Mostrando entradas con la etiqueta Memoria Histórica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Memoria Histórica. Mostrar todas las entradas

miércoles, 30 de marzo de 2022

reseñas 25. Quemar libros: una historia de la destrucción deliberada del conocimiento.

 

Richard Ovenden. (1964-   )

 Biografía

    Bibliotecario de Bodley (ocupa o cargo de alto executivo das Bibliotecas bodleianas da Universidade de Oxford) desde 2014. Con anterioridade desempeñou distintos postos na Biblioteca da Universidade de Durham, a Biblioteca da Cámara dos Lores, a Biblioteca Nacional de Escocia e a Universidade de Edimburgo. En 2003 trasladouse á Biblioteca Bodley en calidade de Conservador de Coleccións Especiais e en 2011 asumiu o cargo de Bibliotecario Adxunto. Formouse na Universidade de Durham e na Escola Universitaria de Londres, e é profesor asociado en Balliol College de Oxford. É membro da Sociedade de Anticuarios, da Real Sociedade das Artes e da Sociedade Filosófica Estadounidense. Recibiu a Orde do Imperio Británico nas Honras dos Aniversarios da Raíña de 2019. Exerce de Tesoureiro do Consorcio de Bibliotecas de Investigación Europeas, é Presidente da Coalición para a Conservación Dixital e membro da Xunta do Consello de Recursos de Bibliotecas e Información (Washington D. C.).




                   Por  Lorena Gómez Méndez.

                        Axudante de Biblioteca. 

            Universidade de Santiago de Compostela.


Agosto de 1992 foi un mes vibrante, desmesurado en acontecementos, aínda que algúns, os máis dramáticos, non tiveron o triste e dubidosa honra de abrir os informativos da época. Saturado o público polos fastos de Barcelona, os catorce mortos e cento vinte e seis feridos do día 25 de agosto non atoparon o seu nome nunha escaleta de noticias. Alí faleceu Aida Buturoviç, alcanzada por un francotirador serbio, nun desesperado intento de salvar patrimonio librario dunha Biblioteca Nacional, das máis fermosas e ricas do mundo, en chamas, vítima dunha premeditada barbarie. 

Biblioteca Saraievo. Foto: Gervasio Sánchez

    Da biblioteca de Saraievo, hoxe reconstruída e “repoboada”, quedou cando nos decatamos, absortos no noso tranquilo egoísmo occidental de pasivos espectadores de conflitos, esa imaxe solitaria e desoladora, pero atravesada por un feixe luminoso, que nos deixou Gervasio Sánchez nunha foto que calou na memoria colectiva como un dos símbolos da guerra e da vulnerable fraxilidade da historia. A destrución da biblioteca de Saraievo non foi un efecto colateral e illado dun conflito virulento: aquel maxestoso edificio, símbolo dunha arraigada cultura do libro, era un obxectivo militar coa perversa idea, máis común do que pensamos, de aniquilar unha cultura, de borrar pegadas, o rexistro da humanidade. Ao redor de 81 quilómetros de arquivos bosníacos foron destruídos na Guerra dos Balcáns, un diario pormenorizado da vida cotiá na zona, de nacementos e defuncións a propiedade de terras. Nada quedou, deixando orfas conciencias e tamén futuros. Como construír futuro desde a nada do pasado? Viaxemos á outra punta do mundo: en 1986, un Quixote ilustrado por Doré, uns cinco millóns de patentes e ao redor de vinte mil fotografías ardían un 29 de abril, o mesmo día en que outro incendio, de causas totalmente diferentes, arrepiaba ao mundo: o da central de Chernobil. 

Susan Orlean
    O incendio da biblioteca de Los Ángeles, un fermoso e colorista edificio en pleno downtown LA, foi investigado de forma excelente por Susan Orlean en La biblioteca en llamas, un ameno ensaio que se cruza coa investigación sociolóxica e policial. Que hai entre Saraievo e Los Ángeles (poderiamos engadir as piras de libros da Alemaña nazi, as purgas de bibliotecas (e bibliotecarias) ao final da Guerra Civil española, das imaxinarias cinzas da mitificada Alexandría, de Nínive ou a primeira Library of Congress) que nos permitan trazar unha pauta común, un intento de comprender ese porqué da destrución do coñecemento?.

