miércoles, 31 de julio de 2019

reseñas.9. El tío Tungsteno: recuerdos de un químico precoz. Oliver Sacks.

    
    Oliver Sacks. (Londres, 1933 - Nueva York, 2015) 

El tío Tungsteno: recuerdos
de  un químico precoz
Anagrama, 2003.
[Uncle Tungsten, 2011]


 XULLO-AGOSTO  DE DOUS MIL DEZANOVE


        Biografía.
         Neurólogo e escritor británico graduado en Medicina no Queen´s College da Universidade de Oxford. Neta obtivo a Licenciatura en Fisioloxía e Bioloxía para posteriormente cursar a especialidade en Cirurxía. Traballou no hospital de St. Albans e no de Middlesex, no barrio londiniense de Fitzrovia.
          Pasou pola facultade clínica da Escola de Medicamento Albert Einstein da Universidade Yeshiva, no Bronx, antes de ensinar nas universidades de Nova York, de Columbia e de Warwick.  
          Afeccionado á química e divulgador da ciencia fíxose moi coñecido polos seus libros sobre os efectos dos trastornos neurolóxicos baseados nas experiencias reais das e dos seus pacientes.
          Autor de Migraine (1970), The man who mistook his wife for a hat (1970), Awakenings (1973), A leg to stand on (1984), Seeing Voices: a journey into the world of the deaf (1989), An anthropologist on Mars. Seven paradoxical tales (1995), The island of the colour-blind and cycad island (1996), Uncle Tungsten: memoires od a chemical boyhood (2001),  Oaxaca journal (2002),  Musicophilia: tales of Music and the Brain (2007), The mind´s eye (2010), Hallucinations (2012), On the move. A life (2015), Gratitude (2015) e The river of consciousness (2017).

                   
         Por Aser Angel Fernández Rey

    


    Este libro autobiográfico rememora os recordos dunha nenez na Inglaterra da Europa de entreguerras, nunha familia xudía orixinaria de Rusia. O patriarca, o avó, chegara ao país  tras pasar por Alemaña seguindo os movementos migratorios europeos de fins do século XIX.
    Fabricante de zapatos e de botas, carniceiro, tendeiro e erudito hebreo, místico, matemático e inventor autodidacta. O seu avó escribíase cos irmáns Wright, inventaba e patentaba lámpadas de seguridade para minas, carruaxes ou farois. O seu apaixonado entusiasmo transmitiuno e compartiuno cos seus fillos a través dunha educación científica; por iso cando Oliver lles preguntába adoitaban darlle respostas detalladas que non entendía completamente pero que o atrapaban pois a súa familia dedicábase a facer preguntas, a ser científicos.
          Os seus recordos retratan unha familia extensa da época vitoriana, unha ampla casa eduardina na que convivían a electricidade cos vellos queimadores e accesorios de gas,  dous pianos e unha máquina Singer de pedal de 1922. Non había cadros nin demasiada decoración pero si espazos por conquistar como o faiado ou os laboratorios paternos cos seus medicamentos, vitrinas, microscopios, lámpadas ultravioletas, que espertaban a curiosidade e a imaxinación.
          Oliver foi o máis novo dos catro fillos dun matrimonio de médicos xudeus do norte de Londres: Samuel Sacks e Muriel Elsie Landau, unha das primeiras mulleres cirurxiás en Inglaterra.
          Educado nos estritos internados do seu país, este neno non era normal e a súa familia, máis ben podente, tampouco. Non é normal que che deixen diseccionar un cadáver a idade temperá, ter un laboratorio á túa disposición, ver algunha muller en posición de litotomía, convivir co maletín de obstetricia e de anestesia ou dispor dunha biblioteca de carballo, sacra e misteriosa, coas catro paredes cubertas de estantes con libros herdados e a súa gran mesa central onde, entre follas e ilustracións incribles, agardaban as novidades coleccionables, as aventuras e os tesouros. Un sitio para ler pero tamén para xogar as fins de semana e regresar ao silencio o resto dos días.      
          Reflexos da vida nun libro cheo de anécdotas e de fitos de persoas intelectuais e prácticas ás que lles tocou vivir tempos difíciles e excepcionais de grandes descubrimentos na química, a electricidade, a automoción, a aviación, a xeoloxía, os movementos coloniais africanos, a guerra dos Bóers ou a febre dos diamantes surafricanos de Kimberley en 1870. Alí algúns dos seus parentes fixeron fortuna como asesores de diamantes, uranio e ouro.
           
Cando Oliver tiña 6 anos estala a segunda guerra mundial e é evacuado de Londres, xunto co seu irmán Michael, a un internado no campo para escapar dos bombardeos. Lonxe da súa familia e da súa contorna, coa sensación de abandono e unha dieta penosa, os irmáns Sacks subsistiron e sufriron. Aquilo parecía un castigo escolar non merecido onde coñeceron os malos tratos, a violencia, a intimidación e a crueldade cos nenos e dos propios nenos. Non lles vai ben, pero non todo resulta negativo.
          Mentres o seu irmán lelle os clásicos de Jonathan Swift  Gulliver's Travels ou The jungle book de Rudyard Kipling, no campo descobre a natureza e o xeo, aprende a montar a cabalo, atopa os números na natureza, as series de Fibonacci e a sección áurea, a botánica, o crecemento exponencial e as proporcións xeométricas.
           Catro anos despois, ao seu regreso a Londres, o seu irmán Michael sofre esquizofrenia, e Oliver atopa a súa salvación no mundo da ciencia. Refúxiase nos números, e en especial nos primos, cos que xoga moitas horas. Os recordos de guerra con bombardeos de avións e metralla acompañan un neno de 7 anos que aprendía a xogar e a vivir nunha realidade aterradora pero emocionante.
          Tras os pasos do seu tío Dave, o tío Tungsteno, e a posibilidade de acudir ao edificio triangular próximo á súa casa que era a biblioteca pública local de Willesden, Oliver fornece a súa educación nutríndose asistemática e vorazmente de lecturas e de visións nos museos de South Kennsington. Neste deambula ao seu antollo descubrindo a botánica, a xeoloxía, os fósiles, os cristais de estibina xaponeses, a galena, o ópalo ou os ornitorrincos. Un microcosmos onde se vía como mozo explorador, naturalista, xeólogo ou paleontólogo, que devora as lendas de cada mostra, saltando de palabra a palabra, de pregunta en pregunta, de nome a nome, para regresar aos de libros de Mary Elvira Weeks.
          A reapertura do Museo da Ciencia de South Kensington en 1945 enche os seus ollos de sorpresa coa táboa periódica enorme alí exhibida co rótulo A clasificación periódica dos elementos  segundo Dimitri Mendeléiev. A táboa era unha especie de escaleira cósmica ou un reino xeográfico con territorio e con fronteiras que organizaba en familias ou grupos e os elementos segundo as súas valencias e masas atómicas. A visita, a copia, memorízaa e trata de entendela. Como un xardín de números e a clave do universo, resúltalle incriblemente fermosa.
         
