jueves, 4 de marzo de 2021

reseñas.18. O ollo do observador: Johannes Vermeer, Antoni Van Leeuwenhoek e a reinvención da mirada.

 

Laura J. Snyder (Nova York, 1964)

ACANTILADO, 2017.

FEBREIRO - MARZO de DOUS MIL VINTE E UN


Biografía

Historiadora, filósofa, escritora e profesora de St. John’ s University en Nova York, escribe habitualmente sobre ciencia e filosofía en The Wall Street Journal.

Publicou no ano 2006 Reforma da filosofía: un debate victoriano sobre ciencia e sociedade e no ano 2011 O club do almorzo filosófico: catro amigos notables que transformaron a ciencia e cambiaron o mundo que foi destacado como "Mellor libro de ciencia" pola Royal Institution of Australia.

Con O ollo do observador: Johannes Vermeer, Antoni Van Leeuwenhoek e a reinvención da mirada gañou o Premio Sally Hacker 2016 da Sociedade para a Historia da Tecnoloxía sendo contratada en 2019 para elaborar a biografía de Oliver Sacks en base aos seus arquivos persoais. En palabras de Sacks: «Laura J. Snyder non é só unha erudita brillante, senón tamén unha magnífica narradora”.

   Por Aser Ángel Fernández Rey

     Pensemos no que puido representar a aparición dunha machada de man de pedernal hai máis de 500.000 anos. O proceso intelectual, precisión visual e destreza manual necesarias para desenvolver este “sinxelo” artefacto. Visualicemos o bifaz do homo Heidelbergensis achado en Atapuerca: Excálibur. Unha útil e valiosa ferramenta, un exvoto repleto de simbolismo reflexo dun salto mental, un proceso tecnolóxico, cualitativamente superior ao que hoxe experimentamos coa aplicación do silicio nos circuítos electrónicos.

 A historia da evolución da humanidade podemos entendela como a historia da supervivencia, da procura do coñecemento, a adquisición de novas tecnoloxías e a súa transmisión ás novas xeracións. Non foi casualidade que as imaxes xurdisen na escuridade ao amparo da luz do lume dos fachos e lámpadas de pedra, nin que recorrésemos á maxia para enfrontarnos ao medo á noite e á falta de visión.

Do que nos fala Snyder neste libro é do interese polo universo e a natureza, dos cambios e avances mentais e técnicos alcanzados no século XVII europeo. Unha extraordinaria curiosidade polo posible, polo case invisible, como camiño cara a novos descubrimentos facilitadores dunha revolución científica que sentaría as bases da ciencia moderna. Situándonos, na parte meridional de Holanda, cando a burguesía holandesa vivía a súa idade de ouro, preséntanos aos 20.000 cidadáns da próspera cidade de Delft, inmersos nun armazón bullicioso de católicos e protestantes, de gremios de comerciantes e mercadores de teas ou de arte, posaderos, transportistas, artesáns, ceramistas, médicos absortos nos seus teatros anatómicos ou viaxeiros incansables. Tempos de plasmación dos estudos do interior do corpo, de diseccións anatómicas que permitían a visión do invisible, da historia natural que nutría de gravados e ilustracións os libros circulantes como os de Marcello Malpighi ou Jan Swammerdam.

Verme de seda. Marcello Malpighi (1628 –1694).

 As grandes empresas transoceánicas, como a Compañía neerlandesa das Indias Orientais (VOC), nutrían os gabinetes de curiosidades mentres a república neerlandesa, convertida nun oasis de tolerancia e prosperidade garantía, certas liberdades nas que se refuxiaban filósofos e artistas en busca dun espazo para pensar e crear no medio dunha Europa escura desangrada polas guerras de relixión. Favorecida por esta situación, sorprendía ao mundo coas súas destrezas tecnolóxicas, os seus diques e enxeños mecánicos, os seus guindastres portuarios, os seus muíños para dragar area, a hixiene e limpeza das súas casas, rúas ou canles. Unhas rúas iluminadas onde tocaban músicos itinerantes mentres os comerciantes de teas determinaban mediante cristais de aumento o número de fíos e a súa calidade e os folgazáns e vagabundos eran “intrusos” non tolerados. Os impostos sostiñan o mantemento de sanatorios e os espazos íntimos das casas, cos seus azulexos e zócalos azuis, acubillaban a moitas mulleres que gozaban de matrimonios non pactados entre familias, con certos dereitos e  permisividade nas mostras públicas de afecto e mesmo dispoñían de serventas que sabían ler, tal como sinalou o erudito e relixioso francés J. J. Scalinger en 1593.

Pero a luz que alimentaba o espírito e a saúde destas familias non debía resultar suficiente para eliminar os fedores das tubaxes e a rede de sumidoiros  onde todo ía parar. O uso dos pomanders cheos de fortes fragrancias seguía estando á orde do día como o estaban tamén os conflitos e disturbios dos que foron testemuñas o pintor da luz, a paisaxe e a intimidade Johannes Vermeer (1632-1675) e o comerciante de teas afeccionado a tallar lentes Antonie van Leeuwenhoek (1632-1723).

Retrato de van Leeuwenhoek.1680.
Jan Verkolje.

     Aínda que non temos constancia histórico-documental de que chegasen a coñecerse, ambos habitaron en casas próximas á Praza do Mercado, compartiron as inquietudes da súa contemporaneidade, viviron os brutais asasinatos dos irmáns Johan e Cornelius de Witt en 1672, e sufriron, en especial os católicos como Vermeer, cando sobreveu o colapso económico que desmoronou a economía do país, a venda de artigos de luxo e o esborralle do mercado da arte. O único feito concreto do cal existe evidencia escrita é que Leeuwenhoek foi comisionado para encargarse da bancarrota en que quedou a familia de Vermeer ao morrer este a  idade de 43 anos. Sexa como for, as tumbas de ambos protagonistas están moi xuntas na Oude Kerk de Delft.

Lección de anatomía de Cornelis´s Gravesande, 1681. Cornelis de Man.
Leeuwenhoek está detrás de ombreiro esquerdo do anatomista
, coa man sobre o corazón.

        Snyder mostra os entrecruzamientos das investigacións precedentes e contemporáneas na filosofía, a enxeñería, a física, a astronomía, a química, a medicina ou a anatomía que estaban a cristalizar na transformación da visión do mundo nestes momentos nos que non existían fronteiras claras entre disciplinas que, como no campo da óptica, cos misterios da luz, a súa composición, os seus mecanismos de propagación, o fenómeno da refracción e a natureza das cores fascinaban e interesaban por igual a filósofos e artistas. Tal como parodia Jonathan Swift nos satíricos “Viaxes de Gulliver (1726), existía unha moda de comprar cristais de aumento ou “cristais de pulga”. Para gañarse a vida era unha boa elección o oficio de pulidor de lentes para instrumentos ópticos tal e como fixo o filósofo de orixe española Spinoza (1632-1677), tras ser excomulgado da comunidade xudía de Ámsterdam.                                                                

Teoría da visión de Kepler,
segundo ilustración en 
La dioptrique (1637) de  Descartes.
 
A revolución científica e filosófica abría campos para a curiosidade humana nun ambiente de vital renovación e avance con nomes como Spoors (cirurxián, topógrafo, notario e erudito), Van der Wyck (enxeñeiro militar, óptico e fabricante de lentes), Steenwijck, Kepler, Descartes, Hobbes, Gregory, Hooke, Grimaldi, Christiaan Huygens, o seu irmán Constantijn e a súa muller Suzanna van Baerle, Newton ou Leibniz. Os estudos e inventos de matemáticos e enxeñeiros como Maralois, Cigoli, Wren, Scheiner ou Van der Heyden aplicaban os seus coñecementos na elaboración, copia, redución ou aumento de deseños ou mapas. A ciencia e as humanidades avanzaban da man. Non debemos esquecer que a ciencia considerábase, na teoloxía protestante, un medio de aprender máis sobre Deus estudando as súas obras e que esta xustificación relixiosa explica en parte o baluarte de descubridores ingleses e neerlandeses fronte ao Papado inquisitorial perseguidor de Galileo e a España onde, como di o físico e académico José Manuel Sánchez Ron “mentres se desenvolvía a revolución científica, a ciencia deixaba de ser valorada como algo útil”.

A historia da óptica e da mirada, da representación, resulta omnipresente na ciencia, a arte e a tecnoloxía. De feito, moitos dos “filósofos naturais” formáranse como pintores de modo que, por exemplo, cando Galileo observou a lúa puido identificar as manchas como montañas porque sabía como se pintarían as estas e as súas sombras nunha superficie curva. Galileo co seu “ perspicillum” non foi o primeiro (non está claro quen ou quen tivo a idea de unir o o tubo e a lente) pero si conseguiu aumentar a potencia do mesmo xeito que chegou á realizar un “ occhialino” (ojito ou microscopio). O interese por observar, representar e medir a natureza esixía novos instrumentos e, sen dúbida, os máis punteiros foron o telescopio e o microscopio. Galileo dicía que se debían usar “os ollos da mente” e ata que non se conseguiu esta visión, non puido producirse a revolución científica.

Mirar cos ollos e a mente pero, como funcionaban os ollos?,como se podía mellorar a visión cando fallaba? que é o que vemos e que non podemos ver?, como se procesaban as imaxes?. Había que dar solución a estas e outras moitas cuestións. 

   
Francisco J. Rubia
Francisco J. Rubia sinala como en realidade, quen ve, oe, cheira, gusta e sente, é o cerebro. Os órganos dos sentidos son, no que a isto respecta, completamente neutrais. As calidades secundarias dos obxectos son pois creacións do cerebro o que significa que as cores, sons, cheiros, gustos o frío e a calor non están na realidade exterior, senón que son atribucións que as distintas rexións da cortiza cerebral fai aos impulsos que chegan dos órganos dos sentidos. Dalgunha maneira, como diría George Berkeley (1685-1753), “ser é percibir” un mundo que non está feito de cousas senón de impresións. Non enganan os sentidos, engana a mente. Xa Demócrito, Galileo, Descartes, Hobbes ou Locke, dixérano pero ao ser algo tan “ contraintuitivo”, segue custándonos traballo comprendelo e asumilo. Lembremos como o filósofo napolitano Giambattista Vico, argumentaba que “se os sentidos son facultades, vendo facemos as cores das cousas; degustándoas, os seus sabores; oíndoas, os seus sons; e tocándoas, facemos o frío e o quente”.

Microscopio composto. Robert Hooke.

En 1665 Robert Hooke (1635-1703) describía no seu libro MICROGRAPHÍA as observacións que levara a cabo cun microscopio composto por el mesmo duns 30 aumentos. Sabemos que ao ano seguinte desta publicación, Leeuwenhoek viaxou a Inglaterra por razóns comerciais e sen dúbida vió unha copia do libro de Hooke en Londres, cos seus detallados gravados de varios xéneros téxtiles. 

Pulga. MICROGRAPHÍA.
 Robert Hooke.

           Aínda que o microscopio composto probablemente foi construído cara a finais do século XVI ou principios do XVII polo holandés Zacharias Janssen ao combinar dúas lentes cóncavas con outras dúas convexas son os experimentos de Leeuwenhoeck, centrados en facer visible o mundo invisible grazas a un magnífico pulido dunha soa lente case esférica cortada cun foco curto, o que lle outorga tradicionalmente a condición de inventor do microscopio simple, pai da microbioloxía e da bioloxía celular e o primeiro ser humano en observar microorganismos (bacterias e protozoarios). Dos máis de 500 microscopios que construíu, apenas nos quedan unha decena, o último en aparecer fíxoo nos anos oitenta do século XX cando se drenaron e limparon as canles de Delft. Tamizados algúns lodos apareceron diferentes “utensilios médicos”, e moedas vellas que foron adquiridos polo dr.Tomás Camacho para formar parte da súa colección de microscopios e aparellos ópticos situada en Galicia.


Microscopio de Leeuwenhoek

   O microscopio de Leeuwenhoek era distinto. Consistía nunha pequena lente biconvexa montada sobre unha placa de latón, que se sostiña moi preto do ollo. As mostras montábanse sobre a cabeza dun alfinete que se podía desprazar mediante uns parafusos para o enfoque. En realidade era unha simple lupa, pero a súa exquisita calidade permitíalle alcanzar ata 300 aumentos. Leeuwenhoek intuíu, observou e descubriu un universo microscópico aínda que os seus descubrimentos foron recibidos con escepticismo por moitos “científicos” da época, incluíndo aos da prestixiosa institución londiniense Royal Society fundada en 1662 baixo o lema da experimentación “ Nullius in verba”. Enviaron correspondentes a Delft para confirmar a descrito por un home alleo ao mundo da filosofía natural e falto de formación académica en “ latin” solicitando /ordenando” á su conservador Robert Hooke que efectuase observacións microscópicas e expuxéseas aos membros da Sociedade. Mesmo a Hooke, práctico no manexo de microscopios, resultoulle difícil verificar as aseveracións de Leeuwenhoek usando os microscopios dunha soa lente, que daban máis aumentos que os microscopios compostos. A historia da percepción dividiuse nun antes e un despois.       

https://royalsociety.org/search/?query=leeuwenhoek

        Investigadores da Universidade Tecnolóxica de Delft someteron recentemente un dos seus microscopios ao feixe de neutróns dun reactor nuclear para analizar as súas lentes e descubrir o secreto da súa fabricación. A tomografía de neutróns parece indicar que non había ningún método exótico senón unha habilidade excepcional para puílas e non fundilas como o propio Leeuwenhoek suxeriría nalgunha ocasión. A ciencia tardaría case 200 anos en volver desenvolver unha técnica equivalente.
   
         Xa fose usando o seu propio corpo ou valéndose da axuda da súa muller Cornelia Swalnius para gardar vermes de seda no seu peito, experimentar con pulgas ou garrapatas, Leeuwenhoek descubriu o esperma de insectos, observou a circulación do sangue en cágados, o ollo da balea e o seu pene conservado en coñac, os glóbulos vermellos no sangue, por primeira vez decatouse das bacterias e o viviparismo que se producía nas “ nubes verdes” (algas) que flotaban nas augas do lago Berkelse deixando constancia de todo iso en múltiples debuxos da súa propia autoría ou a doutros artistas. Con todo, nunca revelou os nomes daqueles gravadores que lle axudaron e gardou celosamente os segredos de fabricación, a súa forma de puír ou tallar as lentes sen deixar indicacións sobre os seus métodos.

De ilimitada paciencia e gran lonxevidade, morreu aos 90 anos, o seu talento especial para as medicións e as súas ideas para determinar e describir exactamente os tamaños levárono a tintar especímenes, a usar infusións de azafrán amarelo e adquirir unha enorme habilidade nas seccións de finas substancias coa súa navalla barbeira; seccións de difícil obtención o punto de que microscopistas actuais asómbranse da súa exactitude ante a carencia de micrómetros.

Leeuwenhoek. 
Debuxos de espermatozoides
de coello e de can.

Era común, mesmo entre os filósofos naturais, a crenza de que os insectos xurdían espontaneamente do lixo, ou a carroña, que as mulleres (a contribución da muller era o pasivo labor de “recibir” o esperma e alimentalo) podían dar a luz animais ou “monstros” ou que certas clases de paxaros nacían das árbores. Oposto á teoría da xeración espontánea descubriu animálculos no seme humano ao examinar un residuo do coito conxugal. Ninguén vira nin o espermatozoide nin o óvulo, nin parte algunha do proceso polo que ambos se atopaban e a gran controversia e discusión sobre este asunto só chegaría a término despois das investigacións de Caspar Friederich Wolff (1733 - 1794). 

Preto de Leeuwenhoek, ao experimentar con instrumentos ópticos, como a cámara escura, Vermeer obtiña nos seus cadros resultados lumínicos e ambientais extraordinarios plasmando espazos tridimensionales convincentes máis que pola aplicación da xeometría polo dominio da luz, do aire e a cor.


A conservadora
 Dra. E.Melanie Gifford.


   A conservadora da National Gallery of Art E.Melanie Gifford, sinala que “as notables pinturas de Vermeer evocan a luz con efectos sutís que falan á nosa experiencia visual, creando unha sensación de inmediatez física...A posibilidade de que usase unha cámara desatou unha acalorada discusión. Os efectos visuais na súa obra máis madura (esaxerados contrastes de luz e escuridade, pouca profundidade de campo e estes puntos de luz desenfocados que lembran os «círculos de confusión» vistos coas primeiras lentes) suxiren que vira unha... pero as pinturas mostran que a linguaxe visual de Vermeer non era un subproducto das calidades visuais da cámara escura: esas calidades evócanse nel porque se axustaban á súa xa establecida forma de pintar”. 


Muller de amarelo escribindo unha carta.
Johannes Vermeer.
            Sección transversal da pintura, imaxe microscópica
 ( microfotografía de E Melanie Gifford).

        Vermeer rexistrou os efectos tal como o vían os ollos, non como a mente cre que os ve e para iso era indispensable adestrar o ollo para ver doutra maneira. As súas obras mostran unha enorme precisión e aprecio de como as cores cambian baixo diferentes condicións luminosas e como un efecto de luz dirixido a un obxecto ou unha parte do corpo pode transmitir diferentes emocións.

O vendedor de anteollos (1623/24). Rembrandt.

   Desde a lente asiria de Nemrod pasando por Aristóteles, os espellos ustorios de Arquímedes, ou as “as pedras de lectura” utilizadas en épocas medievais fóronse sucedendo diferentes estudos e teorías sobre o sentido da vista. Así, Galeno estudou o ollo como órgano físico, Euclides relacionou as matemáticas e a óptica, Alhacén expuxo a teoría integrada da visión e Roger Bacon, xa no século XIII, continuaría as súas análises. O termo “perspectiva”, en latín medieval, designaba a ciencia da óptica e moitos autores antigos pensaban que os ollos vían enviando raios desde o interior ata o obxecto que observaban. Da Vinci fascinouse co ollo humano do mesmo xeito que Avicena, Harvey, Scheiner e o propio Descartes pero foi Kepler quen culminaría a idea de que “un debe aprender a ver” e a afirmación de que a imaxe retiniana estaba investida.

Os espellos foran utilizados nas artes desde facía moito tempo. O florentino Filarete ou o propio Da Vinci aconsellaban o seu uso para a elaboración das perspectivas dos cadros; Alberti denominábaos “ iudex optimus” de xeito que no século XVII o espello formaba parte da caixa de ferramentas do pintor.

Como o telescopio e o microscopio, a cámara escura foi tamén moi significativa para a introdución dunha nova forma de traducir o mundo en novas composicións, sombras diferentes, contornos máis suaves, difuminado de planos, aplicación de brillos e de círculos difusos de luz e sen liñas definitorias nas caras. Ao mostrar máis do que se podía ver a primeira ollada e revelar leis ópticas de como actuaba a luz, a cámara escura era algo máis que un espello. Xa no século IV a. C. filósofos chineses como Mo Ti, rexistraran imaxes investidas cun buraco ou pantalla aínda que, para que fose útil para os artistas, facía falta outra innovación; facía falta o uso dunha lente en lugar dunha pequena abertura tal como suxeriu por primeira vez o arquitecto veneciano Daniele Barbaro.

O astrónomo. Vermeer.

          Dise que a obras e mestría de Vermeer resultaban desconcertantes e estrañas a un público que non puido aprecialas ata a aparición da fotografía no século XIX coincidindo co redescubrimiento do pintor polo xornalista e crítico de arte francés Théophile Thoré. A verdade é que non era tanta “novidade” pois outros moitos pintores experimentaran xa con efectos ópticos. Nas obras de Vermeer escrutamos ás agachadas os quefaceres do matemático ou do xeógrafo cos seus mapas ou “cristais”, ao filósofo natural, ao astrónomo ou á muller lendo no interior das súas casas. Tanto Vermeer como Leeuwenhoek miraban “dentro das cousas vivas” concentrando as súas accións sobre o mesmo obxecto en momentos diferentes. Vermeer, convertido en investigador, pintaba 14 mulleres solitarias baixo distintas luces, actividades e tempos mentres Leeuwehoek examinaba calquera cousa no microscopio.

Vista de Delft Vermeer ca. 1660-1661.

     Hoxe contamos con microscopios electrónicos, escáneres fluorescentes de macrorrayos X, espectroscopia de reflectancia de fibra óptica, a cromatografía líquida de alta resolución, a microfotografía en 3D, realidade aumentada, nanotecnoloxía, os Raios X, os TEP ( tomografías), IRMF (resonancia magnética funcional para ver a actividade cerebral, etc. A ciencia abriu ao coñecemento novos sectores do universo; o telescopio Hubble foi capaz de fotografar a uns 130 millóns de anos luz a galaxia ESO 021- G004 co seu buraco negro supermasivo, e a NASA difunde estes días as imaxes de alta resolución de Marte enviadas desde as cámaras do rover “ Perseverance”. O ser humano segue tentando achegarse ao insondable.


Células do cancro. Microscopio electrónico.
ZEISS MERLIN HR- SEM

     Talvez sexa hora de que unha “nova filosofía”, un novo pensamento tamén nos acompañe máxime nunha situación como a que supón a pandemia do COVID. Creo que Ramón y Cajal estaría de acordo coa formulación do xenetista e neurólogo islandés Kári Stefansson cando mantén que “Ciencia e cultura se solapan” e que para formar bos científicos necesítase o mesmo que para conseguir grandes artistas: aprender e adestrarse para pensar de maneira creativa.

June Almeida (1930–2007)
 identificou o primeiro coronavirus.






Tal como sucedía outrora, o futuro atopase nunha formación transversal e interdisciplinar que promova a curiosidade científica e a fusión mental entre ciencias e letras. Creo que tanto Leeuwenhoek como Vermeer, os nosos protagonistas, fixérono no seu tempo. Esperemos que neste camiño a presenza feminina teña a necesaria cabida e sexamos capaces de xerar novos referentes.

   

  Deseño: Soulbande / MVG

Instalación: SUSPENDIDA . COVID.


Organización: Biblioteca de Torrecedeira. 

martes, 1 de diciembre de 2020

reseñas.17. A idade da ira. Unha historia do presente.

 Pankaj Mishra. India,1969.

                                    


                                  A idade da ira: unha historia do presente.

Galaxia Gutemberg, 2017.

        DECEMBRO DE DOUS MIL VINTE - XANEIRO de DOUS MIL VINTE E UN


Biografía.

Pankaj Mishra (Jhansi, Uttar Pradezh, India, 1969) é un ensaísta, escritor de viaxes e novelista. Graduado na Universidade de Allahabad, vive entre Nova Deli e Shimla. Doutorado en Literatura Inglesa na Universidade Jawaharlal Nehru de Nova Deli, publica e colabora en The New Yorker, The New York Review of Books, The New York Times Book Review, New Statesman, Granta, Times Literary Suplplement e The Guardian.

 O seu traballo amplía a nosa comprensión do encontro entre o mundo occidental e o non occidental, converténdose nun referente das novas realidades dos países asiáticos. Ademais da súa novela, The Romantics, publicou catro obras de non ficción: Butter Chicken in Ludhiana, Travels in Small Town India, O fin do sufrimento, o Buda no mundo, Tentacións de Occidente, Cómo ser moderno na India, Paquistán, o Tíbet e máis aló e Das ruínas do Imperio: os intelectuais que refixeron Asia. Das Ruínas do Imperio (Galaxia Gutemberg, 2014), é un intento de revisión da xeopolítica de finais do século XIX e XX dende múltiples perspectivas asiáticas, co que gañou o premio Crossword for Best Non fiction en 2013. No ano seguinte converteuse no primeiro libro dun autor non occidental en gañar o prestixioso premio alemán Leipzig Book Award for European Understanding.




Por Ana María Bande Bande


    Pankaj Mishra escribiu este libro entre 2014 e 2016 pola necesidade de reflexionar ante as experiencias desconcertantes, e decotío dolorosas que tiñan dividido ao mundo actual. Fenómenos como a chegada ao poder do nacionalismo hindú, a atracción que o terrorismo do Estado islámico exercía sobre moitos xóvenes das democracias europeas, o Brexit ou a elección de Trump coma presidente dos Estados Unidos, foron as faíscas que prenderon o misto que ilustra a capa da edición española do libro.

     Uns meses despois desta lectura abondaron para que o mundo xa non sexa o que era no mes de xaneiro de 2020, cando escribín a primeira resención deste libro.  Os alarmantes sucesos que provocaron as reflexións deste ensaio semellan terse desenvolvido a unha anormal velocidade de vertixe ata provocar a actual calamidade pandémica global.  Mishra recoñecía no seu texto a existencia dun pánico ubicuo, que non se parece ao medo centralizado que emana do poder despótico, senón que se trata máis ben, dun sentimento xerado polos medios de información e amplificado polas redes sociais, de que pode pasar calquera cousa, en calquera lugar, a calquera persoa e en calquera momento. A sensación, recoñece o autor, de que o mundo xira sen control, está agravada pola realidade do cambio climático, que fai que o noso planeta semelle asediado por nós mesmos. E aquí, estamos, precisamente, no total descontrol.

     Só a unha poboación alienada ou relegada ás marxes do pensamiento se lle pode escapar que a actual pandemia non ten que ver coa historia do noso presente. Todas e todos podemos entender que a globalización é unha realidade tan rotunda como suxire a propia palabra, e que o que significa esa contundente expresión, é a vontade de impoñer en todo o mundo un idéntico xeito de vida, que é o que dicta o réxime económico, xerador dunha desigualdade que ningún sistema democrático –precisamente baseado nos principios contrarios- pode aturar.  

     O sistema de maximización da ganancia a calquera prezo, en beneficio duns pouquísimos individuos ou corporacións é o que ten levado a unha diseminación masiva de conflictos, fanatismos e comportamientos depredadores que teñen afectado ao ecosistema global ata levarnos ao abismo. Manterse preguizosamente na teima de desprezar o coñecemento do pasado máis inmediato, ou da historia do presente que o texto de Mishra nos ofrece, é premer o acelerador cara a extinción. Este xeito de vida absolutamente desmemoriado e hedonista impide que tomen a palabra as persoas e institucións que tradicionalmente termaron do logos, é dicir, da capacidade de comprender, que é imprescindible para vivir. A verdade é precisamente alétheia, non-esquecemento, en alusión ao mítico río Letes. 

Julio Aróstegui
     En España foi o historiador Julio Aróstegui un dos teóricos que aportou máis investigación ao estudo e interese pola historia do presente. Puiden asistir ás súas clases sobre a historia da violencia cando despuntaba a disciplina. Eran os primeiros tempos da historia do presente e lembro o extraordinario que me pareceu a posibilidade de reflexionar sobre a actualidade dende un punto de vista histórico. Ata ese momento, a historia era unha investigación case exclusivamente relacionada co pasado e se querías entender a complexa situación actual tiñas que acudir ao periodismo ou a socioloxía.  O coñecemento do mundo actual, coa axuda de metodoloxías científicas que permitisen análises rigorosas e poucos sesgadas da historia actual facíase dende os departamentos de Historia Contemporánea. Pero as persoas que estudamos nas facultades de historia dos oitenta descoñeciamos que esa "contemporaneidade" non era tal, porque o que alí se estudaba non eran os problemas do mundo actual, senón os dunha época que a academia mantiña pechados na rigorosa marxe temporal que ía dende a Revolución Francesa aos nosos días.

     Pero dos nosos días non tiñamos proxecto de investigación por ningures; simplemente non existía a historia do presente como parte da Historia con maiúscula. Non axudou que a recién inaugurada Historia do presente coincidise co declive das humanidades en xeral, e da historia en particular. Non é este o sitio para analizar as causas deste desleixo intelectual, pero dado que a situación actual está radicalmente cinguida a este despiste xeneralizado, é forzoso retomar o fío da historia cando forzosamente hai que ir cara atrás para desandar os vieiros fallidos que son os que temos elixido e que nos teñen levado a esta calamidade.

    Cómpre decatarse do dano ocasionado pola desconfianza cara a Historia dende un discurso postmoderno que se amosaba implacable contra todo relato pola súa suposta e irremediable condición de nesgado. Se a esto lle engadimos as presións  ideológixas e políticas precisas neste país para pasar rápidamente á páxina da nosa historia recente, entenderemos que non foi doado dende a Historia, defenderse dun ataque que invalidaba precisamente o xeito convencional de exposición dos seus resultados de investigación, é dicir, a narración, que é o mesmo que dicir a palabra, que é xusto dicir, o logos, ou sexa, a base do noso sistema de coñecemento. Paradoxalmente, o resultado deste desprezo foi a aparición de toda clase de produtos indisimuladamente falsos e ficticios que, adobiados cos requisitos da ficción máis comercialmente productiva e intelectualmente degradante se fixeron e se fan pasar aínda por Historia, con maiúscula.

     O coñecemento do pasado non é garantía abondo para o artellamento de políticas de éxito no futuro, pero podemos ter a seguridade de que facer o contrario é a deriva máis eficaz contra a confusión que nos leva a situacións de abismo e incerteza como na que nos atopamos.

Niall Ferguson
            Niall Ferguson, adoita insistir nas carencias dos docentes de historia no ensino de metodoloxías de comparación entre períodos como causa fundamental da falta de comprensión da actualidade en relación co pasado. Pankaj Mishra, pola contra, fai unha escrupulosa defensa da relación dos confictos violentos actuais cos extravagantes atentados do finais de século XIX e comezo do XX protagonizados por nihilistas, nacionalistas, anarquistas ou terroristas. 

Julián Casanova
    No que hai consenso é na existencia e desenvolvemento continuo dunha violencia extrema como consecuencia do racismo, a misoxinia, o desarraigo e a desigualdade, entre outros factores. 
    O historiador Julián Casanova, no seu último libro, “Unha violencia indómita” presenta tamén a violencia como denominador común a un estado de cousas que inclúe por primeira vez o estudo da violencia sexual como factor de desestabilización mundial. Mishra tamén apunta á exclusión da metade da poboación como motor de inestabilidade. Dende o feminismo hai tempo que se derrubaron tabúes que facían imposible investigacións empeñadas en agochar datos. 

Rosi Braidotti
    Mesmo dende o feminismo se achegan propostas que malia toda a dor e marxinación da muller, son quen de evitar o resentemento que é o caldo de cultivo da violencia, como a política afirmativa de Rosi Braidotti, por exemplo. E todo esto baixo o medo de sabérmonos nunha terra vizosa de vinganza subterránea, inagotable, insaciable de exabruptos, segundo recoñecía Nietzsche na súa Xenealoxía da moral.

José Manuel Sanchez Ron
        No caso español, e seguindo coa análise do declive no interese polo pasado, non hai que esquecer as desastrosas consecuencias que tivo o expolio científico provocado polo exilio, como recoñece José Manuel Sanchez Ron no seu derradeiro libro El país de los sueños perdidos. Perdemos non só o mellor do noso acervo intelectual por mor do exilio, senón que seguimos sufrindo unha masiva fuga de cerebros pola nosa desatención á ciencia e á cultura en xeral. Tamén habería que apuntar a deliberada marxinación do estudo da historia recente de España nas aulas e a ausencia de debate como consecuencia directa do medo constante a desatar vellas xenreiras que, sen dúbida, persistiron precisamente pola ausencia de explicación e de investigación sobre o pernicioso tabú da reconciliación nacional. Un círculo vicioso que non desaparecerá milagrosamente, senón coa comprensión, intelectualmente falando, dos fenómenos históricos. 

     Neste contexto, A idade da ira é de interese porque aporta a visión dun investigador formado en contextos culturais tan diferentes como a India e Estados Unidos. O abundante e solvente corpus bibliográfico fai que sexa un libro de varios usos, porque cada capítulo é un convite a unha reflexión continua sobre os innúmeros extremismos que configuran unha paisaxe mundial de desigualdade, radicalización política, fanatismos relixiosos, competitividade extrema,  individualismo a ultranza,  violencia de xénero,  xenofobia,  ataque ao medio ambiente,  terrorismo, etc. Elementos, todos eles, que configuran un estado de ira xeneralizada para cuxa explicación propón o autor una revisión histórica que pasa por cuestionar os piares nos que se sustenta a superioridade intelectual de Europa como paladín do progreso que ten que guiar ao resto do mundo. Unha crítica, outra máis, ao eurocentrismo, ou á versión única da explicación do mundo que impón un Occidente que agora mesmo, en decembro de 2020 semella un xigante a punto de se derrubar. Unha crítica que segue sendo necesaria precisamente para non deixar perder o patrimonio de ideas que deron pulo á ciencia e a xeitos de organización social que, aínda que eivados hoxendía pola insaciabilidade do capital, son a garantía que temos nesta parte do mundo de acadar posibilidades de futuros dignos. Pero á forza ten que ser un discurso apracible e inclusivo, aínda que poida parecer un oxímoron. Precisamos outras visións, precisamos respectar outros mitos e culturas. Porque seguramente todas conteñen explicacións de conflictos que son comúns ao xénero humano. 


Minna Salami
        Minna Salami, no seu recente libro "O outro da montaña. Así verías o mundo se non cho  contase”, contén moitas reflexións aparentemente sinxelas e que son o cerne de violencias que se levan producindo en todo o mundo dende milenios.

     Mishra, en todo o libro, plantexa a mesma preguntas: ¿onde reside a explicación de tanta barbarie? ¿cal é a orixe desta ira que non cesa e que nos mantén nun estado continuo de medo e perplexidade, e cuxa intensidade ameaza con perpetuarse?. Unha das claves estaría no resentimento, un estado emocional tóxico e global que afecta a unha cidadanía que xa ten sufrido por demasiado tempo a frustración nas súas esperanzas de acadar as metas que aseguraba a política supostamente máis respectuosa co ser humano nacida coa Ilustración. 

     O resentimento global de hoxe produce os mesmos monstros que os da primeira onda de globalización de finais do XIX.  A política de retórica e xestos extravagantes, di o autor, é a mesma hoxendía que a de aquel poeta italiano de comezos do pasado século, o inventor do saúdo nazi, Gabriele D´Annuncio, cando ocupa a cidade de Fiume. A política xenófoba actual é a mesma que levou a cidadáns franceses a masacrar a traballadores inmigrantes italianos en 1893, ou a que xusfiticou o supremacismo de Estados Unidos contra os chineses, ou a de Austria-Hungría cando fixeron dos xudeos o chivo expiatorio por antonomasia. O terrorismo actual tería moito máis que ver cunha crise global do capitalismo que co trillado paradigma do choque de civilizacións, un mantra que só pola súa extrema simpleza é tan doadamente asimilable polo conxunto dunha poboación moi poco preparada para a autocrítica.  Hoxe, coma en 1916, vivimos nunha atmósfera densa e velenosa de sospeita, cobiza e pánico mundiais  (R. Tagore). A ultradereita en expansión en Europa e Estados Unidos non ten unha visión moi diferente da que presentaba o Manifiesto futurista de Filippo Marinetti, admirador de D´Annunzio, cando dicía: queremos glorificar la guerra -única higiene del mundo-, el militarismo, el patriotismo, el ademán destructor de los anarquistas, las bellas ideas por las cuales se muere y el desprecio a la mujer. Queremos destruir los museos, las bibliotecas, las academias e todo tipo.

