Maurice Maeterlinck (Gante, 1862 - Niza, 1949)
La vida de las hormigas
[ La vie des fourmis, 1930]. Ariel,
2018.
ABRIL DE DOUS MIL DEZANOVE
Biografía
Poeta, dramaturgo e
ensaísta belga, publica os seus primeiros poemas na revista literaria e
artística Jeune Belgique, onde coñece
os Cantos de Maldoror (1869) do gran
renovador da poesía francesa do século
XIX Isidore Ducasse máis
coñecido polo seu pseudónimo de Conde de Lautréamont. Coñece tamén a obra de
Arthur Rimbaud, a do místico flamenco do século XIV
Ruysbroeck o Admirable, a Paul Verlaine, a Stéphane Mallermé, a Auguste Villiers De L’Isle-Adam e a Albert Mockel. Influído por Novalis (George Philipp
Friederich Hardenberg) entrou en contacto co romanticismo
dos irmáns Schlegel que incrementaron as súas influencias e coñecemento do
mundo xermánico. As críticas favorables de Octave Mirbeau no diario “Le Figaro” en 1890 fano famoso da noite
para a mañá. Xunto con outros autores como Ibsen, Chejov, Strindberg ou
Hauptmann, contribuíu a transformar a concepción do drama contando entre os
seus éxitos mundiais obras como Los ciegos
(1890 ), Pelléas et Mélisande (1892) ou El pájaro azul (1909). Principal
expoñente do teatro simbolista, recibiu en 1911 o Premio Nobel de Literatura, o
mesmo ano que Marie Curie recibe o de Nobel de Química.
Por Aser Ángel
Fernández Rey.
O simbolismo foi un
dos movementos máis importantes do século XIX de grande atractivo para unha mocidade ávida de imaxinación. Orixinado en
Francia e en Bélxica como reacción ao naturalismo e ao realismo, para os
simbolistas, o mundo é un misterio por descifrar. Las flores del mal de Baudelaire ou as obras de Edgar Allan Poe foron precursores do seu nacemento e
obras como A contrapelo de Joris-Karl
Huysmans ou El retrato de Dorian Gray de Óscar Wilde téñeno moi presente.
A obra de
Maeterlinck aparece atravesada
continuamente por referencias plásticas e do mundo da arte, pola historia da
literatura e dos contos de Esopo, Fontaine, Perrault ou os irmáns Grimm. Nomes
como Constantin Stanislavski, Egorov ou Meyerhol son algúns dos grandes da escena teatral do
momento que conflúen no éxito da representación de El pájaro azul onde rezuma o impulso creativo da cultura rusa que asolaga o corazón da Europa do
momento.
Nas súas primeiras etapas
apréciase unha constante tendencia a indagar en cuestións metafísicas onde o
silencio resulta o material esencial do drama desenvolvido nun mundo onírico. A
procura constitúe un dos elementos máis reiterados da súa obra. O desasosego e o
proceso de desvelo das profundidades acompaña os seus personaxes errantes que
se desprazan dun lado a outro sen adiviñar a escuridade na que quedaron
sumidos.
"Black Mass- Deception".
Maeterlinck, Proust, Wild e Douglas.
Manuel Orazi.1903.
|
O seu teatro
estático, herdeiro da traxedia clásica na que a forza tráxica está representada
polo destino e pola posición do ser humano no universo, onde a acción substitúese
pola situación, é , para moitos, un antecedente claro do teatro de Samuel Beckett
(Esperando a Godot). A inclinación ao
pesimismo e á aceptación da dor, a fatalidade, a fascinación polo misterio, a
presenza do descoñecido, a necesidade de descifrar ese misterio, os medos, a
importancia outorgada ao místico ou á morte forman parte das súas constantes
vitais e artísticas.
