis influentes de 2019 e dedicoulle a súa portada.

   

     
Por Manuel Velasco Graña.

     Neste libriño, de apenas setenta páxinas, recóllense os discursos que a afouta adolescente sueca, Greta Thunberg, pronunciou en distintos organismos ou foros: ONU, Davos, Consello Social Europeo, Parlamento europeo, charla TED...
      Greta, que comezou a interesarse polo cambio climático sendo ben nena, fai uns discursos cortos, directos e contundentes nos que denuncia  sen ambaxes a crise climática que como ela di, é o maior  e complexo desafío que o homo sapiens ten que afrontar. 
     Diagnosticada de asperger, trastorno obsesivo compulsivo e mutismo selectivo, non se laia destas condicións senón que as aproveita para convertelas nun superpoder  que lle permite ser diferente e non ver o mundo coa indiferencia e incoherencia dos seus coetáneos.
      A súa loita pública comezou en agosto de 2018 cando tomou a decisión de se sentar diante do parlamento sueco todos os venres cun carteliño que puña: “Folga escolar polo clima” #folgapoloclima. 

     O primeiro día estaba ela soa co cartel, o seu chuvasqueiro amarelo e o gorro branco de lá  que facía que destacaran as súas icónicas trenzas.

     Esta solitaria acción ben pronto se convertería no movemento global no que agora están implicados escolares e activistas de todos os recunchos do mundo. 
    Farta tamén da influencia que os negacionistas climáticos teñen nos medios de comunicación, e das incoherencias que mostran a maioría dos activistas medioambientais, o seu compromiso lévaa a non subirse os avións, a cruzar o Atlántico nun catamarán a vela, a non comer carne ou a usar o coche eléctrico, malia todos os problemas loxísticos que estes medios lle poidan ocasionar. 
     
     Thunberg tamén é unha visionaria que non só fala para a súa xeración senón que fai o esforzo de ver o mundo cos ollos dos que aínda non son nados, e reivindicar así, o dereito das xeracións futuras a coñecer o mundo sen os estragos medioambientais que o noso  estilo de vida  están a provocar. 
     A súa lóxica lévaa a ser tamén crítica co sistema educativo: “ De que sirve ir a escola a aprender datos, se os datos que nos proporciona a ciencia non se teñen en conta e non significan nada para os nosos políticos e para a sociedade” e mesmo a tocar a conciencia de moitos teóricos medioambientais cando di: “Todo o que se ten feito  nos últimos trinta anos, placas solares, enerxía eólica, economía circular... non funciona, as emisións non diminuíron”. Ou a afirmar con contundencia: “Se as emisións teñen que parar, daquela debemos paralas. Isto é branco ou negro. Non hai grises cando se trata de sobrevivir. Ou continuamos existindo como civilización ou non. Temos que cambiar”. Así mesmo, os datos que dá mostran a nosa incongruencia: “Actualmente utilizamos cen millóns de barrís de petróleo ao día. Non hai políticas para cambiar iso. Non hai leis para que ese petróleo quede baixo terra. De modo que non podemos salvar o mundo acatando as normas. Porque as normas teñen que cambiar. E teñen que empezar a cambiar hoxe”. 
   
     Fornecida cos datos que proporcionan os científicos e expertos, asegura con contundencia: “Estou aquí para dicirlles que a nosa casa está ardendo. Segundo o IPCC (Grupo intergobernamental de expertos sobre o cambio climático) en menos de doce anos xa non poderemos corrixir os nosos erros. Neste tempo é preciso realizar cambios sen precedentes en todos os aspectos da sociedade, entre eles reducir as emisións de CO2 ao cincuenta por cento como mínimo”. 
     O seu compromiso non está exento de críticas e mesmo de  ruxe-ruxes cheos de maledicencia, rancor e desprezo. Outros tamén a acusan de estar manipulada dicindo que hai alguén detrás dela, ou que recibe cartos doutras persoas ou organizacións e mesmo que lle escreben os discursos. Con respecto a esta última crítica di: “E, si, escribo meus discursos. Mais como sei que o que digo vai chegar a moita xente, acostumo a pedir opinión. Tamén conto coa axuda de científicos á hora de explicar as cuestións máis complicadas. Quero que todo sexa extremadamente preciso para non difundir información errónea ou cousas que poidan malinterpretarse”.
     
Os seus dezasete anos non se lle pode pedir máis, Greta é unha audaz, comprometida e intelixente activista climática que está a tocar as nosas conciencias ao cuestionar a desfeita que está a provocar a ambición desmedida fomentada por un sistema económico  que está a queimar a  vela polos dous cabos, comprometendo o futuro das vindeiras xeracións. 
   

    O informe que en febreiro de 2020 presentou  a Organización Mundial da Saúde, Unicef e The Lancet, revela  que a saúde e o futuro dos nenos e adolescentes do mundo atópase en perigo inmediato por mor da degradación ecolóxica e o cambio climático, polo que ningún pais lles garante un desenvolvemento axeitado. 
  Nun apartado deste informe se di: “ Os nenos e adolescentes teñen que estar no centro do debate dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e un dos principais é parar as emisións de carbono. Os países máis pobres teñen un camiño máis longo para conseguir un período de infancia saudable, mais os países ricos xa están ameazando o seu futuro. Estamos de acordo con Greta Thunberg cando di que o noso mundo está en chamas”. 
     O estudo asegura que malia que os países pobres teñen que redobrar os seus esforzos para que os nenos teñan vidas saudables, as excesivas emisións de carbono, desproporcionadas no caso dos países ricos, poñen en perigo o futuro común. 

     Si se cumpren as proxeccións actuais e o quentamento global supera os catro grados centígrados no ano 2100, as consecuencias para a saúde infantil serán devastadoras debido ao aumento do nivel dos océanos, as vagas de calor, a proliferación de enfermidades como o dengue ou o paludismo, e a malnutrición.
  
 A revista “Times” escolleuna en 2019 como a persoa do ano “por lograr converter unha incerta preocupación sobre o planeta nun movemento mundial que esixe un cambio global”. 
   Ogallá que a afouteza, claridade, compromiso e insistencia de Greta Thunberg chegue alén a xente nova, remova conciencias e faga que os cambios necesarios cheguen a tempo, non só para salvar o planeta senón tamén a especie humana.
     
     No medio da crise sanitaria na que estamos inmersos, 180 representantes políticos, directivos empresariais, sindicatos e ONGs piden que a UE supere esta recesión da man da loita contra o cambio climático a través dun Pacto Verde. As tres crisis que estamos a vivir: a sanitaria, a económica e a climática apunta como solución un profundo cambio do noso modo de vida. Greta xa fai tempo que ven berrando o que titula este libro: Cambiemos o mundo.