A vida deste home enciclopédico e o seu libro Principios de química non o decepcionaron. Continúa a súa viaxe iniciática cara ao apaixonante mundo da química e das ciencias, tendo como motivo recurrente a súa afección pola aprendizaxe, o amor polos libros, a maxia da imaxinación, e o cuestionamento da realidade. Oliver busca o coñecemento do mundo que rodea mediante a alternancia da teoría, a práctica e a observación do día a día a través da ciencia, as artes, as letras, as matemáticas, ou a música. Enfróntase ao descubrimento dos metais, as culturas do bronce, as espadas de cobre cretenses, a mitoloxía do escudo de Aquiles, as filigranas do dúctil ouro, a prata das moedas, os utensilios caseiros de Pompeia e Herculano, os candelabros de bronce do Monorahh; descubrir segredos e buscar explicacións infinitas que o abarcaban todo ata conseguir facelos extraordinariamente próximos e alcanzables.
          As propiedades individuais dos metais brillantes e relucentes fascinábano; a alquimia, a oxidación do ferro, o diamante que raiaba o metal, a frialdade do metal, como o carbón podía transformarse en xema, a luz, as candeas coa súa chama azul, as interrogantes expostos polas cores do lume, os fusibles cos seus arames fundidos, o uso do cinc e o estaño nas latas. Constantemente preguntaba cousas, ávido de coñecemento, observaba os prodixios, as imaxes, o magnetismo e as liñas de forza, o transistor de cristal, os reloxos luminosos; todo iso facíalle concibir a existencia de forzas e de raios invisibles, a idea de que, debaixo do mundo coñecido e visible de cores e aparencias, existía un mundo escuro e oculto de leis e de fenómenos misteriosos.
          Eran tempos de escaseza de carbón, de peche de caldeiras e estufas de gas pero, por sorte, quedaban o vello escritorio e os estantes como o seu espazo propio onde reinar, onde soñar cos números, a química e os metais.
         
Tras esgotar as posibilidades, sempre quedaba o recurso do tío Tungsteno cos seus filamentos de fino arame para fabricar lámpadas na súa empresa TUNGSTALITE e as súas mans sempre manchadas de po negro. Era capaz de evocar a primeira vez que os homes fundiron o metal, como os homes das cavernas utilizaron rocas, como se deron de conta do poder do lume e da calor e acto seguido mostrar como o aluminio lixeiro, liso e brillante untado en mercurio comezaba a descomporse e a corroerse nun proceso de oxidación rápida.
        El ofrecíalle un mundo de enxeñosas máquinas, fornos e experimentos, demostracións de como  o chumbo flotaba no mercurio (cousa que non facía o tungsteno) e informaba sobre o negocio do aceiro de tungsteno para os ferros de blindaxe bélica. Era unha persoa curiosa e adicta aos experimentos. Encantáballe a química, pero tamén era empresario e home de negocios. Fabricante de lámpadas e tubos sen carga pasaba horas observando os procesos das súas fábricas, como sopraban as lámpadas de cristal e as satinaban con ácido hidrofluórico. Asi, ocorríanselle novas posibilidades para perfeccionar os procesos e non dubidaba en afirmar que a lámpada incandescente contribuíra a cambiar os costumes dos seres humanos máis ca calquera outro invento, e que a historia dos descubrimentos químicos era inseparable da procura da luz. Visitalo era sempre unha aventura cara ao coñecemento e á diversión.
          Na fábrica e no laboratorio onde tiña varias vitrinas con lámpadas Edison de distintos filamentos de fío recuberto de carbono, de osmio, ou de tantalio que parecían patas de araña e trazaban un zig-zag, había outras máis recentes, algunhas con filamento de tungsteno de todos os xeitos e tamaños. Gardaba metais en vitrinas contiguas ás lámpadas e prestábase a dar todo tipo de explicacións sobre as calidades únicas de tal ou cal mineral, dos  seus descubrimentos, dos metais para filamentos, nobres, duros, maleables, infusibles, incandescentes, de como o platino con forma de pebida  aparecía xunto ao iridio e ao osmio. Respondía as preguntas coa mesma celeridade que se lle formulaban.  Ensinaba e deixaba ter os obxectos entre as mans, transmitindo non só a súa emoción senón tamén unha confortable sensación de seguridade e de confort, de misterio e de temor que combinaba á perfección.
           A auténtica paixón pola química chegou ao ver o laboratorio do tío Tungsteno. Aquel precoz investigador anhelaba ter un sitio propio onde estar só e comezar a descubrir por el mesmo a historia da química. Precisou facerse cun espazo na casa, unha selección de aparellos, unha relación de reactivos básicos, frascos con tapón de todos os tamaños e cores con tapóns de cristal e bos libros-guía como a Química recreativa de J.J. Griffin (1860), con experimentos divertidos. Na biblioteca dos seus pais e irmáns maiores dispuña, entre outros, da Química práctica de Valentin, a Ciencia da vida doméstica de A.J.Barnays, a Química da vida cotiá de J. F. W. Johnston (1859), The Chemical Pocket-book ou Memoranda Chemica de James Parkinson.
         