O seu universo suspendido e inmóbil achégase ás ideas de
Shopenhauer e os personaxes, que observamos e dos que poucos datos coñecemos,
parecen acharse desprotexidos dentro dunha natureza inquietante e viva. Como nun formigueiro, baixo as estruturas das súas
obras escóndese sempre un sistema orgánico coincidente coas preocupacións
expresadas polo compositor Claude Debussy cando manifesta o seu respecto cara
aos silencios espallados nunha partitura: “a música é o silencio entre as notas” e a creación dunha música “composta de pequenos e rigorosos toques sucesivos, unidos por un lazo
misterioso…” ou as palabras do místico Ruysbroeck: “A nosa razón permanece cos ollos abertos nas
tebras, é dicir, na ignorancia infinita; nesa escuridade ocúltasenos e esconde
o esplendor sen límites, xa que a chegada da súa inmensidade cega a nosa razón”.
Non imos detallar a
anecdótica e coñecida polémica con Debussy arredor da ópera Pelléas et Mélisande. Georgette Leblanc,
amante do propio Maeterlinck, quen foi substituída na estrea do papel pola nova
soprano escocesa Mary Garden (a propia Leblanc describe o traxicómico intento
infrutuoso do autor de darlle bastonadas ao compositor). É outra anécdota, esta
moito máis recente, a que nos fixo solicitar na constante relación da bioloxía
e da cultura, do ser humano e
da natureza, - que tanto preocupou a Maeterlinck e segue vixente nos nosos días
tal e como se pode apreciar na gran cantidade de ensaios e libros de divulgación relacionados co medio ambiente e coa actuación
do ser humano no planeta. Unha silenciosa e misteriosa formiga foi quen de
romper o hermetismo cultural español ao facer acto de presenza en 2017 no
interior da vitrina da famosa Dama de Elxe noMuseo Arqueolóxico Nacional.
Un misterio máis da
vida dos insectos (abellas, térmites e formigas...) que interpelan e sorprenden
a toda a sociedade pola súa constante comparativa coas propias organizacións e
calidades humanas. Símbolos de rectitude, abnegación, traballo en equipo,
modelo ideal de sociedade, presentes sempre no noso ideario de natureza, de
enxeño e de cultura. A analoxía co mundo dos seres humanos foi sempre centro de
atención de artistas, escritores e científicos. De Aristóteles ao día de hoxe, a
filosofía, a ciencia e a literatura tiveron presentes o mundo dos insectos. A necesidade
de coñecemento e a atracción científica mostrada por Maeterlinck nos seus
ensaios podería ilustrarse con exemplos paralelos de movementos artísticos
posteriores como o surrealismo.
Debuxo con formigas. Dalí. 1975.
|
Poñamos por caso a iconografía empregada por
Salvador Dalí que conta, entre os moitos animais que aparecen representados na
súa obra, coa formiga como un dos seus predilectos. As formigas fascínanlle;
mestura de atracción e de repulsión, suxírenlle o temor á putrefacción, son
portadoras dos seus desexos máis íntimos e chégaas a considerar como un ser
superior capaz de comerse o tempo. Visualmente recoñecemos estas palabras nas
imaxes plasmadas xunto a Luis Buñuel na película Un Chien andalou.
Maeterlinck di que a formiga “é
incontestablemente un dos seres máis nobres, máis valentes, máis caritativos,
máis consagrados, máis xenerosos, máis altruístas que viven na Terra.” A continuidade das súas obras de ensaio filosóficas onde trata a vida
da natureza e o misterio do ser humano -obras como A vida das abellas (1901), A intelixencia
das flores (1907), A vida das térmites
(1927), A vida das formigas (1930)-
responden para Jorge Luis Borges á súa vontade descifradora do misterio.
Observa, sinala, avalía e narra guiado por un razoamento lóxico. Detalla
apaixonadamente con precisión de botánico –acusado de ser non demasiado cientificista
por algúns- a variedade deste mundo oculto e sorprendente. Nestes ensaios a
contemplación da natureza parece darlle consolo a Maeterlinck e chega a dicir
que “Non hai vidas pequenas: cando a miramos de
preto, toda vida é grande.”
