viernes, 17 de julio de 2020

reseñas.14. La herencia viva de los clásicos: tradiciones, aventuras e innovaciones.


La herencia viva de los clásicos:tradiciones, aventuras e innovaciones.
 
Crítica. Tiempo de Historia, 2013

                                       XUÑO-XULLO de DOUS  MIL VINTE

Biografía

Mary Beard, catedrática de Clásicas no Newnhan College de Cambridge pertence á Academia Británica e á Academia Americana de Artes e Ciencias.
Editora Xefa de Clásicos de The Times Literary Supplement é unha enorme e eficaz divulgadora que conduciu diversos programas televisivos e radiofónicos cos que popularizou o mundo da antiga Roma.
Autora de máis de quince obras sobre temática clásica, como O triunfo romano (2008), Pompeya. Historia e lenda dunha cidade romana (2009), gañador do Premio Wolfson, A herdanza viva dos clásicos (2013), SPQR. Unha historia da antiga Roma (2016) e Mulleres e poder. Un manifesto (2018). Foi galardoada co premio Princesa de Asturias en 2016.
 A emisión do programa da BBC Meet the Romans provocou, naquel intre, un alude de críticas, ofensas, insultos e groserías vía Twitter tratando de ferila polo seu aspecto físico e a súa maneira de vestir. O mundo soubo entón da súa faceta dialogante e conversadora que dió pé a unha conferencia sobre o silencio que se impón á muller para que non se meta nos territorios tradicionalmente considerados masculinos.
 Feminista, comprometida cos dereitos humanos en xeral e os das mulleres en particular, Na súa obra analiza o desenvolvemento da misoxinia a través da historia cultural e como as mulleres foron desprazadas dos espazos polo patriarcado.




                    

           Por Aser Ángel Fernández Rey.


Estamos ante un libro que prima a revisión e o cuestionamento como premisas para a resolución de preguntas. Unha obra de revisións bibliográficas, de lecturas e recensións que lle permiten á autora traspasar as paredes e salas de lectura das bibliotecas para avanzar cara ao núcleo da herdanza dos clásicos. Asumindo a controversia e a observación perspicaz como camiño cara a novas ou tradicionais argumentacións, cara á apertura dun amplo abano de posibles respostas ao redor dunha gran paixón: a experiencia da cultura.
     Tanto as críticas como as opinións favorables que mostra a autora en cada un dos capítulos do libro  veñen sendo unha sorte de mecanismo de control de calidade que posibilita a necesaria reflexión sobre as contribucións máis especializadas  nas ”clásicas” que teñen como común denominador unha carga de honestidade e valentía froito do compromiso tácito de non escribir de algo ou de alguén “o que non sería capaz de dicirlle á cara”.
      Cunha linguaxe divulgativa, afonda na idea de que o estudo de “as clásicas” é o exáme detallado do que ocorre entre a antigüidade e a actualidade, a resposta a unha necesidade de diálogo cuxa clave radica na conversación coa literatura, cos restos arqueolóxicos, cos eruditos/ as, escritores, filólogas, artistas e viaxeiros/ as do pasado. Unha plática coa tradición clásica, que nos leve a entender por que segue viva e continúa sendo unha aventura.
   A excursión guiada polo mundo antigo que se nos propón atravesa os templos prehistóricos de Cnosos, en Creta ata o imaxinario pobo galo de Astérix. Unha ollada que recupera e descifra a vida e condición dalgúns personaxes egrexios sen esquecerse de contarnos o que lle acontece a gran maioría da xente “normal”. Un intento constante de achegamento á “ sociedade invisible” desde múltiples puntos de vista onde tamén hai espazo para as voces femininas silenciadas do mundo antigo ou as fantasías que envolven a nomes como Corina, Nosis, Roma, Safo ou a Lesbos.
Safo. 45-79 d.C.
Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles

     A necesidade de saber e a curiosidade son dúas das pedras angulares que motivan á autora para compartir as súas reflexións. Expresións como “Quizais pero…” ofrécenlle a oportunidade de novas respostas a preguntas tan interesantes como: Ata que punto pode o mundo antigo axudarnos a entender o noso? Como conseguimos que teña algún sentido para nós? Como poderiamos chegar ao punto de vista das persoas que viviron na antigüidade?.
     Non todo está claro nin moito menos. Hai moito que estudar e temos que chegar a entender que o realmente xenial é o que temos, non o que nos falta, do mundo antigo. Por iso, aínda paga a pena falar dos clásicos con alegría, humor e xocosidade.
Taberna de Salvio.