Os soliloquios e as demostracións do tío Dave diante da vitrina acababan virando ao redor do seu metal ideal, do cal tiña na súa oficina unha variedade de barras e de lingotes que utilizaba de calcapapeis. Alí coñece Oliver a historia dos pioneiros da química sueca Carl Wilhelm Scheele e Torbern Oloff Bergman, o achado da pedra pesada ou tung sten, os traballos do francés Louis Joseph Proust e a historia dos irmáns vascos Elhuyar inmersos, a finais do século XVIII na enorme corrente de interese europea polo estudo das ciencias puras e as súas aplicacións.
          Sente a necesidade de aprender algo da historia da química, como unha proxección da súa familia, de pescudar que facían os químicos, que pensaban, o ambiente do pasado. Necesitaba comprender o que pensaban eses primeiros químicos, imaxinalos no seu mundo. Por iso achégase a Robert Boyle, contemporáneo de Newton, e ao seu axudante Robert Hooke, a Antoine Lavoisier, coñecido como o verdadeiro fundador ou pai da química moderna, quen propiciou facer química nunha lousa ou na súa mente. Indaga no nacemento da química moderna como ciencia que estuda os elementos que compoñen a materia, as súas propiedades e as súas interaccións, dotada de precisión e de método científico que comeza a deixar atrás, definitivamente, teorías como a do floxisto, baseada nas ideas da alquimia e na crenza de que a materia se compón de catro elementos básicos (lume, terra, auga e aire) e das diferentes mesturas destes.
          Comprende no laboratorio que as mesturas químicas eran completamente distintas dos compostos químicos. Solucións, aliaxes, amálgamas, todas elas eran mesturas que posuían as  propiedades dos seus ingredientes pero os compostos posuían propiedades novas e propias
          Aprende como o químico e poeta Humphry Davy, tras ler o ensaio de Alessandro Volta tivo a sospeita de que a corrente eléctrica era xerada por cambios químicos nos ferros metálicos e preguntouse se ao contrario tamén ocorrería. Se se podían producir cambios químicos facendo pasar unha corrente eléctrica. Coñeceu datos das súas conferencias impartidas ás que acudían Mary Shelley ou o reputado Coleridge ou dos traballos do seu alumno Michael Faraday.
          Ler os traballos de John Dalton arredor dos átomos, cuxas reproducións en madeira vira no Museo da Ciencia, condúceno á éxtase e converten a súa imaxinación nun microscopio en busca dun mundo invisible e infinito. Absorto na física e na química, o adolescente vai construíndo un peculiar paraíso intelectual, onde os seus heroes serán Lavoisier, Marie Curie ou Mendeléyev e a súa táboa dos elementos.
          O seu tío aprendelle que as proporcións debían de ser exactas; ensínalle a especular, comparten os fedores estimulantes e as explosións, as mesturas, os velenos, as deflagracións, as destilacións, os aceites e unha porcentaxe de perigo para afrontar. Cóntalle pormenorizada e apaixonadamente a carreira por conseguir luz para as masas e como chegou a luz de calcio en 1820 ou as achegas de Auer von Welsbachen, na Alemaña de 1870, sobre a incandescencia. Instrúeo sobre o camiño percorrido por Edison para perfeccionar a luz eléctrica en competencia con Swan e a chegada e o dominio das lámpadas eléctricas coa instalación de toda unha rede de centrais eléctricas e liñas de alta tensión na década de 1880. 
       
Unha loita entre o gas e electricidade, onde os traballos do estadounidense Irving Langmuir - primeiro químico industrial que obtivo o Premio Nobel en 1932 ou a doutora Katharine Blodgett -  achegarían multitude de investigacións e de patentes.
Dickens, Conan Doyle, Sherlock Holmes, vagalúmes, espectroscopios de peto, o perigo e a luminosidade do fósforo, o telescopio na terraza deron paso sen darse a penas conta a unha nova paixón. Esta vez pola fotografía e o cuarto escuro iluminado en vermello, co uso dos produtos químicos de revelado. O proceso fotográfico, a óptica, as grandes lámpadas do flash, as enigmáticas emulsións, fixar as fotos con hiposulfito de sodio e a cor sepia, a cámara Daguerre con caixas de iodo e de mercurio, a cámara panorámica con toldo e foles, a cámara estereoscópica, a Leica, a cámara de microorificios, a Kodak, as fotos da familia ou as ilustracións de libros e xornais como as do National Geographic coas súas fotos en cor tan diferentes ás pintadas a man. Era o mundo do futuro..
          Aos 15 anos Oliver percibe que perde o entusiasmo e debe encarar ese futuro. Non foi algo repentino, sería imposible saber quen deixou a quen pero o certo é que o neno deixou de ir ao laboratorio e o po cubriu os seus obxectos preciosos. Chegan outros intereses e camiños por percorrer coa adolescencia por bandeira. Esperábao a Medicina aínda que de cando en vez rexurdía na súa mente o recordo daquel metal tan querido polo seu tío. O seu tío Tungsteno.

    
Deseño: Soulbande | MVG
Instalación: AAFR
Organización: Biblioteca de Torrecedeira

viernes, 14 de junio de 2019

reseñas.8. Pensar con imágenes. Mi vida con el autismo.Temple Grandin


                                                       Temple Grandin. Bostón, 1947

Pensar con imágenes. Mi vida con el autismo.
[Thinking in Pictures. My life with autism,1996]
Alba,  2016