    Richard Ovenden escribe Quemar libros como un intento non só de recompilar os sucesivos desastres que levaron ao fin de libros e bibliotecas e a obstinación en destruír o que previamente se conservou, senón tamén co obxectivo de explicar que o afán e loable empeño de acumular material librario non está exento dalgunhas — moitas!—arestas que teñen que ver con dubidosas procedencias, rapinas, exhibicionismo político, correccións a demanda, un pouco de azar e, segundo mírese, boa sorte.

Carlos Clavería
     Noutro ensaio publicado recentemente, (El infinito no cabe en un junco) Carlos Clavería comparte, aínda que de forma máis aceda, esta suspicacia cando afirma que a historia do libro “pon a proba moitos dos pecados capitais nos que se regodea o home: avaricia, soberbia, ira, envexa e, sobre todo preguiza”.

    Non é a de Ovenden —naquel momento vixésimo quinto director da Bodleian—unha historia compracente. A súa impresionante  erudición, ao cotexo de fontes e historias (e ao seu talento para facelo ameno, algo realmente importante) hai que engadir, ao meu xuízo, un grandísimo valor: o amor pola cultura escrita, a súa absoluta convicción de que a intención humana de preservar e conservar os resultados do coñecemento non se diluirán facilmente no futuro, un horizonte que habitualmente adoitamos cualificar como “líquido”. Fronte a outros ensaios que romantizan e dulcifican a historia do libro, atopámonos ante un traballo que deixa abertas cuestións tan determinantes como as que teñen que ver co futuro da custodia e o acceso non soamente de documentos, senón do coñecemento xerado e depositado en diferentes formatos e que, nestes momentos, moitas institucións delegan en grandes corporacións. Os chamados “xigantes da rede” son, á súa vez, gardiáns e potenciais destrutores do saber, das súas derivas e cuestionamentos, así como das vontades políticas de manipulación. Pero tamén estamos ante unha reivindicación do oficio bibliotecario como un activo importante contra a desinformación e as noticias falsas.

    O ensaio divídese en diversos capítulos que, como o subtítulo da propia obra sinala, abordan as destrucións deliberadas do coñecemento. E deberiamos subliñar esa deliberación, esa vontade de borrar, apropiarse ou manipular os testemuños doutros.

    O concepto, recente, de corrección política abocounos a observar censuras e peticións de retiradas de libros da lectura pública pola súa posible carga inmoral, polas súas explícitas alusións sexuais ou por, mesmo, promover “ideas como o suicidio”. A  ALA celebra todos os anos a Banned Books Week que nos lembra que a liberdade de ler é sempre un fráxil equilibrio. E tanto: Ovenden lévanos da man á Mesopotamia da biblioteca de Asurbanipal, onde xa aparece, por exemplo, a apropiación e recompilación das tablillas dos pobos veciños, establecendo unha primeira forma de elitismo cultural. Pero tamén sobrevoamos a manipulación do pasado comandada por Enrique VIII, coa revisión encargada a Leland de bibliotecas e o papel, involuntario, que cumprirá a abadía de Glastonbury. Revélanos detalles extraordinarios do nacemento da Bodleian (“Un arca para salvar o coñecemento”) cunha marabillosa alusión á diferenza entre anticuario e bibliotecario e a idea, moderna e revolucionaria, de que a información ha de estar dispoñible e aberta ao público, como demostraron os diarios de Pepys aludindo aos rexistros da peste en Londres.

  
Dina Abramowicz
Bibliotecara do YIVO
 
 Estarrededora é a historia de “a brigada do papel” e do YIVO que mostra a coidada planificación realizada pola Gestapo sobre o patrimonio librario xudeu como tamén da resistencia, do activismo realizado por unha gran pléiade de profesionais de bibliotecas. Confiscar non implica destruír, é un modo de desfacer calquera marca cultural, o impacto social e educativo do propio. 

Rukmini Callimachi
 No capítulo “Obsesión por los archivos” percorremos a apertura dos rexistros da Stasi tras a caída do Muro de Berlín, o traslado do groso da documentación do partido Baaz iraquí a Estados Unidos ou o achado (e apropiación) por parte da xornalista Rukmini Callimachi de gran cantidade de material informativo sobre ISIS ao incorporarse ao exército iraquí, podendo acceder a edificios recentemente liberados. É lexítima esta idea de que estarán mellor conservados e ben gardados nun “lugar seguro” que en permanente zona de conflito ou se crea con estas accións unha especie de “capitalismo de rescate” non exento dunha superioridade moral ao adxudicarse unha responsabilidade non buscada?.  
Philip Larkin
     Dous capítulos do libro chamáronnos poderosamente a atención, e son os relativos a, valla o paradoxo, destrución sen violencia. No capítulo “Para quemar sin leer”, Ovenden aborda, entre outras, a figura de Philip Larkin, o extraordinario e misántropo poeta inglés e a súa dicotomía vital : como bibliotecario era un defensor sen concesións da conservación; como creador, deixou estipulado que se queimasen todos os borradores e unha variedade enorme de documentos xerados no seu quefacer como poeta.
Debuxos.Franz Kafka.

    O albacea de Kafka, o desobediente Brod, fixo caso omiso das instrucións dadas polo autor checo de seleccionar parte da súa obra e silenciar outra. O resultado é que Kafka é hoxe un autor canónico e descoñecemos se o sería de non coñecer o corpus completo das súas obras. 




Sylvia Plath
  
    Ovenden analiza tamén a purga realizada aos diarios de Byron ou a cuestionable tarefa de Ted Hughes ao editar os diarios da súa falecida esposa Sylvia Plath. No caso de Byron, o obxectivo era “salvar” a súa reputación, que brillase o seu xenio poético e non a súa azarosa vida sentimental e sexual. Constrúese así un novo personaxe, un novo autor?. A ética que subxace ao comportamento de editores, albaceas (ou destrutores) é sempre cuestionable e determinou tanto a historia da literatura como a recepción crítica da mesma.

    A parte final do este ensaio dedícaa Ovenden ao que tacha de “diluvio dixital” e pon o foco de atención en sinalar os perigos dos monopolios dos xigantes da internet: Facebook presume da súa comunidade global única, Google da súa “abafadora cota de mercado en liña”. Alertar sobre a penetración das redes sociais na información cotiá non é, en absoluto, unha postura neoludita senón realista: nun contexto no que cada vez máis a información á que accedemos en liña está xestionada por poucas mans, poderosas e con prácticas non exactamente transparentes, precisamos coñecer os límites e o uso de toda a información que proporcionamos. E tela en conta como referente: Ovenden repasa distintos intentos de arquivo e xestión da información depositada na web, non sempre estables, non sempre sostibles. Un dos exemplos é a alianza da Library of Congress con Twitter para crear un arquivo de tuits que finalizou, de forma abrupta, en 2017 debido á escaseza de fondos. 

    Outros proxectos como Wayback Machine, que permite recrear as distintas versións de webs, teñen sempre a espada de Damocles encima do financiamento. Así mesmo, a potestade de arquivo de todos os documentos xerados ten que estar establecida de modo firme polas distintas administracións e como unha responsabilidade de custodia totalmente independente dos vaivéns e presións políticas, especificando se existen excepcións e en que se basea. 
  
 
Lembremos, por exemplo, as iniciativas de arquivo público relacionadas con propaganda e declaracións políticas a cargo de organizacións como Factbase (o azoute de Trump) e Led by Donkeys no Reino Unido: non son soamente tiróns de orellas aos políticos linguateiros, é a repercusión e amplificación que poden ter no público, polo que necesitamos rexistralas como unha cuestión de perspectiva. Unha especie de “maldita hemeroteca” que delate contradicións, pero tamén as consecuencias, o impacto na historia política e social.

  
Bodleian Library. Oxford.
Non hai ensaio sen un final que supoña unha especie de folla de ruta futura ou, polo menos, un ideario para a reflexión. Neste complexo e contraditorio século XXI poderiamos preguntarnos por que e para que necesitamos bibliotecas, cal é o seu sentido, a súa necesidade. Ovenden ofrécenos nesta parte final ideas que son, sobre todo, a reivindicación do traballo que realizan as bibliotecas na sociedade de hoxe. Son apoio educativo e garantes do benestar e da diversidade do coñecemento e ideas; son esa áncora, ese “punto de referencia fixo” que permiten xulgar verdades e mentiras con transparencia e actuar tamén como preservadoras da identidade cultural. Non parecen, en absoluto, nin malos agoiros nin pouco ambiciosos. Oxalá sexa así.

