|
David Attenborough (1926 - ) |
Biografía.
David F. Attemborough (Isleworth, 1926) é un home doutra época. Nado no Holoceno, foi testemuña do comezo do Antropoceno, nome proposto para a Era do Home por algúns xeólogos, aínda que a partires das rutinas científicas dese campo de coñecemento non está de todo claro que finalmente vaia ser unha categoría axeitada (Soriano, 2020). En todo caso, o nome vai a quedar entre nós como unha expresión vivida do alarmante proceso de cambio o que nos enfrontamos na actualidade, e que ten sido desencadeado pola actividade humana. De feito, se nalgún momento se aceptase como tal, o período xeolóxico do Antropoceno remataría coa extinción irreversible da civilización humana... e podería ser o período mais breve de toda a escala xeolóxica. Polo camiño actual seremos nos os que decidamos como será o Antropoceno; e xa que non se trata de salvar o planeta, senón de salvarnos a nos mesmos, a toma de decisións non debería de ser moi complexa.
David Attemborough interesouse dende neno pola historia natural, e ten traballado no audiovisual científico durante case sete décadas, xa sexa coma escritor, presentador ou narrador. Estudou xeoloxía e zooloxía no Clare College de Cambridge, onde se graduou en Ciencias Naturais en 1947. Tras dous anos de servizo na Royal Navy, en 1952 fixo prácticas de produción na BBC, comezou a traballar no programa Zoo Quest (1954-1964) e fixo as súas primeiras expedicións a zonas remotas, tentando capturar imaxes da natureza e da vida salvaxe. Pronto pasou a ser responsable de labores directivas: dende 1965 a 1968 foi o primeiro director do novo canal BBC2, pioneiro na emisión da televisión en color, e mais tarde (1969-1972) director de programación da BBC. Pero, ao ano seguinte decidiu abandonar as labores administrativas para centrarse na realización de documentais. Así converteuse no meirande creador de programas focalizados na historia natural, incluíndo xoias da televisión e da produción audiovisual coma Live on Earth (1979), Living Planet (1984), The Trials of Life (1990), The Private Life of Plants (1995), Bird’s Life (1998), Blue Planet (2001), Mamifer’s Life (2002), Earth Planet (2006) ou Cold Blood’s Life (2008).
A súa presenza afable, sempre nunha marxe da acción principal e como apoio ao espectador, converteuno nunha referencia do audiovisual e nunha das maiores iconas culturais británicas, aínda que o seu éxito é universal. Posúe numerosas mencións e recoñecementos, entre eles a presidencia da Royal Society for Nature Conservation (1991-1996), Cabaleiro do Imperio Británico (1983), a Orde do Mérito (2005) e o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais (2009). Ademais, mais de 20 novas especies e xéneros teñen sido nomeados na súa honra.
Nun mundo contemporáneo no que se confunde a calidade co éxito medido en descargas e likes, onde lexións de comunicadores irrelevantes presumen case a diario de estar facendo historia viva do audiovisual, o exemplo de David Attenborough recordaranos sempre que se a mensaxe merece a pena o mais importante é o divulgado, non o divulgador. Seguramente por iso non fixo unha autobiografía..., senón algo moito mais conmovedor.
Castor Muñoz Sobrino.
Por Castor Muñoz Sobrino.
Profesor da Universidade de Vigo. Área de Botánica. Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo.
Moitas persoas
aseguran que a de Chernóbil foi a maior catástrofe medioambiental da historia.
Pero non é verdade. David Attenborough, ao longo dos seus mais de 90 anos de
vida, foi testemuña de como o mundo natural se foi diluíndo na Grande Aceleración do noso sistema
produtivo. E neste libro, escrito xa con 94 anos, fai un derradeiro esforzo por
axudar a evitar a destrución da nosa civilización. Parte da premisa de que
canto maior sexa a biodiversidade, tanto mais seguro estará o conxunto da vida
no noso planeta, incluída a da nosa especie. A súa testemuña é un relato dos
grandes fracasos colectivos que nos teñen levado ata a situación actual, sendo o
noso maior erro a eliminación da vida salvaxe. Pero lonxe de ser un texto apocalíptico
ao estilo doutros éxitos literarios recentes (ex. Wallace-Wells, 2019), o ensaio
de Attenborough remata cunha visión optimista dun futuro posible, onde enumera
revisa e xustifica unha serie de alternativas viables a unha economía meramente
baseada no crecemento que, sempre que se adopten coa rapidez necesaria,
poderían contribuír a endereitar o noso rumbo.
