Mostrando entradas con la etiqueta música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta música. Mostrar todas las entradas

lunes, 5 de septiembre de 2022

reseñas 27. La muerte del artista: como los creadores luchan por sobrevivir en la era de los billonarios y la tecnología.

 

William Deresiewicz

Biografía

    Ensaísta e crítico galardoado, orador frecuente en universidades, escolas secundarias e outros lugares, e autor do éxito de vendas O rabaño excelente. Como superar as carencias da educación universitaria de elite. 

    Deresiewicz publicou máis de douscentos ensaios e recensións. Gañou o Premio Hiett en Humanidades, a Mención Balakian á Excelencia na Crítica e un Premio Sydney; tamén foi nomeado en tres ocasiones ao Premio Nacional de Revistas. O seu traballo, que apareceu en The New York Times, The Atlantic, Harper’s Magazine, The American Scholar e moitas outras publicacións, foi traducido a máis de quince idiomas e incluído en máis de trinta manuais universitarios e escolares. Ensinou Inglés en Yale e Columbia antes de dedicarse á escritura a tempo completo en 2008. Deu conferencias en máis de cento trinta institucións educativas e ocupou postos de visitante nas universidades de Bard, Scripps e Claremont McKenna, así como na Universidade de San Diego. 

    Deresiewicz é membro da Xunta Directiva de Tivnu: Building Justice, un espazo de xustiza social xudía en Portland (Oregón) e do Consello Asesor de Project Wayfinder, que dirixe programas de orientación en escolas de todo Estados Unidos e máis aló.

                                                                                       Tomado de:  Capitan Swing




          







 Por Jorge Perianes

                Artista e docente.


            Galería Max Estrella (Madrid)    https://maxestrella.com/es/artist/jorge-perianes/

            Galería Fernando Santos (Porto) https://galeriafernandosantos.com/artist/jorge-perianes/

             AFundación    https://www.afundacion.org/es/coleccion/autor/perianes_jorge


Estamos ante un libro que moitos dos meus compañeiros/as de profesión non queren ler, o motivo?, describe moi pormenorizadamente a realidade (artística), e a realidade é aquilo ao que moitos prefiren non enfrontarse (quizais hoxe máis que nunca).

     Ante todo un detalle: este ensaio analiza o sistema da arte americano, a súa situación, e este é ao que nós imitamos ilusionados desde hai décadas e décadas; restemos pois ao que nos di un coeficiente x moi elevado (para situarnos aquí) e aprendamos sinxelamente a valorar máis o logrado por algúns países europeos e o legado dos seus vastos pensadores humanistas (George Steiner, por poñer un exemplo).

    Dividido en seis partes concretas o libro analiza de forma metódica e concienzuda o panorama artístico actual nas diferentes ramas que existen: música, escritura, arte visual, cinema e televisión. Os artistas entrevistados responden de forma directa e comprometida ás duras preguntas expostas, algúns contestan baixo pseudónimo o cal nos demostra o grao de autenticidade das mesmas. Un exemplo: pódese mentir sen máis, xa que os artistas non falan de diñeiro, pero isto é quizais porque non lles convén; pais, cónxuxes, privilexios financeiros, etc., son o verdadeiro sostén de infinidade de artistas (algúns insospeitados, de primeira linea). Achámonos ante un mundo no que se manexa diñeiro pero está oculto.

    No Renacemento, cando os artistas eran considerados artesáns, as obras taxábanse nos encargos e especificábase todo: tamaño, tema, pigmentos empregados, tempos de entrega e enmarcados. Coa modernidade, coa arte en maiúsculas, arte e comercio exclúense, pasando a herdar o papel da a fé e a relixión (s. XVIII e XIX, Ilustración); vaise asociando paulativamente á espiritualidade, a transcendencia, a pureza e a orientación, e a Deus e ao diñeiro non se lle poden servir ao mesmo tempo.

Enterro do Conde de Orgaz.
 Doménikos Theotokópoulo
s
 

  
                Contrato dos traballos do retablo da capela maior. El Greco.
Hospital de Nuestra Señora de la Caridad. - Foto: A. Hco. Provincial



Seguindo a Hyde Lewis, Deresiewicz sinala como “A arte e os artistas deben estar no mercado, pero non pertencer a el”. Existe un desexo de ocultación no sistema artístico, quérese vindicar o xenio pero non os respaldos e cotenadas que se tiveron que dar para estar aí.

       


         A parte I, II e IV interesáronme excesivamente xa que analizan o panorama xeral en todos os seus aspectos (espazos, alugueiros, estudos, contexto, medios, diñeiro, etc.) e en que se está convertendo a arte hoxe en día, o que o autor chama “a cuarto paradigma”. Desenvolve, ata chegar ata el, unha rápida análise histórica dos tres sistemas de apoio económico que se estableceron na arte en todas as súas anteriores etapas temporais.

 Matrimonio Arnolfini. Van Eyck. 1434.

Isabel Clara Eugenia. A.Sánchez Coello. Ca. 1570

O primeiro paradigma correspondería ao do artista como artesán, propio dos inicios e asociado sempre ao poder relixioso e da corte (traballando para eles); o segundo paradigma é o que vai aparecendo no século XVIII cando o artista vaise convertendo aos poucos nun “bohemio” ou xenio, heroe, rebelde, profeta, pobre e famento, que traballa en solitario no seu estudo e que aínda desde na súa aparente negación xestual do mercado vive especificamente del a través da demanda da incipiente e poderosa burguesía (esta concepción do artista perdura curiosamente nos nosos días mesmo entre parte do profesorado universitario).

Sátiras del suicidio romántico.
Leonardo Alenza y Nieto.1839
.
O terceiro paradigma correspondería á arte institucional do século XX onde o artista pasa xa a converterse nun profesional e consecuentemente nun produto de mercado da florecente industria cultural nada despois da segunda guerra mundial (época do chamado “boom” cultural), aparece a universidade, os estudos especializados, o c.v., os premios, as bolsas, etc., en resumo: as credenciais; desenvólvese así unha sorte de carreira artística profesional que dará estabilidade ao creador, establecendo unha especie de compromiso a medio camiño entre unha misión sacra (vocación) e un traballo. A universidade pois terminaría coa figura do bohemio de barba rala, etc. (aínda que xa apuntamos que non en todos os casos).  


Emmy Hennings. A raíña Dadá.
               Interior do Cabaret de l'Enfern.París.
Wikipedia


É importante resaltar que cada un destes sistemas implica unha forma de formación, un tipo de público, modos de exposición, publicación e actuación, e que tamén se superpuxeron en numerosas ocasións as diferentes paradigmas.

Finalmente acaba Deresiewicz chegando ao meollo do libro: a cuarto paradigma, o actual, que analiza de forma lúcida e minuciosa. Na cuarto paradigma xa non hai nada sen mercado (os artistas están nel de cheo), as institucións xa non ofrecen protección, xa non existe a bohemia (debido á necesidade de afrontar alugueiros moi caros e débedas altas), o creador convértese nunha especie de home orquestra (administrador dun mini negocio) cunha personalidade de mercado, comercial, co deber de ser xenial, alegre e sempre próximo, que manexa unha carteira de clientes aos que debe alagar e que sempre levan razón. Outras características serían a velocidade que impregna todo, marcada polo ritmo acelerado da internet (instantáneo e viral), é o “agora ou nunca” onde gaña o breve, o brillante, o ruidoso, o fácil de entender (decaen a destreza e a complexidade), entrando así nun sistema de valores diferente que busca a impresión, a arte visceral e para un día, o entretemento. Todo debe competir, marca e márketing, nun proxecto netamente comercial onde está ben visto pensar no diñeiro. É por tanto obrigatorio construírse un personaxe e unha narrativa e atopar o teu “nicho”, a túa marca, que posibilite a comprensión e o seguimento do “fan” (de indiscutible poder nos nosos días) coa súa ascendencia directa mediante a súa “like” nas redes.

                  

A persistencia da memoria. Dalí, 1931.
 

Balloon Dog (Magenta) 1994. Jeff Koon. 

 Guggenheim Bilbao Museoa, Foto de Erika Barahona Ede


Asistimos desta forma a un declive dos expertos (críticos especializados) e ao auxe das alternativas populistas (moi conservadoras) que, como os rabaños, tenden a camiñar en círculos. A arte despunta como unha actividade creativa empresarial onde o artista pasa a ser un “emprendedor creativo” que emprega un idioma comercial propio do milenio (lembremos o influente libro de Richard Florida, “A clase creativa: A transformación da cultura do traballo e o lecer no século XXI”).

Silvio Lorusso
 

        A arte alíñase así ao deseño e ao entretemento, e son creativas agora as ciencias, a enxeñería, a informática, as matemáticas, a educación e as artes. A creatividade é pois necesaria para triunfar nun mundo empresarial que ten como modelo a seguir a Steve Jobs (o executivo artista).

     O artista Silvio Lorusso a acuñado un curioso termo para definir a situación: “emprecariado” (suma de emprendedor máis precariado); e por iso moitos autores prefiren pasar a autodenominarse “traballadores”, pero observamos que esta é unha definición que queda curta xa que tamén son capitalistas.

     Para alixeirar a carga foméntase en numerosas ocasións unha arte como traballo social, comprometido e útil, que apoie dalgunha forma concreta á comunidade (os exemplos neste sentido chegan a ser mesmo disparatados, por incoherentes e confusos, aínda que non deixen de ter un rumbo altruísta). Terminouse coa figura do artista xenio e solitario creando no seu taller angosto, agora trasládase fóra do mesmo para prestar un servizo á sociedade e á colectividade; convértese nun “producer” (produtor) en tanto que útil (un vocábulo de mercado).

     

Blanca Muñoz. Artista.
Académica Belas Artes San Fernándo.

Elvira Dyangani Ose.
 Directora MACBA. Barcelona

 Este é a cuarto paradigma, producir para un mercado ligando un proxecto tras outro (á espera deles), expostos e sen protección aos caprichos do sistema. Vivir de cheque en cheque e traballar sempre por encargos. Desta forma debemos pensar seriamente a posibilidade de estudar arte, variaron os estudos artísticos?, preparan para esta novo paradigma?; sobre isto reflexiona Deresiewicz, no primeiro apartado da Parte V, entrevistando a profesores e alumnos chegando a conclusións paradigmáticas. Poucos estudantes de agora sorprenden aos seus profesores con algunha idea ou acción rompedora, moitos académicos confésanllo, os alumnos son menos raros, son máis conservadores ou medorentos, optan sempre pola practicidade e adoitan elixir a vía profesional do deseño (en calquera das súas vertentes). Tamén é verdade que algúns profesores non son de moita axuda, “moitos non consideran que as perspectivas profesionais dos seus estudantes sexa algo do que teñan que preocuparse” ), e outros continúan co mito romántico do artista xenial, puro e solitario, e andan á súa busca.


  
Proxecto NFT Bored Ape

 
Outros detalles importantes: as webs, blogues, etc., Internet (a final de contas) prometeu a desintermediación, o acceso directo a clientes, pero en realidade converteuse nunha “reintermediación” onde o traballo do artista está peor pago e demándase sempre un máis e máis rápido (engadindo unha carita feliz no proceso). É o gran “trust”, pero debemos ter en conta que a gran riqueza non pertence a elas, ás tecnolóxicas, senón ás empresas de capital de risco, os grandes voitres. Spotify, Uber, Amazon, etc., puideron perder miles e funcionar a perdas durante anos grazas a elas , e desta forma desmantelar toda competencia e asegurar monopolios. As tecnolóxicas explotan e empobrecen aos produtores individuais, o contido gratuíto é incriblemente lucrativo, “desmonetizouse o contido, pero só no punto de venda. Para os que contan clics é unha mina de ouro”.