MAIO-XUÑO DE DOUS MIL DEZANOVE



 Biografía.
Aos dous anos diagnosticáronlle unha «lesión cerebral», que co tempo se identificaría como autismo.
 Zoóloga, etóloga e graduada en Psicoloxía polo Franklin Pierce College, doutorouse en Ciencias dos Animais na Universidade Estatal de Arizona. Recibiu o seu Ph.. en Zootecnia na Universidade de Illinois en 1989. A doutora Grandin é deseñadora de instalacións de manexo de gando e profesora na Universidade Estatal de Colorado. As instalacións que deseñou están situadas nos Estados Unidos, Canadá, Europa, México, Australia, Nova Zelandia e outros países.
Autora de Emergence: Labeled Autistic(con Margaret Scariano, 1986), Thinking in Pictures (1996), Genetics and the Behaviour of Domestic Animals (1997), Developing Talents: Careers for Individuals with Asperger Ayndrome and High-Functioning Autism (2004), Animals in Traslation: Using the Mysteries of Autism to Decode Animal Behavior (2005), The Way I See It: ALook At Autism and Aspergers (2009), Animals Make Us Human: Creating the Best life for Animals(con Catherine Johnson, 2009). O seu último libro, Calling All Minds. How To Think and Create Like an Inventor (2018), foi un éxito de vendas do New York Times para estudantes de secundaria. En 2018 foi bolseira da Asociación Americana para o Avance da Ciencia.
En 2010, a revista Time nomeouna unha das cen persoas máis influentes. As súas entrevistas foron transmitidas pola National Public Radio e entre das múltiples conferencias que realiza poderiamos destacar a TED de 2010 titulada «O mundo necesita TODAS as clases de mentes». 
Escribiu máis de catrocentos artigos en revistas científicas e en revistas de gando sobre o manexo de animais, benestar e deseño de instalacións. Como recoñecemento á súa traxectoria, contribución persoal e grande influencia na cultura americana, incorporouse en 2017 ao Salón da Fama das Mulleres, xunto a mulleres doutras edicións como Madeleine Allbright, Louisa May Alcott, Maya Angelou, Susan B. Anthony, Hillary Rodman Clinton, Silvia Earle, Ela Fitgerald, Ruth Bader Ginsburg, Xeorxia Ou´Keefe, Rosa Parks, Sally Ride, Eleonor Roosvelt e Oprah Winfrey. 
 A historia da súa vida, mostrando a súa adolescencia e como comezou a súa carreira, converteuse no ano 2010 na película gañadora de sete premios Emmy e un Golden Globe.




