Mostrando entradas con la etiqueta Galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galego. Mostrar todas las entradas

martes, 4 de febrero de 2020

reseñas.12. Seique.




Susana Sánchez Arins. Vilagarcía de Arousa.1974.
FEBREIRO-MARZO DE DOUS MIL VINTE.
Biografía
Susana Sánchez Arins naceu en 1974 en Vilagarcía de Arousa, pero creceu en Foxo, terra dentro. Estudou na escola pública e Filoloxías Hispánica e Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela onde obtivo o DEA de Literatura Comparada exercendo a docencia no Ensino Secundario Obrigatorio.
No 2008 gañou o XXI Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé coa obra [de] construçom (Espiral Maior, 2009). Logo apreceron os poemarios Aquilatadas (Estaleiro Editora) en 2012 e A noiva e o navío (Através Editora). No ano 2015 publicou Seique (Através Editora) e en 2018 a plaquette poética Carne dá miña carne (Editora Apiario) e o libro de relatos Tu contas e eu conto (Através Editora).
Forma parte da plataforma de crítica feminista A Sega e preside a organización  non  gobernamental Implicadas no Desenvolvemento. Colaboradora do xornal dixital Praza Pública entre as súas obras colectivas pódense destacar Letras nómades. A mobilidade feminina na literatura galega (2014, Frank  &  Timme), 150  Cantares  para Rosalía de Castro,(2015.Llibro electrónico), De Cantares Hoxe. Os  Cantares  Gallegos  de  Rosalía  de  Castro  no  século  XX (2015, Fundación Rosalía e Castro/ Radio   Galega),  1975- 2015 Moncho Reboiras Vive! (2015, Arredista Edicións), Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohan Xesus González,(2016, Fervenza), Abadessa, dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza (2017, Através)  e  Pico  Sacro. Ferido  polo  lóstrego   e   a   lenda  (2017, Alvarellos).

                                                                            
Portada 1ª ed.
                                           Por   Tina    Parcero    Pereira 

    “Se foi  assim de mau com o pai, como seria com os de fora.”




    Esta é a frase que a avoa de Sánchez Aríns re- petía unha e outra vez, coma unha ladaíña, cada vez que alguén amentaba o tío Manuel. Sempre, desde que a autora ten memoria. E este foi o nobelo que gardaba esta Ariadna do Salnés, unha velliña que non o quería desenrolar, pero que llo deixou aos seus por se alguén era quen de facelo.
   

Ribadumia. Comarca do Salnés. Pontevedra.
        
 E Susana Sánchez Aríns foi quen. Axudada por Casilda, filla de Ubaldina, a tía avoa que decidira non calar, e por outros familiares, comezou a desenlear aquel nobelo escuro, cheo de reviravoltas, que non deixaba respirar a súa xente, nin a súa bisbarra, nin á súa terra. 

Porque,  como sucede con todos os traumas, se non lles dá o aire, se os deixamos enterrados no fondo das mentes, podrecen e contaminan xeracións enteiras. E Sánchez Aríns quería deixarlles ás xeracións seguintes,  ás dos nosos fillos e fillas,  respostas ás súas preguntas, non silencios. Un aire máis limpo.

Ao coller o nobelo nas súas mans e tirar do fío, a autora comezou a poñer atención a moitas máis cousas, xa non só á frase misteriosa da avoa. Cousas que sempre oíra, sen atender conscientemente. Memorias, si, pero tamén desmemorias, e ata recordos modificados, non só polo tempo pasado, senón tamén polas emocións que os acompañaban e os deformaban. Tamén os seus propios recordos, como descubriu con arrepío. As voces irían sumándose ata convertérense nun coro grego, un coro que berraba cada vez máis forte, cheo de tantos “disques”. E de tantos “seicas”.

Cabeceira "Diario de Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S.". Vigo. 1939.

Mentres o fío ía desenleándose, Sánchez Aríns comezou tamén a ouvir os silencios. Porque hai quen escolle falar, e hai quen escolle calar. Hai quen escolle contar, e hai quen escolle romper cartas, documentos e fotos en mil cachiños e botalos ao lume para afogar pesadelos ou para limpar historiais cheos de sangue. Cada un cos seus motivos, cada un segundo a súa conciencia, negando o pasado, ou berrándoo para que non se esqueza.
A autora conta nas entrevistas e nas conferencias que nos arquivos era coma se o seu tío, Manuel   García Sampayo, non existise. Non había nada, nin un documento, nin a súa ficha de falanxista (como tamén faltaban outras fichas de falanxistas notorios). Que só soubo que fora alcalde de Ribadumia nos anos corenta porque este concello publicou unha necrolóxica na honra do seu tío ao coñecer o seu pasamento.

E descubriu así que os vencedores non só escriben a historia. Tamén deciden qué será o que se recorde e o que non.
Precisamente foi a publicación do libro o que permitiu que os historiadores a axudaran, a posteriori, a atopar a acta dun xuízo que, malia ditar unha sentenza exculpatoria para o seu tío, con moitas testemuñas sospeitosamente laudatorias, viña confirmar feitos que no libro son só elucubracións da autora.

Xa con toda a información reunida, despois de pescudar na súa familia, na súa parroquia, nos arquivos provinciais, nas hemerotecas, Sánchez Aríns quixo facer unha novela monumental, das de catrocentas páxinas. Porque libro de historia non podía ser, sen probas documentais, sen testemuñas directas. Pero deuse de conta de que con “disques” e “seicas” tampouco
podes escribir un Guerra e paz. E de que tampouco lle sairía, de todos os xeitos. Porque ela é poeta.
E así saíu este libro, que ninguén pode ler e quedar indiferente. Así saíu esta mestura entre poema, cancioneiro, dicionario, teatro grego e remuíño. Un libro no que todas as voces berran a súa verdade, para que a lectora, ou o lector, escolla a súa. Un libro con todasas contradiccións, con todos os ocos e con todos os silencios que ela atopara.
Coa linguaxe rica e melodiosa da súa comarca. Un libro que non só é outra novela sobre a Guerra Civil. É un libro distinto, como di Suso de Toro, un libro cun ton propio. Con voz propia. Porque un bo libro ten que ter unha historia que contar e un xeito propio de contala. E este éo.

Retrato de Franco
 nunha rúa de Ourense, 2020.
Un libro con tal forza que a súa editora, Através, sentiu que non podía quedar só para nós, agochado neste recuncho verde, que había que mostrarllo ao mundo, e pediulle a Sánchez Aríns que o traducise ela mesma ao castelán. E o libro editouse con De Conatus en 2019, e nese mesmo ano gañou o Premio dos Libreiros de Madrid ao mellor libro de ficción. E a autora dixo ao recollelo: “ A miña nai protestou por este premio, porque non é un libro de ficción. É todo verdade”.


"La Quietud y el vértigo".
 Carmen Calvo, 2019.
Non me lembro ben de cando un exemplar deste libro caeu nas miñas mans por vez primeira. Hai un ano, podería ser. Seguramente foi cando comecei a colaborar cunha asociación de memoria histórica. Os convites que nos mandan cada certo tempo á caixa de correo electrónico para acudiren a exposicións ou a actos de desagravio das vítimas das «sacas», desenterradas de buratos esquecidos á beira das estradas ou por fóra dos «camposantos», espertaron en min cobiza de saber máis, de lembrar o sabido, de honrar os mortos repasando as súas biografías.

"No fondo do mar".
"Atila en Galicia" de Castelao.
Pero podería ser de antes, tamén, porque as historias da Guerra Civil estaban por todas as partes na infancia da xeración nacida nos últimos anos da ditadura. Os nosos avós nada ou case nada nos contaran. 


Así aprenderán a non ter ideas.
 "Galicia mártir" Castelao. 1937
.
Moitos tiñan gravado a lume no seu cerebro a orde, tan tristemente popular nos anos da guerra, de «non significarse», é dicir, de non deixar ver as propias ideas políticas ante os de fóra. Non vaia ser o demo. Outros quedaran mudos polo terror presenciado. Outros tiñan moito que calar.



"Evasión".
 "Atila en Galicia". Castelao.




Os nosos pais, fillos da dura posguerra, tampouco dicían nada. Só insistían en falar dos «anos da fame»: para que acabaras a comida do prato, para que non botaras o pan ao lixo. A pantasma da fame, do frío, da pobreza. A guerra non se nomeaba. Chegabas a adulta e, por fin, un día, sabías que o avó combatera na fronte de Aragón, obrigado, apuntando ao aire ao ir disparar por se, ao outro lado das trincheiras, estaba o seu irmán, ao que o pillara a sublevación emigrado en Euskadi. Pero o silencio falaba, si, coma no libro. Os ocos nos relatos deixaban unha sensación sombría, coma un mal agoiro. As poucas pistas que os mozos e mozas eramos quen de reunir, en conversas das comadres, xunto á mesa da brisca, ou en comentarios misteriosos ao pasar a carón de certos vecinos e veciñas, quedaban rexistrados na nosa memoria co asterisco de «importante, non esquecer».


Detalle capa 2ª ed.(ampliada)
 Ilustración: Rosa Herraiz Cabanas.
O tío Manuel, o home traxeado de branco, calmo e fachendoso da cuberta do libro, fíxome lembrar a impresión que levou a miña mente infantil cando a miña nai me sinalou pola rúa un velliño, que eu sabía avó dunha compañeira da escola, e me dixo: «Ese é un dos que, na gherra, levaba os homes das súas casas, poñíalles unha corda ao pescozo cunha pedra atada e afundíanos na ría». Ese día, a Guerra Civil saíu dos libros e encarnouse naquel vello. O mal non é un ente abstracto, xa nunca máis. O mal pode ter netos. Seique.















Deseño: Soulbande / MVG Instalación: AAFR
Organización: Biblioteca de Torrecedeira.

martes, 19 de noviembre de 2019

reseñas.11. Mate-glifos: orixe e evolución dos símbolos en Matemáticas.


Mate-glifos:   Orixe  e  evolución dos símbolos en Matemáticas.

  Edicións Xerais de Galicia, 2019


       Biografías *
José Nicanor Alonso Álvarez. Nado en 1964 en Ourense, é Licenciado en Matemáticas e en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, e doutor en Matemáticas pola mesma universidade.
A  súa  carreira  docente e investigadora  desenvolveuse  na  súa  totalidade en Vigo onde ocupou os cargos de secretario e vicedecano de asuntos económicos da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e máis adiante foi secretario e logo director do departamento de Matemáticas.
Participa con colegas do departamento de Matemáticas en diversos proxectos de innovación educativa e entre os que destacan Estudio sobre o fracaso escolar nas materias de matemáticas e estatística nas licenciaturas en Economía e Administración e Dirección de Empresas de Galicia e Matemáticasxmatemáticas (MxM).
Dentro do seu traballo de divulgación científica, é autor xunto co profesor José Montero Reguera da primeira tradución ao galego do libro primeiro dos Elementos de Euclides, dunha tradución, co profesor Miguel Mirás, do  Arena-rius de Arquímedes, e dun libro sobre o matemático David Hilbert.
O seu campo de investigación céntrase na matemática pura, se ben abrangue tamén cuestións de Física Matemática.
Xa no campo da literatura, o seu conto Balbina acadou o primeiro premio do VII Certame literario Manuel -Orestes Rodríguez do concello de Paradela, e o relato La conspiración o primeiro accésit do concurso de relatos matemáticos da  Real  Sociedad  Matemática  Española.  Ademais  ten  publicadas  dúas  novelas,Osa menor (editorial Galaxia) e O kylix dos deuses (editorial Toxosoutos).

   Miguel Ángel Mirás Calvo. Nado en 1966 en Santiago de Compostela, onde obtivo a Licenciatura de Matemáticas acadando o premio extraordinario de licenciatura. Iniciouse na investigación coa tese de licenciatura Dinámica no lineal y aplicaciones del intervalo, adicada a analizar a dinámica das aplicación unimodais. Ampliou os seus estudos no Center for Dynamical Systems and Nonlinear Studies do Georgia Institute of Technology, na cidade de Atlanta (EUA), co financiamento dunha bolsa FPI do Ministerio de Educación y Ciencia.
Dende 1992 desenvolve a súa carreira docente e investigadora na Universidade de Vigo, xa como profesor titular dende o ano 2003. Logo dunha estadía na Universida de Carlos III de Madrid, completou a tese de doutoramento Medición de los niveles de eficiencia en los mercados de capitales. Aplicaciones a los mercados imperfectos y a la integración de mercados pola que obtivo o título de doutor en Matemáticas pola Universidade de Vigo no ano 2000. Dende entón publica varios artigos de investigación en revistas especializadas internacionais relacionados cos modelos matemáticos dos mercados financeiros, a economía matemática e xa mais recentemente coa teoría de xogos cooperativos.
Participa, con colegas do departamento de Matemáticas, do que foi secretario e director, na elaboración de varios libros e manuais de matemáticas para estudantes universitarios. Tamén colabora en diversos proxectos de innovación educativa, entre os que destacan Matemáticasxmatemáticas (MxM) e Elaboración de material didáctico baseado en textos teatrais con contido científico.
No eido da divulgación científica, en colaboración coa profesora Carmen Quinteiro
Sandomingo, explora as conexións entre teatro e matemáticas. Xuntos coordinan o proxecto Teatro matemático: Demostración (Proof) que formou parte das actividades da Semana da Ciencia en Galicia 2008 e publican a tradución ao galego da peza Proof. Ademais é colaborador ocasional na sección Teatro y matemáticas do portal Divulgamat.
    * A Biblioteca de Torrecedeira agradece aos autores que aceptasen a nosa petición de participar no proxecto reseñas para achegar un novo traballo de difusión da cultura e da língua galega a toda a comunidade universitaria.

    Por  José Nicanor Alonso Álvarez e Miguel Ángel Mirás Calvo
   A normalización lingüística de calquera lingua minorada pasa por actuacións en dous eidos: produción literaria e produción de divulgación científica. Na fronteira deles, con textos a unha banda e á outra, temos que considerar tamén a tradución, ás máis das veces de obras literarias, de cando en vez de obras científicas.
No caso do galego, e malia os atrancos, o primeiro reto pode considerarse encamiñado, pois se ben o número de lectores na nosa lingua non é en absoluto satisfactorio, contamos cun abano importante de autoras e autores que proporcionan unha literatura variada e de calidade.
Tamén é salientable o número de textos literarios que cada ano se traducen á nosa lingua.
Non se pode dicir o mesmo no terreo científico. Neste caso, o número de traducións ao galego dos clásicos da ciencia universal é reducido, limitándose a coleccións debidas á iniciativa pública as máis das veces, e patrocinadas en ocasións pola iniciativa privada.
Os autores protagonistas deste número de reseñas temos certa experiencia na tradución, pois un de nós foi coautor da primeira tradución ao galego do libro I dos Elementos de Euclides, e recentemente publicou A lista de Hilbert, onde presenta a versión ao galego da famosa conferencia do matemático David Hilbert de 1900, e tocante ao outro, é coautor da tradución ao galego da obra de teatro de temática matemática Proof, ademais de contribuír xunto con outros autores á normalización da nosa lingua cun manual de matemáticas en galego, Matemáticas á boloñesa. Xa conxuntamente, no pasado levamos adiante a tradución do Arenarius de Arquímedes, posiblemente o primeiro libro de divulgación científica da historia.

                                                                                                                                                   
               
                                                                                                                


         
                                   
Pero volvendo á normalización, resulta ben abraiante a situación do galego no eido da divulgación científica, pois ata hai ben pouco non había editorial ningunha que contara con tulos na nosa lingua. Por sorte esta situación mudou hai dous anos coa colección Básicos Ciencia en galego da editorial Xerais, adicada precisamente a cubrir este baleiro. E no número cinco desta colección publicouse o texto Mate-glifos (Orixe e evolución dos símbolos en Matemáticas), da nosa autoría, e do que por encargo da Biblioteca de Torrecedeira, á que agradecemos esta oportunidade de dar a coñecer o noso traballo, falaremos polo miúdo a continuación.
A primeira pregunta xorde de xeito natural: que ven sendo un mate-glifo? Un estraño e
revirado concepto matemático? Unha abstracción complexa, ao alcance unicamente duns poucos elixidos? Escusa o lector revisar o dicionario, ou gastar o tempo nunha busca pola internet.
        Non existe tal palabro. Ou polo menos non existía ata o nacemento deste libro. De xeito que principiemos por resolver o misterio, consultando o Dicionario da Real Academia Galega. Como segunda acepción da verba glifo, di:
  

  GLIFO: Signo ou debuxo de carácter simbólico empregado en diferentes sistemas de                      escritura.



Resulta doado atopar palabras derivadas, como xeroglífico, e con elas a clave para entender o título. Así, se por petróglifo entendemos un signo gravado sobre pedra, por extensión resulta natural considerar un mate-glifo como un signo gravado nas Matemáticas. E con esta lóxica entendemos o por que do título. Efectivamente, estamos diante dun libro adicado a explicar a historia das Matemáticas a través dos diferentes símbolos que constitúen a súa linguaxe.

Logo de resolto este primeiro enigma, cómpre aclarar o segundo. Pero eses símbolos, non estiveron sempre aí? Non se escribiu sempre igual como =, suma como +, ou resta mediante ? O certo é que non. Nalgúns casos a loita entre unha alternativa e outra para establecer un símbolo (por exemplo o de igualdade entre = e ∞) durou séculos. Ata que co tempo acabou por impoñerse un criterio, e non hai dúbida de que, sen estes glifos hoxe universalmente coñecidos, as Matemáticas non terían chegado ao nivel de desenvolvemento do que gozan na actualidade.
O dito anteriormente non quita que moitos destes símbolos sexan ben antigos. De feito, os primeiros glifos matemáticos son anteriores á escritura, representando probablemente números. Por iso o percorrido do libro comeza cos algarismos ou símbolos numéricos, explicando as diferentes teorías sobre o seu significado. Símbolos numéricos de procedencia hindú-arábiga, que nunha primeira época, como se explica no libro, puñan en perigo a aqueles que ousaran desafiar á igrexa utilizándoos, pois moitos crían que eran invención do demo:


Pero a historia continúa e convén resolver problemas do día a día. E o comercio precisa a realización de operacións que deben constar nos escritos de compravenda. Hai que establecer signos para as catro operacións básicas de sumar, restar, multiplicar e dividir, e máis adiante igualdades. Ás veces non coñecemos o que queremos calcular, e acordamos denotalo mediante unha letra. Cal? E nace o símbolo X para o descoñecido. E por que esta letra e non outra calquera? Esta é probablemente unha das historias máis curiosas relatadas no libro, que continuará expoñendo símbolos xeométricos e de análise matemática, para rematar cos símbolos para os tres números máis estraños desta ciencia: e, π e i.
Algúns pensarán que todas estas historias acaban aburrindo ao lector. Ese medo tamén  nos acompañaba a nós durante a redacción do texto. Por sorte fomos quen de conxurar o risco utilizando os temas que íamos tratando como unha escusa para introducir historias de carácter divulgativo. Ao tempo que descansa da lectura dos detalles máis técnicos, o lector sorprenderase coñecendo comportamentos infames e mesmo delictuosos de grandes figuras da matemática como Newton, ao tempo que tamén poderá admirar a portentosa intelixencia doutras como Arquímedes. Tamén compartirá os seus medos e xenreiras. E para completar o cadro, atopará problemas e crebacabezas para estar entretidos e descansar da narración, como o método para cortar un triángulo equilátero en catro pezas de xeito que as poidamos xuntar de novo formando un cadradro,

  


   
e mesmo algún truco de maxia, como o cubo máxico que temos a continuación:





        Tampouco falta no texto a resposta a preguntas que moitos nos fixemos dende nenos, e que acabaron sendo problemas clásicos das matemáticas. Quen de nós, cando de cativo coleccionaba cromos, non se preguntou desesperado cantos debería mercar para completar a colección? (Problema do coleccionista de cromos). Ou, vendo a colocación das laranxas na froitería, pensou se sería esa a mellor  disposición posible? (Problema do empaquetamento de esferas).
          Nos documentais, vendo o voo do falcón no intre da caza, cantos nos preguntamos por que describía esa especie de círculos tan estraños no canto de achegarse directamente á presa? E xa para rematar con este apartado e sen dar detalles, podemos entrar en problemas máis íntimos, o texto descubriranos como as matemáticas poden axudarnos a atopar a parella ideal (o coñecido como problema do dote do sultán).
      Como remate, atoparemos no libro un pequeno dicionario etimolóxico dalgúns termos mate- máticos e unha táboa (ou glifoteca) con símbolos, ano de aparición e autor.

                

Por último, unha cuestión que queremos salientar: a finalidade de todo texto de divulgación científica (e o noso non é una excepción) é que o lector quede con gañas de saber máis. Por iso presentamos ao final do texto bibliografía específica para ampliar coñecementos. Por desgraza, os textos existentes son demasiado técnicos, e practicamente non hai títulos que aborden este tema como divulgación científica en lingua ningunha, (inglés incluído). Para nós, este feito constitúe un valor engadido do noso libro, pois o galego convértese na primeira lingua en contar cun texto semellante. Agardemos que este feito axude dobremente á normalización da nosa lingua.

   Deseño: Soulbande / MVG

   Instalación: AAFR

Organización: Biblioteca de Torrecedeira.