miércoles, 6 de febrero de 2019

reseñas.4. En defensa de la conversación:el poder de la conversación en la era digital. Sherry Turkle


                                                        Sherry Turkle. Nova York. 1948.

                                          “En defensa de la conversación: 
                    El  poder de la conversación en la era digital." 
          
                                         Ático dos libros. 2017. Penguin Press,2015. 


                                                    XANEIRO DE DOUS MIL DEZANOVE



Biografía.
Doutorouse en Socioloxía e Psicoloxía da personalidade pola Universidade de Harvard; é profesora no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), onde fundou a  " Iniciativa sobre a Tecnoloxía e o Eu". Escribiu varios libros centrados na interacción do ser humano coa tecnoloxía; destacan O segundo eu: computadoras e o espírito humano (1984); A vida na pantalla: identidade na era de internet (1997), Simulación e os seus descontentos (2009) e Alone Together: por que esperamos máis da tecnoloxía e menos o un do outro (2011). Tamén é comentarista destacada  en The New York Times, Scientífic Amercian ,Wired Magazine, e forma parte da Academia Estadounidense das Artes e as Ciencias.



               
                                 Por Aser Ángel Fernández Rey.


Emocionalmente comprometida, coñecedora da evolución do comportamento tecnolóxico e humano da sociedade estadounidense, a “ciberdiva” que encandeou o mundo dixital falando marabillas das relacións entre seres humanos e computadores, pídenos agora que desconectemos e cambiemos o rumbo. Faino simbolicamente desde as propias conferencias TED ante un auditorio repleto dos pesos pesados de Silicon Valley: “Apaguen os seus teléfonos e empecen a vivir ”.

Non vos asustedes ante as súas 495 páxinas. É certo que podería ser máis denso e  menos voluminoso pero estou case convencido de que a sinxeleza e a insistencia da autora en conversar co seu público deste xeito é premeditada. Fala de actitudes e hábitos, de medos e carencias, de comodidade e  permisividade na vida pública e privada. A verdadeira razón pola que Turkle solicita a nosa atención, a nosa confianza, algo de tempo e moita reflexión é que estamos a esquecer como falar entre nós.

A tecnoloxía móbil - teléfono móbil, tableta, ordenador portátil ou outro obxecto intelixente- veu para quedar con todas as marabillas que comporta pero teremos que valorar ata que punto permitimos as súas interferencias nas nosas vidas. A pretensión de Turkle non é que a abandonemos drasticamente senón que tomemos consciencia da necesidade de saber para que serve e como utilizala.

Estamos ante unha alegación a favor da conversa apoiado nun amplo mostrario de entrevistas que lles dan voz a varias xeracións que ven proxectadas sobre as súas vidas a  realidade globalizada e envolvente que coñecemos. Afeitas a un fluxo constante de conexión, información e entretemento, permanentemente noutra parte e incapaces de manter o contacto visual con outra persoa, apenas podemos recoñecernos. Corren malos tempos para a empatía, considerada como unha emoción branda e antifuncional nestes que vivimos de novo cuño  e que algúns chaman  “ Ningufoneo ”. 

A conversa cara a cara é o acto máis humano e humanizador que podemos realizar. Na súa  espontaneidade é onde xogamos coas ideas, estamos totalmente presentes e á vez vulnerables e establecemos asociacións e vínculos de confianza; onde a acción social gaña forza, impúlsase a colaboración creativa, a escoita atenta e o entendemento; onde se escudriñan as pausas, os titubeos e  os silencios, ten lugar o intercambio e hai algo que gañar. Pero estas conversas requiren tempo e espazo e seica preferimos fuxir de ambos. Coñecer os nosos sentimentos e os dos demais, motivarnos, comprometernos, manexar adecuadamente estas relacións en harmonía parece algo tan sinxelo e ao tempo tan difícil que adoitamos darnos conta da súa importancia momentos despois de tomar conciencia das oportunidades perdidas na vida  ou da súa mesma calidade finita. 