      Sen dúbida, nestes tempos de pandemia («πανδημια») tivemos ocasión de achegarnos a publicacións contemporáneas sobre a evolución e o futuro do xénero humano. As letras de “A Peste” de Camus, traducida ao castelán por Rosa Chacel, ou a revisión da obra de Tucídides sobre a epidemia que arrasou Atenas durante a guerra do Peloponeso foron rápidamente recuperadas pola nosa memoria. Traballamos rescatando restos do esquecemento, fragmentos de vida. Dunha vida mundana que tratamos de animar visualizando as relacións humanas ou os pensamentos íntimos sobre a amizade, o traballo, a familia, o sexo, a risa ou a morte, pero tamén desentrañando físgoas da faceta pública de todas esas persoas que conforman as sociedades. Unha e outra vez, o resultado destas tarefas asómbranos ao comprobar que, a pesares das distancias, a humanidade non cambiou tanto.
   
Philogelos (O amante da risa).
 Hierocles e Philagrios.
 Da mesma forma que os artistas holandeses dos XVII e XVIII, interesáronse nas súas pinturas pola vida dos seus coetáneos ou a historiografía francesa dos anos setenta achegouse á historia social e local, ou ao estudo da vida cotiá ou da muller,  Mary Beard interésase pola vida e a morte do exitoso panadeiro Eurysaces, polo humor da rúa, os escritos de Zeuxis, Crisipo, Filemón ou o libro de Philogelos (O amante das bromas) sobre os parvos e idiotas de Cumas ou Sidón, os chistes misóxinos, de machistas e de pitonisas ou do absurdo existencial do gran reidor Demócrito de Abdera. Definitivamente, Grecia e Roma non rían do mesmo.
     Atopamos narracións sobre persoas famosas, como Alejandro Magno ou Nerón, pero tamén sobre escravas, libertas, soldados ou centos de miles de cidadáns do imperio. Mary Beard achégase á Historia miúda de Roma coa fluidez e a análise daquela erudita que sonsaca conclusións do mínimo detalle compoñendo finalmente unha visión global que continue ilustrando o noso pensamento. Ela frecuenta as análises comparativas. Podemos establecer comparativas entre os gobernantes imperiais e os actuais dirixentes das grandes potencias no século XXI? Coñecemos o grao de colaboracionismo das elites sociais co poder? Que hai de certo nas noticias da actualidade e que de premeditación ou interese?.
     
Batalla de Issos. (c. 325 a. C)
Museo Arqueolóxico nacional de Nápoles
Antes e agora, enfrontámonos a un mundo de recreacións, reinterpretacións, copias e reutilizacións máis ou menos imaxinativas. Beard móstranos os polémicos traballos de Arthur Evans para reconstruír o Heraclión e xerar unha imaxe pacífica e harmónica coa Natureza do mundo de Cnosos no Exeo; detense na imaxe laureada de Alejandro Magno, carente de rigor histórico e froito de demasiadas conxecturas, probable creación da propia Roma pois carecemos de escritos contemporáneos que nos falen do fillo de Filipo II de Macedonia. Como sabemos,  imaxinado polo cinema non sempre de forma acorde cos datos científicos e obxectivos, un provocador e enigmático baleiro envolve ao discípulo de Aristóteles, cunha brillante aureola de popularidade; Aínda que a tendencia xeral é brindarlle, como fixo Napoleón, a nosa maior admiración, Mary Beard non dubida en cualificalo de “matón xuvenil borracho” ao que Dante Alighieri, no seu momento, situou no mismísimo sétimo círculo do inferno xunto a Atila. Talvez esta cualificación tan crúa e realista teña por finalidade reformularnos a historia entre heroes e viláns, nun intento por desvincular a fantasía dos feitos históricos. Un esforzo por conseguir descifrar o que sabemos realmente sobre aquelas persoas e, sobre todo, como o sabemos.
     Como unha detective Beard persegue os feitos ou os mitos a base de interrogantes. Indaga nas orixes de Roma, dos seus anos de Monarquía e de República, das loitas con Anibal e Cartago. Interrógase constantemente. Por que Roma tivo dous fundadores? Por que se di que Rómulo matou a Remo? Por que os romanos inventaron a historia dun xemelgo fundador só para matalo antes de culminar a fundación? Por que xemelgos? Por que Remo? Por que asasinado? Como é posible que en douscentos corenta e catro anos só fosen sete os reis de Roma? Que houbo detrás da morte de Lucio Sergio Catilina? Cal foi a causa última da caída e morte do propio Cicerón?. 
      Tomemos a morte de Cesar, tan ligada á obra de Shakespeare. Un momento cume que Mary Beard describe como “unha chapuza convertida en golpe histórico contra a tiranía”, “un sórdido asasinato dun defensor do pobo por parte dun grupo de aristócratas contrariados en nome de (a súa propia) liberdade”.
   
