El tío Tungsteno: recuerdos
de un químico precoz
Anagrama, 2003.
[Uncle Tungsten, 2011]
Biografía.
Neurólogo
e escritor británico graduado en Medicina no Queen´s College da Universidade de
Oxford. Neta obtivo a Licenciatura en Fisioloxía e Bioloxía para posteriormente
cursar a especialidade en Cirurxía. Traballou no hospital de St. Albans e no de
Middlesex, no barrio londiniense de Fitzrovia.
Pasou pola facultade
clínica da Escola de Medicamento Albert Einstein da Universidade Yeshiva, no
Bronx, antes de ensinar nas universidades de Nova York, de Columbia e de
Warwick.
Afeccionado á química
e divulgador da ciencia fíxose moi coñecido polos seus libros sobre os efectos
dos trastornos neurolóxicos baseados nas experiencias reais das e dos seus
pacientes.
Autor de Migraine
(1970), The man who mistook his wife for a hat (1970), Awakenings
(1973), A leg to stand on (1984), Seeing Voices: a journey into the
world of the deaf (1989), An anthropologist on Mars. Seven paradoxical
tales (1995), The island of the colour-blind and cycad island
(1996), Uncle Tungsten: memoires od a chemical boyhood (2001), Oaxaca journal (2002), Musicophilia: tales of Music and the Brain
(2007), The mind´s eye (2010), Hallucinations (2012), On the
move. A life (2015), Gratitude (2015) e The river of
consciousness (2017).

Este libro
autobiográfico rememora os recordos dunha nenez na Inglaterra da Europa de entreguerras,
nunha familia xudía orixinaria de Rusia. O patriarca, o avó, chegara ao
país tras pasar por Alemaña seguindo os
movementos migratorios europeos de fins do século XIX.
Fabricante de zapatos
e de botas, carniceiro, tendeiro e erudito hebreo, místico, matemático e
inventor autodidacta. O seu avó escribíase cos irmáns Wright, inventaba e
patentaba lámpadas de seguridade para minas, carruaxes ou farois. O seu
apaixonado entusiasmo transmitiuno e compartiuno cos seus fillos a través dunha
educación científica; por iso cando Oliver lles preguntába adoitaban darlle
respostas detalladas que non entendía completamente pero que o atrapaban pois a
súa familia dedicábase a facer preguntas, a ser científicos.
Os seus recordos retratan unha familia extensa da época vitoriana, unha
ampla casa eduardina na que convivían a electricidade cos vellos queimadores e
accesorios de gas, dous pianos e unha
máquina Singer de pedal de 1922. Non había cadros nin demasiada decoración pero
si espazos por conquistar como o faiado ou os laboratorios paternos cos seus
medicamentos, vitrinas, microscopios, lámpadas ultravioletas, que espertaban a
curiosidade e a imaxinación.
Oliver foi o máis novo
dos catro fillos dun matrimonio de médicos xudeus do norte de Londres: Samuel
Sacks e Muriel Elsie Landau, unha das primeiras mulleres cirurxiás en
Inglaterra.
Educado nos estritos
internados do seu país, este neno non era normal e a súa familia, máis ben
podente, tampouco. Non é normal que che deixen diseccionar un cadáver a idade
temperá, ter un laboratorio á túa disposición, ver algunha muller en posición
de litotomía, convivir co maletín de obstetricia e de anestesia ou dispor dunha
biblioteca de carballo, sacra e misteriosa, coas catro paredes cubertas de
estantes con libros herdados e a súa gran mesa central onde, entre follas e
ilustracións incribles, agardaban as novidades coleccionables, as aventuras e
os tesouros. Un sitio para ler pero tamén para xogar as fins de semana e
regresar ao silencio o resto dos días.
Reflexos da vida nun
libro cheo de anécdotas e de fitos de persoas intelectuais e prácticas ás que
lles tocou vivir tempos difíciles e excepcionais de grandes descubrimentos na
química, a electricidade, a automoción, a aviación, a xeoloxía, os movementos
coloniais africanos, a guerra dos Bóers ou a febre dos diamantes surafricanos
de Kimberley en 1870. Alí algúns dos seus parentes fixeron fortuna como
asesores de diamantes, uranio e ouro.
Cando Oliver tiña 6 anos estala a segunda guerra mundial e é evacuado de Londres, xunto co seu irmán Michael, a un internado no campo para escapar dos bombardeos. Lonxe da súa familia e da súa contorna, coa sensación de abandono e unha dieta penosa, os irmáns Sacks subsistiron e sufriron. Aquilo parecía un castigo escolar non merecido onde coñeceron os malos tratos, a violencia, a intimidación e a crueldade cos nenos e dos propios nenos. Non lles vai ben, pero non todo resulta negativo.
Mentres o seu irmán
lelle os clásicos de Jonathan Swift Gulliver's
Travels ou The jungle book de Rudyard Kipling, no campo descobre a
natureza e o xeo, aprende a montar a cabalo, atopa os números na natureza, as
series de Fibonacci e a sección áurea, a botánica, o crecemento exponencial e
as proporcións xeométricas.
Catro anos despois, ao seu
regreso a Londres, o seu irmán Michael sofre esquizofrenia, e Oliver atopa a
súa salvación no mundo da ciencia. Refúxiase nos números, e en especial nos
primos, cos que xoga moitas horas. Os recordos de guerra con bombardeos de avións
e metralla acompañan un neno de 7 anos que aprendía a xogar e a vivir nunha
realidade aterradora pero emocionante.
Tras os pasos do seu
tío Dave, o tío Tungsteno, e a posibilidade de acudir ao edificio triangular
próximo á súa casa que era a biblioteca pública local de Willesden, Oliver
fornece a súa educación nutríndose asistemática e vorazmente de lecturas e de
visións nos museos de South Kennsington. Neste deambula ao seu antollo
descubrindo a botánica, a xeoloxía, os fósiles, os cristais de estibina
xaponeses, a galena, o ópalo ou os ornitorrincos. Un microcosmos onde se vía
como mozo explorador, naturalista, xeólogo ou paleontólogo, que devora as
lendas de cada mostra, saltando de palabra a palabra, de pregunta en pregunta,
de nome a nome, para regresar aos de libros de Mary Elvira Weeks.
A reapertura do Museo
da Ciencia de South Kensington en 1945 enche os seus ollos de sorpresa coa
táboa periódica enorme alí exhibida co rótulo A clasificación periódica dos
elementos segundo Dimitri Mendeléiev.
A táboa era unha especie de escaleira cósmica ou un reino xeográfico con
territorio e con fronteiras que organizaba en familias ou grupos e os elementos
segundo as súas valencias e masas atómicas. A visita, a copia, memorízaa e
trata de entendela. Como un xardín de números e a clave do universo, resúltalle
incriblemente fermosa.
A vida deste home enciclopédico e o seu libro Principios de química non o decepcionaron. Continúa a súa viaxe iniciática cara ao apaixonante mundo da química e das ciencias, tendo como motivo recurrente a súa afección pola aprendizaxe, o amor polos libros, a maxia da imaxinación, e o cuestionamento da realidade. Oliver busca o coñecemento do mundo que rodea mediante a alternancia da teoría, a práctica e a observación do día a día a través da ciencia, as artes, as letras, as matemáticas, ou a música. Enfróntase ao descubrimento dos metais, as culturas do bronce, as espadas de cobre cretenses, a mitoloxía do escudo de Aquiles, as filigranas do dúctil ouro, a prata das moedas, os utensilios caseiros de Pompeia e Herculano, os candelabros de bronce do Monorahh; descubrir segredos e buscar explicacións infinitas que o abarcaban todo ata conseguir facelos extraordinariamente próximos e alcanzables.
As propiedades
individuais dos metais brillantes e relucentes fascinábano; a alquimia, a
oxidación do ferro, o diamante que raiaba o metal, a frialdade do metal, como o
carbón podía transformarse en xema, a luz, as candeas coa súa chama azul, as
interrogantes expostos polas cores do lume, os fusibles cos seus arames
fundidos, o uso do cinc e o estaño nas latas. Constantemente preguntaba cousas,
ávido de coñecemento, observaba os prodixios, as imaxes, o magnetismo e as
liñas de forza, o transistor de cristal, os reloxos luminosos; todo iso facíalle
concibir a existencia de forzas e de raios invisibles, a idea de que, debaixo
do mundo coñecido e visible de cores e aparencias, existía un mundo escuro e
oculto de leis e de fenómenos misteriosos.
Eran tempos de
escaseza de carbón, de peche de caldeiras e estufas de gas pero, por sorte,
quedaban o vello escritorio e os estantes como o seu espazo propio onde reinar,
onde soñar cos números, a química e os metais.
Tras esgotar as posibilidades, sempre quedaba o recurso do tío Tungsteno cos seus filamentos de fino arame para fabricar lámpadas na súa empresa TUNGSTALITE e as súas mans sempre manchadas de po negro. Era capaz de evocar a primeira vez que os homes fundiron o metal, como os homes das cavernas utilizaron rocas, como se deron de conta do poder do lume e da calor e acto seguido mostrar como o aluminio lixeiro, liso e brillante untado en mercurio comezaba a descomporse e a corroerse nun proceso de oxidación rápida.
El ofrecíalle un mundo de enxeñosas máquinas, fornos e
experimentos, demostracións de como o
chumbo flotaba no mercurio (cousa que non facía o tungsteno) e informaba sobre
o negocio do aceiro de tungsteno para os ferros de blindaxe bélica. Era unha
persoa curiosa e adicta aos experimentos. Encantáballe a química, pero tamén
era empresario e home de negocios. Fabricante de lámpadas e tubos sen carga
pasaba horas observando os procesos das súas fábricas, como sopraban as
lámpadas de cristal e as satinaban con ácido hidrofluórico. Asi, ocorríanselle
novas posibilidades para perfeccionar os procesos e non dubidaba en afirmar que
a lámpada incandescente contribuíra a cambiar os costumes dos seres humanos
máis ca calquera outro invento, e que a historia dos descubrimentos químicos
era inseparable da procura da luz. Visitalo era sempre unha aventura cara ao
coñecemento e á diversión.
Na fábrica e no
laboratorio onde tiña varias vitrinas con lámpadas Edison de distintos
filamentos de fío recuberto de carbono, de osmio, ou de tantalio que parecían
patas de araña e trazaban un zig-zag, había outras máis recentes, algunhas con
filamento de tungsteno de todos os xeitos e tamaños. Gardaba metais en vitrinas
contiguas ás lámpadas e prestábase a dar todo tipo de explicacións sobre as
calidades únicas de tal ou cal mineral, dos
seus descubrimentos, dos metais para filamentos, nobres, duros,
maleables, infusibles, incandescentes, de como o platino con forma de pebida aparecía xunto ao iridio e ao osmio.
Respondía as preguntas coa mesma celeridade que se lle formulaban. Ensinaba e deixaba ter os obxectos entre as
mans, transmitindo non só a súa emoción senón tamén unha confortable sensación
de seguridade e de confort, de misterio e de temor que combinaba á perfección.
A auténtica paixón pola
química chegou ao ver o laboratorio do tío Tungsteno. Aquel precoz investigador
anhelaba ter un sitio propio onde estar só e comezar a descubrir por el mesmo a
historia da química. Precisou facerse cun espazo na casa, unha selección de
aparellos, unha relación de reactivos básicos, frascos con tapón de todos os
tamaños e cores con tapóns de cristal e bos libros-guía como a Química
recreativa de J.J. Griffin (1860), con experimentos divertidos. Na
biblioteca dos seus pais e irmáns maiores dispuña, entre outros, da Química
práctica de Valentin, a Ciencia da vida doméstica de A.J.Barnays, a Química
da vida cotiá de J. F. W. Johnston (1859), The Chemical Pocket-book ou
Memoranda Chemica de James Parkinson.
Os soliloquios e as demostracións do tío Dave diante da vitrina acababan virando ao redor do seu metal ideal, do cal tiña na súa oficina unha variedade de barras e de lingotes que utilizaba de calcapapeis. Alí coñece Oliver a historia dos pioneiros da química sueca Carl Wilhelm Scheele e Torbern Oloff Bergman, o achado da pedra pesada ou tung sten, os traballos do francés Louis Joseph Proust e a historia dos irmáns vascos Elhuyar inmersos, a finais do século XVIII na enorme corrente de interese europea polo estudo das ciencias puras e as súas aplicacións.
Sente a necesidade de
aprender algo da historia da química, como unha proxección da súa familia, de
pescudar que facían os químicos, que pensaban, o ambiente do pasado. Necesitaba
comprender o que pensaban eses primeiros químicos, imaxinalos no seu mundo. Por
iso achégase a Robert Boyle, contemporáneo de Newton, e ao seu axudante Robert
Hooke, a Antoine Lavoisier, coñecido como o verdadeiro fundador ou pai da
química moderna, quen propiciou facer química nunha lousa ou na súa mente.
Indaga no nacemento da química moderna como ciencia que estuda os elementos que
compoñen a materia, as súas propiedades e as súas interaccións, dotada de
precisión e de método científico que comeza a deixar atrás, definitivamente,
teorías como a do floxisto, baseada nas ideas da alquimia e na crenza de que a
materia se compón de catro elementos básicos (lume, terra, auga e aire) e das
diferentes mesturas destes.
Comprende no
laboratorio que as mesturas químicas eran completamente distintas dos compostos
químicos. Solucións, aliaxes, amálgamas, todas elas eran mesturas que posuían
as propiedades dos seus ingredientes
pero os compostos posuían propiedades novas e propias
Aprende como o químico
e poeta Humphry Davy, tras ler o ensaio de Alessandro Volta tivo a sospeita de
que a corrente eléctrica era xerada por cambios químicos nos ferros metálicos e
preguntouse se ao contrario tamén ocorrería. Se se podían producir cambios
químicos facendo pasar unha corrente eléctrica. Coñeceu datos das súas
conferencias impartidas ás que acudían Mary Shelley ou o reputado Coleridge ou
dos traballos do seu alumno Michael Faraday.
Ler os traballos de
John Dalton arredor dos átomos, cuxas reproducións en madeira vira no Museo da
Ciencia, condúceno á éxtase e converten a súa imaxinación nun microscopio en
busca dun mundo invisible e infinito. Absorto na física e na química, o
adolescente vai construíndo un peculiar paraíso intelectual, onde os seus
heroes serán Lavoisier, Marie Curie ou Mendeléyev e a súa táboa dos elementos.
O seu tío aprendelle
que as proporcións debían de ser exactas; ensínalle a especular, comparten os
fedores estimulantes e as explosións, as mesturas, os velenos, as
deflagracións, as destilacións, os aceites e unha porcentaxe de perigo para
afrontar. Cóntalle pormenorizada e apaixonadamente a carreira por conseguir luz
para as masas e como chegou a luz de calcio en 1820 ou as achegas de Auer von
Welsbachen, na Alemaña de 1870, sobre a incandescencia. Instrúeo sobre o camiño
percorrido por Edison para perfeccionar a luz eléctrica en competencia con Swan
e a chegada e o dominio das lámpadas eléctricas coa instalación de toda unha
rede de centrais eléctricas e liñas de alta tensión na década de 1880.
Unha loita entre o gas e electricidade, onde os traballos do estadounidense Irving Langmuir - primeiro químico industrial que obtivo o Premio Nobel en 1932 ou a doutora Katharine Blodgett - achegarían multitude de investigacións e de patentes.
Unha loita entre o gas e electricidade, onde os traballos do estadounidense Irving Langmuir - primeiro químico industrial que obtivo o Premio Nobel en 1932 ou a doutora Katharine Blodgett - achegarían multitude de investigacións e de patentes.
Dickens, Conan Doyle, Sherlock Holmes, vagalúmes,
espectroscopios de peto, o perigo e a luminosidade do fósforo, o telescopio na
terraza deron paso sen darse a penas conta a unha nova paixón. Esta vez pola
fotografía e o cuarto escuro iluminado en vermello, co uso dos produtos
químicos de revelado. O proceso fotográfico, a óptica, as grandes lámpadas do
flash, as enigmáticas emulsións, fixar as fotos con hiposulfito de sodio e a
cor sepia, a cámara Daguerre con caixas de iodo e de mercurio, a cámara
panorámica con toldo e foles, a cámara estereoscópica, a Leica, a cámara de microorificios,
a Kodak, as fotos da familia ou as ilustracións de libros e xornais como as do
National Geographic coas súas fotos en cor tan diferentes ás pintadas a man.
Era o mundo do futuro..
Aos 15 anos Oliver
percibe que perde o entusiasmo e debe encarar ese futuro. Non foi algo
repentino, sería imposible saber quen deixou a quen pero o certo é que o neno
deixou de ir ao laboratorio e o po cubriu os seus obxectos preciosos. Chegan
outros intereses e camiños por percorrer coa adolescencia por bandeira. Esperábao
a Medicina aínda que de cando en vez rexurdía na súa mente o recordo daquel
metal tan querido polo seu tío. O seu tío Tungsteno.
Deseño: Soulbande | MVG
Instalación: AAFR
Organización: Biblioteca de Torrecedeira