Daniel Goleman sinala como a combinación adecuada de coñecementos, coeficiente intelectual, actitudes para a mellora, aprendizaxe, adaptación, autocoñecemento, autocontrol, e autoconfianza evitarían o analfabetismo emocional das persoas solitarias, agresivas, insolidarias, impulsivas, inadaptadas e incapaces de recibir críticas en que nos estamos convertendo. Segundo o seu criterio, a maior parte da notoriedade persoal, social e laboral pódese explicar polas competencias emocionais as cales marcan a diferenza. Todos posuímos formas diferentes de ser intelixentes, unha potencialidade que debemos coñecer e desenvolver. Temos intelixencia emocional pero para percibir as emocións fai falta atención, tranquilidade, introspección e tempo.

Antonio Damasio  mantén que somos criaturas afectivas pero que a pesar de poder ser a cerna da propia cultura humana, non lles damos valor suficiente aos sentimentos e dirixímonos deste xeito cara a unha humanidade cada vez máis algorítmica e marcada polas premisas de Silicon Valley. 

Partindo da frase de H.D. Thoreau “ Na miña casa teño tres cadeiras: unha para a soidade, outra para a amizade e unha terceira para a sociedade ” , Sherry Turkle trata a importancia do círculo virtuoso ideal que une a conversa coa capacidade da empatía e da introspección. Consciente de que cada vez máis xente se cuestiona a conexión e a dispoñibilidade de 24 horas ao día, expón a necesidade de pórlle límites e reabrir espazos libres en favor da soidade e da creatividade. Cre que as mellores mentes da súa xeración pasan o 90% do seu tempo de traballo pendentes da tecnoloxía, no canto de aproveitar o seu potencial intelectual.                                                                                                           

Aquel soño seminal de construír máquinas capaces de facer o traballo rápido e rutineiro para que as persoas puidesen dedicarse ao traballo lento e creativo, non só non chegou, senón que, ironicamente, enganchados ao teléfono e desconcentrados, confundimos o tempo que pasamos enredados na  tecnoloxía dixital coa soidade. A conversa dunha cadeira sería a da soidade entendida como estado de retirada consciente.

Sentímonos sós, pero asústannos a intimidade e a soidade. Entendemos o silencio como un problema, como un baleiro cuxa cura buscamos na tecnoloxía; por iso, cando se  produce un silencio, sempre temos un teléfono co que facer cousas ou simular facelas. O certo é que nos custa prestar atención e a soidade converteuse nunha das grandes epidemias do noso tempo. Esa mesma soidade que resulta imprescindible para reflexionar, concentrarse, reter coñecementos, reforzar a seguridade da nosa conciencia do eu e potenciar nosa capacidade de empatía. 

Se o silencio é a base para pór orde no caos dun mundo de ruídos acústicos, visuais e mentais, dunha cidadanía hiperconectada inmersa nunha treboada de información, o teléfono móbil é o gran símbolo, a ficción da conexión total. 

Enfrontarse ao silencio non é fácil. Atopalo no reino da cacofonía tampouco, pero temos que ser quen de reaprender o valor da soidade ou acabaremos levando vidas aínda máis solitarias se seguimos permitindo, cando non fomentando, que a nosa descendencia sexa cada vez menos empática. Contamos cunha  enorme capacidade humana de resiliencia e de recuperación da empatía, pero debemos aumentar a nosa disposición para avaliar criticamente os nosos pensamentos e usar os dispositivos metacognitivos cos que evitar os sentimentos de depresión e a ansiedade social. Alentamos os trazos de personalidade egoista suprimindo calquera indicio de frustración, parapetándonos baixo unha mala ou carente educación emocional cuxo resultado non é outro ca un tsunami narcisista global que arrastra os valores do individualismo, da competitividade, da imaxe, o triunfo e o ego inflado que nos venderon como  necesarios para progresar na vida.

Xente cos seus auriculares enormes pola rúa ou en cabinas dentro das oficinas, abocada a non interactuar, a non asociarse, buscando a eficiencia nun silencio que non rompa. A simple presenza do teléfono móbil apagado modifica a nosa conduta e desconéctanos, fainos sentir inseguros e evitar calquera momento aburrido sen decatarnos de que podemos estar a actuar directamente sobre a capacidade de creatividade e innovación. Cando alguén che quere explicar algo saca o seu teléfono e directamente le das súas pantallas sen utilizar as súas propias palabras nin recorrer ás súas experiencias ou ideas.

