James Rhodes, Londres, 1975.
Instrumental: memorias de música, medicina y locura
Blackiebooks, 2015.
Instrumental: A Memoir of Madness, Medication and Music
Canongate Books Ltd., 2015.
FEBREIRO DE DOUS MIL DEZANOVE
Biografía
Naceu en 1975 en Londres no seo dunha familia xudía de
clase media alta. Os seus primeiros estudos realizounos nun prestixioso colexio
para mozos no que sufriu abusos sexuais por parte do seu profesor de educación
física. Este feito, que non puido ser denunciado ata que pasaron trinta anos,
marcou, para ben e para mal, a súa vida.
A súa formación académica oficial de piano non pasou do
terceiro curso. Estamos ante un músico de formación basicamente autodidacta,
pois non sería ata os 13 anos, ao entrar no Harrow School, outro colexio para
minorías ricas, cando puido estudar cun verdadeiro profesor de piano: Colin
Stone. Este decatouse do seu potencial e animaríao a participar no concurso Young Musician of the Year, mais non
pasaría da segunda rolda.
A súa paixón polo pianista ruso Grigori Solokok levouno,
nunha das súas crises vitais, a proporlle ao seu representante en Europa,
Franco Panozzo, participar como socio no negocio da representación. Este, tras
escoitalo tocar o piano na primeira visita que fixo á súa casa en Verona,
amañoulle unhas clases co afamado profesor Edoardo Strabbioli. Estas titorías
mensuais danlle a Rhodes a formación e a confianza que lle faltaba para volver á
paixón abandonada dende había máis de dez anos.
O seu primeiro disco Razor
Blades, Littel Pills and Big Pianos (Coitelas de afeitar, pílulas e pianos
grandes) saíu en 2009 e, un ano despois, editaría Now Would Al Freudians Please Stand Aside (Agora por favor que os
freudianos se afasten). A estes seguiríanos Bullets
and Lullabies (Balas e cancións de berce) e Jimmy, o primeiro álbum de música clásica no que aparece a etiqueta
Parental Advisory: Explicit Content (Advertencia
para pais: contido explícito). Foi o primeiro pianista clásico que asinou un
contrato con Warner Bros Records.
Por Manuel Velasco Graña.
Daquela, cando parecía que todo
volvía ao rego, os demos de sempre que só estaban agochados esperando unha nova
oportunidade, volvéronse presentar con máis forza e máis saña. Nesta ocasión, a
recomendación dun psicólogo para que lle conte os abusos sufridos á súa muller,
que ata ese momento non sabía nada, desata a tempestade. Outra vez os seus
segredos máis vellos e tóxicos envelenan de novo a súa vida. E para expresar o noxo
que lle dá o mundo e a súa persoa desenvolve unha nova adicción: as coitelas de
barbear e a autolesión como castigo. Os cortes que se fai deixan marcas e cando
a súa compañeira se decata, outra vez ten que ingresar nun psiquiátrico e
someterse aos efectos dun potente cóctel de antidepresivos. Atordado pola
medicación leva a cabo o seu primeiro intento de suicidio. En extremo, o
enfermeiro que ese día estaba de garda sálvalle a vida cando estaba pendurado
da soga improvisada que fixera co cable da televisión. Ao primeiro séguelle un
segundo intento, nun descoido na súa vixilancia, foxe do psiquiátrico e aluga o
cuarto dun hotel no que planifica unha nova tentativa: agora o plan é unha
bañeira con auga ben quente e facerse cortes nos pulsos. Cando xa tiña todo
preparado, a habilidade da súa dona, a que inxenuamente chama para despedirse, sálvalle
a vida.
De novo volver empezar. Terceiro
ingreso nun centro hospitalario, máis medicación, máis vixilancia. Unha tarde
recibe a visita dun vello amigo, outro fanático do piano, que nunha botella de xampú
lle pasa un ipod nano cheo de xigas de
música clásica. E o milagre volveuse producir, a música devolveuno de novo á
cordura, outra vez foi o seu mellor último recurso.
En 2016 publica outro libro titulado
Toca o piano: interpreta a Bach en seis
semanas. E en 2017 abunda no seu relato bibliográfico coa publicación de Fugas. Ou a ansiedade de sentirse vivo.
Neste mesmo ano decidiu buscar casa en Madrid e mudarse a vivir a España. E no
noso país continúa co seu activismo publicando artigos como «Carta a Pedro Sánchez» (El País, 3 de agosto de 2018), misiva na que suxire cambios
legais para protexer os menores, e máis especificamente, unha reforma xudicial
para que nos casos de violación infantil, nenos e nenas declaren en privado, coa
presunción de que din a verdade.
«A música clásica ponma dereita.» Desta forma tan explícita e
provocativa comeza este relato autobiográfico escrito cando o autor ten 38 anos.
É unha historia sobre o poder terapéutico que pode ter a música na vida de
alguén que tivo que vivir coas secuelas dos abusos sexuais sufridos durante a
súa infancia. É tamén a historia dun músico nada convencional comprometido coa
tarefa de sacar a música clásica do seu armazón ríxido e elitista. Asemade, é
unha testemuña de quen, esporeado polas súas vivencias, se converte en
activista para cambiar o mundo e a sociedade que permitiu os abusos, que tanto
o condicionaron, que se produciran e se sigan a dar, con total impunidade.
O público lector, se quere, pode acompañar cada un dos seus vinte capítulos
cunha recomendación musical que o autor introduce con historias pouco
coñecidas, e un chisco provocadoras, dos seus intérpretes. Instrumental ten pois a súa propia banda sonora que os máis
melómanos (ou curiosos ávidos de aprender) poden atopar en Youtube ou baixar de Spotify.