 (Un detalle curioso: na Bodleian, en pleno século XXI, aínda se esixe aos investigadores que a visitan por primeira vez que prometan solemnemente non “introducir na biblioteca, ou acender no seu interior, ningún lume ou chama”. Esta claro que, mesmo no noso tecnolóxico e hipervixiado mundo contemporáneo, toda precaución é pouca).

 

Referencias

Ovenden, Richard Quemar libros: una historia de la destrucción del conocimento. Barcelona: Crítica, 2021. Traducción de Silvia Furió.

Susan Orlean La biblioteca en llamas Barcelona: Temas de hoy, 2017. Traducción de Juan Trejo.

Clavería, Carlos El infinito no cabe en un junco. Madrid: Altamarea, 2021.

martes, 4 de febrero de 2020

reseñas.12. Seique.




Susana Sánchez Arins. Vilagarcía de Arousa.1974.
FEBREIRO-MARZO DE DOUS MIL VINTE.
Biografía
Susana Sánchez Arins naceu en 1974 en Vilagarcía de Arousa, pero creceu en Foxo, terra dentro. Estudou na escola pública e Filoloxías Hispánica e Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela onde obtivo o DEA de Literatura Comparada exercendo a docencia no Ensino Secundario Obrigatorio.
No 2008 gañou o XXI Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé coa obra [de] construçom (Espiral Maior, 2009). Logo apreceron os poemarios Aquilatadas (Estaleiro Editora) en 2012 e A noiva e o navío (Através Editora). No ano 2015 publicou Seique (Através Editora) e en 2018 a plaquette poética Carne dá miña carne (Editora Apiario) e o libro de relatos Tu contas e eu conto (Através Editora).
Forma parte da plataforma de crítica feminista A Sega e preside a organización  non  gobernamental Implicadas no Desenvolvemento. Colaboradora do xornal dixital Praza Pública entre as súas obras colectivas pódense destacar Letras nómades. A mobilidade feminina na literatura galega (2014, Frank  &  Timme), 150  Cantares  para Rosalía de Castro,(2015.Llibro electrónico), De Cantares Hoxe. Os  Cantares  Gallegos  de  Rosalía  de  Castro  no  século  XX (2015, Fundación Rosalía e Castro/ Radio   Galega),  1975- 2015 Moncho Reboiras Vive! (2015, Arredista Edicións), Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohan Xesus González,(2016, Fervenza), Abadessa, oí dizer. Relatos eróticos de escritoras da Galiza (2017, Através)  e  Pico  Sacro. Ferido  polo  lóstrego   e   a   lenda  (2017, Alvarellos).

                                                                            
Portada 1ª ed.
                                           Por   Tina    Parcero    Pereira 

    “Se foi  assim de mau com o pai, como seria com os de fora.”




    Esta é a frase que a avoa de Sánchez Aríns re- petía unha e outra vez, coma unha ladaíña, cada vez que alguén amentaba o tío Manuel. Sempre, desde que a autora ten memoria. E este foi o nobelo que gardaba esta Ariadna do Salnés, unha velliña que non o quería desenrolar, pero que llo deixou aos seus por se alguén era quen de facelo.
   

Ribadumia. Comarca do Salnés. Pontevedra.
        
 E Susana Sánchez Aríns foi quen. Axudada por Casilda, filla de Ubaldina, a tía avoa que decidira non calar, e por outros familiares, comezou a desenlear aquel nobelo escuro, cheo de reviravoltas, que non deixaba respirar a súa xente, nin a súa bisbarra, nin á súa terra. 

Porque,  como sucede con todos os traumas, se non lles dá o aire, se os deixamos enterrados no fondo das mentes, podrecen e contaminan xeracións enteiras. E Sánchez Aríns quería deixarlles ás xeracións seguintes,  ás dos nosos fillos e fillas,  respostas ás súas preguntas, non silencios. Un aire máis limpo.

Ao coller o nobelo nas súas mans e tirar do fío, a autora comezou a poñer atención a moitas máis cousas, xa non só á frase misteriosa da avoa. Cousas que sempre oíra, sen atender conscientemente. Memorias, si, pero tamén desmemorias, e ata recordos modificados, non só polo tempo pasado, senón tamén polas emocións que os acompañaban e os deformaban. Tamén os seus propios recordos, como descubriu con arrepío. As voces irían sumándose ata convertérense nun coro grego, un coro que berraba cada vez máis forte, cheo de tantos “disques”. E de tantos “seicas”.

Cabeceira "Diario de Falange Española Tradicionalista y de las J.O.N.S.". Vigo. 1939.

Mentres o fío ía desenleándose, Sánchez Aríns comezou tamén a ouvir os silencios. Porque hai quen escolle falar, e hai quen escolle calar. Hai quen escolle contar, e hai quen escolle romper cartas, documentos e fotos en mil cachiños e botalos ao lume para afogar pesadelos ou para limpar historiais cheos de sangue. Cada un cos seus motivos, cada un segundo a súa conciencia, negando o pasado, ou berrándoo para que non se esqueza.
A autora conta nas entrevistas e nas conferencias que nos arquivos era coma se o seu tío, Manuel   García Sampayo, non existise. Non había nada, nin un documento, nin a súa ficha de falanxista (como tamén faltaban outras fichas de falanxistas notorios). Que só soubo que fora alcalde de Ribadumia nos anos corenta porque este concello publicou unha necrolóxica na honra do seu tío ao coñecer o seu pasamento.

E descubriu así que os vencedores non só escriben a historia. Tamén deciden qué será o que se recorde e o que non.
Precisamente foi a publicación do libro o que permitiu que os historiadores a axudaran, a posteriori, a atopar a acta dun xuízo que, malia ditar unha sentenza exculpatoria para o seu tío, con moitas testemuñas sospeitosamente laudatorias, viña confirmar feitos que no libro son só elucubracións da autora.

Xa con toda a información reunida, despois de pescudar na súa familia, na súa parroquia, nos arquivos provinciais, nas hemerotecas, Sánchez Aríns quixo facer unha novela monumental, das de catrocentas páxinas. Porque libro de historia non podía ser, sen probas documentais, sen testemuñas directas. Pero deuse de conta de que con “disques” e “seicas” tampouco
podes escribir un Guerra e paz. E de que tampouco lle sairía, de todos os xeitos. Porque ela é poeta.
E así saíu este libro, que ninguén pode ler e quedar indiferente. Así saíu esta mestura entre poema, cancioneiro, dicionario, teatro grego e remuíño. Un libro no que todas as voces berran a súa verdade, para que a lectora, ou o lector, escolla a súa. Un libro con todasas contradiccións, con todos os ocos e con todos os silencios que ela atopara.
Coa linguaxe rica e melodiosa da súa comarca. Un libro que non só é outra novela sobre a Guerra Civil. É un libro distinto, como di Suso de Toro, un libro cun ton propio. Con voz propia. Porque un bo libro ten que ter unha historia que contar e un xeito propio de contala. E este éo.

Retrato de Franco
 nunha rúa de Ourense, 2020.
Un libro con tal forza que a súa editora, Através, sentiu que non podía quedar só para nós, agochado neste recuncho verde, que había que mostrarllo ao mundo, e pediulle a Sánchez Aríns que o traducise ela mesma ao castelán. E o libro editouse con De Conatus en 2019, e nese mesmo ano gañou o Premio dos Libreiros de Madrid ao mellor libro de ficción. E a autora dixo ao recollelo: “ A miña nai protestou por este premio, porque non é un libro de ficción. É todo verdade”.


"La Quietud y el vértigo".
 Carmen Calvo, 2019.
Non me lembro ben de cando un exemplar deste libro caeu nas miñas mans por vez primeira. Hai un ano, podería ser. Seguramente foi cando comecei a colaborar cunha asociación de memoria histórica. Os convites que nos mandan cada certo tempo á caixa de correo electrónico para acudiren a exposicións ou a actos de desagravio das vítimas das «sacas», desenterradas de buratos esquecidos á beira das estradas ou por fóra dos «camposantos», espertaron en min cobiza de saber máis, de lembrar o sabido, de honrar os mortos repasando as súas biografías.