    Por Aser Ángel Fernández Rey

O título dunha obra nunca é banal. Publicado en 1996, Pensar con imaxes. A miña vida co autismo mostra o autismo en primeira persoa. Temple Grandin foi unha das primeiras persoas con espectro autista en compartir publicamente a súa experiencia vital. A posibilidade de compartir o seu mundo supuxo a oportunidade de coñecer unha vida distinta e plena. As sensacións, os apoios e dificultades íntimas e sociais, as capacidades e incapacidades coas que se foi atopando no camiño, as reflexións e decisións tomadas, o descubrimento da paixón polos animais, non son nin máis nin menos que as respostas e os esforzos por coñecerse ela mesma e o mundo. O neurólogo e divulgador científico británico Oliver Sacks prologa o libro que amplía a historia paradoxal contada nun dos seus soados capítulos de Un antropólogo en Marte.
Trátase dun percorrido desde a súa infancia ata o éxito na vida. O reflexo dunha loita diaria por canalizar as súas obsesións e intereses para crecer e para desenvolver o seu talento intelectual e profesional. Con percepción positiva de si mesma, fálanos con intensidade e lucidez non-exentas dunha innata inxenuidade, moi desde o centro da súa existencia, do que é «normal» : «se eu puidese chascar os dedos e non ser autista, non o faría: porque entón non sería eu. O autismo forma parte do que eu son». Palabras de orgullo subscritas pola activista xuvenil Greta Thunberg cando, tras manifestar que nunca es demasiado pequeno para marcar a diferenza, encarou con valentía os gobernos mundiais no seu discurso no Cume do Clima da ONU (2019) e sinalounos como parte do problema por falta de madurez e de sensatez.
Entre as diferentes categorías diagnosticadas encadra o autismo, o TGD (trastorno xeneralizado do desenvolvemento), a síndrome de Asperger ou o trastorno desintegrativo. Non hai un único xene do autismo, aínda que na maioría dos casos este trastorno ten unha sólida orixe xenética. O autismo é un trastorno neurolóxico que revela claras anomalías no cerebro e, con frecuencia, cométese o erro de pensar que un diagnóstico deste tipo é exacto. Non é así.
Temple Grandin observa, reflexiona, analiza, investiga e divulga. Trata a singularidade e as distintas necesidades de cada persoa, a problemática do diagnóstico médico e o uso controlado da bioquímica, da educación e da aprendizaxe das habilidades sociais e das relacións sociais, de como afrontar as emocións e os sentimentos, da integración social, dos trastornos auditivos e visuais, da hipersensibilidade e dos problemas de ansiedade. Un dos seus maiores acertos foi aproveitar a súa capacidade de ver os paralelismos entre o mundo autista e o mundo dos animais.
Aos seus 72 anos Temple segue sen ofrecernos unha imaxe romántica do autismo nin mostrar unha visión de «xenialidade» do Asperger. Dedícalle o libro á súa nai, a súa primeira mentora, e recoñécelle que o seu amor e a abnegación fixo posible o seu éxito ao ser capaz de ver os primeiros sinais. Foi a súa axuda e as doutras persoas creativas, pouco convencionais, e profesionais as que estimularon e formaron a nena mediante actividades interesantes, ordenadas, procurando canalizar e ampliar as súas fixacións cara a actividades creativas e construtivas para conseguir sacala con delicadeza do seu ensimesmamento, do peche e do illamento no seu propio mundo.
Para a Doutora Grandin un dos primeiros sinais de posible autismo é a rixidez e a resistencia ao contacto; tamén son significativas a falta da fala ou do contacto visual e social, ter rabechas, non interesarse pola xente, a presenza dunha xordeira aparente ou quedar coa mirada perdida. Os síntomas autistas parecen proceder tanto de problemas cognitivos coma sensoriais. O mundo do ou da autista non-verbal é caótico e confuso, ata tal punto que é posible que en ocasións non se dean conta de que se fan dano e manifesten condutas autolesivas como morderse ou golpearse a cabeza. Moitas veces un neno ou nena totalmente verbal cunha leve síndrome de Asperger non ten problemas ata chegar á escola. Por desgraza, danse casos de autismo grave que non reciben atención ata que se escolarizan.
Cóntanos como na puberdade o medo se converteu na súa principal emoción. Cando se lle dispararon as hormonas, a súa vida pasou a virar ao redor da necesidade de evitar os ataques de pánico. As burlas dos e das demais doíanlle moito e reaccionaba con ira. Tras ser expulsada do instituto por pelexarse continuamente, foi a un internado especial para nenos e nenas superdotados con problemas emocionais (este era o termo que englobaba todo). Chamábana retardada e gravadora. Burlábanse dela e ela acababa furiosa losqueándoos e aumentando a intensidade nos seus actos. Tardou moito en aprender a berrar cando a provocaban como desafogo ao gran dano das burlas. Entendía o que lle dicía a xente pero era incapaz de pronunciar nada. Cando se sentía saturada por un exceso de ruído e quería afastarse do mundo balanceábase e daba voltas para tranquilizarse, e canto máis o facía máis quería facelo.
Algo tan aparentemente sinxelo como crear conceptos resulta de gran dificultade para as persoas con espectro autista. Como diferenciar os cans dos gatos? Grandin comenta como necesitaba clasificar e categorizar para poder ordenar. Máis información representa un maior número de categorías e de subcategorías, e máis posibilidade de afrontar situacións novas. Aprender era un dos verbos claves e o tempo ensinoulle que canto máis sabía máis consciente era de que a súa maneira de pensar e de sentir era distinta e máis “normal” resultaba a súa conduta.
Ela pensa con imaxes. Cando alguén lle fala, as súas palabras tradúcense de inmediato en imaxes, pois é a súa primeira lingua. Este pensamento visual permitiulle crear sistemas enteiros na imaxinación. A súa destreza visual e espacial levouna a pensar de pequena que, coma ela, todo o mundo tiña recordos visuais de todos os obxectos cos que ía traballando e ían creando a súa propia biblioteca de recordos visuais, pero non era así. Nela quedaron arquivadas as imaxes da corte dos cabalos do colexio, onde os animais tiñan problemas emocionais graves coma ela. Foran maltratados atrozmente e estaban desfeitos. Aínda sen darse conta naquel momento desa situación, os animais atraíana, gustábanlle, dalgunha maneira entendíaos e eles foron parte da súa salvación.
Tal como relata en Interpretar os animais: como o autismo pode axudar a comprender o seu comportamento (2006), Grandin tardou moito tempo en comprender que vía cousas dos animais que as demais persoas non vían. Tiña corenta e tantos anos cando ao fin recoñecía que contaba cunha gran vantaxe sobre os gandeiros que a contrataban para organizar a xestión dos seus animais: o feito de ser autista. O autismo dificultaba a vida escolar e a vida social, pero facilitaba o trato cos animais. Segura de que os animais son máis intelixentes do que cremos, deuse conta de que o autismo era unha especie de apeadoiro entre os animais e os seres humanos, de que os e as autistas podían pensar coma eles e traducir os seus pensamentos, mentres os animais parecían sabios autistas. Sorprendentemente, a busca de respostas para manexar a súa vida e a dos animais eran campos que podían unificarse e esta resultou ser unha das razóns de gran parte do seu éxito profesional no deseño de sistemas humanitarios para o gando.
Nos anos setenta, cando chega á universidade, o campo da psicoloxía estaba dominado por B.F. Skinner e o condutismo. O medio ambiente érao todo e os animais non tiñan emocións, pero as súas vivencias non lle permiten estar de acordo con esa teoría en absoluto e o mito de Skinner vénselle abaixo cando ten ocasión de coñecelo en Harward.
A capacidade de pensar con imaxes – os animais tamén son criaturas visuais que se guían polo que ven –  supuxo o comezo da súa carreira cos animais, pois estaba dotada dunha perspectiva da que carecía o demais estudantado e profesorado. A linguaxe que utiliza é sempre simple, pois o complexo son as imaxes. Todos os xuízos, procesos  e  decisións sobre os problemas dun proxecto, producíanse en imaxes aínda que o seu xuízo final xorda en palabras. Falar soa axudábaa a ordenar os pensamentos. Un bo método de traballo, a análise de tarefas e o uso de cartafoles de traballo resultáronlle de grande axuda para superar os problemas coas multitarefas e progresar tanto nos estudos universitarios coma na carreira profesional. Hoxe en día, todo o mundo está familiarizado cos novos sistemas informáticos de realidade virtual, con lentes especiais que te mergullan na acción. Para Temple Grandin eses sistemas son coma debuxos animados rudimentarios, pois a súa imaxinación actúa igual ca os programas informáticos de deseño gráfico. Asegura, de forma tallante, que pode facelo mellor e máis rápido mentalmente, polo que non lle cabía na cabeza que fosen tan estúpidos (os enxeñeiros) como para non ver os erros nos planos antes de instalar o equipamento. Realmente non era estupidez, senón que carecían de facultades para visualizar.
