![]() |
Antonio Turiel Martínez |
Antonio Turiel Martínez (nacido en León, 1970) é licenciado en Ciencias Físicas e Matemáticas e doutor en Física Teórica pola Universidade Autónoma de Madrid. É científico titular do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no Departamento de Oceanografía Física e Tecnolóxica do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona, onde traballa na observación por satélite dos océanos e na análise de recursos naturais.
Autor coñecido na súa faceta de divulgador científico, labor que realiza en conferencias, artigos e sobre todo a través do seu blogue ‘The Oil Crash’ https://crashoil.blogspot.com/, unha das grandes referencias en castelán sobre o problema do cenit do petróleo.
Sostén que nos plans para a descarbonización anunciados polos responsables políticos da Transición Ecolóxica hai “certos puntos escuros” que nos abocan a “un modelo megalomaníaco, tremendamente destrutivo e contaminante”. Recentemente, asesorou ao Senado no debate sobre a Lei de Cambio Climático.
Por Manuel Velasco Graña.
Bibliotecario Universidade de Vigo.
“Xamais sairemos desta crise. Non, polo menos dentro do
esquema económico e social do que nos dotamos”.
![]() |
Logo do caracol e Decrecemento en referencia ás palabras de Iván Illich sobre a "Lóxica do Caracol" |
Todos os capítulos deste libro inícianse coa frase “Por que non”: Por que non sabemos, por que non podemos, por que non chegaremos, por que non funciona...Deliberadamente repite esta expresión para deixar claro que moitas das cousas que estamos a facer agora mesmo NON representan a solución aos nosos problemas nin, previsiblemente, o farán nunca.
O primeiro “por que non” analiza as propiedades do petróleo, o zume da economía mundial. A nosa dependencia está ben xustificada, non hai produto que en tan pouco volume conteña tanta enerxía: un litro de petróleo contén trinta millóns de xullos de enerxía que son o equivalente a oito intensas horas de traballo dun traballador durante dez días.
A
produción de cru convencional tocou fondo entre 2005 e 2006, desde entón foi
caendo lentamente. Por sorte, a partir destes anos, e ata 2018, a produción
compensouse cos crús non convencionais, é dicir, o petróleo proveniente dos
líquidos do gas natural, os biocombustibles, os petróleos de augas profundas,
os petróleos bituminosos e o petróleo proveniente do fracking. Todos
estes produtos son máis caros de extraer que o convencional e ademais presentan
outros problemas. Por exemplo, necesítanse douscentos pozos de fracking para
producir o mesmo que un convencional; a explotación dos bituminosos, petróleos
máis densos, faise con vapor de auga e para quentar este líquido é necesario
contar con gas natural ou petróleo convencional; os petróleos do océano
profundo, ou do Ártico, son de extracción difícil e pouco rendibles; os
biocombustibles (ou agrocombustibles) teñen un 20% menos de poder enerxético e
compiten cos usos alimentarios e, sendo máis caros, os gobernos prodúcenos con
interese estratéxico, sobre todo, para diminuír a dependencia do exterior.
![]() |
Gaseoductos Nord Stream desde Rusia. |
O carbón, é con diferenza, a materia prima que conta coas reservas enerxéticas máis grandes, aínda que xa se explotaron os de máis fácil extracción e máis poder calórico. Segue sendo competitivo para a produción de electricidade pero, pola contra, é moi contaminante. Aquí é preciso sinalar que o carbón de coque, un carbón con alto poder enerxético, é imprescindible, de momento, para a produción de aceiro.
En canto ás renovable, a enerxía
hidroeléctrica é unha tecnoloxía longamente explotada con pouco potencial
engadido que ofrecer. A capacidade hidroeléctrica vai minguar a favor doutros
usos da auga e o cambio climático vai facer que sexa inviable en moitas zonas.
Ademais, a electricidade non é o combustible que máis necesita a nosa
sociedade.
De todas as renovables, a solar é a
enerxía con máis problemas e peor rendemento. O potencial técnico dos sistemas
fotovoltaicos resulta insuficiente para cubrir a demanda actual de enerxía e
teñen moitas máis limitacións do que en xeral se admite. Algúns dos materiais
necesarios para a súa fabricación, como a prata, comezan a sufrir escaseza.
En definitiva, non poderemos manternos
só con renovables e o aforro e a eficiencia só nos poden salvar nunha situación
de racionamento forzoso, e a asunción destas medidas significará a imposición
de algo máis drástico se cabe: o fin do capitalismo.
Os tecnooptimistas, partidarios
de “a tecnoloxía todo proverao” ou os que soñan con que un día sacaremos
o hidróxeno da auga e resolveranse todos os nosos problemas, tampouco saen ben
parados neste libro, con datos científicos Turiel lémbranos que a enerxía que
se consome para producir un combustible non pode superar á enerxía que se
pretende conseguir (segunda lei da termodinámica).
O lector de Petrocalipsis para
verificar estas afirmacións pode repasar os tres principios da termodinámica
para saber as relacións que hai entre a enerxía, a temperatura, a calor e o
traballo, conceptos todos entrelazados por ser diversas manifestacións da
organización e propiedades físicas da materia. Non son por tanto, unhas leis
dos homes, que se poidan cumprir ou infrinxir, senón unhas Leis con maiúsculas
que simplemente nos obrigan e impóñense da mesma maneira que o fan as ecuacións
do electromagnetismo, a lei da gravidade, ou aquelas que rexen o mundo atómico
e que nos din que arrincar a enerxía contida nos átomos resulta moi difícil e
require moitísima enerxía inicial.
A relación de nons termina co
capítulo que afirma que NON sairemos nunca desta crise. Para Turiel o problema
é o capitalismo. Ou para ser máis precisos, é a necesidade de continuo
crecemento económico inherente ao sistema capitalista. O diñeiro que se inviste
hai que recuperalo cun certo
interese, e é este interese composto o que xera a
necesidade do crecemento. Sen un interese o suficientemente alto o capitalismo
deixaría de existir, sería outra cousa.
A situación de descenso enerxético forzado vai xerar unha contracción económica, que non será constante nin tampouco igual en todas partes do mundo. Este descenso económico será de tal calibre que levará por diante o capitalismo. Non hai marxe para a negociación. Non hai nada que se poida facer dentro do capitalismo. Mentres non abandonemos este sistema a crise non acabará nunca.
![]() |
Photo by Mario Tama/Getty Images. |
Para aqueles, que a pesar da advertencia
de Turiel, seguen sendo partidarios do “pensamento positivo” poden ler
só o último capítulo deste libro que ten o suxestivo título de “Que é o que
realmente fai falta cambiar”. Daquela, ao final desta lectura, lles quedará un
resaibo menos amargo.