lunes, 31 de enero de 2022

reseñas 24. Eugène Freyssinet.


José Antonio Fernández Ordóñez (1933-2000)

                                                                                 

                                     Eugéne Freyssinet.

 

Éditions du Linteaus Editores, 2012.

 

  FEBREIRO - MARZO de DOUS MIL VINTE E DOUS



Biografía

Fillo do tamén enxeñeiro de camiños Francisco Fernández Conde. En 1954 ingresou na Escola Especial de Enxeñeiros de Camiños. Acabada a carreira, empezou a traballar en IDEAM, oficina de estudos e proxectos que o seu pai fundara con Santiago Corral. Entre os seus primeiros traballos figuran os de prefabricación industrial de pontes, realizados por encargo de PACADAR, empresa ligada tamén ao grupo familiar. Con este motivo, en 1962 viaxou por Europa e América para visitar fábricas de formigón pretensado prefabricado e, en setembro de 1968, á Unión Soviética. En 1971 e 1972, bolseiro pola Fundación March, realizou un estudo técnico e social da prefabricación.

En 1960 foi nomeado profesor adxunto de Estilos Artísticos, na Escola de Camiños. En 1962 empezou a colaborar na revista O Cervo e, tras o seu doctoramiento en 1973, pasou a ser encargado da cátedra de Historia e Estética da Enxeñería que obtivo por oposición en 1981.

    Promoveu traballos de catalogación de obras públicas históricas que deron lugar a varias publicacións sobre pontes, presas e estacións de ferrocarril, diversos ensaios sobre a obra de Eugène Freyssinet ou a monografía de Eduardo Torroja.     En 1968 gañou, con Julio Martínez Calzón, o concurso para o proxecto da ponte de Juan Bravo, sobre o paseo da Castellana, en Madrid. En 1971 promoveu, coa colaboración de Eusebio Sempere, a instalación na contorna da ponte, dun museo de escultura abstracta. A instalación, colgada das pilas, da escultura A sirena varada, de Chillida, provocou unha viva polémica. Outros proxectos destacados realizados con Martínez Calzón, todos eles mixtos de formigón e aceiro, foron o do Nou Pont do Diable en Martorell, o de Tortosa, sobre o Ebro, o de Alcoy, o do Arenal de Córdoba, sobre o Guadalquivir, e a ponte do Centenario, en Sevilla.

    Coincidindo coa transición política española, foi elixido presidente do Colexio de Enxeñeiros de Camiños (1974-1979), desde donde impulsou a apertura da súa profesión ao mundo da cultura e ao diálogo coa sociedade, con intervención en todos os debates técnicos da época. Algúns fitos do seu mandato foron, á parte da aprobación de novos estatutos e a apertura de catorce delegacións rexionais, a creación dunha cooperativa de crédito e a compra e rehabilitación, para sede do Colexio, do palacete Garay, de Manuel María Smith, na rúa Almagro de Madrid. Impulsou a realización de exposicións sobre grandes figuras da enxeñaría e creou, con Juan Benet e Clemente Sáenz, a colección de libros de Ciencias, Humanidades e Enxeñaría.

    En 1980 foi nomeado colexiado de honra catro anos despois foi fundador do Centro de Estudos Históricos de Obras Públicas ( CEHOPU), colaborando nas súas exposicións e publicacións.

    Entre os seus traballos destacan tamén o proxecto da montaña Tindaya, onde colaboraba o seu fillo Lorenzo, arquitecto, ou o seu último gran proxecto, que non chegou a ver terminado, que foi o da ponte do Infante Don Henrique, no Porto.     O seu discurso de ingreso na Real Academia de Belas Artes de San Fernando estivo dedicado en 1990 ao pensamento estético dos Enxeñeiros.

    Vogal do Real Padroado do Museo do Prado, nomeado en 1993. Foi presidente do mesmo desde novembro dese mesmo ano ata o seu falecemento en 2000.

    "Gustaríame que se me lembrase pola substitución das cubertas do Prado", adoitaba dicir Fernández Ordóñez ante a necesidade de cambiar unha estrutura que filtraba auga ata os cadros de Velázquez. O proxecto inicial converteuse nun novo plan de ampliación en cinco edificios, ordenación das coleccións e 27 novas salas no edificio Villanueva. Durante o seu mandato aprobouse o proxecto do arquitecto Rafael Moneo para os novos usos na zona do claustro dos Jerónimos.






