lunes, 11 de marzo de 2019

reseñas.6. Debatiendo con Piketty: Una interpretación feminista del capitalismo patrimonial. Heather Boushey.

Heather Boushey. Seatle.1970.

Debatiendo con Piketty: Una interpretación feminista del capitalismo patrimonial. En:Debatiendo con Piketty. La agenda para la economía y la desigualdad.

                                                    MARZO DE DOUS MIL DEZANOVE.


Biografía

Heather Boushey é a directora executiva e economista en xefa do Centro para o Crecemento Equitativo de Washington e coeditora dun volume de 22 ensaios sobre como integrar a desigualdade no pensamento económico, "Despois de Piketty: a axenda para a economía e a desigualdade". A súa investigación céntrase sobre a desigualdade económica e as políticas públicas, especificamente o emprego, a política social e o benestar económico familiar, e seu último libro é "Finding Time: The Economics of Work-Life Conflict" de Harvard University Press. The New York Times ten afirmado que Boushey é unha das "voces máis vibrantes neste campo" e Politico nomeouna dúas veces como unha das 50 principais "pensadoras, facedoras e visionarias que están transformando a política estadounidense".

Boushey escribe regularmente para os medios de comunicación populares, como " The Room of Debate" de The New York Times , "The Atlantic , and Democracy" ; e aparece regularmente nas canles de televisión Bloomberg, MSNBC, CNBC e PBS. Anteriormente, foi economista xefa do equipo de transición de Hillary Clinton, e economista no Center for American Progress, o Comité Económico Conxunto do Congreso dos Estados Unidos, o Center for Economic and Policy Research e o Economic Policy Institute. Forma parte da xunta directiva do Opportunity Institute e é editora asociada de Feminist Economics . Recibiu o doutoramento en economía na New School for Social Research e a licenciatura na Hampshire College [1]





                
                           Por Ana María Bande Bande.





O Capital no século XXI, de Piketty converteuse hai tempo nun fenómeno editorial incuestionable. Que isto ocorra cun tratado académico de economía é, non cabe dúbida, síntoma de que a economía constitúe unha preocupación de primeira orde na actualidade. Ata certo punto isto é consecuencia, como é lóxico, da inquietude no ámbito académico e da inseguridade da cidadá perante as incertezas derivadas da gran recesión económica.

Dado que o fenómeno Piketty  tenta ser un texto explicativo do estado do mundo, e non só da economía - de non ser así non se entendería tal éxito - temos que prestarlle moita atención ao seu contido, e dende logo situármonos no punto de escepticismo que toda predición dende este ámbito debe suscitar. Non creo que debamos axeonllarnos ante a contundencia con que nos falan as e os economistas. É certo que o enorme aparello científico co que se constrúe a teoría económica fai que estes tratados nos asoballen con gráficos e con estatísticas. Adoitan construír con eles modelos nos que semella que só a posteriori queren encaixar unha realidade que sempre é máis complexa. As variables non son doadamente cuantificables e polo tanto susceptibles dun tratamento metodolóxico convencional. Adoitan ignorarse por factores ou causas tan diferentes como unha moda determinada nunha área de investigación ou un xeito de ollar a realidade puramente convencional que non ten en conta determinados aspectos porque simplemente non interesan ou non se coñece a forza que puidesen ter na configuración da nosa sociedade e da nosa economía.

No referente ao canon no ámbito económico, están as voces que dende a rigorosidade e a crítica nos obrigan a cuestionarnos os dogmas cos que aparentemente temos a obriga de construír a nosa visión, económica, neste caso, da realidade. Refírome a tratados tamén moi intrincados, ás veces, pero ben interesantes polo que teñen de desmitificadores como a Economía enmascarada de Steve Keen. 

O Capital no século XXI de Piketty, ten sido xa moi sometido a crítica, dende logo, pero dende a perspectiva de xénero non hai, no noso contexto académico, moitos materiais para este debate en particular. Por iso é especialmente relevante Debatiendo con Piketty, especialmente a ollada de Heather Boushey, unha economista moi descoñecida aínda no noso país por non estar traducida, aínda que leva xa moito tempo investigando sobre temas de desigualdade no traballo e sobre conciliación familiar.
 
No seu capítulo de Debatiendo con Piketty preséntanos, en poucas páxinas, unha análise das teses deste economista dende un punto de vista completamente novo, aínda que sempre dende unha clara intención de complementariedade ás ideas do economista galo. A novidade da súa análise é que a autora observa a realidade económica dende unha perspectiva similar á de Piketty aceptando algunhas das súas premisas, como a existencia dun estado de desigualdade económica e unha interpretación orixinal sobre o mesmo atribuíndoo a un posible retorno a un sistema de “capitalismo patrimonial”, pero engadíndolle a nosa economista aspectos que, ao seu xuízo, lle faltan precisamente a Piketty por obviar enfoques e datos que tradicionalmente non se teñen en conta na elaboración dos discursos económicos canónicos. Tamén é novo por incorporar un punto de vista de xénero dado que existen evidencias, como o feito de que malia as mulleres, non computar no PIB, si que contan para a economía; de feito contan tanto que as consecuencias, tanto de aplicarlles un réxime particular e diferente no ámbito económico coma o de promover políticas de igualdade, son directamente responsables do crecemento ou do decrecemento económico. 

A tese central de O Capital no século XXI de Piketty, é que estamos a vivir unha volta ao “capitalismo patrimonial”, o que significa que o crecemento económico semella depender outra vez das rendas do capital máis ca das do traballo. Sen dúbida é esta unha declaración importante e para debater, porque de ser verificada significaría unha regresión a modelos económicos propios do século XIX e que xa dabamos por superados. De dar por certa esta hipótese, ou para demostrala, teriamos que atender á institución que fai posible esta acumulación do capital, é dicir, ao réxime das herdanzas. A proposta de Piketty é, dende logo, desacougante e contén, ademais, unha advertencia que considero moi produtiva na orde da investigación económica, porque reflicte que “ a distribución do patrimonio sempre ten sido profundamente política e non pode reducirse a un puro mecanismo económico ”. Nesta sentenza contense, non sei se ao seu pesar, unha invitación a dubidar de toda unha serie de tratados de economía que se teñen artellado case exclusivamente baseándose en modelos apriorísticos sen ter en conta outras realidades, quizais a realidade mesma. Na obra de Piketty hai unha ¿disimulada? proposta para que pensemos a economía dende unha óptica diferente, incorporando o papel das institucións e da política, é dicir, os xeitos en que nos organizamos como colectividade, como sociedade, e a súa incidencia no crecemento. Boushey acepta o reto, dende logo, ofrecendo unha análise sumamente interesante e complexa que paga a pena descubrir porque non só somete a crítica a metodoloxía e as conclusións de Piketty, senón que fai un percorrido pola teoría económica para incorporar o punto de vista feminista, amosando unha visión do futuro que poden agardar as mulleres.
Boushey analiza a versión neoclásica da economía, optimista por natureza, e a súa posible repercusión nas mulleres. Neste sentido convídanos a repensar as sucesivas teses que dende Kunzets a Chang-Tai-Hsieh teñen insistido tanto en que o crecemento sempre, como se fose maxia, ten como consecuencia a redución da desigualdade. Boushey convence porque a súa crítica se constrúe conxugando, ou mellor dito, compaxinando, as afirmacións teóricas orixinais da economía canónica, someténdoas a debate, con datos reais que deberían sustentalas. 

Por exemplo, no que atinxe á curva do crecemento de Kunzets, Boushey lémbranos que foi o mesmo autor da teoría o que recoñeceu que o seu modelo estaba máis fundamentado en “ilusións” ca en datos empíricos. No modelo neoclásico todos semellan coincidir en que nunha economía en que o capital humano (a preparación, a aptitude, a habilidade das persoas que traballan) é o que conta, nunca se xustifica o custo de desperdiciar talento con políticas pouco sensibles ao fomento da igualdade.  Con esta premisa, a clase política tería na súa man reducir a pobreza, e decidírse a incluír no sistema económico a todas as persoas que teñen sido tradicionalmente excluídas por razón de xénero ou de raza. Esta previsión de Boushey, aínda que dunha lóxica aparentemente incontestable, bátese precisamente nos nosos días coas políticas en voga de retroceso en materia de igualdade.