Máis ca o laboratorio empezou a interesarse pola contorna natural, centrouse en observar desde o punto de vista do animal e seguir as súas pautas de conduta imaxinando o sistema sensorial do animal para conseguir ver o mundo que vían eles. Desta forma deuse conta, por exemplo, de que as sombras ou as cadeas colgadas facían parar os animais. Os  autistas son coma os animais asustados que, en constante estado de hipervixilancia nun mundo infestado de depredadores perigosos, viven nun constante estado de medo, inquietos pola menor alteración na súa rutina ou a contragusto se os obxectos da súa contorna cambian de sitio. A «distancia de fuxida» do animal tamén se dá no ou na autista. Un leve contacto físico inesperado desata unha reacción de fuxida, pero tranquilízanse se alguén os toca con firmeza.
Resulta impresionante escoitar en boca de alguén que para poder querer, mesmo a unha nai, precisa sentir benestar físico. Temple Grandin exprésao abertamente:
“ Desde sempre odiei que me abrazasen. Desexaba esa sensación pero atafegábame e temía o contacto. O noso sistema nervioso non ten tempo para procesar a sensación. Eu era das que buscaban presión, pois relaxábame. Exercer presión intensa pode relaxar o sistema nervioso. Coñecer, darse conta e experimentar abrazos ou caricias propicia a posibilidade de facérllelo aos animais (reciprocidade) e trasladar esa agradable sensación a eles e que non escapen. A sensación relaxante dun abrazo elimina os pensamentos negativos”.
Inspirándose na manga gandeira inventa a “máquina de abrazar” que lle axudou a superar os anos de adolescente.
Os trastornos de espectro autista non son iguais para todos e todas. Os nenos e nenas autistas fíxanse en pequenas discrepancias que pasan inadvertidas ao resto. Hai persoas autistas que por problemas coa luz fluorescente ou a sobrecarga de estímulos e de cores teñen preferencia pola visión periférica ou imaxes distorcidas, polo que ven mellor de lado; en xeral, para cada autista a realidade é unha masa confusa sen límites claros, sen orde nin significado que pode atafegalas. Algo tan harmonioso coma o ruído das ondas da praia pode resultar terrorífico, a hipersensibilidade sensorial, ou ter problemas para delimitar límites do seu corpo ao non conseguir diferencialo do mundo exterior; presentar tamén trastornos auditivos, olfactivos e visuais; parecer xordos, responder a uns sons e comportarse coma se fosen cegos. Con frecuencia aféctalles o contacto físico, polo que a roupa os/as irrita e non a queren cambiar. Sexa animal ou ser humano, ao restrinxirse as experiencias sensoriais, o sistema nervioso central vólvese hipersensible. Por iso é importante para a persoa autista tentar que todo siga sempre igual para evitar a ansiedade, o pánico e o medo. En todo caso, cómpre ser conscientes de que os progresos no tratamento dos trastornos sensoriais son lentos.
Comenta Temple Grandin que unicamente entende as emocións sinxelas e descoñece as emocións complexas nunha relación humana. Non ser capaz de interpretar as claves emocionais sutís é o que lles provoca a incapacidade de recoñecer os cambios apenas perceptibles nas expresións faciais. O resultado é que frecuentemente non saben mentir ou non admiten a mentira. As persoas autistas tenden a ter dificultades para mentir polos sentimentos complexos que interveñen no engano. Mentir causa moita ansiedade, porque require interpretacións rápidas de claves sociais sutís para determinar se a outra persoa o creu. Este é un dos motivos polos que, a miúdo, son vítimas de enganos. Admite que tivo que aprender por ensaio e por erro o que significan certos xestos e expresións faciais convertendo moitas veces o teléfono nun bo aliado. É consciente de que a información e a memoria sempre axudan, polo que foi creando unha biblioteca de experiencias e de coñecementos ampla, unha biblioteca visual da que ela mesma forma parte esencial como suxeito observado, pois, como ben di, tardou moito tempo en comprender que o que rexe a maioría das interaccións sociais son as emocións:
 “ Son desas persoas que naceron cun sistema nervioso sometido a un estado perpetuo de medo e ansiedade. A maior parte da xente só sente así cando sufriu un trauma moi severo, como abusos na infancia, un accidente de avión ou neurose de guerra. Antes pensaba que era normal estar sempre nerviosa, e foi unha revelación cando me decatei de que a maioría da xente non sofre constantes ataques de ansiedade”.
Conta que ao longo da súa vida, ese estado de ansiedade resultou motivador ata o punto de converterse en guía das súas obsesións, pero co tempo, ao producirse con maior frecuencia e intensidade, en lugar de impulsala fíxoa estalar e converteuse nun impedimento. Así, canto máis nerviosa estaba, máis se obsesionaba, ata que o motor da ansiedade empezou a rompela. Era o momento da medicación e dos tratamentos, das decisións cos fármacos.
Un cancro de pel na pálpebra cambiou a súa obsesión cara ao gando pola obsesión da posibilidade de quedar cega. Para ela, como pensadora visual, a cegueira era peor ca a morte. Non lle gustaba a bioquímica pero o instinto de sobrevivir, xunto co seu interese pola ciencia, levárona a axudar a buscar respostas, ata que conseguiu que o seu corpo deixase de estar sobreexcitado cos medicamentos adecuados e aprender a axustar e a manter as doses adecuadas nas recaídas para ter unha vida mellor a través da química. Hoxe está segura de que unha medicación adecuada pode formar parte dun bo programa de tratamento para o autismo, pero non un substitutivo dos programas educativos ou sociais ben elaborados. Un principio básico é que hai que probar as cousas por separado. Para que pague a pena arriscarse cun fármaco, este debe ter un efecto beneficioso evidente, pois todos os medicamentos, ou dietas, entrañan riscos que deben supervisar convenientemente especialistas: cada caso, cada cerebro, é distinto.
“Actualmente, os trastornos do espectro autista (TEA) considéranse unha alteración do desenvolvemento neurolóxico, os cales, seguindo os criterios de diagnóstico da clasificación internacional DSM-V (APA, 2014), caracterízanse pola presenza de distintos niveis de intensidade, en canto á gravidade dos síntomas que presenta; o nivel 1 é de gravidade baixa e o nivel 3 de intensidade alta.” (Ojea Rúa, Manuel, 2015)
Temple Grandin recoñece que toda a vida foi unha observadora e sempre tivo a sensación de que vía as cousas desde fóra. As interaccións sociais que se dan de maneira natural na maioría da xente poden ser intimidatorias para as persoas autistas. No seu caso quería participar, pero non sabía como, por iso resultáballe fácil a identificación co doutor Spock de Star Trek, unha serie onde sempre había unha ensinanza final tras a loita entre a lóxica (pensamento lóxico) e o sen sentido (sentimentos).
Cos anos, aprendeu destrezas sociais mediante exemplos concretos que podía clasificar en categorías. Aprendeu de memoria como actuar en diferentes situacións, como ter máis tacto e diplomacia adoptando modelos e que a interacción social xira ao redor de intereses compartidos: «Descubrín que son o que fago en lugar do que sinto». As destrezas sociais poden ensinarse, pero non as relacións emocionais. As habilidades sociais e as relacións emocionais son dúas cousas distintas:
 “Teño visto que os autistas que se adaptan mellor ás relacións persoais, ben elixen o celibato, ben casan cunha persoa con discapacidades parecidas. Xúntanse por compartir intereses, non por unha atracción física. Necesitan que lles ensinen as regras das interaccións sociais, igual que lle ensinan ortografía; teñen que aprendelas de maneira sistemática”.
Para entender a importancia do contacto visual resultoulle de grande axuda a lectura dos libros de Simón Baron-Cohen, Antonio Damasio e de Utah Frith, que indagan nas explicacións sobre o enigma do autismo e do funcionamento cerebral. Frith sinala como «os pais, os profesores, os médicos e as propias persoas con autismo contribuirán, como o fixeron antes, á comprensión científica do autismo con novas e ricas perspectivas. O autismo é demasiado fascinante para que o traten unicamente os científicos. Trátase, á fin e ao cabo, dun dos reflexos máis impresionantes da condición humana».
Di Grandin que os nosos coñecementos sobre o cerebro autista e o número de persoas diagnosticadas aumentaron. Moitas persoas investigadoras coinciden en que o incremento da síndrome de Asperger se debe a un aumento da súa detección ou aos cambios realizados no Manual diagnóstico e estatístico dos trastornos mentais. A miúdo os proxenitores e os parentes de nenos e nenas autistas presentan leves trazos da síndrome. É a xenética. Pero a herdanza do autismo é complexa. Non hai un único xene do autismo e a xenialidade é unha anomalía.
A lectura desta obra fainos ver que avanzamos, pero queda moito por coñecer do autismo e do cerebro. Sabemos que o autismo se debe a anomalías neurolóxicas, pero non esquezamos que ata os anos setenta se culpaba a «nai neveira» e o suposto rexeitamento como causa do autismo.
          Deixámosvos coas palabras alentadoras da autora deste libro: «Hai xente que cre que os autistas non teñen emocións. Desde logo, eu si as teño, pero parécense máis ás dun neno que ás dun adulto [...] Coñecín a felicidade».