  
Lucy Bellwood.
Debuxante de aventuras profesional.
 Finalmente Deresiewicz esboza no final da Parte V unha sorte de conclusión que é, para o meu gusto, o máis frouxo do ensaio, quizais por precipitado ou simplista nalgunha dos seus partes, pero que contén un xerme potente: “non te lamentes, organízate”, xa que as respostas concisas tamén importan, suman e inflúen. Con todo enumera diversas ideas e propostas destacables: poñer coto aos monopolios (plataformas), maior respaldo institucional (porcentaxe de PIB maior), que o público teña voto maioritario (evitando así a corrupción das institucións), destacar e poñer en valor aos expertos (non a burócratas guiando o consumo), respectar o correcto funcionamento do mercado (aplicar normativas), sanear o ecosistema artístico (apoio ás clases medias para facelas coleccionistas) e asegurar contratos sólidos (que non fose necesario triunfar para non fracasar).

    De fondo non debemos esquecer que a devastación da economía da arte provén, do mesmo xeito que a gran parte do resto de desastres que afectan o século, de algo tan concreto como a desigualdade (crecente e sistemática). Nas nosas mans, na colectividade, e en todos os pequenos (ás veces mesmo grandes) proxectos comunitarios, está o poder parala.

martes, 5 de marzo de 2019

reseñas·5. Instrumental: memorias de música, medicina y locura. James Rhodes.

                                James Rhodes, Londres, 1975.

Instrumental: memorias de música, medicina y locura
Blackiebooks, 2015.

Instrumental: A Memoir of Madness, Medication and Music
Canongate Books Ltd., 2015.


FEBREIRO DE DOUS MIL DEZANOVE


Biografía

Naceu en 1975 en Londres no seo dunha familia xudía de clase media alta. Os seus primeiros estudos realizounos nun prestixioso colexio para mozos no que sufriu abusos sexuais por parte do seu profesor de educación física. Este feito, que non puido ser denunciado ata que pasaron trinta anos, marcou, para ben e para mal, a súa vida.
A súa formación académica oficial de piano non pasou do terceiro curso. Estamos ante un músico de formación basicamente autodidacta, pois non sería ata os 13 anos, ao entrar no Harrow School, outro colexio para minorías ricas, cando puido estudar cun verdadeiro profesor de piano: Colin Stone. Este decatouse do seu potencial e animaríao a participar no concurso Young Musician of the Year, mais non pasaría da segunda rolda.
A súa paixón polo pianista ruso Grigori Solokok levouno, nunha das súas crises vitais, a proporlle ao seu representante en Europa, Franco Panozzo, participar como socio no negocio da representación. Este, tras escoitalo tocar o piano na primeira visita que fixo á súa casa en Verona, amañoulle unhas clases co afamado profesor Edoardo Strabbioli. Estas titorías mensuais danlle a Rhodes a formación e a confianza que lle faltaba para volver á paixón abandonada dende había máis de dez anos.
O seu primeiro disco Razor Blades, Littel Pills and Big Pianos (Coitelas de afeitar, pílulas e pianos grandes) saíu en 2009 e, un ano despois, editaría Now Would Al Freudians Please Stand Aside (Agora por favor que os freudianos se afasten). A estes seguiríanos Bullets and Lullabies (Balas e cancións de berce) e Jimmy, o primeiro álbum de música clásica no que aparece a etiqueta Parental Advisory: Explicit Content (Advertencia para pais: contido explícito). Foi o primeiro pianista clásico que asinou un contrato con Warner Bros Records.

                                                                     
           

                   Por Manuel Velasco Graña.


«A música clásica ponma dereita.» Desta forma tan explícita e provocativa comeza este relato autobiográfico escrito cando o autor ten 38 anos. É unha historia sobre o poder terapéutico que pode ter a música na vida de alguén que tivo que vivir coas secuelas dos abusos sexuais sufridos durante a súa infancia. É tamén a historia dun músico nada convencional comprometido coa tarefa de sacar a música clásica do seu armazón ríxido e elitista. Asemade, é unha testemuña de quen, esporeado polas súas vivencias, se converte en activista para cambiar o mundo e a sociedade que permitiu os abusos, que tanto o condicionaron, que se produciran e se sigan a dar, con total impunidade.
O público lector, se quere, pode acompañar cada un dos seus vinte capítulos cunha recomendación musical que o autor introduce con historias pouco coñecidas, e un chisco provocadoras, dos seus intérpretes. Instrumental ten pois a súa propia banda sonora que os máis melómanos (ou curiosos ávidos de aprender) poden atopar en Youtube ou baixar de Spotify.
«Utilizáronme, fodéronme, desfixéronme, manipuláronme e violáronme dende os 6 anos, unha e outra vez, e así foi como pasou». E deste inferno que durou cinco anos só o salvou a música. Na casa da súa infancia atopou unha casete que contiña a gravación en vivo de «A Chacona», unha obra para violín que Bach compuxo tras a repentina morte da súa dona. Nela expresa, na súa parte final, toda a dor e todo o lamento que unha composición musical pode manifestar. «Esta peza converteuse no meu refuxio. Sempre que estaba angustiado repetíaseme na cabeza. A peza determinou a miña vida».
Os abusos convertérono nun supervivente de por vida e, en moitos momentos, a música será a táboa de salvación á que se vai ter que aferrar para recuperar, unha e outra vez, a cordura.
Aos 11 anos un cambio de colexio librouno do seu violador, mais non das consecuencias físicas e psíquicas de ter sido repetidamente violado. «Pasei anos, incluso décadas pegado ao retrete, era un neno ansioso que pasaba o día cagando, que non durmía, ao que lle daban ducias de tics cada hora, sen habilidades sociais, que sempre tiña medo, que se ofrecía sexualmente a descoñecidos, que bebía e fumaba...».
Con 13 anos entra nun colexio de elite no que estudará cinco anos. Aos 18 proponlles aos pais estudar a carreira musical, pero estes non ven a música como unha boa opción profesional. Cede ás expectativas paternas e comeza en Edimburgo a carreira de psicoloxía. O seu primeiro ano como universitario pasouno colocado con todo tipo de substancias, nunha irrefreable carreira autodestrutiva que o levaría a entrar por primeira vez nun psiquiátrico.
Un ano en París, o mellor da súa vida, axudouno a atopar os folgos e o xuízo necesario para poder acabar os seus estudos e graduarse cun bo expediente. 
Tras a licenciatura, os próximos dez anos dedícaos a desenvolver a súa carreira e a facer cartos. Casa, ten un fillo, e tras ir todo relativamente ben, sofre unha profunda crise vital que lle fai revisar toda a súa vida. De novo aférrase á música, desta vez para procurar que a súa paixón sexa tamén o seu medio para gañarse a vida. Contacta co representante de Sokolov, o músico ruso a quen considera o mellor pianista vivo do momento. Cando xa tiña un acordo pechado para participar na súa representación, o seu novo socio pídelle que toque algo no piano do salón. Ao rematar a improvisada interpretación dille: «James, levo vinte e cinco anos nisto da música e nunca escoitei ninguén tocar así o piano que non fose un pianista profesional. Vas vir a Verona todos os meses a estudar con Edo, que é o mellor profesor de piano de Italia». Así é como accede a que o seu profesor lle aprenda a técnica que lle faltaba e de paso lle fai ver que todo se trata de esforzo e ensaio.
Daquela, cando parecía que todo volvía ao rego, os demos de sempre que só estaban agochados esperando unha nova oportunidade, volvéronse presentar con máis forza e máis saña. Nesta ocasión, a recomendación dun psicólogo para que lle conte os abusos sufridos á súa muller, que ata ese momento non sabía nada, desata a tempestade. Outra vez os seus segredos máis vellos e tóxicos envelenan de novo a súa vida. E para expresar o noxo que lle dá o mundo e a súa persoa desenvolve unha nova adicción: as coitelas de barbear e a autolesión como castigo. Os cortes que se fai deixan marcas e cando a súa compañeira se decata, outra vez ten que ingresar nun psiquiátrico e someterse aos efectos dun potente cóctel de antidepresivos. Atordado pola medicación leva a cabo o seu primeiro intento de suicidio. En extremo, o enfermeiro que ese día estaba de garda sálvalle a vida cando estaba pendurado da soga improvisada que fixera co cable da televisión. Ao primeiro séguelle un segundo intento, nun descoido na súa vixilancia, foxe do psiquiátrico e aluga o cuarto dun hotel no que planifica unha nova tentativa: agora o plan é unha bañeira con auga ben quente e facerse cortes nos pulsos. Cando xa tiña todo preparado, a habilidade da súa dona, a que inxenuamente chama para despedirse, sálvalle a vida.
De novo volver empezar. Terceiro ingreso nun centro hospitalario, máis medicación, máis vixilancia. Unha tarde recibe a visita dun vello amigo, outro fanático do piano, que nunha botella de xampú lle pasa un ipod nano cheo de xigas de música clásica. E o milagre volveuse producir, a música devolveuno de novo á cordura, outra vez foi o seu mellor último recurso.
Tras saír, un amigo da familia págalle unha estancia en Phoenix para someterse a unha terapia alternativa. Os efectos deste último tratamento mantéñeno na sensatez durante un tempo. É nesta época cando acode por primeira vez á comisaría a presentar unha denuncia contra o señor Lee, o seu violador, pero ao non contar con máis probas ou testemuñas ca o seu propio relato, esta revelación non ten percorrido legal. Mais si factura persoal. A caixa dos tronos destápase de novo, volve ás andadas, de novo autolesiónase. Outra estancia nun psiquiátrico. Sae e, como consecuencia das súas reaccións, a súa muller farta de tanta inestabilidade, pídelle o divorcio.
No medio desta crise atopa un novo axente, un canadense que de música clásica só coñece «A Chacona». E abonda. Con el grava o seu primeiro disco. Unha canle de TV por cable proponlle facer un documental sobre a vida de Chopin. Tras o disco, comeza unha xira de concertos na que pon en práctica un xeito máis informal de presentar a música clásica. Unha entrevista que lle fai o Sunday Times, onde menciona os abusos, é lida por unha antiga profesora que contacta con el. E atando cabos é quen de dar co seu violador e presentar unha nova denuncia. O señor Lee xa ten máis de setenta anos e segue a traballar como adestrador de boxeo con nenos de curta idade e, como non podía ser doutra forma, segue facendo o mesmo. Agora si hai caso. Desta vez, tras as obrigadas pescudas, a policía consegue presentar os cargos.
Grava un segundo disco e ao ano seguinte o terceiro. Jimmy, que fai o número catro, é o último álbum publicado. En 2012 a canle de TV Channel 4 proponlle realizar un documental centrado na música clásica e a saúde mental. O feito de entrar de novo nun psiquiátrico reméxelle aquilo que ten agochado no máis profundo e volve entrar en crise. En 2013 The Guardian publica un artigo titulado «Atopade o que vos encanta e deixade que vos mate», que bule polas redes sociais e se converte en toda unha declaración de principios.

En 2016 publica outro libro titulado Toca o piano: interpreta a Bach en seis semanas. E en 2017 abunda no seu relato bibliográfico coa publicación de Fugas. Ou a ansiedade de sentirse vivo. Neste mesmo ano decidiu buscar casa en Madrid e mudarse a vivir a España. E no noso país continúa co seu activismo publicando artigos como «Carta a Pedro Sánchez» (El País, 3 de agosto de 2018), misiva na que suxire cambios legais para protexer os menores, e máis especificamente, unha reforma xudicial para que nos casos de violación infantil, nenos e nenas declaren en privado, coa presunción de que din a verdade.
Velaquí, pois, esta recomendación de lectura deste libro biográfico (que leva máis de cen mil exemplares vendidos só en España) dun pianista xenial, cunha vida intensa que tamén é un activista audaz, valente e comprometido, a cuxa vida seguramente, aínda lle quedan moitas liñas por escribir e non todas doadas, pois como el mesmo di: «Desgraciadamente, sempre estou a dúas malas semanas dun hospital psiquiátrico».


Deseño: soulbande.com
Instalación: MVG-AAFR
Organización: Biblioteca de Torrecedeira.