Boadicea ou Boudica.
Westminster Millennium Pier, Londres.
 Deslizámonos entre sinuosos interrogantes tratando de desvelar como Augusto logra cambiar de matón a estadista e lexislador, mergullando nos estereotipos recreados de Cleopatra, a última monarca Ptolemaica, os arquetipos que Robert Graves ficciona sobre a muller pérfida, fría e calculadora personificada en Livia, a maldade de Fulvia Flacca picando a lingua dun Cicerón xa morto, ou os avatares en Britania da enérxica Boadicea, “viúva do rei Prasutagus da tribo dos icenos” que sobre o seu carro lanza a súa ira contra Roma. Unha imaxe, creada por Roma sobre imprecisións e falta de evidencias que desde o século XIX domina as augas do Támesis en Westmister.
     Doutra banda, Beard achéganos a ideas tan presentes na nosa sociedade como o concepto da cidadanía, as relacións de poder, o colaboracionismo circundante ou o saqueo cultural como violación, como “borroso límite entre a coacción, a aceptación e o acordo”; non dubida en presentarnos exemplos que van desde a famosa frase do presidente Kennedy en Berlin (“Civis romanus sum” “ ich bin ein berliner”) á enumeración dos múltiples quefaceres do corrupto político Cayo Verres “ un invitado para cear perigoso” que facilmente recoñeceriamos nas afeccións artísticas da mismísima Carmen Polo de Franco.
     
Tabula Regina.
Lápida de South Shield (Palmira-Siria)
Case todos os textos que nos chegaron responden os intereses de persoas ricas e privilexiadas. Sabemos que algúns dos textos romanos, como acontece nalgúns escritos medievais, conteñen erros de interpretación (Tito Livio non comprendeu ao historiador grego Polibio), por iso non é de estrañar que mesmo os impresionantes vestixios deixados polo Vesubio en Pompeya e Herculano necesiten dunha continua reinterpretación á luz de novos achados ou do uso das novas tecnoloxías. Hoxe sabemos que non todo era luxo idílico. Coñecemos un mundo de sucidade e fedor, de tabernas e bufardas, de praceres vulgares, de resistencia, de submisión, de escravos, de libertos, de persoas manumitidas, cun complexo armazón de niveis sociais polos que podía chegar a pasar unha persoa nun mundo multicultural interconectado como era o Imperio. Unha vida bastante afastada da representada polo felliniano Trimalción.
     
Mary Norris
Do mesmo xeito que outros libros de divulgación de recente publicación fálannos da devoción actual polo grego, véxase a gran odisea grega de Mary Norris, este libro sobre a herdanza dos clásicos aborda a devoción por “o grego” do “cómico” Nerón ou do barbado e alexandrino Adriano. Reflexiona sobre o poder da imaxe, as formas de ocultación da Historia entre as esferas pública e privada, a violencia latente ou a importancia o control do exercito dentro e fóra de Roma.
      En contra do que poderiamos pensar as imaxes de grandes desfiles e demostracións de forza de tropas pola Praza Vermella ou por Tiananmen, non acontecían en Roma máis que como unha excepción reservada á celebracións de triunfos concretos. A relación entre prestixio público e éxito militar era intensa pero a propia cidade, dentro do terreo sacro (pomerium), era zona desmilitarizada repleta, iso si, de recordos bélicos, de estatuas e inscricións epigráficas que funcionaban como imaxes permanentes do poder expostas ás miradas de quen as contemplaba.
     Así, Marco Aurelio a cabalo pisaba a un desaparecido bárbaro prostrado. A súa columna e a de Trajano destacaban a violencia do poder masculino imperial (especialmente sobre as mulleres) ou sinalaban a necesidade de disciplina. Pero, se o obxectivo era ese, entón, por que ambas son invisibles desde o chan?.
      A linguaxe era e segue sendo un asunto de suma importancia. Tanto na transmisión da cultura como as ordenes puntuais a ambigüidade ou a dobre linguaxe pode expornos problemas de interpretación. O que realmente sucedeu adoita estar demasiado lonxe do acontecido pero a pesar diso, aínda pode seguir presente despois de moitos séculos entre nós. Talvez tras os relatos de crueldade, excesos e tolemia clínica, extravagante e caprichoso sadismo de Nerón ou de Calícula “O botitas” atópese un problema de capacidade de comunicación política. A falta de pericia no uso da hipocrisía e a dobre linguaxe. Debemos tomarnos ao pé da letra as vidas destes e outros emperadores? É esa unha lectura correcta do seu imperio?.
     
Tumba do panadeiro Eurysaces.
Mary Beard tenta ver Roma desde o punto de vista dos romanos do montón por iso sente predilección pola tumba do panadeiro, pola obra de Artemidoro sobre os soños ou os oráculos do mago exipcio Astrampsico. O transfondo destas obras e textos, a súa importancia, radica en que nos proporcionan o coñecemento sobre as preocupacións diarias da xente corrente. Ata que punto estas obras e fontes alleas á literatura “clásica” eran coñecidas no seu tempo?. Como saber as diferenzas de gustos entre as clases dirixentes e as populares?. Como desmontar os mitos? . As respostas debemos de seguir perseguíndoas con alegría e espírito crítico, como fai Mary Beard, sen esquecer que hai outras herdanzas, como por exemplo a islámica, e que o mundo non é so Occidente.



    Deseño: Soulbande / MVG
Instalación: Por motivos do Covid 19, non haberá instalación.
Organización: Biblioteca de Torrecedeira.        

miércoles, 1 de abril de 2020

reseñas.13. Cambiemos el mundo. #HUELGAPORELCLIMA.

   
    Greta Thunberg. 2003. Estocolmo.

                                 
                                                ABRIL- MAIO  DE DOUS MIL VINTE.


Biografía

     A maior das dúas fillas de Malena Ernman, cantante de ópera, e de Svante Thunberg, actor. Estudou piano, ballet e teatro. Diagnosticóuselle síndrome de Asperxer; trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH); trastorno obsesivo-compulsivo (TOC) e mutismo selectivo.
     Tras as ondas de calor e os incendios forestais no seu país, en agosto de 2018, acababa de comezar o noveno grao cando decidiu non asistir á escola ata  as eleccións xerais en Suecia en setembro dese ano.
    Admiradora de Rosa Parks,  inspirouse para a súa idea da folga estudiantil nos alumnos do instituto de Parkland, en Florida, onde morreron 17 persoas en febreiro de 2018 debido a un tiroteo. Sentou fóra do Riksdag todos os días durante as horas escolares co lema Skolstrejk för klimatet (folga escolar polo clima) esixindo que o goberno sueco reducise as emisións de carbono segundo o Acordo de París.  En decembro, máis de 20.000 estudantes realizaran folgas en polo menos en 270 cidades. Despois da conferencia COP24 nese mesmo ano, António Guterres, secretario xeral da ONU, deu o seu apoio a estas folgas escolares. 
      Thunberg dirixiuse ao cume das Nacións Unidas sobre o cambio climático da COP24, e tamén falou ante a asemblea plenaria. Participou nunha charla xunto con representantes da We Don' t Have Time Foundation e en xaneiro de 2019, chegou convidada polo Foro de Davos (Suíza) para continuar coa súa campaña climática. 

     En febreiro de 2019, participou nunha conferencia do Comité Económico e Social Europeo e falou co xefe da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, ao que esixiu que a UE cumprise os obxectivos climáticos reducindo as súas emisións de CO 2 nun 80%.
     Galardoada coa bolsa Fryshuset do Modelo Novo do Ano, a revista Time nomeouna como una dos 25 adolescentes máis influintes do mundo en 2018.
    Con gallo do Día Internacional da Muller foi proclamada a muller máis importante do ano en Suecia en 2019 e recibiu o premio á Protección Climática Especial Goldene Kamera de Alemaña así como o Prix Liberté de Normadie, Francia, e o  Premio Fritt Ords de Noruega compartido coa Organización Natur og Undon.
     Nomeada candidata ao Premio Nobel da Paz, triste e enfadada, Greta recriminou con furia aos líderes mundiais na sede de Nacións Unidas, pola súa inacción para reverter a crise climática e para dicirlles que os mozos ían actuar. Inmediatamente despois da súa intervención, xunto a outros quince nenos e nenas, mozos e mozas de distintos países, presentou unha queixa oficial ante o Comité de Nacións Unidas para os Dereitos do Neno.
       A revista Time incluíuna como unha das 100 persoas máis influentes de 2019 e dedicoulle a súa portada.

   

     
Por Manuel Velasco Graña.

     Neste libriño, de apenas setenta páxinas, recóllense os discursos que a afouta adolescente sueca, Greta Thunberg, pronunciou en distintos organismos ou foros: ONU, Davos, Consello Social Europeo, Parlamento europeo, charla TED...
      Greta, que comezou a interesarse polo cambio climático sendo ben nena, fai uns discursos cortos, directos e contundentes nos que denuncia  sen ambaxes a crise climática que como ela di, é o maior  e complexo desafío que o homo sapiens ten que afrontar. 
     Diagnosticada de asperger, trastorno obsesivo compulsivo e mutismo selectivo, non se laia destas condicións senón que as aproveita para convertelas nun superpoder  que lle permite ser diferente e non ver o mundo coa indiferencia e incoherencia dos seus coetáneos.
      A súa loita pública comezou en agosto de 2018 cando tomou a decisión de se sentar diante do parlamento sueco todos os venres cun carteliño que puña: “Folga escolar polo clima” #folgapoloclima. 

     O primeiro día estaba ela soa co cartel, o seu chuvasqueiro amarelo e o gorro branco de lá  que facía que destacaran as súas icónicas trenzas.

     Esta solitaria acción ben pronto se convertería no movemento global no que agora están implicados escolares e activistas de todos os recunchos do mundo. 
    Farta tamén da influencia que os negacionistas climáticos teñen nos medios de comunicación, e das incoherencias que mostran a maioría dos activistas medioambientais, o seu compromiso lévaa a non subirse os avións, a cruzar o Atlántico nun catamarán a vela, a non comer carne ou a usar o coche eléctrico, malia todos os problemas loxísticos que estes medios lle poidan ocasionar. 
     
     Thunberg tamén é unha visionaria que non só fala para a súa xeración senón que fai o esforzo de ver o mundo cos ollos dos que aínda non son nados, e reivindicar así, o dereito das xeracións futuras a coñecer o mundo sen os estragos medioambientais que o noso  estilo de vida  están a provocar. 
     A súa lóxica lévaa a ser tamén crítica co sistema educativo: “ De que sirve ir a escola a aprender datos, se os datos que nos proporciona a ciencia non se teñen en conta e non significan nada para os nosos políticos e para a sociedade” e mesmo a tocar a conciencia de moitos teóricos medioambientais cando di: “Todo o que se ten feito  nos últimos trinta anos, placas solares, enerxía eólica, economía circular... non funciona, as emisións non diminuíron”. Ou a afirmar con contundencia: “Se as emisións teñen que parar, daquela debemos paralas. Isto é branco ou negro. Non hai grises cando se trata de sobrevivir. Ou continuamos existindo como civilización ou non. Temos que cambiar”. Así mesmo, os datos que dá mostran a nosa incongruencia: “Actualmente utilizamos cen millóns de barrís de petróleo ao día. Non hai políticas para cambiar iso. Non hai leis para que ese petróleo quede baixo terra. De modo que non podemos salvar o mundo acatando as normas. Porque as normas teñen que cambiar. E teñen que empezar a cambiar hoxe”. 
   
     Fornecida cos datos que proporcionan os científicos e expertos, asegura con contundencia: “Estou aquí para dicirlles que a nosa casa está ardendo. Segundo o IPCC (Grupo intergobernamental de expertos sobre o cambio climático) en menos de doce anos xa non poderemos corrixir os nosos erros. Neste tempo é preciso realizar cambios sen precedentes en todos os aspectos da sociedade, entre eles reducir as emisións de CO2 ao cincuenta por cento como mínimo”. 
     O seu compromiso non está exento de críticas e mesmo de  ruxe-ruxes cheos de maledicencia, rancor e desprezo. Outros tamén a acusan de estar manipulada dicindo que hai alguén detrás dela, ou que recibe cartos doutras persoas ou organizacións e mesmo que lle escreben os discursos. Con respecto a esta última crítica di: “E, si, escribo meus discursos. Mais como sei que o que digo vai chegar a moita xente, acostumo a pedir opinión. Tamén conto coa axuda de científicos á hora de explicar as cuestións máis complicadas. Quero que todo sexa extremadamente preciso para non difundir información errónea ou cousas que poidan malinterpretarse”.
     
Os seus dezasete anos non se lle pode pedir máis, Greta é unha audaz, comprometida e intelixente activista climática que está a tocar as nosas conciencias ao cuestionar a desfeita que está a provocar a ambición desmedida fomentada por un sistema económico  que está a queimar a  vela polos dous cabos, comprometendo o futuro das vindeiras xeracións. 
   

    O informe que en febreiro de 2020 presentou  a Organización Mundial da Saúde, Unicef e The Lancet, revela  que a saúde e o futuro dos nenos e adolescentes do mundo atópase en perigo inmediato por mor da degradación ecolóxica e o cambio climático, polo que ningún pais lles garante un desenvolvemento axeitado. 
  Nun apartado deste informe se di: “ Os nenos e adolescentes teñen que estar no centro do debate dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e un dos principais é parar as emisións de carbono. Os países máis pobres teñen un camiño máis longo para conseguir un período de infancia saudable, mais os países ricos xa están ameazando o seu futuro. Estamos de acordo con Greta Thunberg cando di que o noso mundo está en chamas”. 
     O estudo asegura que malia que os países pobres teñen que redobrar os seus esforzos para que os nenos teñan vidas saudables, as excesivas emisións de carbono, desproporcionadas no caso dos países ricos, poñen en perigo o futuro común. 

     Si se cumpren as proxeccións actuais e o quentamento global supera os catro grados centígrados no ano 2100, as consecuencias para a saúde infantil serán devastadoras debido ao aumento do nivel dos océanos, as vagas de calor, a proliferación de enfermidades como o dengue ou o paludismo, e a malnutrición.
  
 A revista “Times” escolleuna en 2019 como a persoa do ano “por lograr converter unha incerta preocupación sobre o planeta nun movemento mundial que esixe un cambio global”. 
   Ogallá que a afouteza, claridade, compromiso e insistencia de Greta Thunberg chegue alén a xente nova, remova conciencias e faga que os cambios necesarios cheguen a tempo, non só para salvar o planeta senón tamén a especie humana.
     
     No medio da crise sanitaria na que estamos inmersos, 180 representantes políticos, directivos empresariais, sindicatos e ONGs piden que a UE supere esta recesión da man da loita contra o cambio climático a través dun Pacto Verde. As tres crisis que estamos a vivir: a sanitaria, a económica e a climática apunta como solución un profundo cambio do noso modo de vida. Greta xa fai tempo que ven berrando o que titula este libro: Cambiemos o mundo. 







martes, 4 de febrero de 2020

reseñas.12. Seique.




Susana Sánchez Arins. Vilagarcía de Arousa.1974.
FEBREIRO-MARZO DE DOUS MIL VINTE.
Biografía
Susana Sánchez Arins naceu en 1974 en Vilagarcía de Arousa, pero creceu en Foxo, terra dentro. Estudou na escola pública e Filoloxías Hispánica e Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela onde obtivo o DEA de Literatura Comparada exercendo a docencia no Ensino Secundario Obrigatorio.
No 2008 gañou o XXI Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé coa obra [de] construçom (Espiral Maior, 2009). Logo apreceron os poemarios Aquilatadas (Estaleiro Editora) en 2012 e A noiva e o navío (Através Editora). No ano 2015 publicou Seique (Através Editora) e en 2018 a plaquette poética Carne dá miña carne (Editora Apiario) e o libro de relatos Tu contas e eu conto (Através Editora).
Forma parte da plataforma de crítica feminista A Sega e preside a organización  non  gobernamental Implicadas no Desenvolvemento. Colaboradora do xornal dixital Praza Pública entre as súas obras colectivas pódense destacar Letras nómades. A mobilidade feminina na literatura galega (2014, Frank  &  Timme), 150  Cantares  para Rosalía de Castro,(2015.Llibro electrónico), De Cantares Hoxe. Os  Cantares  Gallegos  de  Rosalía  de  Castro  no  século  XX (2015, Fundación Rosalía e Castro/ Radio   Galega),  1975- 2015 Moncho Reboiras Vive! (2015, Arredista Edicións), Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohan Xesus González,(2016, Fervenza), Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza (2017, Através)  e  Pico  Sacro. Ferido  polo  lóstrego   e   a   lenda  (2017, Alvarellos).

                                                                            
Portada 1ª ed.
                                           Por   Tina    Parcero    Pereira 

    “Se foi  assim de mau com o pai, como seria com os de fora.”




    Esta é a frase que a avoa de Sánchez Aríns re- petía unha e outra vez, coma unha ladaíña, cada vez que alguén amentaba o tío Manuel. Sempre, desde que a autora ten memoria. E este foi o nobelo que gardaba esta Ariadna do Salnés, unha velliña que non o quería desenrolar, pero que llo deixou aos seus por se alguén era quen de facelo.
   

Ribadumia. Comarca do Salnés. Pontevedra.
        
 E Susana Sánchez Aríns foi quen. Axudada por Casilda, filla de Ubaldina, a tía avoa que decidira non calar, e por outros familiares, comezou a desenlear aquel nobelo escuro, cheo de reviravoltas, que non deixaba respirar a súa xente, nin a súa bisbarra, nin á súa terra. 

Porque,  como sucede con todos os traumas, se non lles dá o aire, se os deixamos enterrados no fondo das mentes, podrecen e contaminan xeracións enteiras. E Sánchez Aríns quería deixarlles ás xeracións seguintes,  ás dos nosos fillos e fillas,  respostas ás súas preguntas, non silencios. Un aire máis limpo.

Ao coller o nobelo nas súas mans e tirar do fío, a autora comezou a poñer atención a moitas máis cousas, xa non só á frase misteriosa da avoa. Cousas que sempre oíra, sen atender conscientemente. Memorias, si, pero tamén desmemorias, e ata recordos modificados, non só polo tempo pasado, senón tamén polas emocións que os acompañaban e os deformaban. Tamén os seus propios recordos, como descubriu con arrepío. As voces irían sumándose ata convertérense nun coro grego, un coro que berraba cada vez máis forte, cheo de tantos “disques”. E de tantos “seicas”.

Cabeceira "Diario de Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S.". Vigo. 1939.

Mentres o fío ía desenleándose, Sánchez Aríns comezou tamén a ouvir os silencios. Porque hai quen escolle falar, e hai quen escolle calar. Hai quen escolle contar, e hai quen escolle romper cartas, documentos e fotos en mil cachiños e botalos ao lume para afogar pesadelos ou para limpar historiais cheos de sangue. Cada un cos seus motivos, cada un segundo a súa conciencia, negando o pasado, ou berrándoo para que non se esqueza.
A autora conta nas entrevistas e nas conferencias que nos arquivos era coma se o seu tío, Manuel   García Sampayo, non existise. Non había nada, nin un documento, nin a súa ficha de falanxista (como tamén faltaban outras fichas de falanxistas notorios). Que só soubo que fora alcalde de Ribadumia nos anos corenta porque este concello publicou unha necrolóxica na honra do seu tío ao coñecer o seu pasamento.

E descubriu así que os vencedores non só escriben a historia. Tamén deciden qué será o que se recorde e o que non.
Precisamente foi a publicación do libro o que permitiu que os historiadores a axudaran, a posteriori, a atopar a acta dun xuízo que, malia ditar unha sentenza exculpatoria para o seu tío, con moitas testemuñas sospeitosamente laudatorias, viña confirmar feitos que no libro son só elucubracións da autora.

Xa con toda a información reunida, despois de pescudar na súa familia, na súa parroquia, nos arquivos provinciais, nas hemerotecas, Sánchez Aríns quixo facer unha novela monumental, das de catrocentas páxinas. Porque libro de historia non podía ser, sen probas documentais, sen testemuñas directas. Pero deuse de conta de que con “disques” e “seicas” tampouco
podes escribir un Guerra e paz. E de que tampouco lle sairía, de todos os xeitos. Porque ela é poeta.
E así saíu este libro, que ninguén pode ler e quedar indiferente. Así saíu esta mestura entre poema, cancioneiro, dicionario, teatro grego e remuíño. Un libro no que todas as voces berran a súa verdade, para que a lectora, ou o lector, escolla a súa. Un libro con todasas contradiccións, con todos os ocos e con todos os silencios que ela atopara.
Coa linguaxe rica e melodiosa da súa comarca. Un libro que non só é outra novela sobre a Guerra Civil. É un libro distinto, como di Suso de Toro, un libro cun ton propio. Con voz propia. Porque un bo libro ten que ter unha historia que contar e un xeito propio de contala. E este éo.

Retrato de Franco
 nunha rúa de Ourense, 2020.
Un libro con tal forza que a súa editora, Através, sentiu que non podía quedar só para nós, agochado neste recuncho verde, que había que mostrarllo ao mundo, e pediulle a Sánchez Aríns que o traducise ela mesma ao castelán. E o libro editouse con De Conatus en 2019, e nese mesmo ano gañou o Premio dos Libreiros de Madrid ao mellor libro de ficción. E a autora dixo ao recollelo: “ A miña nai protestou por este premio, porque non é un libro de ficción. É todo verdade”.


"La Quietud y el vértigo".
 Carmen Calvo, 2019.
Non me lembro ben de cando un exemplar deste libro caeu nas miñas mans por vez primeira. Hai un ano, podería ser. Seguramente foi cando comecei a colaborar cunha asociación de memoria histórica. Os convites que nos mandan cada certo tempo á caixa de correo electrónico para acudiren a exposicións ou a actos de desagravio das vítimas das «sacas», desenterradas de buratos esquecidos á beira das estradas ou por fóra dos «camposantos», espertaron en min cobiza de saber máis, de lembrar o sabido, de honrar os mortos repasando as súas biografías.

"No fondo do mar".
"Atila en Galicia" de Castelao.
Pero podería ser de antes, tamén, porque as historias da Guerra Civil estaban por todas as partes na infancia da xeración nacida nos últimos anos da ditadura. Os nosos avós nada ou case nada nos contaran. 


Así aprenderán a non ter ideas.
 "Galicia mártir" Castelao. 1937
.
Moitos tiñan gravado a lume no seu cerebro a orde, tan tristemente popular nos anos da guerra, de «non significarse», é dicir, de non deixar ver as propias ideas políticas ante os de fóra. Non vaia ser o demo. Outros quedaran mudos polo terror presenciado. Outros tiñan moito que calar.



"Evasión".
 "Atila en Galicia". Castelao.




Os nosos pais, fillos da dura posguerra, tampouco dicían nada. Só insistían en falar dos «anos da fame»: para que acabaras a comida do prato, para que non botaras o pan ao lixo. A pantasma da fame, do frío, da pobreza. A guerra non se nomeaba. Chegabas a adulta e, por fin, un día, sabías que o avó combatera na fronte de Aragón, obrigado, apuntando ao aire ao ir disparar por se, ao outro lado das trincheiras, estaba o seu irmán, ao que o pillara a sublevación emigrado en Euskadi. Pero o silencio falaba, si, coma no libro. Os ocos nos relatos deixaban unha sensación sombría, coma un mal agoiro. As poucas pistas que os mozos e mozas eramos quen de reunir, en conversas das comadres, xunto á mesa da brisca, ou en comentarios misteriosos ao pasar a carón de certos vecinos e veciñas, quedaban rexistrados na nosa memoria co asterisco de «importante, non esquecer».


Detalle capa 2ª ed.(ampliada)
 Ilustración: Rosa Herraiz Cabanas.
O tío Manuel, o home traxeado de branco, calmo e fachendoso da cuberta do libro, fíxome lembrar a impresión que levou a miña mente infantil cando a miña nai me sinalou pola rúa un velliño, que eu sabía avó dunha compañeira da escola, e me dixo: «Ese é un dos que, na gherra, levaba os homes das súas casas, poñíalles unha corda ao pescozo cunha pedra atada e afundíanos na ría». Ese día, a Guerra Civil saíu dos libros e encarnouse naquel vello. O mal non é un ente abstracto, xa nunca máis. O mal pode ter netos. Seique.















Deseño: Soulbande / MVG Instalación: AAFR
Organización: Biblioteca de Torrecedeira.