jueves, 26 de enero de 2023

reseñas 30. Petrocalipsis: crisis energética global y cómo (no) la vamos a solucionar.

 

Antonio Turiel Martínez



             Biografía.

    Antonio Turiel Martínez (nacido en León, 1970) é licenciado en Ciencias Físicas e Matemáticas e doutor en Física Teórica pola Universidade Autónoma de Madrid. É científico titular do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no Departamento de Oceanografía Física e Tecnolóxica do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona, onde traballa na observación por satélite dos océanos e na análise de recursos naturais. 

      Autor coñecido na súa faceta de divulgador científico, labor que realiza en conferencias, artigos e sobre todo a través do seu blogue ‘The Oil Crash’ https://crashoil.blogspot.com/, unha das grandes referencias en castelán sobre o problema do cenit do petróleo. 

     Sostén que nos plans para a descarbonización anunciados polos responsables políticos da Transición Ecolóxica hai “certos puntos escuros” que nos abocan a “un modelo megalomaníaco, tremendamente destrutivo e contaminante”. Recentemente, asesorou ao Senado no debate sobre a Lei de Cambio Climático.







            Por Manuel Velasco Graña.

            Bibliotecario Universidade de Vigo.






        “Xamais sairemos desta crise. Non, polo menos dentro do

         esquema económico e social do que nos dotamos”.


Logo do caracol e Decrecemento en referencia ás palabras de Iván Illich sobre a "Lóxica do Caracol"
Quen afirma isto non é nin político, nin economista, nin politólogo. É un científico, con formación en física e matemáticas. Ademais, é tamén un bo conferenciante e escribe libros nos que analiza, sen ambaxes, a realidade actual. Como científico afirma, non só que o noso sistema económico non pode seguir crecendo “ad infinitum”, senón que mesmo estamos condenados a decrecer. O noso planeta é unha “entidade física” e, por tanto, como todos nós, está sometido aos ditados da mecánica e da termodinámica.

Todos os capítulos deste libro inícianse  coa frase “Por que non”: Por que non sabemos, por que non podemos, por que non chegaremos, por que non funciona...Deliberadamente repite esta expresión para deixar claro que moitas das cousas que estamos a facer agora mesmo NON representan a solución aos nosos problemas nin, previsiblemente, o farán nunca.

O primeiro “por que non” analiza as propiedades do petróleo, o zume da economía mundial. A nosa dependencia está ben xustificada, non hai produto que en tan pouco volume conteña tanta enerxía: un litro de petróleo contén trinta millóns de xullos de enerxía que son o equivalente a oito intensas horas de traballo dun traballador durante dez días.


En 2018 chegamos ao cénit de produción de petróleo, ao temido peak oil. Un problema tan grave que nos vai a obrigar a prescindir deste elemento aínda que nós non queiramos. En realidade, o petróleo vai abandonarnos moito antes de que nós renunciemos a el.

 A produción de cru convencional tocou fondo entre 2005 e 2006, desde entón foi caendo lentamente. Por sorte, a partir destes anos, e ata 2018, a produción compensouse cos crús non convencionais, é dicir, o petróleo proveniente dos líquidos do gas natural, os biocombustibles, os petróleos de augas profundas, os petróleos bituminosos e o petróleo proveniente do fracking. Todos estes produtos son máis caros de extraer que o convencional e ademais presentan outros problemas. Por exemplo, necesítanse douscentos pozos de fracking para producir o mesmo que un convencional; a explotación dos bituminosos, petróleos máis densos, faise con vapor de auga e para quentar este líquido é necesario contar con gas natural ou petróleo convencional; os petróleos do océano profundo, ou do Ártico, son de extracción difícil e pouco rendibles; os biocombustibles (ou agrocombustibles) teñen un 20% menos de poder enerxético e compiten cos usos alimentarios e, sendo máis caros, os gobernos prodúcenos con interese estratéxico, sobre todo, para diminuír a dependencia do exterior.

Gaseoductos Nord Stream desde Rusia.

    A produción de gas natural, outra alternativa ao petróleo, non chegou aínda ao seu límite de extracción máximo pero todo apunta a que o seu pico máis alto chegará sobre 2025, ou en todo caso antes de 2030. A distribución do gas natural expón outros factores xeopolíticos (como está a confirmar a guerra entre Rusia e Ucraína), xa que necesita confiar nunha rede de gasodutos que leve a materia prima desde o produtor ata os consumidores.

 

O carbón, é con diferenza, a materia prima que conta coas reservas enerxéticas máis grandes, aínda que xa se explotaron os de máis fácil extracción e máis poder calórico. Segue sendo competitivo para a produción de electricidade pero, pola contra, é moi contaminante. Aquí é preciso sinalar que o carbón de coque, un carbón con alto poder enerxético, é imprescindible, de momento, para a produción de aceiro.


A enerxía nuclear é a enerxía non renovable que ten a achega máis modesta, apenas un 4,4 % do total. Ten un baixo nivel enerxético e non move barcos, coches ou camións pois só serve para producir electricidade. O uranio, o seu principal combustible, comeza a escasear. A fusión nuclear, a pesar das optimistas noticias dos medios, para o autor, é unha tecnoloxía que non estará dispoñible antes de 2050.

En canto ás renovable, a enerxía hidroeléctrica é unha tecnoloxía longamente explotada con pouco potencial engadido que ofrecer. A capacidade hidroeléctrica vai minguar a favor doutros usos da auga e o cambio climático vai facer que sexa inviable en moitas zonas. Ademais, a electricidade non é o combustible que máis necesita a nosa sociedade.


Os parques eólicos poden producir unha cantidade de enerxía que está moi por baixo do consumo actual. Está actividade está tamén orientada á produción de electricidade, enerxía da que xa temos moita produción. A construción, transporte e instalación dos aeroxeradores necesita grandes cantidades de enerxía fósil.

De todas as renovables, a solar é a enerxía con máis problemas e peor rendemento. O potencial técnico dos sistemas fotovoltaicos resulta insuficiente para cubrir a demanda actual de enerxía e teñen moitas máis limitacións do que en xeral se admite. Algúns dos materiais necesarios para a súa fabricación, como a prata, comezan a sufrir escaseza.

En definitiva, non poderemos manternos só con renovables e o aforro e a eficiencia só nos poden salvar nunha situación de racionamento forzoso, e a asunción destas medidas significará a imposición de algo máis drástico se cabe: o fin do capitalismo.

Os tecnooptimistas, partidarios de “a tecnoloxía todo proverao” ou os que soñan con que un día sacaremos o hidróxeno da auga e resolveranse todos os nosos problemas, tampouco saen ben parados neste libro, con datos científicos Turiel lémbranos que a enerxía que se consome para producir un combustible non pode superar á enerxía que se pretende conseguir (segunda lei da termodinámica).

A economía do hidróxeno, que se basea na idea de utilizar a enerxía eléctrica xerada polas renovables para producir, mediante electrólises, un combustible que podería ser almacenado e ser utilizado para mover vehículos, parece unha boa idea xa que se poderían utilizar os excedentes de produción das renovables e obter así un combustible que servise para mover todo tipo de maquinaria pesada. Encima, a queima de hidróxeno produce soamente auga, co que non é en absoluto contaminante e a auga recíclase por si mesma. Con todo, a pesar destas grandes vantaxes, e que se leven décadas falando disto, a economía do hidróxeno non ten ningunha implantación. Os científicos sábeno explicar moi ben: o hidróxeno non é unha fonte de enerxía. Non existen xacementos de hidróxeno nin ningún lugar de onde podamos extraelo puro. O hidróxeno precisa xerarse mediante algún tipo de reacción física ou química, e iso implica un custo enerxético que non pode superar á enerxía que se pretende conseguir. En resumo, o hidróxeno é un vector enerxético (unha forma diferente de enerxía para poder aproveitala despois noutro sitio) pouco versátil, excepto para usos moi concretos e moi ben planificados.

