Richard Sennet. Chicago. 1943.
"La corrosión del carácter. Las consecuencias personales del trabajo en el nuevo capitalismo".
The Corrosion of Character. The Personal Consequences of Work in the New Capitalism.
Norton. 1998.
SETEMBRO DE DOUS MIL DEZAOITO
Biografía.
Neno de barrio marxinal, descendente de xente da esquerda radical estadounidense.Un accidente truncou a súa carreira de violonchelista clásico. Envorcou a súa especial sensibilidade na súa nova profesión de sociólogo. Adscrito á corrente filosófica do pragmatismo.
Profesor emérito de Socioloxía na London School of Economics, profesor adxunto de Socioloxía no Instituto Tecnológico de Massachusetts (MIT) e profesor de Humanidades na Universidade de Nova York. Foi membro da Academia Estadounidense das Artes e as Ciencias e da Royal Society of Literature de Gran Bretaña. É tamén o director fundador do New York Institute for the Humanities e creador de "Theatrum Mundi" unha fundación de investigación para a cultura urbana.

Por Aser Ángel Fernández Rey
Hai xa dúas
décadas da publicación do ensaio sobre La
corrosión del carácter como unha chamada de alerta sobre o que podía pasar
se seguiamos o camiño das receitas neoliberais tomadas por EUA e por Gran
Bretaña. Dedicado en especial ao público lector europeo, cunha linguaxe sinxela,
sempre creativa, interpretábanse notas multidisciplinarias sobre antropoloxía, economía,
socioloxía ou matemáticas.
Estudoso das relacións entre o
capitalismo e a personalidade, teórico do traballo, analista dos efectos
sociais, examina e expón criticamente no noso espello as luces, sombras e
reflexos das mutacións do capitalismo de clase ao sistema actual de capitalismo
flexible.
Mediante visitas e observacións
regulares a unha panadaría de Boston, un bar en Manhattan e un club de
autoaxuda para persoas desempregadas de mediana idade de IBM no norte de Nova
York, o autor salta axilmente das anécdotas e das decisións individuais ás
reflexións xerais e á historia das ideas de autores e autoras como Pico della
Mirandola, Denis Diderot, Adam Smith, Max Weber ou Simone Weil.
Nun contexto social e político
confuso de contrastes e de efectos desorientadores, observamos a desaparición
de organizacións ríxidas e xerárquicas portadoras de valores como a integridade
e o compromiso fronte ao nacemento dunha
nova enxeñaría corporativa da desvertebración, de normas inestables, en
permanente cambio, risco constante, flexibilidade extrema e obxectivos a curto
prazo.
O traballo sempre se considerou un
factor fundamental para a formación do carácter e da identidade das persoas,
pero hoxe en día a concepción do traballo cambiou radicalmente. En lugar de
rutina estable enfrontámonos a unhas rutinas burocráticas que fan o traballo
ilexible para as persoas que non comprenden o que fan e experimentan unha
liberdade aparente e enganosa. Inmersos nunha espiral de esgotamento, a perda
de contacto coa realidade e os procesos laborais, así como o baleirado das funcións,
prodúcelles insatisfacción.
Persoas traballadoras volátiles á
deriva e individuos aos que se lles esixe reinventarse permanentemente sobre a
marcha, manterse eternamente novos, inmersos en formas de traballos temporais,
inseguros, faltos de interese e de implicación, alienados pola perda de sentido
de pertenza. No mercado de «o gañador lévao todo» (botando o resto ao vertedoiro do fracaso, aínda que estea
altamente cualificado) non moverse é sinónimo de rixidez, de decrepitude, de
fracaso. Nesta cultura frecuéntase unha nova clase de fracasados prematuros,
todo tipo de executivos fugaces, xubilados da noite para a mañá en plena
mocidade e éxito.
O lema «Nada a longo prazo» parece discorrer nunha
partitura onde soa de fondo o medo. Medo ao cambio, á vulnerabilidade que
implica a ausencia de solidariedade. Onde impera o «cada un ao seu», especialmente se os outros
son diferentes a «nós». Ese «nós» individualista e diferenciador baixo o que tentamos parapetarnos
para buscar refuxio das superficiais relacións sociais e a carencia de
compromiso propiciado tanto pola falta de «relato» coma polo descontrol sobre o
esforzo, o tempo e o espazo.

Nos últimos vinte anos o capitalismo
financeiro contemporáneo lévanos por un mundo completamente hostil á
construción da vida. Sennett suxire que temos que volver imaxinar tanto o
carácter comunitario coma o individual para enfrontarse ás novas maneiras de
organizar o tempo e, en especial, o tempo do traballo.
A xente necesita saír da morte mental
na cal transcorre a súa vida, necesita traballar por un tema de autoestima,
máis alá do diñeiro, necesita saír deste remuíño.
Para Sennett
trátase de xestionar a crise estrutural dun sistema insostible, o colapso do
capitalismo neoliberal. Non serve xa retroceder ou modificar, hai que crear
unha nova estrutura. De forma pragmática e activa vémonos abocados a perder o
medo, entender o proceso, asumilo, implicarse para cooperar e ter vontade para
facer algo diferente.
Deseño/ soulbande
Instalación/ AAFR
Organización/ Biblioteca de Torrecedeira.