"No fondo do mar".
"Atila en Galicia" de Castelao.
Pero podería ser de antes, tamén, porque as historias da Guerra Civil estaban por todas as partes na infancia da xeración nacida nos últimos anos da ditadura. Os nosos avós nada ou case nada nos contaran. 


Así aprenderán a non ter ideas.
 "Galicia mártir" Castelao. 1937
.
Moitos tiñan gravado a lume no seu cerebro a orde, tan tristemente popular nos anos da guerra, de «non significarse», é dicir, de non deixar ver as propias ideas políticas ante os de fóra. Non vaia ser o demo. Outros quedaran mudos polo terror presenciado. Outros tiñan moito que calar.



"Evasión".
 "Atila en Galicia". Castelao.




Os nosos pais, fillos da dura posguerra, tampouco dicían nada. Só insistían en falar dos «anos da fame»: para que acabaras a comida do prato, para que non botaras o pan ao lixo. A pantasma da fame, do frío, da pobreza. A guerra non se nomeaba. Chegabas a adulta e, por fin, un día, sabías que o avó combatera na fronte de Aragón, obrigado, apuntando ao aire ao ir disparar por se, ao outro lado das trincheiras, estaba o seu irmán, ao que o pillara a sublevación emigrado en Euskadi. Pero o silencio falaba, si, coma no libro. Os ocos nos relatos deixaban unha sensación sombría, coma un mal agoiro. As poucas pistas que os mozos e mozas eramos quen de reunir, en conversas das comadres, xunto á mesa da brisca, ou en comentarios misteriosos ao pasar a carón de certos vecinos e veciñas, quedaban rexistrados na nosa memoria co asterisco de «importante, non esquecer».


Detalle capa 2ª ed.(ampliada)
 Ilustración: Rosa Herraiz Cabanas.
O tío Manuel, o home traxeado de branco, calmo e fachendoso da cuberta do libro, fíxome lembrar a impresión que levou a miña mente infantil cando a miña nai me sinalou pola rúa un velliño, que eu sabía avó dunha compañeira da escola, e me dixo: «Ese é un dos que, na gherra, levaba os homes das súas casas, poñíalles unha corda ao pescozo cunha pedra atada e afundíanos na ría». Ese día, a Guerra Civil saíu dos libros e encarnouse naquel vello. O mal non é un ente abstracto, xa nunca máis. O mal pode ter netos. Seique.















Deseño: Soulbande / MVG Instalación: AAFR
Organización: Biblioteca de Torrecedeira.

martes, 3 de septiembre de 2019

reseñas. Programación 2019/20.

                                            
 

Como xa sabedes, a Biblioteca de Torrecedeira nos seus labores de difusión pretende publicitar e estimular o uso  e manexo dos  recursos, fontes de información e servizos que ofrece a Biblioteca Universitaria de Vigo mediante o seu  proxecto “reseñas”.
Entre as nosas intencións atópase a de espertar a curiosidade e a inquietude por temas de actualidade, investigación ou cultura que permitan fomentar e incrementar a formación dos participantes mediante a confrontación de ideas e o diálogo permanente así como a busqueda da implicación e complicidade das Facultades e Escolas universitarias, Delegacións de estudantes, persoal docente, persoal de administración e servizos, e usuarios externos, solicitando deles a súa colaboración na actividade.  Tratamos pois de crear un espazo de lectura, pensamento e reflexión aberto a toda a comunidade .

           Gustaríanos poder contar coa vosa colaboración polo que podedes poñervos en contacto en calquera momento coa Biblioteca de Torrecedeira.

PROPOSTA DE PUBLICACIÓN:

-   Texto orixinal en Word.
-   Extensión do artigo: entre 1500 e 2000 palabras.
-  Material adxunto:  tres ou catro fotografías que acompañarán á foto da portada do libro e á fotografía do autor/a.

Finalmente, non podemos deixar de agradecervos o voso  gran interese e axuda.

Grazas por estar aquí unha vez máis.


                        Aser Ángel Fernández Rey

            Técnico Especialista Biblioteca Torrecedeira.