A primeira parte, A miña testemuña, e un relato abraiante dos
cambios persoais, sociais e medioambientais que ten vivido dende a segunda metade
do século vinte. O fío do relato e unha vida dedicada a explorar e filmar os
espazos abertos mais salvaxes do planeta e as criaturas que o habitan, e que
divide nunha serie de capítulos referidos a anos concretos na súa vida. Cada un
deles aparece encabezado por tres datos numéricos que amosan unha sucesión preocupante:
a poboación mundial (crecente); as partes por millón de carbono na atmosfera
(crecentes); e a proporción de terras aínda salvaxes (minguantes) en cada data.
|
Aventuras dun mozo naturalista |
En 1937, en plena infancia, David non acababa de compartir as
inquietudes artísticas do seu irmán Richard, que logo se convertería nun prestixioso
actor (The Great Scape, 1963; Jurassic Park, 1992), director (A Bridge Too Far, 1977; Gandhi, 1982) e produtor (Cry Freedom, 1987; Grey Owl, 1999); e prefería as excursións naturalistas ás canteiras
calcarias preto de Leicester, onde abundan os fósiles mariños. En 1954, tras estudar ciencias naturais,
servir na Royal Navy, casar, editar
libros de ciencias para nenos e ser rexeitado pola radio da BBC, David comezou
a traballar no recén creado departamento televisivo da propia BBC.
Tras coñecer a Jack
Lester, coidador de réptiles do zoo de Londres, xuntos fixeron unha primeira
viaxe a Serra Leona e crearon o formato televisivo Zoo Quest. Pero, tralo primeiro programa Jack Lester enfermou e
morreu, o que propiciou o debut inesperado de Attenborough ante as cámaras, xa que
ata ese momento permanecera refuxiado na sala de control da BBC. En 1960 os estudos de Bernhard Grzimek
(director do zoolóxico de Frankfurt) desvelaron a complexa ecoloxía das
pradarías do Serengueti e foron plasmados en filmes pioneiros, que inspiraron a
David no convencemento de que a natureza distaba moito de ser ilimitada, e de que
o mundo salvaxe tamén precisaba de protección.
|
Clare College. Cambridge |
Ao ir pasando tempo
durante as súas viaxes con xentes das partes mais remotas do mundo, David tamén
comezou a interesarse polas súas moi diferentes formas de ver a existencia. Por
iso, comezou cos estudos de antropoloxía na Escola de Economía de Londres, que
abandonou en 1965, cando pasou a traballar a tempo completo na posta en marcha
dunha nova canle pioneira na emisión en cor, a BBC2.
En 1968, as primeiras imaxes da Terra
obtidas polo Apolo 8 deixaron claro a
centos de millóns de espectadores que o planeta era finito e que a súa
existencia tiña un límite. Attenborough acadou algunhas dispensas periódicas
para deixar o seu despacho e continuar coas súas viaxes a zonas remotas. Laurie
Braggie, un funcionario australiano en Nova Guinea, permitiulle acompañalo cun
equipo da BBC ata as zoas mais inaccesibles da illa, onde atopou pequenos
grupos humanos vivindo unha existencia sostible, en equilibrio coa contorna, na
que os recursos dos que dependían renovábanse sós e apenas se xeraban refugallos.
En 1978 a BBC2 foi a primeira canle de
televisión que apostou por un formato documental pioneiro, inaugurado cunha
serie sobre a historia da arte creada por Sir Kenneth Clark. Desexando poder
replicar o mesmo concepto para narrar a historia da vida, David abandonou a BBC
para producir a serie Life on Earth,
convencido de que a televisión era un medio acaído para concienciar a poboación
sobre a necesidade de coidar o mundo natural, xa que de seguir a explotación de
recursos do mesmo xeito non tardarían en desaparecer hábitats enteiros. En 1989 viaxou a Malaisia para rodar The Trials of Life e percibiu, de
primeira man, as primeiras sinais dos perigos asociados a deforestación do
bosque tropical para substituílo por monocultivos de palma aceiteira.