Introdúcese no mundo da entomoloxía, entre as
miles de especies de formigas para tratar de descubrir o segredo do
formigueiro, das súas orixes, das súas capacidades de comunicación e
orientación, das guerras ou dos seus logros e empeños por sobrevivir e
adaptarse. Descobre unha anarquía organizada que non ten distracción e si unha
excelente capacidade para complementarse, para aceptar unha idea cando lles
parece boa, e acumular as súas experiencias e coñecementos en beneficio da
harmonía común, pois talvez un dos seus segredos é que os seus semellantes non
lle resultan indiferentes. Son capaces de alimentarse boca a boca, de
compartir, de acariñarse coas antenas, de servir de depósitos alimenticios e ofrecerlles
afecto ás súas larvas. A persuasión predomina sobre a autoridade e segundo o
autor poderiamos falar dunha intelixencia colectiva: “Cando é preciso adoptar unha resolución da que pode depender a sorte da
cidade, como o abandono do formigueiro natal, unha emigración, unha expedición
arriscada, etc., esfórzanse en convencer, por medio de caricias coas antenas,
ás que non comparten a súa opinión.”
O autor fálanos do
estilo construtivo (horizontal, con meandros, sen planos e sen fin) das súas cidades,
da orientación e temperatura dos seus niños, da súa variedade de solucións para
conter criadeiros de cogomelos, cortellos ou adegas cuxas actividades e
necesidades xeran os seus múltiples oficios (segadoras, recolledoras de
cogomelos, filandeiras, pastoras, exploradoras, bombeiras). Ás formigas gústalles
a escuridade e a limpeza, teñen os seus xogos e os seus tempos de descanso, son
capaces de ver cores co olfacto. As formigas xa estaban evolucionadas hai moito
tempo e moito antes de que o fixeramos nós: “A cada paso temos o presentimento da súa intelixencia e necesitamos
facernos firmes contra o evidente para non recoñecela..., somos, por culpa da
nosa ignorancia, malos xuíces”.
O noso
antropocentrismo condúcenos - sempre que falamos de abellas, térmites ou
formigas - a unha comparativa coas nosas actitudes, logros e accións. Talvez as
formigas sigan sendo para a especie humana unhas descoñecidas que aprenderon a
conformarse con vivir ou tan só unha nova oportunidade de depredación cara a
que mirar dentro do amplo espectro de insectos que poden presentársenos como parte
da dieta futura dun mundo tristemente esquilmado.
Attenborough e a montaña das formigas. 2017. |
Témonos afastado tanto
da natureza que semella que unicamente as sensacións de urxencia, perigo ou necesidade agudizan a nosa consciencia e
alerta. Seguimos necesitando reflexionar sobre a nosa condición humana e
activar os procesos de coñecemento e compresión de “os outros” compoñentes
deste xogo que é a vida. A reedición dos ensaios de Maeterlinck e o aumento de
títulos doutras investigacións e obras divulgativas como “A vida secreta das plantas”, “O
enxeño dos peixes”, “A intelixencia dos paxaros”, “A alma dos polbos”, “Historia
das moscas e dos mosquitos”, “A memoria secreta das flores”, “O libro dos océanos. Que ameaza o mar”, “O
poder do bosque”, “Antropoceno. A política na era humana” ou “A montaña de formigas” ou a famosa serie “Blue Planet”de David Attenborough,
poderían responder unicamente a unha estratexia de venda ou coincidir cunha necesaria
concienciación que sacuda o triste mecanismo humano de responder e de ofrecerlle
só o noso amor ao que perdemos ou estamos a piques de perder, a actuar
aparvados ante os graves problemas como o cambio climático, a falta de
equilibrio do planeta ou a deterioración continua da natureza que propiciamos e
na que pretendemos seguir vivindo.
Deseño:
Soulbande/MVC
Instalación: AAFR
Organización: Biblioteca
de Torrecedeira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario