jueves, 1 de noviembre de 2018

reseñas.3. El filtro burbuja. Cómo la web decide lo que leemos y lo que pensamos. Eli Pariser.

Eli Pariser. Estados Unidos.1980


“El filtro burbuja. 

Cómo la web decide lo que leemos y lo que pensamos”.

 Taurus. 2017. 
  

NOVEMBRO/DECEMBRO DE DOUS MIL DEZAOITO


Biografía. 
Eli Pariser naceu nos Estados Unidos en 1980. Creceu en Maine e graduouse en 2000 cunha licenciatura en Dereito, Política e Sociedade do Simon's Rock College. Despois do 11 de setembro de 2001 creou un sitio web que pedía un enfoque multilateral para combater o terrorismo. Convertido en pioneiro organizador en liña fusionou o seu sitio web coa organización progresista MoveOn.org,que apoiou o presidente Obama. Foi cofundador de Avaaz.org (organización que apoia campañas para o medio ambiente e a democracia en todo o mundo) e, axudou a lanzar o New Organizing Institute que capacitou a miles de novos organizadores en liña. É comentarista nas principais canles de noticias por cable dos EUA, agás Fox News, articulista de opinión e  conferenciante TED.




Por  Aser Ángel Fernández Rey.


Non comprendemos pero aceptamos. Deixámonos levar docilmente pola promesa dun coñecemento pleno e compartido. Bioloxicamente programados para prestarlles atención aos estímulos  somos arrastrados polo fluxo piroclástico dun volcán alimentado pola nosa vaidade. O vórtice dixital envólvenos, céganos e atrapa nunha vasta caldeira ardente de datos, nun proceso onde asumimos impúdica e puerilmente tanto os riscos coma os custos. Entramos plenamente confiados a esta realidade reprogramable e innovadora sen saber se as decisións tomadas son as adecuadas. Coas rendas soltas e sen rumbo preciso, cada vez máis encerrados nas nosas burbullas e universos paralelos, avanzamos esporeados a golpe de fusta coas nosas anteolleiras caladas pola inercia da comodidade e da gratuidade duns servizos que non nos van saír de balde. Coma no salvaxe oeste, o horizonte e as posibilidades de progreso son tan grandes que resulta doado perder o norte. Mentres os algoritmos recompilan e analizan todo no que facemos clic e no que non, as grandes empresas do mundo dixital loitan por filtrar e decidir que ofrecernos ou non. Somos obxectivos da nova internet e, a pesar diso, asumimos con lixeireza a imparcialidade dos buscadores. A televisión dos anos noventa permitiulle a Nicholas Negroponte augurar un futuro cheo de axentes de dispositivos intelixentes xeradores de sumarios personalizados. Hoxe en día, conscientes de que para sacar tallada tiñan que facer que a xente os sintonizase, a nova consigna clave  en Silicon Valley é o coñecemento da relevancia. O filtrado colaborativo do correo electrónico deu paso á identificación da páxina máis relevante (PageRank) e os algoritmos e os motores de personalización de Amazón (1995) demostraron que esta podía levar a dominar a industria. Días despois dos atentados do 11S, unha pequena compañía chamada Acxiom, dedicada á recollida e ávenda de datos, resultou saber máis sobre os terroristas ca todo o goberno de EUA. Todos os sinais de clic incrustados nos datos podían ser relevantes. O desafío era coñecer que era relevante para cada usuario ou usuaria e Google non dubidou en lanzarse a unha estratexia innovadora de servizos en que a xente debía iniciar a sesión rexistrándose mediante a inclusión de máis datos (Gmail, Google Apps,…). Non tardamos moito en revelar os nosos gustos e intereses ante unha sinxela e directa pregunta de Mark Zuckerberg en Facebook publicándoos e actualizando nós mesmos cantidades masivas de información de todo tipo. O volume creceu tanto que, de novo, houbo necesidade de controlalo mediante un novo algoritmo ( EdgeRank). En 2009 as “ búscas personalizadas para todos ” de Google amosábannos que unha mesma consulta podía producir resultados diametralmente opostos. Saben máis sobre nós ca nós mesmos, controlan a nube, incrementando día a día a asimetría no coñecemento e no poder. Valéndose dunha opacidade que lles permite facerse os parvos, son quen de eludir as consecuencias morais ou políticas e a responsabilidade social das súas accións: son revolucionarios sociais cando lles convén, e empresarios neutrais e amorais cando non. 


" A un algoritmo non lle podes reclamar os teus dereitos nin pedirlle contas ".
Cathy O´Neil. Armas de destrucción matemática. Capitan Swing. 2017.


Internet, máis ca descentralizar o poder, e alcanzar a utópica democratización e igualdade social como predixeron os seus primeiros defensores, estaba concentrándoo. En plena crise de atención deixámonos axudar polos filtros personalizados. O complexo non nos chama a atención e a crítica resúltanos cada vez máis complexa. O resultado é que ao non chocar as ideas de diferentes disciplinas, culturas e pareceres somos cada vez máis homoxéneos, máis vulgares, menos  creativos e críticos.

" Ningunha sociedade pode funcionar se os seus membros non manteñen unha actitude ética ". Adela Cortina. La ética. Paidós. 2013.


Tras a primeira guerra mundial, descubrimos que a opinión pública era extremadamente maleable, que a xente se deixaba manipular e podía actuar guiada por información falsa. A prensa comezou a defender un modelo ético de información neutral que separaba negocio e información. Coa publicidade como motor en 2010, The Washintgton Post dedicaba a súa portada a Facebook. Atrás quedaba a historia do nacemento da opinión pública, a difusión de ideas e a súa transnacionalización ou o fortalecemento do concepto de democracia en Occidente. Debían adaptarse ao mundo personalizado dos filtros burbullas se querían sobrevivir; xa non era preciso desenvolver contidos de primeira calidade para obter un público de primeira. Filtrar información non é un fenómeno novo. O noso cerebro actúa para reducir a disonancia cognitiva mediante a xeración de novas xustificacións e unha das súas funcións principais é identificar os fragmentos de información importantes para tomar decisións. Coa memorización convertemos obxectos e conceptos en esquemas que, unha vez adquiridos, estamos predispostos a reforzar (prexuizo de confirmación). Modificamos os nosos esquemas para que se axusten ao mundo e o mundo para que se axuste aos nosos esquemas, e cando conseguimos un equilibrio entre ambos os procesos chegamos ao coñecemento e á aprendizaxe. A burbulla filtro tende a amplificar de forma drástica o prexuizo de confirmación e as trivialidades non fan tremer os nosos esquemas, pero semellan información nova polo que corremos o perigo de eliminar, alterar ou substituír ideas e facer que se derrube todo o sistema xerárquico establecido. A filosofía chama “ realismo inxenuo ” a este hábito de crer que o mundo é como semella ser. Da sindrome do mundo cruel da violenta televisión dos anos setenta pasamos á síndrome do mundo amigable do “ gústame ” como xesto universal. Pero debemos ser conscientes de que a nosa idea acerca do que é real adoita chegarnos de forma indirecta, manipulada e filtrada polos medios de comunicación, por outros seres humanos e os moitos elementos deformadores da mente humana. É real a aplicación da neuropsicoloxía e da análise de sentimentos. O teu móbil será capaz de pescudar que che gustaría buscar e se a indución e a persuasión personalizada funciona para os produtos, tamén pode funcionar para as ideas.


"Camiñamos cara a un sistema multiespecífico no século XXII no que as especies as faremos nós… a tecnoloxía 5D permitirá imprimir materia viva con conciencia ". Eudald Carbonell. El arqueólogo y el futuro. Colección Ensay, 2013.


Unha maior potencia de software e o uso da biometría expoñen unha futura contorna cambiante de intelixencia ambiental onde o filtro burbulla sae do computador para seguir as persoas e os obxectos individuais mediante baratos chips de radiofrecuencia (RFID): internet das cousas  activadas mediante polvo intelixente. O enorme fluxo de díxitos binarios promete un grao de precisión do filtrado difícil de imaxinar. Cada vez máis intelixentes, pero tamén máis difíciles de controlar e de entender mesmo para a propia enxeñaría que os crea. A cognición aumentada ou AugCog xa está aquí e, ¡ atención !, a estación seguinte chámase  xenética. Todos facemos case sempre máis ou menos o mesmo unha e outra vez e non resulta doado saltar o bucle repetitivo. Os gobernos, tanto totalitarios coma democráticos, están a controlar os nosos hábitos en liña, pondo en risco importantes dereitos humanos. Non é desatinado pensar na posibilidade do  determinismo. Nesta nova fase de desconfianza da era dixital parece que estamos a empezar a ser conscientes das dificultades. Non será doado recuperar o espazo perdido. Pariser cre que debemos esixirlles ás empresas que permitan exercer un verdadeiro control sobre a nosa información persoal e que a forza da lei ou a creación de novos organismos pode e debe protexer tanto a información persoal coma  os nosos dereitos.


" Empezamos a querer desintoxicarnos do dixital, ao final aprenderemos como utilizar ben a innovación ". (Ranga Yogeshwar: Próxima estación: futuro. Arpa. 2018)


Precisamos con urxencia desenvolver unha nova concienciación dos programadores e da cidadanía, así como lograr un nivel básico de alfabetización algorítmica e un reencontro coa comunicación que constrúa comunidades máis fortes e máis pluralidade. Do mesmo xeito que usar fontes de información máis diversas fainos máis libres, estar rodeado de xente e de ideas diferentes a un mesmo é un dos mellores modos de cultivar a apertura de miras e ampliar as categorías co fin de poder tomar boas decisións e pensar novas ideas. Internet será cada vez máis o lugar en que viviremos as nosas vidas. Necesitamos ter unha opinión xeneralizada do mundo en que vivimos xuntos e a burbulla de filtros empúxanos en dirección contraria: é hostil ao diálogo. A rede non está terminada.
  


Deseño/ soulbande

Instalación/ AAFR

Organización/ Biblioteca de Torrecedeira.

martes, 2 de octubre de 2018

reseñas.2. Decir NO no basta. Contra las nuevas políticas del shock. Por el mundo que queremos. Naomi Klein


   

Decir NO no basta. Contra las nuevas políticas del shock
Por el mundo que queremos.

No Is Not Enough: Resisting Trump's Shock Politics
and Winning the World We Need.

OUTUBRO DE DOUS MIL DEZAOITO 



Biografía.

 A súa familia xudía/hippy deixou os Estados Unidos como protesta ante a guerra de Vietnam. 
 Adolescente inquieta e ansiosa, non chegou a graduarse na Universidade de Toronto.   Activista antisistema, colaboradora en prensa e en revistas, o seu ollo crítico aséntase nunha profusa e pormenorizada documentación.
Economista, xornalista e escritora canadense, naceu en Montreal. Traballou como columnista para diarios progresistas como The Guardian (Reino Unido) ou The Globe and Mail (Canadá). É doutora honoris causa en dereito pola King´s College University de Nova Escocia e catedrática na London School of Economics. É unha relevante investigadora e activista antiglobalización. “ No Logo ”(1999), “ La doctrina del shock ”(2007) e “ Esto lo cambia todo ”(2014) preceden a obra que nos ocupa. O seu último libro “ La batalla por el paraíso: Puerto Rico y el  capitalismo del desastre ” (2018) analiza o proceso de abandono gobernamental da poboación tras o desastre do furacán María.

                                                                                                  Por Aser Ángel Fernández Rey

Novembro de 2016: o republicano Donald Trump derrota a demócrata Hillary Clinton nas residenciais dos Estados Unidos. O magnate populista e showman incendiario, cun discurso xenófobo antisistema, apoiado polo electorado branco, cristián e descontento coas elites chega á Casa Branca eludindo o prognóstico de desastre que lle endosaron. A noticia sorprende a Klein nos antípodas australianos durante unha das súas múltiples reunións e actos para tentar frear o arrasamento da Gran Barreira de Coral. Faise o silencio e a xente retírase da sala. Incredulidade e desconcerto. A xente en silencio, pensativa, percorre os corredores de aquí cara alá. Rápido, rápido, rápido!. Todo vai moi rápido. O resultado afecta o xeito de entender o mundo, hai moito en xogo  e xa non hai tempo que perder.  