O lector de Petrocalipsis para verificar estas afirmacións pode repasar os tres principios da termodinámica para saber as relacións que hai entre a enerxía, a temperatura, a calor e o traballo, conceptos todos entrelazados por ser diversas manifestacións da organización e propiedades físicas da materia. Non son por tanto, unhas leis dos homes, que se poidan cumprir ou infrinxir, senón unhas Leis con maiúsculas que simplemente nos obrigan e impóñense da mesma maneira que o fan as ecuacións do electromagnetismo, a lei da gravidade, ou aquelas que rexen o mundo atómico e que nos din que arrincar a enerxía contida nos átomos resulta moi difícil e require moitísima enerxía inicial.


Noutro dos capítulos desmóntase o mito de que todos imos poder cambiar o noso coche de gasolina ou gas oíl, por un eléctrico. Véndesenos un futuro cegador de mobilidade eléctrica, pero o que hai agora mesmo é algo moito máis limitado. Non vai ser posible que todos teñamos un coche eléctrico, e tampouco vai resultar rendible facelo. Máis ben, o que temos que facer é modificar os comportamentos relacionados coa mobilidade. Temos alternativa para facelo todo pero non á mesma escala que o estamos facendo.

Cando analiza o cambio climático, lémbranos que desestabilizamos o clima do planeta. A historia da humanidade comeza a desenvolverse tras a última glaciación que se produciu durante o Holoceno, unha época climática óptima para os humanos e que permitiu a aparición da agricultura, hai pouco máis de dez mil anos. A época actual, a do cambio climático, coñécese como Antropoceno, unha na que cultivar alimentos vai ser moito máis difícil, con longos períodos de seca punteados por outros de inundacións. Se o Holoceno permitiu a expansión da humanidade, o Antropoceno pode supoñer a súa condena.

A relación de nons termina co capítulo que afirma que NON sairemos nunca desta crise. Para Turiel o problema é o capitalismo. Ou para ser máis precisos, é a necesidade de continuo crecemento económico inherente ao sistema capitalista. O diñeiro que se inviste hai que recuperalo cun certo interese, e é este interese composto o que xera a necesidade do crecemento. Sen un interese o suficientemente alto o capitalismo deixaría de existir, sería outra cousa.

A situación de descenso enerxético forzado vai xerar unha contracción económica, que non será constante nin tampouco igual en todas partes do mundo. Este descenso económico será de tal calibre que levará por diante o capitalismo. Non hai marxe para a negociación. Non hai nada que se poida facer dentro do capitalismo. Mentres non abandonemos este sistema a crise non acabará nunca.

Photo by Mario Tama/Getty Images.

E, conclúe, temos que saír á rúa e explicar o problema real. E, unha vez debatido o asunto, chegariamos a conclusión de que fai falta adaptarnos a unha contorna de decrecemento forzado e comezariamos a falar de como chegar a unha nova sociedade que poida xerar emprego e benestar sen necesidade de crecemento.

Para aqueles, que a pesar da advertencia de Turiel, seguen sendo partidarios do “pensamento positivo” poden ler só o último capítulo deste libro que ten o suxestivo título de “Que é o que realmente fai falta cambiar”. Daquela, ao final desta lectura, lles quedará un resaibo menos amargo.

Para concluír esta recensión é pertinente sinalar que a mediados de xaneiro de 2023, no cume de Davos, o secretario xeral da ONU, António Guterres, acusa as multinacionais dos combustibles fósiles de mentir sobre o impacto do seu negocio no clima planetario. “Do mesmo xeito que a industria tabaqueira, os responsables deben render contas”, aseverou Guterres. Se xa sabemos que o zume do capitalismo é o responsable do desastre, estamos moito máis preto de saber que isto só se arranxa cambiando o sistema. É hora de cuestionar o paradigma capitalista. Para evitar outros problemas fagámolo tendo en conta os  datos científicos.  Esta é a proposta principal deste libro.