Deseño: Soulbande | MVG
Instalación: AAFR | MVG
Organización: Biblioteca de Torrecedeira.

viernes, 12 de abril de 2019

reseñas.7. La vida de las hormigas. Maurice Maeterlinck.

                                                 Maurice Maeterlinck (Gante, 1862 - Niza, 1949)
 La vida de las hormigas
 [ La vie des fourmis, 1930]. Ariel, 2018.
                                                               ABRIL DE DOUS MIL DEZANOVE

Biografía
Poeta, dramaturgo e ensaísta belga, publica os seus primeiros poemas na revista literaria e artística Jeune Belgique, onde coñece os Cantos de Maldoror (1869) do gran renovador da poesía francesa do século XIX Isidore Ducasse máis coñecido polo seu pseudónimo de Conde de Lautréamont. Coñece tamén a obra de Arthur  Rimbaud, a do místico flamenco do século XIV Ruysbroeck o Admirable, a Paul Verlaine, a Stéphane  Mallermé, a Auguste Villiers  De L’Isle-Adam e a Albert  Mockel. Influído por Novalis (George Philipp Friederich  Hardenberg) entrou en contacto co romanticismo dos irmáns Schlegel que incrementaron as súas influencias e coñecemento do mundo xermánico. As críticas favorables de Octave Mirbeau no diario “Le Figaro” en 1890 fano famoso da noite para a mañá. Xunto con outros autores como Ibsen, Chejov, Strindberg ou Hauptmann, contribuíu a transformar a concepción do drama contando entre os seus éxitos mundiais obras como Los ciegos (1890 ), Pelléas et Mélisande (1892) ou El pájaro azul (1909). Principal expoñente do teatro simbolista, recibiu en 1911 o Premio Nobel de Literatura, o mesmo ano que Marie Curie recibe o de Nobel de Química.

                                                                                          Por Aser Ángel Fernández Rey.