As análises e mesmo as conclusións estaban xa elaboradas, pero, aínda así, negabámonos a velo. O rico herdeiro sen valores de solidariedade ou de respecto, o punto álxido da “ posverdade ” como intento de manipulación da realidade que tanto estudou Hannah Arendt, o herdeiro das políticas de Nixon, Reagan, a saga dos Bush ou de Margaret Thacher asaltaba a Casa Branca  baixo a guía dos pensamentos e das influencias  do  premio Nobel de Economía Milton Friedman.
As cargas da dereita contra as ideas de Keynes tomaban de novo o capitolio dispostos a dar un paso á fronte definitivo. O detonante: Donald Trump; as consecuencias: imprevisibles.
Hannah Arendt. 
Verdade e mentira na política (2017)

Nos seus libros anteriores Klein, que viña insistindo na necesidade de iniciar a rebelión contra a globalización, anticipándose á explosión da crise mundial desvelounos as estratexias do neoliberalismo e non cedeu no seu empeño de denuncia crítica e desapiadada contra o que nos viña enriba. A publicación da súa alegación contra o cambio climático en 2014 completaba a triloxía de advertencias e de denuncias que obstinadamente o mundo parecía querer non ver nin escoitar.  Unha sorte de cegueira global próxima ao ensaio de José Saramago. 


José Saramago.
Ensaio sobre a cegueira. (1995).  




Klein montou de urxencia este libro como crítica frontal ás políticas do presidente Trump. Agora tratábase de berrarlle ao mundo que xa non eran tempos de dicir simplemente NON, que agora tiñamos que pasar á acción.

Durante décadas o capitalismo sostido por Friedman puxérase a proba en países como o Chile de Pinochet ou outros países afastados da liberdade. Para poder implementar medidas impopulares propiciábase un ambiente caótico apocalíptico á espera da chegada dunhas medidas salvadoras: " Facede que a economía berre ", era a proclama da estratexia desestabilizadora da política internacional encabezada polo secretario de estado Henry Kissinger.


Ante o interesado descaro e a ausencia de pudor da traxectoria familiar e empresarial dos Trump, a transformación da Casa Branca nunha marca ao seu servizo e as obscenas portas xiratorias do poderoso mundo dos ricos do 1%, Klein amósanos a súa denuncia amparada nunha abundante documentación  que permite evidenciar que  os acontecemientos non reflicten xa un choque senón unha continuidade, un proceso estratéxico e meditado de guerra a todo o público e comunal. A conclusión final tal vez sexa que o que estamos a vivir non é un traspaso de poderes, senón un golpe de estado corporativo.

   Atopámonos nun punto de inflexión, nun momento de urxente actividade e posta en marcha de ideas. O mundo precisa estruturar unha fronte de loita contra o neoliberalismo, contra a desapiadada inxustiza e a desigualdade, contra os intereses capitalistas que, como o goberno de Trump, sen caretas nin finximentos, portan con descaro a bandeira da deconstrución e dos intereses neoliberais, a negación do quecemento e do cambio climático, e a destrución do público.

   Non se trata pois da continuación dun espectáculo de realidade televisiva. ”O aprendiz” é xa o máximo dirixente dos EUA e as súas políticas son agora , máis ca nunca, as políticas de consumo. Os trucos publicitarios dos anos oitenta do tabaco e do petróleo deixaron de funcionar. Unha vez desenmascaradas migraron a unha sociedade  onde xa non se venden  produtos senón valores, marcas baleiras para cuxa venda non fan falla  demasiadas técnicas persuasivas pois estamos xa dispostos a comprar sen pensar nin reflexionar. Así de claro:  “Os consumidores son coma cascudas, pulverízalas e ao cabo dun tempo vólvense inmunes”. David Lubars ( Presidente e xefe axente creativo de BBDO).
                                                   
Da publicidade á telerealidade:
The Aprentice.

Recoñecer e combater desastres como os do Exxon Valdez en Alasca, ou da plataforma Deepwater Horizon no golfo de México, a guerra da auga de Betchel en Bolivia (onde incriblemente se considerou ilegal recoller auga da choiva e o país foi demandado en concepto de “ danos e lucro cesante ”), a oposición ao oleoduto dos activistas na reserva de Standing Rock en Dakota, etc., é tanto como recoñecer e combater o proxecto neoliberal. É negarse a perder a condición humana.  Klein revélanos como a desorientación que sentimos non é casual senón froito madurado en cámara mediante tácticas de “ shock ” deseñadas para forzar políticas que finalmente arruinarán a xente, o medio ambiente, a economía e a nosa seguridade. Ante esta presión deliberada e sistemática convídanos a exercer o deber de romper ese feitizo, e loitar por outro mundo posible para non permitir que saian coa súa, pois está convencida de que se non perdemos a cabeza, aínda poderiamos darlle a volta ao guión e desembocar nun futuro mellor. A autora foxe da distopía e o seu discurso é contundente e esperanzador. Ten moi claro que os pequenos pasos xa non son suficientes. Pídenos que demos un salto cara á acción para chegar onde queremos e non  quedarmos petrificados. Ante a conxura dos irresponsables ou dos necios presentados por Jonathan Swift no século XVIII ou J. Kennedy Tool no século XX., Klein ofrécenos un exemplo para seguir a boa práctica orquestrada  en Canadá : Manifesto Dar o Salto. 

En setembro de 2018  Barack Obama, no seu discurso da Universidade de Urbana, manifestou sen rodeos que a democracia estaba en xogo denunciando a política do “ medo e o resentimento ” do goberno de Trump: “ Isto non empezou con Donald Trump. El é o síntoma, non a causa ”. Trump non é unha aberración, senón unha extensión lóxica do peor e máis perigoso, dunha tendencia ao crecente nacionalismo branco nos Estados Unidos e no mundo. O noso momento histórico esixe algo máis ca resistir, precisamos actuar seguindo unha folla de ruta para reclamar o terreo gañado polos populistas. A sociedade civil debe organizarse, vixiar o uso do diñeiro público e debe ser consciente, en definitiva, de que pode e debe contraatacar.  Se reconstruímos as nosas comunidades e empezamos a obter delas máis sentido e a sensación de ter unha boa vida, seremos menos vulnerables aos cantos de serea do consumismo descerebrado.

Deseño/ Soulbande
Instalación/ AAFR
Organización/ Biblioteca de Torrecedeira

lunes, 3 de septiembre de 2018

reseñas.1. La corrosión del carácter. Las consecuencias personales del trabajo en el nuevo capitalismo.

    Richard Sennet. Chicago. 1943.


       "La corrosión del carácter. Las consecuencias personales del trabajo en el nuevo capitalismo".

      The Corrosion of Character. The Personal Consequences of Work in the New Capitalism.
 Norton. 1998.

                                                                 SETEMBRO DE DOUS MIL DEZAOITO


Biografía.

Neno de barrio marxinal, descendente de xente da esquerda radical estadounidense.Un accidente truncou a súa carreira de violonchelista clásico. Envorcou a súa especial sensibilidade na súa nova profesión de sociólogo. Adscrito á corrente filosófica do pragmatismo.

Profesor emérito de Socioloxía na London School of Economics, profesor adxunto de Socioloxía no Instituto Tecnológico de Massachusetts (MIT) e profesor de Humanidades na Universidade de Nova York. Foi membro da Academia Estadounidense das Artes e as Ciencias e da Royal Society of Literature de Gran Bretaña. É tamén o director fundador do New York Institute for the Humanities e creador de "Theatrum Mundi" unha fundación de investigación para a cultura urbana.