Habería que preguntarse e reflexionar moito sobre este feito; sobre si realmente é o factor humano (a habilidade das traballadoras e traballadores) o que está actuando como estímulo ou motor de crecemento, nun momento como o noso en que tanto homes coma mulleres teñen unha preparación moi superior ás esixencias do mercado laboral e que ademais ou están no paro ou traballando en postos moi por debaixo da súa capacitación profesional. 
Na ollada pesimista que nos presenta Boushey, a escasa confianza que ofrece o crecemento como factor de inclusión é quizais onde reside o maior interese do texto. Aquí Boushey harmoniza as teses de Piketty coas do feminismo ao resaltar as metodoloxías que comparten (preminencia dos datos, avaliación destes e incorporación das institucións sociais como actores económicos), pero sobre todo interésanos porque sinala algunhas das estridencias daquelas teses, principalmente as derivadas das contradicións que supoñen o empeño de Piketty por romper coas teorías económicas modernas  e a súa simultánea incapacidade para crebar os modelos estándares que precisamente é o que critica. A partir desta lagoa Boushey incorpora a teoría feminista porque é precisamente empregando esta metodoloxía cando realmente se cuestiona o modelo clásico e canónico ao incorporar variables, datos e perspectivas novas. O feminismo económico, efectivamente, xa tiña recoñecido a importancia das ciencias sociais e das estruturas de poder nos resultados económicos. O feminismo económico tamén tiña xa feito unha crítica á metodoloxía do uso dos datos nas investigacións económicas, cunha crítica das fontes moi relevante, porque tiña sinalado que a unidade fiscal tomada, a unidade familiar, non era axustado, por non ofrecer datos desagregados que permitisen un estudo de calidade de determinadas institucións ou de factores tan relevantes como a importancia da raza ou o xénero na economía. 
Por outra parte, Boushey critícalle a Piketty que cando fala de capitalismo patrimonial está cometendo un erro de base, porque o emprego deste sintagma non é neutro ao referirse especificamente aos estudos das herdanzas a través dos pais, o que deixa fóra a posibilidade de observación da muller no estudo desta institución imprescindible á hora de tratar unha investigación rigorosa sobre o capitalismo patrimonial.
Boushey, a partir de aquí, expón un contrafactual do libro de Piketty, porque refire os resultados aos que Piketty chegaría no caso de que empregase unha ollada de xénero no seu estudo. Boushey incorpora argumentos e perspectivas a unha investigación coa que comparte moitos argumentos pero que contén elementos que a limitan na súa capacidade de comprensión da situación económica do mundo actual, que é, en definitiva, o obxectivo de Piketty.  ¿Cales son estes elementos ou as súas fallas en O Capital no século XXI? .

En primeiro lugar, e quizais o máis relevante, son os datos. Piketty emprega estatísticas tributarias, pero unha vez máis e igual que fixo co PIB, esta fonte non abonda porque para coñecer a evolución do proceso de transmisión de herdanzas é imprescindible ter en conta o proceso de incorporación da muller ao traballo ou o emparellamento selectivo como mecanismo de mobilidade social. Unha vez máis a crítica a Piketty o déficit do propio obxectivo que é a incidencia das institucións sociais, económicas ou culturais que marcan o matrimonio, as relacións de xénero ou a familia como aspectos que determinan completamente o réxime das herdanzas.  Boushey descobre con sorpresa este déficit para interpretar o contexto na obra de Piketty cando precisamente é o autor o que incorpora datos directamente collidos de fontes literarias que falan precisamente da importancia das estratexias matrimoniaies e do papel da muller en relación coa economía no século XIX. 
Boushey pregúntase polas estratexias actuais no ámbito da mobilidade social e do matrimonio como dinámicas que non veñen reflectidas nas estatísticas pero que se manteñen como unha vía para reducir a desigualdade. Fálanos doutros datos, doutras medidas e constrúe hipóteses que deixan espazo para interpretacións abertas, interesantes e complexas, que, dende logo, ofrecen unha lectura moito menos ríxida en que todos e todas podemos implicarnos e tirar as nosas propias conclusións. Non hai sentenzas nin fórmulas que pechen previsións de futuro, e, neste sentido, a economista norteamericana apunta a que a situación da muller é un dilema que pode resolverse en direccións moi variadas. Pode ser que o crecemento económico empurre a unha necesaria igualdade, digamos que por imperativo de eficiencia do sistema, pero tamén podemos crer que as elites, aínda maioritariamente masculinas, empreguen o seu poder para intervir no proceso de transmisión de herdanzas distópico que conduza irremesiblemente a un retorno ao patriarcado decimonónico. Estas mesmas cuestións son as que formulan hoxe investigadoras como Mercedes d´Alessandro. Dende logo, incorporar a perspectiva de xénero é abrir unha porta á interacción con outros aspectos que hai que ter en conta na análise do sistema económico capitalista en que vivimos.


Deseño:Soulbande/MVG
Instalación: AAFR
Organización: Biblioteca de Torrecedeira.


No hay comentarios:

Publicar un comentario