O certo e que o
mundo conta hoxe en día con tres billóns menos de árbores que ao inicio da
civilización humana, aínda que algúns autores tamén sospeitan que ao final da
última glaciación as culturas paleolíticas contribuíron á extinción dos grandes
herbívoros, e que a súa desaparición tamén favoreceu que boa parte das antigas
praderías do Hemisferio Norte rematasen convertidas en bosques pechados (Flannery,
2021). Pero o que ten ocorrido na nosa era é só o último capítulo dun proceso
que leva miles de anos perpetrándose.
|
BBC. Blue Planet II. |
O paso o das
culturas cazadoras-recolectoras ás agrícolas no Neolítico propiciou o comezo
dun intenso proceso de deforestación. Durante a segunda metade do século vinte
teñen desaparecido o 50% das selvas húmidas do planeta. E non hai un só
hábitat, por grande que sexa, que se encontre a salvo (Crowther et al., 2015). En
1997 a BBC produciu unha serie sobre
os océanos, Blue Planet, que veñen
sendo o meirande dos ecosistemas da Terra. En realidade debémolo todo ao mar,
xa que todos descendemos dun feixe de criaturas mariñas. Pero se repasamos os
datos numéricos relativos as capturas logradas ao longo do tempo, e fácil
constatar que os caladoiros oceánicos teñen sido arrasados, un tras doutro. Ademais,
se a temperatura do aire aínda non tiña cambiado na década dos 90 era só polo
efecto amortecedor do mar. Con todo, o branqueamento dos corais foi o primeiro
indicador de que o equilibrio global da Terra estaba a cambiar.
En 2011 emitiuse a súa seguinte gran serie
televisiva Frozen Planet, unha evidencia
gráfica alarmante de que a extensión do xeo nos casquetes polares encollera un
30% nos últimos 30 anos. No ano 2020,
no momento da publicación inglesa do seu libro, o conxunto de mamíferos
salvaxes xa apenas representaba o 4% da masa de mamíferos da Terra. A masa
humana xa constituía a terceira parte do total, e os mamíferos domésticos o
outro 60% restante. A conclusión desta primeira parte do libro de Attenborough
e tan simple como inquietante: temos substituído ao salvaxe polo domesticado.
A segunda parte: O que nos reserva o porvir, é unha
explicación pormenorizada das repercusións que poden ter nas xeracións
vindeiras o acontecido ao longo da vida de D. Attenborough. A partires dos anos
50 a nosa especie entrou nunha Grande Aceleración
que pode cuantificarse en termos de concentracións de dióxido de carbono, óxido
nitroso e metano, cambios na temperatura da Terra, acidificación dos océanos,
perdidas nas poboacións de peixes, desaparición de bosques tropicais, etc.
Todas estas evidencias poderían representarse nunha serie de gráficas cunha forma
similar, o famoso pao de hokey.
Incuestionablemente,
a Grande Aceleración tamén é un
retrato do progreso en termos de esperanza de vida, xustiza social, dereitos
humanos, avances en transportes e comunicacións... Pero, é evidente que non
podemos continuar así, gabeando por riba dos nove límites planetarios que se teñen descrito en termos de
polución atmosférica, destrución da capa de ozono, cambio climático, acidificación
dos océanos, polución química, uso de fertilizantes, explotación de acuíferos,
transformación dos solos e perda de biodiversidade (Rockström & Klum, 2015).
Xa temos comezado a vivir lonxe das marxes de seguridade operativa do planeta,
o que dende o punto de vista de Attenborough nos conduce cara a un Grande Declive do que adianta unha cronoloxía
bastante precisa.
|
O cráter de Batagaika no leste de Siberia. alberga restos orgánicos de follas,herba e animais que faleceron fai miles de anos. Do artigo de agosto de 2019da revista National Geographic "Arctic permafrost is thawing fast. That affects us all". |
Na década 2030
podería chegar a extinción forestal
paulatina e a perda de servizos ambientais asociados, con veráns
completamente libres de xeo no Ártico e menor cantidade de radiación solar
reflectida. Nesta configuración o Ártico podería perder a súa capacidade chave
de arrefriar o planeta. Na seguinte década, 2040, comezará a derreterse o permafrost das zoas boreais, que se estima
que contén catro veces mais carbono do que ten emitido a humanidade nos últimos
douscentos anos. Na década de 2050 o exceso de carbono será incorporado ás
augas oceánicas, de modo que o dióxido vaise a transformar en ácido carbónico:
primeiro nas augas superficiais, logo nas profundas e finalmente en toda a
columna de auga. Isto terá consecuencias calamitosas nos corais, nos bivalvos e
noutros organismos con esqueletos ou cunchas de carbonato cálcico, incluídos moitos
compoñentes do fitoplancto que son a base da cadea trófica.
Una xeración mais
tarde, na década de 2080, podería desencadearse unha crise da produción de
alimentos en terra firme por teren sido sobreexplotados os solos, que quedarían
agostados e ermos; e as perdas de colleitas en zonas chave, impulsadas polo
cambio climático, e os fenómenos climáticos extremos tamén aumentarán as perdas
de solo. Ademais, o uso indiscriminado de pesticidas terá afectado de forma
definitiva aos polinizadores.
A fragmentación dos
hábitats oculta outro problema letal: estímase que 1,7 millóns de virus
potencialmente perigosos para especie humana son hóspedes de mamíferos e aves
salvaxes, de modo que hai altas probabilidades de que estalen outras pandemias.
A crise humanitaria podería ter un alcance global na década de 2100, cun aumento
de 0,9 m do nivel global do mar e de mais de 4° C da temperatura media do planeta. En moitas rexións estes cambios desencadearán
crises migratorias e xeopolíticas. Dado que a estabilidade da Terra está
intimamente ligada á biodiversidade, que é a que garante a súa capacidade de
revitalizar e renovar o subministro de alimentos, absorber e reutilizar os
refugallos, reducir danos e proporcionar equilibrio, a receita de Atterborough é
devolver ao mundo á súa condición salvaxe.
Na terceira parte
do libro: Unha visión para o futuro: como
recuperar a vida salvaxe do planeta, Attenborough admite que a domesticación
da natureza tennos dado vantaxes, pero tamén recoñece que a Grande Aceleración está a facernos perder
o equilibrio; polo que temos que tentar volver a ser outra parte máis da
natureza, cunha existencia sostible, aínda que necesariamente diferente á dos antigos
cazadores-recolectores.
A receita é conter a
emisión de gases invernadoiro, reducir o máximo o uso de fertilizantes e
reverter a transformación de espazos naturais en terras de cultivo. Ademais hai
que vixiar a capa de ozono, o consumo de auga potable, a contaminación química
e atmosférica, a acidificación dos océanos... Isto require dunha
responsabilidade compartida e equilibrada, porque é un feito que só o 16% da
poboación máis rica do planeta é responsable do 50% do impacto humano que fai o
noso modo de vida insostible.
Hai unha serie de
medidas urxentes que poderían levarnos a reconducir esta situación, respectando
os requisitos mínimos do benestar humano en termos de vivenda digna, acceso á
medicina, auga potable, alimentos seguros e saudables, enerxía, educación,
ingresos suficientes, representación política e xustiza.
En primeiro lugar, é
necesario superar a doutrina do
crecemento: todos os sistemas poden medrar durante un certo período antes
de alcanzar o estado de madurez, o estado de equilibro que os fai sostibles e
no que poden prosperar sen continuar medrando. A economía ambiental é unha
economía sostible baseada nas tres pes: profits
(beneficios), people (persoas), planet (planeta) e que se traduce no crecemento verde, unha forma de progreso
que minimiza os impactos negativos sobre o medio ambiente, no contexto da sexta
ola da innovación: a revolución da
sostenibilidade. Outro paso decisivo e cambiar
a enerxía limpa. Actualmente, a enerxía que extraemos do sol, o vento, as
olas, as mareas e a xeotermia apenas representa un 4% da enerxía consumida. O
resto procede dos combustibles fósiles (85%), da hidráulica (7%) e da
tecnoloxía nuclear (4%). Consorte as proxeccións actuais, apenas temos unha
década para pasar á enerxía limpa e avanzar nos mecanismos de almacenamento
enerxético. Pero afortunadamente a capacidade de capturar carbono e a
diversidade dun ecosistema están directamente relacionadas, de modo que o
simple feito de devolver o mundo ao seu estado salvaxe non só aumentará a
biodiversidade, senón que tamén servirá para capturar cantidades enormes de
carbono. En paralelo coa redución das emisións isto constitúe unha solución
baseada na natureza.
Tamén habería que devolver os mares ao seu estado salvaxe:
o océano ocupa dous terzos do planeta e en conxunto é o hábitat que aínda temos
mellor conservado. Así que debe ocupar un papel primordial nos procesos da
captura de carbono, aumento da biodiversidade e obtención de alimento. Para iso
é necesario unha nova industria pesqueira que evite a sobrepesca e os descartes,
así como vedar a pesca en certas zoas de refuxio para permitir a renovación das
poboacións (Areas Mariñas Protexidas), xa que a capacidade reprodutiva da
maioría dos peixes increméntase co tamaño e lonxevidade dos exemplares.
|
Criadeiros de algas en Fujian (China). National Geographic. España. |
Outras accións
complementarias poderían ser a implementación de redes de pesca intelixentes
(selectivas co tamaño da captura) a prohibición das artes mais destrutivas,
como o barrido e dragado dos fondos, a mellora da trazabilidade do pescado que
consumimos como un xeito de apoiar ás empresas que opten por sistemas sostibles....
Ademais, a acuicultura e as granxas de peixes veñen incrementándose dende o
anos 90, aínda que este enfoque industrial tamén inclúe moitas prácticas pouco
sustentables (destrución de mangleiros e pradarías mariñas, uso de antibióticos
e desinfectantes, sistemas de alimentación e cebado das especies cultivadas,
vertidos de efluentes e outros restos, introdución accidental de especies
exóticas nocivas...). Pero existen alternativas viables, como a cría en mar
aberto, as vacinas para reducir o uso de antibióticos, o uso de pensos mais
sostibles na alimentación, o cultivo en estratos, de modo que unhas especies
alimentaríanse dos residuos xerados por outras ou a silvicultura mariña de
algas comestibles, que fixa grandes cantidades de carbono.
|
Agricultura vertical. Photo credit Adam Gassom. |
Tamén seria útil
tentar ocupar menos espazo nos
sistemas produtivos terrestres, por exemplo reducindo o malgasto de comida. Pero
o maior desafío é o de producir moita mais comida nas vindeiras décadas
ocupando menos terreo. Podería facerse a través de granxas innovadoras
sostibles, a través do uso da agricultura rexenerativa para a recuperación de
solos esgotados, o uso de rotacións múltiples, incluíndo os cultivos de cobertura
para protexer o solo, o desenvolvemento de cultivos mixtos e a potenciación da agricultura
de proximidade, da agricultura urbana e da agricultura vertical, que multiplica
ata 20 veces o rendemento por hectárea. E, resultaría útil promover o uso de
proteínas alternativas para moderar o consumo de carne (que ocupa grandes
cantidades de terreo para a súa cría e para o cultivo de pensos e forraxes), así
como a transición ás carnes limpas, obtidas mediante cultivo de tecidos animais
in vitro.
En definitiva, trátase
de devolver ao mundo a súa condición salvaxe, o a lo
menos a partes significativas do mesmo. A
transición forestal, o dobre proceso de
deforestación e posterior reforestación, e un indicador típico dos países mais
desenvolvidos, xa que cando o alcanzan tenden a importar produtos agrícolas e
madeiras doutros países aínda en vías de desenvolvemento. Non é sorprendente polo
tanto que boa parte dos trópicos sigan enleados na fase de deforestación
activa. A solución pasa por modificar o significado do valor das cousas e
compensar de forma adecuada aos países que preserven as súas masas forestais,
vitais para o porvir de todo o planeta. Isto pode facerse a través de
iniciativas que xa existen, coma o Programa REDD+ (Reducing Emisions from Deforestation and Forest Degradation),
mediante cortas sostibles que garantan a preservación da biodiversidade e
fomenten o ecoturismo, ou potenciando dietas baseadas nas plantas e nas que a poboación
consume menos carne, aínda que de maior calidade, producida en sistemas
silvopastoriles máis respectuosas co medio ambiente. Finalmente, a creación de
territorios silvestres ao longo e ancho da Terra devolveranos boa parte da
biodiversidade perdida, biodiversidade que a medio e longo prazo será quen de
estabilizalo planeta.
Na actualidade
consumimos anualmente 1,7 veces os recursos que o planeta e capaz de rexenerar
nun só ano, así que outra variable do problema debe de ser planificar o pico de poboación humana. Os ritmos de crecemento
actuais, en 2100 haberá entre 9 400 e 12 700 millóns de persoas na Terra, polo que
sería desexable que a poboación total poida estabilizarse en torno á capacidade de sustentación do sistema,
con períodos de crecemento moderado alternados con outros de mingua leve.
En esencia, isto
ven sendo un sucedáneo do equilibro natural. A Transición demográfica ten tipicamente catro fases: 1) crecemento
demográfico explosivo (nacementos >>> mortes), 2) estabilización
(nacementos~mortes), 3) receso (baixan nacementos e pasan a ser menores que as mortes
totais) e 4) una nova estabilización con nacementos e mortes moi baixos, que
manteñen unha poboación case constante. Case todas as nacións desenvolvidas están
entrando actualmente na fase 4 (pico de
poboación humana), pero o mundo en conxunto aínda se aproxima ao final da
fase 3. Así que, por primeira vez dende o sedentarismo acadado no Neolítico, a
poboación humana non tenderá a crecer a medio e longo prazo.
As receitas mais
aplaudidas para axudar aos países en desenvolvemento a acelerar a súa
transición demográfica son o fomento da atracción de inversións e, por suposto,
o empoderamento das mulleres, que xa amosou en todos os países desenvolvidos a
súa capacidade para controlar a natalidade. E isto pasa inevitablemente polo
acceso universal á educación. Pero nalgúns países desenvolvidos comeza a
aparecer unha fase 5) de declive, na que unha parte minguante de poboación nova
ten que soster a unha maioría de anciáns.
Esta situación abrirá
novos debates, sobre todo no caso de persistirmos en manter unha economía totalmente
dependente do crecemento, como son o retraso das xubilacións, as migracións
para cubrir os postos de traballo vacantes, o uso intelixente da robótica...
En definitiva, conseguir unha vida mais equilibrada, un
futuro próspero e sostible, baséase en grande medida nas plantas e no uso de
alternativas mais saudables ás carnes industriais, incluíndo o uso de enerxías
limpas, e a capacidade dos consumidores para poder elixir as opcións mais
respectuosas dentro dunha oferta razoable, á valorización das cousas e á economía circular (a reciclaxe, o
desterro definitivo da cultura do usar e tirar, a limitación da creación de residuos
e unha mellor xestión dos mesmos). En definitiva, un modelo ecolóxico de
produción no que as materias primas se conciban coma os nutrientes que volven ao
solo ao final do proceso. Dar o que poidas para tomar o que precises, o que ben
sendo a esencia de todo bo equilibro. A
nosa maior oportunidade.
Referencias
Crowther et al.,
2015. Mapping tree density at a global scale. Nature, 525: 201-205.
http://www.nature.com/doifinder/10.1038/nature14967
Flannery, T., 2021.
Europa: una historia natural. Malpaso Editorial. 416 pp.
Rockström, J.;
Klum, K., 2015. Big World, Small Planet: Abundance within Planetary Boundaries.
Yale University Press. 208 pp.
Soriano, C., 2020.
On the Anthropocene formalization and the proposal by the Anthropocene Working
Group. Geologica Acta, 18.6, 1-10.
DOI: 10.1344/GeologicaActa2020.18.6
Wallace-Wells, D.,
2019. El planeta inhóspito. La vida después del calentamiento. Ed. Debate. 349
pp.