O simbolismo foi un dos movementos máis importantes do século XIX de grande atractivo para unha  mocidade ávida de imaxinación. Orixinado en Francia e en Bélxica como reacción ao naturalismo e ao realismo, para os simbolistas, o mundo é un misterio por descifrar. Las flores del mal de Baudelaire ou as obras de Edgar  Allan Poe foron precursores do seu nacemento e obras como A contrapelo de Joris-Karl Huysmans ou El retrato de Dorian  Gray de Óscar Wilde téñeno moi presente.
A obra de Maeterlinck  aparece atravesada continuamente por referencias plásticas e do mundo da arte, pola historia da literatura e dos contos de Esopo, Fontaine, Perrault ou os irmáns Grimm. Nomes como Constantin Stanislavski, Egorov ou Meyerhol son algúns dos grandes da escena teatral do momento que conflúen no éxito da representación de El pájaro azul onde rezuma o impulso creativo da cultura rusa que asolaga o corazón da Europa do momento.
Nas súas primeiras etapas apréciase unha constante tendencia a indagar en cuestións metafísicas onde o silencio resulta o material esencial do drama desenvolvido nun mundo onírico. A procura constitúe un dos elementos máis reiterados da súa obra. O desasosego e o proceso de desvelo das profundidades acompaña os seus personaxes errantes que se desprazan dun lado a outro sen adiviñar a escuridade na que quedaron sumidos.
"Black Mass- Deception".
 Maeterlinck, Proust, Wild e Douglas. 
Manuel Orazi.1903.
O seu teatro estático, herdeiro da traxedia clásica na que a forza tráxica está representada polo destino e pola posición do ser humano no universo, onde a acción substitúese pola situación, é , para moitos, un antecedente claro do teatro de Samuel Beckett (Esperando a Godot). A inclinación ao pesimismo e á aceptación da dor, a fatalidade, a fascinación polo misterio, a presenza do descoñecido, a necesidade de descifrar ese misterio, os medos, a importancia outorgada ao místico ou á morte forman parte das súas constantes vitais e artísticas.
 O seu universo suspendido e inmóbil achégase ás ideas de Shopenhauer e os personaxes, que observamos e dos que poucos datos coñecemos, parecen acharse desprotexidos dentro dunha natureza inquietante e viva.  Como nun formigueiro, baixo as estruturas das súas obras escóndese sempre un sistema orgánico coincidente coas preocupacións expresadas polo compositor Claude Debussy cando manifesta o seu respecto cara aos silencios espallados nunha partitura: “a música é o silencio entre as notas” e a creación dunha música “composta de pequenos e rigorosos toques sucesivos, unidos por un lazo misterioso…” ou as palabras do místico Ruysbroeck:  “A nosa razón permanece cos ollos abertos nas tebras, é dicir, na ignorancia infinita; nesa escuridade ocúltasenos e esconde o esplendor sen límites, xa que a chegada da súa inmensidade cega a nosa razón”.
Non imos detallar a anecdótica e coñecida polémica con Debussy arredor da ópera Pelléas et Mélisande. Georgette Leblanc, amante do propio Maeterlinck, quen foi substituída na estrea do papel pola nova soprano escocesa Mary Garden (a propia Leblanc describe o traxicómico intento infrutuoso do autor de darlle bastonadas ao compositor). É outra anécdota, esta moito máis recente, a que nos fixo solicitar na constante relación da bioloxía e da cultura, do ser humano e da natureza, - que tanto preocupou a Maeterlinck e segue vixente nos nosos días tal e como se pode apreciar na gran cantidade de ensaios e libros de divulgación  relacionados co medio ambiente e coa actuación do ser humano no planeta. Unha silenciosa e misteriosa formiga foi quen de romper o hermetismo cultural español ao facer acto de presenza en 2017 no interior da vitrina da famosa Dama de Elxe noMuseo Arqueolóxico Nacional.
Un misterio máis da vida dos insectos (abellas, térmites e formigas...) que interpelan e sorprenden a toda a sociedade pola súa constante comparativa coas propias organizacións e calidades humanas. Símbolos de  rectitude, abnegación, traballo en equipo, modelo ideal de sociedade, presentes sempre no noso ideario de natureza, de enxeño e de cultura. A analoxía co mundo dos seres humanos foi sempre centro de atención de artistas, escritores e científicos. De Aristóteles ao día de hoxe, a filosofía, a ciencia e a literatura tiveron  presentes o mundo dos insectos. A necesidade de coñecemento e a atracción científica mostrada por Maeterlinck nos seus ensaios podería ilustrarse con exemplos paralelos de movementos artísticos posteriores como o surrealismo.
Debuxo con formigas.
 Dalí. 1975.
Poñamos por caso a iconografía empregada por Salvador Dalí que conta, entre os moitos animais que aparecen representados na súa obra, coa formiga como un dos seus predilectos. As formigas fascínanlle; mestura de atracción e de repulsión, suxírenlle o temor á putrefacción, son portadoras dos seus desexos máis íntimos e chégaas a considerar como un ser superior capaz de comerse o tempo. Visualmente recoñecemos estas palabras nas imaxes plasmadas xunto a  Luis Buñuel na película Un Chien andalou.
Maeterlinck di que a formiga “é incontestablemente un dos seres máis nobres, máis valentes, máis caritativos, máis consagrados, máis xenerosos, máis altruístas que viven na Terra.” A continuidade das súas obras de ensaio filosóficas onde trata a vida da natureza e o misterio do ser humano -obras como A vida das abellas (1901), A intelixencia das flores (1907), A vida das térmites (1927), A vida das formigas (1930)- responden para Jorge Luis Borges á súa vontade descifradora do misterio. Observa, sinala, avalía e narra guiado por un razoamento lóxico. Detalla apaixonadamente con precisión de botánico –acusado de ser non demasiado cientificista por algúns- a variedade deste mundo oculto e sorprendente. Nestes ensaios a contemplación da natureza parece darlle consolo a Maeterlinck e chega a dicir que “Non hai vidas pequenas: cando a miramos de preto, toda vida é grande.”
Introdúcese no mundo da entomoloxía, entre as miles de especies de formigas para tratar de descubrir o segredo do formigueiro, das súas orixes, das súas capacidades de comunicación e orientación, das guerras ou dos seus logros e empeños por sobrevivir e adaptarse. Descobre unha anarquía organizada que non ten distracción e si unha excelente capacidade para complementarse, para aceptar unha idea cando lles parece boa, e acumular as súas experiencias e coñecementos en beneficio da harmonía común, pois talvez un dos seus segredos é que os seus semellantes non lle resultan indiferentes. Son capaces de alimentarse boca a boca, de compartir, de acariñarse coas antenas, de servir de depósitos alimenticios e ofrecerlles afecto ás súas larvas. A persuasión predomina sobre a autoridade e segundo o autor poderiamos  falar dunha intelixencia colectiva: “Cando é preciso adoptar unha resolución da que pode depender a sorte da cidade, como o abandono do formigueiro natal, unha emigración, unha expedición arriscada, etc., esfórzanse en convencer, por medio de caricias coas antenas, ás que non comparten a súa opinión.”
O autor fálanos do estilo construtivo (horizontal, con meandros, sen planos e sen fin) das súas cidades, da orientación e temperatura dos seus niños, da súa variedade de solucións para conter criadeiros de cogomelos, cortellos ou adegas cuxas actividades e necesidades xeran os seus múltiples oficios (segadoras, recolledoras de cogomelos, filandeiras, pastoras, exploradoras, bombeiras). Ás formigas gústalles a escuridade e a limpeza, teñen os seus xogos e os seus tempos de descanso, son capaces de ver cores co olfacto. As formigas xa estaban evolucionadas hai moito tempo e moito antes de que o fixeramos nós:      “A cada paso temos o presentimento da súa intelixencia e necesitamos facernos firmes contra o evidente para non recoñecela..., somos, por culpa da nosa ignorancia, malos xuíces”.
O noso antropocentrismo condúcenos - sempre que falamos de abellas, térmites ou formigas - a unha comparativa coas nosas actitudes, logros e accións. Talvez as formigas sigan sendo para a especie humana unhas descoñecidas que aprenderon a conformarse con vivir ou tan só unha nova oportunidade de depredación cara a que mirar dentro do amplo espectro de insectos que poden presentársenos como parte da dieta futura dun mundo tristemente esquilmado.
Attenborough e a montaña das formigas. 2017.
Témonos afastado tanto da natureza que semella que unicamente as sensacións de urxencia, perigo ou  necesidade agudizan a nosa consciencia e alerta. Seguimos necesitando reflexionar sobre a nosa condición humana e activar os procesos de coñecemento e compresión de “os outros” compoñentes deste xogo que é a vida. A reedición dos ensaios de Maeterlinck e o aumento de títulos doutras investigacións e obras divulgativas como “A vida secreta das plantas”, “O enxeño dos peixes”, “A intelixencia dos paxaros”, “A alma dos polbos”, “Historia das moscas e dos mosquitos”, “A memoria secreta das flores”, “O libro dos océanos. Que ameaza o mar”, “O poder do bosque”, “Antropoceno. A política na era humana” ou  “A montaña de formigas” ou a famosa serie “Blue Planet”de David Attenborough, poderían responder unicamente a unha estratexia de venda ou coincidir cunha necesaria concienciación que sacuda o triste mecanismo humano de responder e de ofrecerlle só o noso amor ao que perdemos ou estamos a piques de perder, a actuar aparvados ante os graves problemas como o cambio climático, a falta de equilibrio do planeta ou a deterioración continua da natureza que propiciamos e na que pretendemos seguir vivindo.

Deseño: Soulbande/MVC
Instalación: AAFR
Organización: Biblioteca de Torrecedeira.