     A recente violencia salvaxe semella, en palabras de Mishra a máis longa e estraña das guerras mundiais: unha guerra que semella, pola súa ubicuidade, unha guerra civil global. E, acaso non estamos hoxe, no medio desta pandemia, padecendo unha situación de guerra global?

     Para Mishra hai certezas que non podemos desbotar. Unha delas é que a sobreactuación das potencias mundiais, encabezadas por Estados Unidos, falando sen parar da superioridade dos valores propios, non van a aportar solución, senón máis resentimento, e polo tanto máis violencia. O movemento Black Lives Matter que ten lugar nos Estados Unidos e noutras moitas partes do mundo como consecuencia do racismo, non deixa lugar a dúbidas sobre unha posible situación de non retorno no que á tolerancia da violencia institucionalizada se refire.

     Non hai dúbida de que a sociedade comercial universal de individuos racionais que procuran o seu propio interese, defendida orixinariamente no século XVIII, por pensadores da Ilustración como Montesquieu, Adam Smith, Voltaire e Kant, non nos trouxo a prometida civilización universal coa súa harmoniosa mestura de sufraxio universal, oportunidades educativas, crecemento económico sostido, iniciativa privada e progreso persoal.

Hanna Arendt
    Ademais, a globalización, segundo Mishra, ao debilitar anteriores modelos de autoridade, xerou novos e imprevisibles actores internacionais, xestando un status xa prognosticado en 1968 por Hanna Arendt cando advertía que por primeira vez na historia, semellaba que todos os pobos da terra tiñan un presente común. Non son profecías as advertencias de Arendt, son reflexións produto dun rigoroso pensamento que pode achegar conclusións tan acaídas logo dunha atenta análise dos feitos. Grazas á pandemia, temos a posibilidade de experimentar verdadeiramente o que é ese presente común, así que a atención á filosofía anterior á “postverdade”, ou sexa, á mentira, preséntasenos como unha necesidade vital.

     Segundo Mishra, as bondades dun mundo interdependente e globalizado, pola contra, sí que teñen sido empregadas polos individuos do Daesh e os demagogos e líderes autoritarios de todas as cores, nun contexto de políticas reactivas antidemocráticas en Francia, Estados Unidos e Reino Unido, pero tamén en Tailandia, Filipinas, India ou Israel. E ante este mundo de imaxes nos medios de comunicación de irados políticos insultando aos outros, principalmente aos inmigrantes, pero tamén menospreciando os dereitos da muller e das confesións e culturas subalternas, provoca unha caída no umbral de atrocidades permitidas que teñen a consecuencia directa de aumentar por todas partes o resentimento que será o xérmolo dos novos e repetitivos ciclos de violencia, e sobre todo seguirá xerando confianza en líderes autoritarios e sen escrúpulos.

     A estas alturas resulta evidente que o enfrentamento Islam-Occidente non explica a  violencia  actual, polo que deberiamos abandonar xa esta obsesión e centrármonos nas  causas desa ira global que transcende fronteiras nacionais, relixiosas e raciais.

      É evidente que a global desigualdade na distribución da riqueza ten erguido muros humillantes e que as comunicación dixitais, que nos achegan a todos, aumentan a capacidade de establecer comparacións envexosas nun ambiente de “solidariedade negativa”, expresión que Hanna Arendt emprega con precisión para definir unha realidade cada vez máis claustrofóbica. Arendt atopa que a orixe dos totalitarismos está directamente vinculada cunha solidariedade negativa que emerxe como consecuencia dunha experiencia de fracaso, tanto individual como colectiva. Unha sociedade masa na que este vocábulo aplícase só cando nos estamos a referir a persoas que, ben polo seu puro número ou ben pola súa indiferencia, ou ámbalas dúas cousas a un tempo, non poden ser integrados en ningunha organización baseada no ben común.

Max Scheler
      Hai que ter en conta, ademáis que, no pasado, as situacións de crise e desigualdade extrema eran amortiguadas por institucións como a familia, a comunidade ou o estado, hoxe moito menos activas. De xeito que temos que prestar atención ás proféticas reflexións da filósofa cando advirte dun futuro marcado por un espantoso odio mutuo e unha irritabilidade universal de todos contra os demais. Non está de máis, baixo o meu punto de vista, atender ao xa esquecido filósofo Max Scheler, sobre todo nas súas aportacións relativas á fenomenoloxía do resentimento e á súa reflexión sobre a conexión que procura o amor como raíz do espíritu persoal e da comunidade de persoal, porque só á luz do amor aparécesenos a faciana do outro que non somos nós na súa cara máis nobre.


  Deseño: Soulbande / MVG

Instalación: Por motivos Covid 19, non haberá instalación.

Organización: Biblioteca de Torrecedeira.