«Utilizáronme, fodéronme, desfixéronme, manipuláronme e
violáronme dende os 6 anos, unha e outra vez, e así foi como pasou». E deste inferno que durou cinco anos
só o salvou a música. Na casa da súa infancia atopou unha casete que contiña a
gravación en vivo de «A Chacona», unha obra para violín que Bach compuxo tras a repentina morte
da súa dona. Nela expresa, na súa parte final, toda a dor e todo o lamento que
unha composición musical pode manifestar. «Esta peza converteuse no meu
refuxio. Sempre que estaba angustiado repetíaseme na cabeza. A peza determinou
a miña vida».
Os abusos convertérono nun supervivente de por vida e, en moitos momentos,
a música será a táboa de salvación á que se vai ter que aferrar para recuperar,
unha e outra vez, a cordura.
Aos 11 anos un cambio de colexio librouno do seu violador, mais non das
consecuencias físicas e psíquicas de ter sido repetidamente violado. «Pasei anos, incluso décadas pegado
ao retrete, era un neno ansioso que pasaba o día cagando, que non durmía, ao
que lle daban ducias de tics cada hora, sen habilidades sociais, que sempre
tiña medo, que se ofrecía sexualmente a descoñecidos, que bebía e fumaba...».
Con 13 anos entra nun colexio de elite no que estudará cinco anos. Aos 18
proponlles aos pais estudar a carreira musical, pero estes non ven a música como
unha boa opción profesional. Cede ás expectativas paternas e comeza en
Edimburgo a carreira de psicoloxía. O seu primeiro ano como universitario
pasouno colocado con todo tipo de substancias, nunha irrefreable carreira
autodestrutiva que o levaría a entrar por primeira vez nun psiquiátrico.
Un ano en París, o mellor da súa vida, axudouno a atopar os folgos e o
xuízo necesario para poder acabar os seus estudos e graduarse cun bo expediente.
Tras a licenciatura, os próximos dez anos dedícaos a desenvolver a súa
carreira e a facer cartos. Casa, ten un fillo, e tras ir todo relativamente ben,
sofre unha profunda crise vital que lle fai revisar toda a súa vida. De novo aférrase
á música, desta vez para procurar que a súa paixón sexa tamén o seu medio para
gañarse a vida. Contacta co representante de Sokolov, o músico ruso a quen
considera o mellor pianista vivo do momento. Cando xa tiña un acordo pechado
para participar na súa representación, o seu novo socio pídelle que toque algo
no piano do salón. Ao rematar a improvisada interpretación dille: «James, levo vinte e cinco anos nisto da música e nunca
escoitei ninguén tocar así o piano que non fose un pianista profesional. Vas
vir a Verona todos os meses a estudar con Edo, que é o mellor profesor de piano
de Italia». Así é como accede a que o seu profesor lle aprenda a
técnica que lle faltaba e de paso lle fai ver que todo se trata de esforzo e
ensaio.
Tras saír, un amigo da familia págalle unha estancia en Phoenix para
someterse a unha terapia alternativa. Os efectos deste último tratamento mantéñeno
na sensatez durante un tempo. É nesta época cando acode por primeira vez á comisaría
a presentar unha denuncia contra o señor Lee, o seu violador, pero ao non
contar con máis probas ou testemuñas ca o seu propio relato, esta revelación
non ten percorrido legal. Mais si factura persoal. A caixa dos tronos destápase
de novo, volve ás andadas, de novo autolesiónase. Outra estancia nun
psiquiátrico. Sae e, como consecuencia das súas reaccións, a súa muller farta
de tanta inestabilidade, pídelle o divorcio.
No medio desta crise atopa un novo axente, un canadense que de música
clásica só coñece «A Chacona». E abonda. Con el grava o seu primeiro disco. Unha canle
de TV por cable proponlle facer un documental sobre a vida de Chopin. Tras o
disco, comeza unha xira de concertos na que pon en práctica un xeito máis
informal de presentar a música clásica. Unha entrevista que lle fai o Sunday Times, onde menciona os abusos, é
lida por unha antiga profesora que contacta con el. E atando cabos é quen de
dar co seu violador e presentar unha nova denuncia. O señor Lee xa ten máis de
setenta anos e segue a traballar como adestrador de boxeo con nenos de curta
idade e, como non podía ser doutra forma, segue facendo o mesmo. Agora si hai
caso. Desta vez, tras as obrigadas pescudas, a policía consegue presentar os cargos.
Grava un segundo disco e ao ano seguinte o terceiro. Jimmy, que fai o número catro, é o último álbum publicado. En 2012
a canle de TV Channel 4 proponlle realizar un documental centrado na
música clásica e a saúde mental. O feito de entrar de novo nun psiquiátrico
reméxelle aquilo que ten agochado no máis profundo e volve entrar en crise. En 2013
The Guardian publica un artigo
titulado «Atopade o que vos encanta e deixade que vos mate», que bule polas redes sociais e se
converte en toda unha declaración de principios.
Velaquí, pois, esta recomendación de lectura deste libro biográfico (que
leva máis de cen mil exemplares vendidos só en España) dun pianista xenial,
cunha vida intensa que tamén é un activista audaz, valente e comprometido, a
cuxa vida seguramente, aínda lle quedan moitas liñas por escribir e non todas
doadas, pois como el mesmo di: «Desgraciadamente, sempre estou a dúas malas semanas dun hospital
psiquiátrico».
Deseño: soulbande.com
Instalación: MVG-AAFR
Organización: Biblioteca de Torrecedeira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario