martes, 28 de septiembre de 2021

reseñas 22. Galdós. Una biografía.

 

 


                                           


         Yolanda Arencibia.            

                    

                                         Galdós. Una biografía.

 

Tusquets Editores, 2020.

 


Biografía.   

      C. Yolanda Arencibia Santana é Catedrática de Literatura Española da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria. Ocupou o cargo de Decana da Facultade de Filoloxía da citada Universidade desde 1989 ata 1999.

A súa actividade investigadora céntrase en Literatura española dos século XVIII e XIX con especial atención á obra e os contextos do creador canario Benito Pérez Galdós e as cuestións de ecdótica e crítica textuais. Dirixiu proxectos de investigación, subvencionados por distintas entidades oficiais, como a preparación da edición crítica de Nazarín de Pérez Galdós (1992); a coordinación e dirección de Galdós: do texto á realidade construída (1993) cun equipo internacional de investigadores; ou a preparación da edición informática do epistolario de Pérez Galdós (desde 1999 ata a actualidade).

Entre os seus libros destacan: A lingua de Galdós. Estudo de variantes en galeradas; Fortunata e Jacinta: claves de lectura; as edicións críticas de Zumalacárregui, A Fontana de Ouro e Nazarín e Halma de Galdós e de Crónicas de Alonso Quesada. De entre os seus artigos e comunicacións a congresos poden destacarse, na liña de investigación galdosiana: "Vontade de estilo en Galdós", "A caracterización do personaxe en dúas novelas galdosianas do cambio do século: O avó e Casandra" ou " Galdós e Saramago: dúas visións de Fin de Século"; en literatura do século XVIII: "A Vida do noticioso Jorge Sargo no diálogo da novela picaresca", "A visión política no Correo de Canarias (1762)" ou "Clavijo e Fajardo, personaxe literario".

Impartiu cursos e conferencias, como profesora convidada, nas universidades europeas de Kiel Aquisgran, Ámsterdam, Sheffield e españolas de Almería, Zaragoza, Madrid, Málaga, Alacante, Santiago de Compostela, Salamanca, Santander, Soria, Vigo e A Lagoa así como  impartiu unha materia cuadrimestral na Universidade de París VIII, un curso de doutoramento na de Santiago de Compostela e participou en dúas reunións científicas na universidade de Sheffield.

          Foi organizadora dos V, VI e VII Congresos Internacionais Galdosianos, directora dos Cursos de Humanidades da Universidade Internacional de Canarias Pérez Galdós e é directora da Cátedra Pérez Galdós desde 1995, en cuxo marco organizou máis dunha decena de cursos de especialización.

Membro do Consello de dirección de Anais Galdosianos con sede no Department of Spanish& Italian, Queen´ s University, de Ontario, Canadá é Vicepresidenta da Asociación Internacional de Galdosistas.

                                      ( https://www.academiacanarialengua.org/academicos/yarencibiasantana/)

                                                                     (Foto de Portada: Andrés Cruz / La Provincia DLP)


                    


            





  

    Por Estrella Omil Ignacio.

Bibliotecaria na Facultade de Ciencias Experimentais da  Universidade de Vigo; coordina e é secretaria de redacción da revista dixital: Philostrato. Revista de Historia y Arte.

 

Se unha biografía é a historia da vida dunha persoa (Dicionario da R.A.E), este libro non é unha biografía. Podemos considerar esta obra, xusta merecedora do Premio Comillas de Historia, Biografía e Memorias 2020, como o traballo dunha vida por parte da súa autora Yolanda Arencibia. É un libro elaborado por unha persoa que le, coñece, goza e ama a Galdós, redactado de tal forma que, a pesar da súa magnitude, lese como unha novela. O gran coñecemento do Galdós persoa/autor está apoiado nunha exhaustiva consulta e utilización por parte da autora de todos os fondos documentais ao seu alcance: cartas e notas, documentación oficial, prensa e fotografías como se pode percibir no abundante apéndice e a bibliografía de case cen páxinas do libro.


Seguindo a orde cronolóxica, o libro comeza co seu nacemento e temperá mocidade en Canarias. Aquí fálanos de todas as persoas da súa contorna: pais, irmáns, profesores, familiares e de todas aquelas anécdotas e historias que influíron na formación de Galdós como persoa. Nestes capítulos iniciais coñecemos a un Galdós consentido polas súas irmás e irmáns, a un neno devoto, imaxinativo nos seus xogos, aplicado e traballador; a súa dependencia familiar e os seus temperáns amores coa súa curmá, que parece ser que foron a causa da súa marcha a Madrid a estudar

           Don Sebastián Pérez Macías (1784-1871) e María de los Dolores Galdós y Medina (1800-1887).

Pais de “Benitín”o seu décimo fillo.




 





A súa etapa de mocidade e formación aparecen plasmadas nos seguintes capítulos, onde podemos ver a un mozo inquieto, que estudaba dereito, frecuentaba cafés e faladoiros políticos. A autora realiza un fresco da vida política, cultural e social do Madrid finisecular. É digno de encomio o labor de baleirado da prensa da época que realiza a autora. Neste contexto atopámonos a Galdós colaborando nesta prensa, ás veces por amizade, outras por rendementos económicos (hai épocas nas que colabora con tres e catro publicacións á vez).

Galdós con 19 anos.
 Casa-Museo B.P.Galdós.
        A continuación, nos capítulos catro ao vinte, profúndase no que foi a súa vida en Madrid e Santander e faise alusión ás abundantes viaxes que fixo sobre todo por Europa: Francia, Portugal, Inglaterra Alemaña, Italia, Suíza, onde se nos mostra pola correspondencia conservada, como un entusiasta viaxeiro. Nestes periplos coñecerá a Zola, a Óscar Wilde e á maior parte dos intelectuais europeos que do mesmo xeito que en España, reuníanse nos cafés literarios. Monumentos, rúas, cafés… serviranlle a Galdós non só para coñecer estes lugares senón tamén para comparalos co noso país e deste xeito ter unha perspectiva máis ampla e obter un coñecemento de primeira man dos novos movementos europeos e o que estaba a ocorrer en España.

     Galdós como home da súa época, reflectiu nas súas creacións literarias, os acontecementos políticos dos que foi testemuña, aquelas transformacións que viviu España ao longo do século XIX e comezos do XX, froito das revolucións liberais burguesas no contexto da Revolución Industrial. Ao longo do tempo que lle tocou vivir o noso país abandonou definitivamente as estruturas sociopolíticas do Antigo Réxime en favor dun sistema liberal. No tempo que transcorre entre o reinado de Isabel II (1833-1868) e o posterior advento do Sexenio Democrático (1868-1874), onde se ensaiaron diversos modelos políticos (monarquía parlamentaria, república) e que termina abruptamente coa definitiva restauración da familia dos Borbóns na figura de Alfonso XII, en España foise construíndo un estado liberal-burgués análogo ao existente noutras nacións da nosa contorna. Diversas constitucións (1837, 1845, 1869 e 1876) a máis diso distintos proxectos constitucionais, foron consolidando as novas fórmulas sociopolíticas burguesas que á súa vez se integraban no modelo económico capitalista internacional. É neste tempo que España comeza o seu proceso de industrialización, á vez que se consagra o parlamentarismo como expresión da soberanía nacional, a separación de poderes e a integración das diferentes correntes ideolóxicas nos partidos políticos, órganos de expresión dos distintos ámbitos de pensamento, incluídas as correntes socialistas (marxismo, anarquismo) que desenvolveron modelos alternativos ao nacente estado burgués.

Galdós presidindo con José María Esquerdo

a manifestación anticlerical en Madrid (1910).

        Entre outros aparece Pablo Iglesias.

               Durante este período de tempo, os profundos cambios vividos polo noso país, levaron a converter á nosa nación nun país integrado na modernidade, con estruturas económicas, sociais e políticas homologables ao resto das grandes nacións europeas. Con todo, a presenza perenne do exército que a través de pronunciamentos influíron no devir histórico español, dotaron ao noso liberalismo dunhas características singulares que explican a situación de España a comezos do século XX, durante xa o reinado de Alfonso XIII.

    

     Episodios nacionales.
       Debuxo de 
Pérez Galdós


Galdós. Unha biografía
, non o é tanto ou máis ben non é unha biografía ao uso, é tamén unha análise de toda a obra literaria de Galdós. A autora realiza unha análise pormenorizada do contido, personaxes, estilo e contexto de todas as creacións literarias do autor canario, recollendo as reaccións da época. As referencias a amigos (Pereda, Clarín, Valera, Pardo Bazán…) á prensa do momento, á opinión dos seus seguidores, así como do propio Galdós sobre a súa obra, móstrannos a un escritor que nada máis entregar unha creación á imprenta, xa estaba a empezar a seguinte porque tiña algún personaxe, algunha historia ou algunha débeda que pagar. 

  



Lorenza Cobián, nai da filla de Galdós. 
      Yolanda Arencibia non deixa nada atrás nesta biografía, desde amores novos e maduros, a desamores, a existencia dunha filla habida dunha relación extramatrimonial, pensamentos, reflexións, comportamentos sociais e aspectos psicolóxicos que nos mostran, sobre todo aos profanos nos temas galdosianos a unha persoa tímida coas multitudes, pero extrovertida en intimidade se nos atemos á cantidade de amoríos que sostivo e ningún deles “oficial”, preocupada polos acontecementos políticos e sociais do momento, a unha persoa familiar aínda que excesivamente dependente da súa gran familia, a alguén cunha gran capacidade de traballo, moi organizado e con problemas monetarios sobre todo ao final dos seus días (algo que non é de estrañar dada a cantidade de persoas que vivían con él e ás que sostiña).

Un dos méritos de Yolanda Arencibia é conseguir unha narración moi amena. Vai debullando a vida do home, a súa obra e o seu contexto, con explicacións tan boas que se es un mero coñecedor das obras máis importantes ou representativas de Galdós danche ganas de lelas todas e algunhas que coñeces de hai tempo volver a relelas.

     A estrutura que utiliza a autora nesta obra biográfica, facilita a lectura do libro xa que ao comezo de cada capítulo establécense os subtítulos ou epígrafes de que van tratar os capítulos, o que simplifica a procura de información ou a relectura. Con todo, é unha pena, ao meu entender, que cada vez que necesitas ver unha nota teñas que ir ao apéndice do final do libro, algo que sen dúbida é máis cómodo para o impresor, pero non tanto para o lector, xa que isto retarda a lectura.

 

2 comentarios:

  1. Moi boa reseña parabens á Biblioteca de Torrecedeira e á autora. Teño unha curiosidad. Últimamente fálase moito da correspondencia e da relación con Emilia Pardo B. Trátase na biografía desta relación?

    ResponderEliminar
  2. Por suposto. A autora non deixa nada atrás, amoríos, ciumes, infidelidades... (dos dous eh?)

    ResponderEliminar