         
                         Por Aser Ángel Fernández Rey


Hai xa dúas décadas da publicación do ensaio sobre La corrosión del carácter como unha chamada de alerta sobre o que podía pasar se seguiamos o camiño das receitas neoliberais tomadas por EUA e por Gran Bretaña. Dedicado en especial ao público lector europeo, cunha linguaxe sinxela, sempre creativa, interpretábanse notas multidisciplinarias sobre antropoloxía, economía, socioloxía ou matemáticas.
Estudoso das relacións entre o capitalismo e a personalidade, teórico do traballo, analista dos efectos sociais, examina e expón criticamente no noso espello as luces, sombras e reflexos das mutacións do capitalismo de clase ao sistema actual de capitalismo flexible.
Mediante visitas e observacións regulares a unha panadaría de Boston, un bar en Manhattan e un club de autoaxuda para persoas desempregadas de mediana idade de IBM no norte de Nova York, o autor salta axilmente das anécdotas e das decisións individuais ás reflexións xerais e á historia das ideas de autores e autoras como Pico della Mirandola, Denis Diderot, Adam Smith, Max Weber ou Simone Weil.
Nun contexto social e político confuso de contrastes e de efectos desorientadores, observamos a desaparición de organizacións ríxidas e xerárquicas portadoras de valores como a integridade e o compromiso fronte ao nacemento dunha nova enxeñaría corporativa da desvertebración, de normas inestables, en permanente cambio, risco constante, flexibilidade extrema e obxectivos a curto prazo.
O traballo sempre se considerou un factor fundamental para a formación do carácter e da identidade das persoas, pero hoxe en día a concepción do traballo cambiou radicalmente. En lugar de rutina estable enfrontámonos a unhas rutinas burocráticas que fan o traballo ilexible para as persoas que non comprenden o que fan e experimentan unha liberdade aparente e enganosa. Inmersos nunha espiral de esgotamento, a perda de contacto coa realidade e os procesos laborais, así como o baleirado das funcións, prodúcelles insatisfacción.
Persoas traballadoras volátiles á deriva e individuos aos que se lles esixe reinventarse permanentemente sobre a marcha, manterse eternamente novos, inmersos en formas de traballos temporais, inseguros, faltos de interese e de implicación, alienados pola perda de sentido de pertenza. No mercado de «o gañador lévao todo» (botando o resto ao vertedoiro do fracaso, aínda que estea altamente cualificado) non moverse é sinónimo de rixidez, de decrepitude, de fracaso. Nesta cultura frecuéntase unha nova clase de fracasados prematuros, todo tipo de executivos fugaces, xubilados da noite para a mañá en plena mocidade e éxito.
O lema «Nada a longo prazo» parece discorrer nunha partitura onde soa de fondo o medo. Medo ao cambio, á vulnerabilidade que implica a ausencia de solidariedade. Onde impera o «cada un ao seu», especialmente se os outros son diferentes a «nós». Ese «nós» individualista e diferenciador baixo o que tentamos parapetarnos para buscar refuxio das superficiais relacións sociais e a carencia de compromiso propiciado tanto pola falta de «relato» coma polo descontrol sobre o esforzo, o tempo e o espazo.

Ao entrar nas entrañas dos mecanismos do capitalismo moderno desvélanse algunhas perversións do sistema como a ilusión desa persoa emprendedora que parece agarrarse ao mantra empresarial do fracaso entendido como aprendizaxe imprescindible no camiño do éxito. Ese mantra que talvez o propio Sammuel Becket, pensando na inevitabilidade do fracaso que non sempre conduce ao éxito, non compartiría na súa acepción de vitalidade e optimismo: «Tentáchelo. Fracasaches. Dá igual. Proba outra vez. Fracasa outra vez. Fracasa mellor».  Rumbo a peor (1983).      
          
Nos últimos vinte anos o capitalismo financeiro contemporáneo lévanos por un mundo completamente hostil á construción da vida. Sennett suxire que temos que volver imaxinar tanto o carácter comunitario coma o individual para enfrontarse ás novas maneiras de organizar o tempo e, en especial, o tempo do traballo.
A xente necesita saír da morte mental na cal transcorre a súa vida, necesita traballar por un tema de autoestima, máis alá do diñeiro, necesita saír deste remuíño.

Recentemente Byung-Chul Han comentaba o paradoxo do mundo actual en que cada vez morrer resulta especialmente máis difícil e, con todo, a xente envellece sen facerse maior e vai perdendo identidade ao sucederse os acontecementos sen deixar pegada, sen converterse en experiencia.  El aroma del tiempo: un ensayo filosófico sobre el arte de demorarse (2014).

            Para Sennett trátase de xestionar a crise estrutural dun sistema insostible, o colapso do capitalismo neoliberal. Non serve xa retroceder ou modificar, hai que crear unha nova estrutura. De forma pragmática e activa vémonos abocados a perder o medo, entender o proceso, asumilo, implicarse para cooperar e ter vontade para facer algo diferente.    
                                                                      

Unha nova e clarividente Simone Weil dicía:
«Nada, salvo esforzarse en desacoplar un pouco as engrenaxes da máquina que nos tritura; aproveitar a menor ocasión de espertar un pouco o pensamento onde queira que sexa posible. Iso é o que aínda poden facer os obstinados en respectar a dignidade humana en si mesmos e nos demais» Reflexiones sobre las causas de la libertad y de la opresión social (1934).

Hoxe en día, despois de moitos anos, Richard Sennett pode volver tocar o seu violonchelo. Un bocado de optimismo que, dalgunha maneira, lle achega aos novos postulados de Naomi Klein.


Deseño/ soulbande
Instalación/ AAFR
Organización/ Biblioteca de Torrecedeira.