Por José Carlos Caamaño Martínez.

Profesor do Departamento Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción. Universidade de Vigo.




    Cando se fala de formigón, soe asociarse cun material recente, incluso ás veces se relaciona con paisaxes construídas pouco afortunadas esteticamente. Sen embargo, si se coñece realmente este material, esa imaxe non se corresponde coa súa esencia. Na realidade, nin o formigón é un material novo, nin pese a abusos cometidos, na súa natureza está servir para construcións pouco refinadas esteticamente.

    O nacemento do formigón non é froito da época da industrialización. Polo contrario, trátase dun material que ten varios miles de anos.

    O formigón forma parte dos materiais conglomerados, que se fabrican unindo pequenas partículas pétreas, de diferentes tamaños, mediante un conglomerante (o cemento) que aglutina estas partículas (áridos) ó reaccionar quimicamente co terceiro material básico do formigón: a auga, convertendo a mestura heteroxénea de áridos e cemento nun material similar a unha rocha, coa vantaxe de que mentres non endurece se lle poden dar formas moi diversas.

  


 
O formigón foi amplamente empregado polos romanos, hai mais de dous mil anos. Fabricábano cun cemento de orixe natural, que obtiñan mesturando cinzas volcánicas con cal viva. Un importante depósito destas cinzas atopábase en Pozzuoli, cerca de Nápoles, ó pé do Vesuvio. Esta é a orixe do nome do actual cemento de puzolana.


Figura 1. Vista exterior do Panteón de Agripa (Roma)
        Con ese formigón están construídos, entre outros grandes monumentos do imperio romano, o interior dos muros do Coliseo, ou o Panteón de  Agripa, ambos en Roma. Este último foi inicialmente construído entre os anos 27 e 25 a. de  C. e totalmente reconstruído entre os anos 118 e 125 d. de  C. tras un incendio sufrido no ano 80. A súa cúpula de formigón de 43’4  m de luz, foi unha referencia para outros grandes monumentos posteriores, pero as súas dimensións non foron igualadas ata moitos séculos despois.


    O emprego do formigón decaeu co ocaso da civilización romana, durante a idade media e os séculos posteriores (Risebero, 1982). Non é ata mediados do século  XVIII cando se volve utilizar, para a reconstrución do Faro de Eddystone no canal da Mancha, preto da costa sur de Inglaterra, que fora destruído xa varias veces polos temporais. 


Faro de Eddystone

Empregouse para elo un cemento a base de rochas calcarias con impurezas de arxila (1756). Sorprendentemente as impurezas de arxila non só non prexudicaban a calidade do material, senón que a aumentaban. Xa no primeiro terzo do século XIX, comezan a fabricarse cementos moendo conxuntamente rochas calcarias e arxila. Pero non é ata mediados deste século XIX que se fabrica o primeiro cemento artificial (que recibiu o nome de cemento Portland) no que a mestura de rochas calcarias e arxila se coce en forno antes de moer, mellorando ostensiblemente as súas propiedades. Este cemento, obtido en forno, substitúe así ó obtido polos romanos a partir de rochas de composición similar, nas que as altas temperaturas nas que se formaban eran consecuencia natural da súa procedencia volcánica.

    O formigón fabricado artificialmente en fornos, comeza a empregarse a mediados do século XIX como alternativa a outros materiais construtivos como o aceiro, a madeira ou a pedra natural.

O formigón ten unhas propiedades similares ós dun material rochoso. Boa resistencia cando se comprime, pero rompe con facilidade cando se somete a esforzos de tracción que tenden a estiralo (Gordon, 2004). Para evitar este inconveniente, xurdiu na segunda metade do século XIX o formigón armado, con barras de aceiro no seu interior. Este novo material composto, pódese considerar en certo modo, unha simbiose de dous materiais diferentes: o aceiro resiste os esforzos de tracción que non aguanta o formigón; a cambio, o formigón protexe da corrosión ó aceiro situado no seu interior, gracias ó pH básico do primeiro, o que inhibe os procesos de oxidación no aceiro. Como sinala Javier Rui-Wamba, coa aparición do formigón armado, que pugnaba co aceiro xa a finais do século XIX para a construción de estruturas, púxose en práctica unha máxima ben coñecida: “se non podes vencer ó teu inimigo, únete a el”[1] (Guyon, Rui-Wamba, & Fernández-Alba, 2003).

Figura 2. Joseph Monier.
Debuxos da patente alemá de 1880 (Gössel &Leuthauser, 2001)

    O primeiro formigón armado con aceiro no seu interior, ou alomenos a súa primeira patente, rexístraa un xardineiro francés, chamado Joseph Monier, que en 1867 obtén unha licenza para a fabricación de pezas de xardinería feitas cunha armazón de aceiro recuberto de formigón, conseguindo reducir considerablemente o espesor dos elementos. A Monier atribúese tamén a construción en 1875 da primeira ponte de formigón armado, nos xardíns do Castelo de Chazelet en Francia, cunha distancia entre apoios duns 14 metros. Na Exposición Universal de París de 1885, Monier e o enxeñeiro francés François Coignet, asociados, presentan elementos estruturais realizados en formigón armado, coma vigas e bóvedas así coma conducións tubulares.


 

Figura 3. Edif.de vivendas en París (1902-1905)
 Auguste Perret. A.Phillips.

    Nos primeiros anos do século XX comeza a utilizarse o formigón armado en obras singulares, e para usos diversos. Comezan a construírse os primeiros edificios realizados integramente en formigón armado (Hennebique & Perret 1902-1905, París). Así mesmo empeza a incluírse o estudo deste novo material e os seus primeiros procedementos de cálculo, nos programas das carreiras técnicas nas universidades.







    Figura 4. Cuberta do Hipódromo da Zarzuela, Madrid.
Eduardo Torroja. CEHOPU.




     O pioneiro da introdución do formigón armado en España, a finais do século XIX, foi José Eugenio Ribera, que foi tamén o primeiro profesor de formigón na Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Pontes de Madrid. Sen embargo, quizais a figura máis coñecida[2] no ámbito do formigón en España, é Eduardo Torroja, tamén docente na mesma Escola, referente internacional en investigación e publicacións, autor de numerosos proxectos de estruturas de formigón (Ponte de O Pedrido, cuberta do Hipódromo da Zarzuela, frontón de Recoletos,...) e co-fundador e primeiro director do instituto de investigación sobre construción, que actualmente depende do CSIC e leva o seu nome (Instituto de Ciencias da Construción Eduardo Torroja, Madrid).

 Un gran salto no uso de formigón en elementos de grandes dimensións, produciuse coa aparición do formigón pretensado, a principios do século XX. Esta técnica permite construír estruturas que cubren grandes distancias entre apoios, como poden ser: pontes en canles de ríos caudalosos, grandes vales en paisaxes montañosos, ou amplas distancias en vías que salvan accidentes costeiros mariños. Amais, o pretensado mellora con elegancia solucións a problemas de grandes cubertas, conseguindo aumentar a separación entre pilares intermedios. Tamén resulta útil no caso de depósitos nos que debe garantirse a súa estanquidade, evitando o risco de fugas por fisuras no formigón.

A invención do formigón pretensado débese ó enxeñeiro francés Eugène Freyssinet, que foi amais de construtor, empresario e inventor de recoñecido prestixio. Freyssinet proviña dunha familia de artesáns rurais, que rexentaban un muíño de fariña, e que pasou por dificultades e escaseza de recursos. Dende moi novo estivo e contacto cos artesáns dos distintos oficios que reparaban e introducían melloras no muiño familiar, aprendeu as súas técnicas e desfrutaba con elas. Formouse como enxeñeiro nas prestixiosas Escola Politécnica e Escola de Pontes e Camiños de París. O seu primeiro traballo como enxeñeiro foi na Oficina de Pontes e Camiños da localidade de Moulins, no interior de Francia, asesorando a alcaldes rurais no proxecto e execución de pontes. Tivo así ocasión de poñer en práctica as súas vocacións de proxectista e de construtor, gañando prestixio entre as autoridades con solucións enxeñosas e económicas. A necesidade de agudizar o seu enxeño veuse incrementada coa primeira e a segunda guerras mundiais. Por un lado serviu coma oficial no exército, e por outro foi o enxeñeiro que proxectou, reparou e dirixiu numerosas construcións que nesa época se usaron para fins militares.

En 1928 Freyssinet inventa e rexistra a primeira patente de formigón pretensado, unha patente que como el mesmo dixo, “iba revolucionar a arte da construción” (Freyssinet, 1992).  A súa idea era aparentemente simple: se o formigón resiste ben a compresión, pero se fisura facilmente por tracción, porqué non introducir nas zonas traccionadas unha compresión previa mediante cables de aceiro adheridos a el, de xeito que en vez de traccionarse cando traballe, simplemente se descomprima (é dicir, que a resultante das compresións iniciais e as traccións posteriores siga sendo unha compresión, evitando así a aparición de fisuras). Tras esta invención, o enxeñeiro francés arriscou o seu prestixio, carreira e fortuna, embarcándose na creación dunha compañía adicada a aplicar o seu invento, a (STUP, siglas de Société Technique pour l’Utilisation de la Précontrainte), que na actualidade leva o nome comercial do apelido do seu fundador.

      
Figura 5. Construción dos hangares para dirixibles.
Aeroporto de Orly por E. Freyssinet.(Regalado, 1999)

Freyssinet poñía a intuición enxeñeril por diante de grandes deducións matemáticas, nunha época na que os modelos de comportamento do material aínda non eran ben coñecidos. El mesmo tivo que reformulalos xa que se atopou con problemas de deformacións non previstas nas primeiras estruturas de formigón que proxectou, que corrixiu con gran lucidez, introducindo gatos hidráulicos para compensalas. Empregou con mestría encofrados modulares en obras como os senlleiros hangares de dirixibles do aeroporto de Orly (París 1923, destruídos en 1944 por un bombardeo durante a guerra) que permitían un rápido avance nas tarefas de construción, e por outro lado gañar rixidez grazas á súa forma de lámina pregada. Tiña interiorizado que desperdiciar material era traizoar os seus principios. Estaba dotado dunha alta consideración pola misión social dun construtor, do que entendía que depende en gran medida a prosperidade ou decadencia, a felicidade ou infelicidade da comunidade para a que traballa.


        A biografía máis detallada de Eugêne Freyssinet foi escrita polo enxeñeiro, humanista e profesor, José Antonio Fernández Ordóñez, e publicada en 1978. Esta edición foi vendida e posteriormente descatalogada, converténdose nun clásico. A historia da edición do libro que nos trae a estas páxinas deu un xiro inesperado no ano 2021, cando aparecen nun fallado da familia unhas caixas con orixinais correspondentes a aquela única edición de 1978. A familia do autor, falecido no ano 2000, tivo a xenerosidade de poñelos ó acceso dos interesados.

     Durante todo o século XX seguiuse avanzando no coñecemento e na utilización do formigón para todo tipo de obras. Unha mostra de exemplos ilustrados desta época pode atoparse en (Gössel & Leuthäuser, 2001) e en (Cassinello, 1996), nos que se poden atopar imaxes das construcións de arquitectos e enxeñeiros que desenvolveron a utilización do formigón a partires do século pasado.

 

Bibliografía

Cassinello, F. (1996). Construcción. Hormigonería. Alcorcón (Madrid): Rueda.

Fernández Ordóñez, J. A. (1978). Eugène Freyssinet. Barcelona: 2c Ediciones.

Freyssinet, A. E. (1992). Asociación por la Memoria y el Reconocimiento de los Trabajos de Eugène Freyssinet. Obtenido de Association Eugène Freyssinet: http://efreyssinet-association.com/

Gordon, J. (2004). Estructuras o por qué las cosas no se caen. Madrid: Calamar Ediciones.

Gössel, P., & Leuthäuser, G. (2001). Arquitectura del siglo XX. Köln: Taschen.

Guyon, F., Rui-Wamba, J., & Fernández-Alba, A. (2003). www.esteyco.com. Obtenido de Fundación Esteyco: https://www.esteyco.com/wp-content/uploads/2017/02/eugene-fressynet.pdf

Regalado, F. (1999). Breve introducción a las estructuras y sus mecanismos resistentes. Alicante: Cype Ingenieros.

Risebero, B. (1982). Historia dibujada de la arquitectura. Madrid: Hermann Blume.

 

 


[1] “Eugêne Freyssinet. Un ingeniero revolucionario”, Javier Rui-Wamba et al., Fundación Esteyco, 2003

[2] Máis popular é a súa neta, Ana Torroja, do grupo Mecano