David Le Breton sostén a idea de que moita desa xente experimenta unha “ necesidade de ausencia ” oposta ao estilo de vida occidental; un mundo marcado polas obrigas, a aparencia, a tensión, o control e  a procura frenética de sensacións. É aí onde aparece o desexo de desconectar, de facerse invisible, onde xorde o seu concepto de “ brancura ” entendido como o desexo de desaparecer  cando se chega á saturación, cando a dificultade de ser un mesmo nun mundo controlado tórnase angustiosa. A tecnoloxía sedúcenos, fai que esquezamos o que sabemos que é a vida, inúndanos de información e tentamos, en balde, manternos ao día e aboiar. A pesar das evidencias, seguimos imaxinándonos máis eficientes ao estar hiperconectados e “ multitarefados ” malia os seus perigos de perda de coeficiente intelectual, redución da atención ou do propio rendemento. 

As conversas de dúas cadeiras estableceríanse con amizades, parellas ou familia. A Turkle preocúpanlle as conversas que deixan de producirse, o distanciamento e a perda de espazos para a intimidade, a posibilidade de perder a capacidade de usar plenamente as potencialidades do noso cerebro, de escoitar o outro ou ler o que di o seu corpo, a súa voz, o seu ton ou os seus silencios. Cre que inmersos nun período de crise educativa, onde a nostalxia non é un motor de comportamento fiable, comezamos a inquietarnos pola tecnoloxía xusto cando os nosos vínculos coa comunidade se volveron máis débiles.

Expresións de outrora como “ mírame cando che falo ”, “ non te levantes da mesa ata que acabes ” ou “ senta que imos falar ” tiñan por obxectivo a comunicación directa e procuraban ignorar as interrupcións e as intrusións do teléfono ou da televisión. Cando nas década dos oitenta e noventa apareceron os computadores, tratábase de máquinas ás que “ ías “ xogar ou realizar tarefas e non tardaron en dar paso á omnipresente telefonía móbil intelixente, redes sociais e asistentes dixitais. Persoas adultas hiperenredadas e mocidade emocionalmente inmatura, dificultan unha comunicación directa. A tecnoloxía dixital fainos sentir que dominamos mellor o noso tempo e permítenos a conexión coas demais persoas en pequenas doses, permítenos retocarnos e presentarnos baixo o eu que queremos ser; pero as relacións humanas son outra cousa, son diversas, caóticas, esixentes, ocorren en tempo real e non as podes controlar: non somos emoticonas !. 

Constrinxidos por “ tecnoloxías da amizade ”que permiten a aparencia de estar menos sós compartimos unha amizade imbuída dun medo de estar a se perder algo (FOMO: Fear of Missing Out). Unha ansiedade xeral e xeneralizada que provoca a sensación de que esteas onde esteas, fagas o que fagas, a decisión que tomes nunca pareza a correcta. Buscamos as interrupcións e cando non as atopamos, creámolas; adestramos os nosos cerebros para desexalas e poder evitar sentimentos difíciles e momentos incómodos, pero non somos adictos ao teléfono porque teñamos unha debilidade persoal senón que exhibimos unha resposta previsible a un deseño perfectamente executado. 

O psicólogo Adam Alter defende que se poñan normas no deseño das  aplicacións algorítmicas pero sinala que é o consumidor ou consumidora quen debe aprender a xestionar o seu tempo e a súa vida. Demasiado tempo dentro dunha caixa de resonancia -unha media de máis de catro horas - que nos transforma rapidamente en seres máis intransixentes e dogmáticos ao comprometer as nosas relacións sociais, financeiras, físicas ou psicolóxicas. Rodeados de tecnoloxías deseñadas para aproveitar a nosa extrema vulnerabilidade, concedémoslles aos algoritmos o status e a condición de amigo: un novo tipo de amigo. Sempre esperamos que as demais persoas leven a tecnoloxía enriba no que consideramos parte das obrigas dunha amizade que significa dispoñibilidade total. Dicía Marshall MacLuhan que “ a postura segundo a cal a tecnoloxía é neutra é a do adormentado idiota tecnolóxico ”. A dopamina descargada pola tecnoloxía nos nosos cerebros, non é neutra polo que resulta imprescindible coñecer os deseños que se atopan detrás desa tecnoloxía que nunha mente non preparada para usala, dificilmente será neutra.

Sós ante o perigo pensamos xa en deixar as pistolas fóra do salón, en deixar os dispositivos intelixentes nun cesto xunto á porta da sala antes de empezar calquera actividade. A nova habilidade social chamada ” regra de tres ” - comprobar que polo menos tres persoas non estean mirando o seu teléfono antes de darche a ti mesmo permiso para mirar o teu - xa non abonda. Nunca estamos relaxados por completo, comprobamos o teléfono periodicamente en toda situación por se detectamos unha “emerxencia” pero puxemos o limiar demasiado baixo polo que vivimos en completo sobresalto dentro dun gran paradoxo no que cando estamos separados caemos na hipervixilancia e cando estamos xuntos permitimos a falta de atención. Temos a impresión de vivir nunha cultura da catástrofe, da resposta inmediata e urxente, unha vida xeradora de personalidades medorentas necesitadas de atención. Compartimos as conversas que tradicionalmente consideramos privadas coas grandes empresas que conseguiron que vexamos o desexo de privacidade como algo sospeitoso e eludible. Conceptos como intimidade,  liberdade de pensamento ou democracia poden estar en dúbida cando estamos dispostos a que Google Glass sexa o notario das nosas vidas e nosa memoria amnésica anterógrada. 

A vida que levamos supón un tránsito mecánico da empatía á sensación de empatía e da amizade á sensación de amizade.  A desinhibición propiciada pola presenza dun rostro ou dunha voz na pantalla fomenta as interpretacións malas, malos hábitos, acoso, malos tratos, os abusos e a crueldade gratuíta. Como en Cyrano de Bergerac todos e todas queremos dar a nosa mellor cara parapetados e agardando ao amparo da escuridade sen mostrar os nosos medos nin a nosa vulnerabilidade. O temor é que os nenos e nenas se estean tratando os uns aos outros como “ aplicacións ”, por iso cando feren os sentimentos doutra persoa, non se dan conta nin manifestan remorso. As outras persoas convertéronse en simples obxectos sen sentimentos co que apareceu unha suposta nova crueldade que non conta, afastada e indolora.

Resulta alentador saber que dentro das novas xeracións, algunhas persoas están volvendo aos móbiles “ retro ” sen aplicacións, para sentirse máis “ lixeiras ” ou que unha porcentaxe de xente nova, descontenta ou decepcionada, afirma que lles molesta que as suas persoas maiores estean sempre pendentes do teléfono. Teñen claro que eles e elas non educarían así os seus fillos ou fillas, e están a pensar na necesidade de pór certos límites, de comprender  as causas e actuar, sacudir os medos e saír do estado de choque para volver reencontrarse e conversar.  

Existe unha analoxía entre a relación dos nenos e nenas coa conversa e coa lectura. As persoas adultas que creceron lendo literatura de calidade teñen capacidade de forzar a súa concentración cando len textos longos e son capaces de reactivar os circuítos neuronais que permiten a lectura profunda. Pero os nenos e nenas primeiro necesitan desenvolver eses circuítos.  Tras chegar a este punto, hoxe hai xente que, como a neurocientífica Maryanne Wolf, suxiren que alguén volva ler; é o primeiro paso crucial polo que hai que volver lerlles a eles e con eles. Do mesmo xeito, para que volvan conversar  será preciso falarlles a eles e con eles.

As conversas a tres cadeiras de Thoreau eran as conversas no mundo social e do mundo laboral. Perdemos a capacidade de atención e de concentración para observar e organizar as nosas ideas, experiencias e emocións. Non podemos permitirnos caer na desorde de atención  nin dedicarnos a varias cousas ao mesmo tempo, pois o subidón neuroquímico que nos produce convéncenos da bondade do mito estendido da multitarefa polo que supostamente traballamos cada vez máis e mellor. Se queremos reverter a situación e abrazar a cultura da hiperatención temos que optar por ensinar de maneira distinta, a explorar  a imaxinación, para pensar de forma nova e diferente, de adestrar o cerebro en elaborar discursos propios e atopar puntos de vista diferentes, de permanecer tranquilos e escoitar, sen entrar en estado de ansiedade, a potenciar a autoconfianza e a introspección, a distraerse pensando.

Turkle descobre paralelismos sorprendentes entre os mundos da educación e os negocios onde a conversa pode ser tanto o centro da cultura da aprendizaxe como o vértice do aumento da cifra de resultados. A queixa xeral é que se se dedica o tempo a incorporar datos de xestión electrónica non se utiliza para manter contacto visual cos usuarios e usuarias, pacientes, etc. O traballador ou traballadora perde a noción do valor do traballo, do que fai e para que o fai, perde motivación e confianza en si mesmo en favor, supostamente, dos estándares de calidade. Nalgunhas grandes compañías hai agora regras para usar  un espazo de “ aparcadoiro ” onde se deixan os móbiles antes de entrar nas reunións ou se teñen en conta medidas como un descanso de dez minutos para uso dos dispositivos por cada hora de reunión. As empresas deseñan estratexias para crear equipos de traballo nas súas oficinas a partir de reunións cara a cara, comezan a xornada en “ reunións de pé ” nas que non se permite o uso de dispositivos electrónicos ou crean novos programas de autoaxuda emocional para a era da desconexión. Moitas daquelas  que animaban aos seus traballadores e traballadoras a facelo desde a casa, estanos chamando de volta á oficina. 

Resulta curioso que en Google os empregados e empregadas se xunten para traballar con materiais concretos en “garaxes”  especiais co espazo e os materiais adecuados para promover o pensamento, a conversa e as novas ideas.  A moitas  persoas sorprendeulles saber que Steve Jobs – e outras moitas nais e pais de Silicon Valley- non animaban os seus fillos e fillas a utilizar iPads ou iPhones ou como dentro da súa familia puña énfase na conversa. Eles si son conscientes de que os vínculos fortes son os que conformas coa xente a quen coñeces e na que confías; son conscientes de que as conexións de Facebook ou de internet baséanse en vínculos débiles, por iso non dubidan en restrinxirlles o uso dos medios tecnolóxicos e optan por levalos a escolas libres de tecnoloxía coa esperanza de que así desenvolvan unha maior capacidade emocional e intelectual. 

Nos Estados Unidos, a primeira xeración que creceu con teléfonos móbiles intelixentes está a piques de gradurase, acaba de facelo na universidade ou son xa profesores ou profesoras, empresarios ou empresarias, doutores ou doutoras, e nais ou pais. A gran maioría confesa que, cada vez máis, a conversa lles parece “ moito traballo ” e lle xera certas  responsabilidades que non quere asumir.  Acaban de comezar a súa carreira profesional e, con todo, chegan ao traballo con fobias e ansiedades inesperadas, son incapaces de empezar ou terminar unha conversa e cústalles moito mirar aos ollos. Moita xente medrou xa sen experimentar ningunha conversa sen interrupcións. 

Na rede o obxectivo parece ser que ninguén sexa consciente da vixilancia e todos compartamos a sensación de liberdade. O modelo de panóptico de vixilancia do pai da filosofía utilitarista Jeremy Bentham do século XVIII e de Foucault no século XX semella rexurdir con máis forza no século XXI como un auténtico perigo na idea do cidadán ou cidadá moderno vixiándose a si mesmo. Debemos cuestionarnos se se pode ter intimidade sen privacidade ou democracia sen privacidade. Temos que coidar a educación do futuro.

Non é sorprendente que, cando chegou a educación en liña - os MOOC -, estiveramos tan dispostos a imaxinar unha nova revolución en que habería a posibilidade de acceder a grandes colectivos desfavorecidos, pero estamos a ver o perigo de converternos en simples “ dióxenes dixitais ”. O problema non é a navegación por internet, senón decatarse de que a información instantánea non equivale nin á formación nin ao coñecemento. Quizais esteamos a construír aulas tecnolóxicas que distraen e impiden concentrarse no que importa: a interacción e o diálogo entre profesorado e alumnado. A universidade debería ser o momento de investir en ensinarlle a o estudantado o valor a longo prazo dunha conversa aberta e sen límites. O propio alumnado semella non estar disposto a cambiar as aulas presenciais polas virtuais. Significa isto unha posible volta á cultura cara a cara ?.

Turkle expón unha cuarta cadeira que equivalería aos paseos dos hóspedes de Thoreau pola natureza. Como substitutivo daquela natureza, agora tan afastada, o ser humano séntese tentado non só a falar a través de máquinas, senón de falar con elas. Estamos a falar da diferenza entre simulación e realidade, da grande ironía que supón tratar as máquinas como xente e a xente  como máquinas.  Os robots domóticos, “ máquinas íntimas ”, “ coidadores ” para nenos ou nenas e ancián sou anciás, mascotas robóticas programadas para actuar “ coma se pero sen selo  ”. 

O filósofo Emmanuel Lévinas afirma que a presenza dun rostro inicia un acordo ético humano e esta é una das razóns polas que as últimas xeracións de robots analizan as expresións faciais e vocalizan coas cadencias da fala humana para que “ sintamos ” que nos entenden. A primeira xeración de xoguetes e de xogos electrónicos da década dos setenta eran intelixentes a ollos dos nenos e nenas pero non tiñan sentimentos. Foi a finais dos anos noventa cando comezaron a amosar tamén sentimentos - tamagotchis ou furbis eran xa compañeiros de xogos que pedían coidados- e dar un salto substancial cara á amizade artificial: a disposición de aceptar a representación da amizade como amizade. Queren convencernos tanto de que  teñen sentimentos coma de que unha vida emocional xa non é algo especial e único das persoas. 

Quizais esteamos esquecendo que a tarefa máis importante da nenez e da adolescencia é aprender a relacionarse e a confiar nas demais persoas, que o que precisa en realidade a mocidade son persoas adultas dispoñibles para eles de forma constante que lles dean atención, presenza e conversa. Cando a xente nos ofrece cada vez menos, falar con máquinas non semella unha rebaixa tan grave. Ímonos acantoando a nós mesmos ao  estar dispostos a considerar converternos nos " seus " compañeiros ou compañeiras. Palabras como "intelixencia, afecto, coidado, amizade, compañía ou conversación  "mudaron de significado para incluír o que as máquinas fan. 

Demasiados anciáns en anciás e poucas persoas adultas ou xuventude disposta a coidar deles  e dalas permiten a falacia da  necesidade de crear “ máquinas coidadoras/caritativas ”. A premisa de que pór a un robot a facer un traballo é sempre mellor ca nada, non só é errónea, senón tamén degradante. Non hai nada malo no robot, pero é evidente que algo falla en nós. Todos somos quen de axudar pero semella que preferimos afastarnos, ser público espectador.

Non é o momento de rexeitar a tecnoloxía senón de recuperar a nosa atención, de atoparnos a nós mesmos, de recoñecer as consecuencias non desexadas das tecnoloxías ás que somos vulnerables e confiar na resiliencia que nos caracteriza  como seres humanos. Temos tempo para facer as correccións necesarias: debemos recuperar a conversación. 

Deseño/ soulbandemail.com
Instalación/ Aser  Ángel Fernández Rey.
Organización/ Biblioteca de Torrecedeira.

1 comentario:

  1. Conmovida, e tan de acordo co que dis! Sinto ano a ano esa tendencia arrasadora, co meu alumnado máis novo sobre todo... Lerei esta muller, sherry turkle. E a Maeterlink! Tedes un blog boisimo no que teño que colaborar, se me queda tempo logo de ler todo o que reseñades :)!!

    ResponderEliminar